O Concello non convidou formalmente á IV Gala de Ribadumienses en prol do galego nin aos premiados en edicións anteriores, nin aos colectivos municipais, nin ao resto de forzas políticas.
As ansias de David Castro por ser o único que saia nas fotos e as súas manías persoais lévano a ter comportamentos inaceptables institucionalmente.
Enrique Oubiña e outros membros de Somos Ribadumia estiveron presentes na gala, pero a título persoal.
A IV Gala de Ribadumienses en prol do galego, un evento creado na lexislatura pasada, ficou enlamada pola falta de seriedade e de respecto institucional do goberno local, que é quen organiza o evento.
E o motivo, tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña “foi que David Castro deixou de lado novamente as súas obrigas como alcalde, e non convidou formalmente a este acto nin ao resto de forzas políticas municipais, nin aos colectivos culturais do Concello, nin tan sequera aos premiados nas edicións anteriores”. Esta falta de respecto institucional supón un novo chanzo na carreira de David Castro por desfacer todo o traballo ben feito durante a lexislatura pasada, volvendo a transformar un evento social e neste caso cultural, nun evento de propaganda política, pero “tamén outro exemplo das súas actitudes infantís, tanto polo seu comportamento de neno enfadado que non convida aos que lle caen mal ás súas festas, como de político mediocre que pensa que saíndo el so nas fotos xa gana votos”.
Enrique Oubiña, que si estivo no acto, aínda que a título persoal, lamenta “que un evento tan bonito, onde ademais se recoñece a labor de persoas e colectivos que fan un gran traballo a favor da nosa lingua, sexa deturpado desa maneira. Pois ao deixar fora aos colectivos culturais do Concello, e mesmo esquecerse dos premiados anteriormente, o que podía ser un evento con forte carga cultural converteuse nun novo episodio de propaganda por parte dos Independientes”.
Dende Somos Ribadumia queremos recordarlle a David Castro que os actos insitucionais non son eventos privados; son eventos de todo o concello e para todo o concello, aos que non ten que convidar a quen lle dea a gaña a el, se non a quen corresponde, e iso, por moito que lle desguste, inclúe aos diversos colectivos do concello e por suposto as forzas políticas que representan ao conxunto da nosa veciñanza.
Agardamos que este tipo de situacións deixen de repetirse, porque non van en detrimento dun partido ou de outro, se non da nosa imaxe pública como concello.
E por suposto, a nosa mais fonda e sinceira felicitación ao grupo de teatro Alecrín, polo seu traballo diario dende fai vinte anos, e pola naturalidade coa tratan a nosa lingua, na que representaron a totalidade das pezas teatrais que levan realizadas.
Un novo abuso de autoridade, completamente esaxerado e rondando o esperpento máis Valle-Inclaniano, levounos na noite do xoves a abandonar o pleno municipal, ao pouco de comezar este.
A través deste comunicado queremos afondar algo nos motivos que nos levaron a tomar esta decisión nese momento, nun pleno onde se condensou unha actitude que se ven repetindo nos últimos plenos, tendo o seu culmen cando ao inicio deste último pleno, ante unha petición do voceiro da agrupación local do Partido Popular para retirar un punto da orde do día, David Castro negouse, ademais cunhas formas completamente fora de lugar por absurdas.
Os pleno municipais están regulados pola a Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, que especifica entre outras cousas que os puntos da Orde do Día deben ser claros en canto aos contidos dos mesmos, así como outras cuestións das que falamos máis abaixo, relativas ao acceso á documentación.
En Ribadumia os plenos pasan por tres etapas: a Xunta de Voceiros, as Comisións Informativas e o propio Pleno. Neste caso o pleno celebrado na noite de onte tivo carácter ordinario.
A primeira etapa, a Xunta de Voceiros, xa deturpada polos Independientes que se limitan a darnos un anaco de papel cos puntos da orde do día, limitando a información sobre o que se vai tratar no pleno, foi convocada so 24 horas antes de celebrarse, ademais adiantando a data habitual sen explicación algunha, complicando así que os diferentes voceiros puideran organizarse para acudir as mesmas.
As convocatorias para as comisións informativas, segunda etapa antes de chegar ao pleno, onde se informa aos grupos dos puntos a tratar, e se realizan propostas e se negocian con calma acordos cando é o caso, realizáronse en prazo, pero por algún “misterioso” motivo a documentación relativa aos temas que se ían tratar nas mesmas non estivo accesible ata este luns pola noite, sendo as comisións o martes. Hai que dicir que os concelleiros temos que ter toda a documentación para calquera comisión cun mínimo de dous días hábiles polo medio, condición que, como noutras ocasións anteriormente, non se deu. E hai que resaltar que é o Concello quen debe asegurarse de que a documentación chega aos concelleiros, polo que se se usan medios telemáticos debe ser con garantías que permitan certificar a entrega desa documentación en prazo, cousa que actualmente non acontece.
E o mesmo pasou coa convocatoria do pleno, para o cal rexen os mesmos prazos. A comunicación coa orde do día saíu do rexistro o martes as 15:12 horas, doce minutos despois de pecharse o horario de atención ao público, un truco que evita que os concelleiros poidamos solicitar acceder a documentación do pleno ata o día seguinte. Pero por se o tempo non era xa escaso resultou que a documentación, por outro “misterioso” motivo, non estivo dispoñible na sede electrónica ata a mañá do mércores.
Cando nos referimos a documentación completa, queremos decir catro video-actas – que se deben mirar integramente para corroborar que non haxa cortes nin fallos na edición, nun concello cunha media de catro horas por pleno – , a conta xeral do 2020, unha norma de prevención de incendios de case duascentas páxinas, e varios puntos máis, cada un coa súa documentación a examinar.
Na mesma mañá do mércores , un dos concelleiros quixo acceder á documentación do pleno, que por lei debe estar dispoñible de xeito íntegro na Secretaría do Concello, e descubriu que faltaba parte da mesma, tal e como consta nun informe realizado pola propia secretaria municipal, algo que supón un incumprimento fragrante das lei de bases do réxime local, e un conculcamento gravísimo dos dereitos fundamentais dos concelleiros que, insistimos, temos dereito a acceder a absolutamente toda a documentación que se vai a tratar no pleno dende o momento da convocatoria do mesmo.
Con este panorama, ao inicio do pleno, o voceiro da agrupación local do Partido Popular solicitou que se retirara o punto 10 da orde do día, logo de comprobar por parte do Concelleiro de Somos Ribadumia e de ter constancia a través dun informe da secretaria municipal que na Secretaría do Concello non había ningún tipo de documentación relativa ese punto, titulado “Dar conta de diversos asuntos e escritos presentados”- título que de por si xa incumpre a lei de bases do réxime local – ata o punto de que nin sequera figuraban os escritos aos que se ía dar resposta.
Para a sorpresa de propios e estraños a resposta de David Castro foi que xa se falaría dese punto ao chegar a el, sen confirmar que retiraba o punto da orde do día e dando a entender que non o ía facer, pero sen dicilo claramente. Esta actitude e falta de seriedade e respecto cara unha solicitude feita con total normalidade e de xeito formal, sumado a todo o anterior, provocou que o Partido Popular decidise abandonar o pleno, sendo acompañado de xeito solidario, pois o problema afecta a toda a oposición e as actitudes de David Castro foron contra as tres forzas, polo Psoe e Somos Ribadumia.
Non participar nun pleno municipal para nos supón un atranco, pois é no pleno onde podemos expresar as nosas posturas e propostas, e realizar a nosa labor de control do goberno e de defensa dos intereses da veciñanza, pero a situación creada por David Castro non admitía outra resposta.
Unha situación que ademais súmase a outras xa denunciadas como o bloqueo á documentación diversa, ou os impedimentos para poder expresar as nosas posturas nos plenos municipais, onde David Castro abusa desaforadamente da súa posición. Todo isto no seu conxunto ademais de complicar o noso traballo, converteu o ambiente político nun terreo contaminado e de guerra aberta, algo que nos negamos aceptar e no que non imos participar.
Unha vez máis instamos a David castro a facer uso da cordura da que sempre fala, devolver a normalidade ao funcionamento dos plenos municipais e respectar o traballo dos partidos da oposición.
David Castro non logrou que o PP incluíra fondos para o noso Concello nas contas.
Os problemas do noso concello seguen sen resolverse, e o 2022 vai vir con menos médicos no centro de saúde e menos mestres nun colexio mal arranxado.
Un ano máis, Ribadumia so vai levar as migallas a través de plans como plan marco ou o PIR, ou como nos últimos dous anos o que poidamos lograr dende Somos Ribadumia a base de traballo dende a oposición.
Un ano máis, a verba Ribadumia non figura no documento do orzamento da Xunta de Galicia.
Unha vez analizado o documento orzamentario, no que como explica Oubiña “detectamos moitas máis partidas xenéricas en comparación co ano pasado, o cal complica moito saber a onde van ir destinados os cartos”, en primeiro lugar gustaríanos saber en que vai investir Feijoo todos os cartos que veñen de Europa para compensar as perdas e o parón municipal provocado pola covid-19. Porque a baixada do 6% de transferencias a administración local do ano anterior non se ve compensada este ano que ademais vai ser clave para avanzar na recuperación económica.
Para Ribadumia o documento non recolle ningunha partida. O único que nos toca de lado é a obra para tentar solventar o problema do bombeo de Cabanelas, que por fin logo de anos de venta de fume de Gonzalo Durán aparece no orzamento pero que de todos xeitos aínda vai tardar en ser unha realidade pois o proxecto ven cunha partida a executar en dous anos, o cal pode levar a obra ata 2023 ou se hai retrasos 2024, sendo optimistas. Por certo que xa dende Somos Ribadumia no seu momento lle advertimos a David Castro que non andara tan áxil a facerse fotos no río que a obra ia tardar, feito que agora queda demostrado. E veremos se esa obra soluciona o problema ou o traslada á depuradora. Nese aspecto confiamos máis nas accións que esta levando a cabo a Mancomunidade orientadas a evitar as verteduras.
Máis alá desa obra, outras cuestións de vital importancia quedan fora dos orzamentos, como a ampliación do bombeo de auga da mancomunidade, unha obra moi necesaria que o PP segue aprazando sen motivo, e que nos condena a ter problemas cada verán. Tampouco aparece por ningún lado a realización dun Punto de Encontro Familiar. Durante a pandemia, con moitos dos lugares que habitualmente se usan para o intercambio das crianzas pechados e coas restricións de mobilidade, fíxose moi evidente a necesidade da súa dotación no Salnés. O asunto para nos é moi importante e afecta a moitas parellas, pero tamén a moitas vítimas de violencia de xénero, por iso que lamentamos que as forzas políticas da comarca miren para outro lado e so se centren en pedir para as súas leiriñas. Un ano máis notamos como o tacticismo político e o exceso de localismo evitan que o Salnés logre consensos e poida exercer presión conxunta naqueles temas que nos afectan a todos os concellos, estes referidos ou outros como a mellora dos servizos básicos, o transporte público, ou os problemas da ría, ou un necesario plan de reindustrialización, entre outros.
Un alcalde de postín.
Mención a parte merece o noso alcalde David Castro. Nós podemos entender que haxa políticos máis e menos combativos, pero un alcalde, teña as maneiras que teña, o que ten é que lograr resultados. E a actitude totalmente submisa de David Castro co PP non logra resultados, ao contrario, somos a broma do PP na comarca. O noso Concello enfronta o 2022 sen pediatra, por suposto sen o terceiro médico, con menos mestres e cun colexio que logo de case un millón de euros de amaños segue sen solucionar os seus problemas. E todo isto co silencio cómplice de David Castro, que despois déixase acariñar cos caramelos do Plan Marco ou do PIR , “frangullas en partidas de 50.000€ coas que o PP raña as costas a David, supoñemos que co ánimo de que faga o carné dunha vez, pero que non resolven grandes problemas, como si van resolver por exemplo os 2,5 millóns de euros que Feijoo lle vai dar a Durán para resolver os problemas de saneamento do seu concello, mentres que no noso seguimos tendo a rede de saneamento e de auga pública sen completar”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que estando nós no goberno local o PP seguiría mirando para outro lado, pois a súas liña política é a que é, pero tamén que lograríamos máis investimentos. De feito hai que recordar que o último investimento de importancia da Xunta en Ribadumia conseguiuse grazas a presión pública de Somos Ribadumia, como tamén foi grazas a xestión de Somos Ribadumia que se retomaron e realizaron obras pendentes da lexislatura pasada, como a realizada pola Deputación en Sisán. “David vai aos plenos a falar das miñas formas e de non sei que cousas, pero nos conseguimos investimentos mentres el perde subvencións por non saber xestionar, e isto son feitos demostrados”.
A baixa do conserxe municipal esta semana aínda non foi cuberta, e non se mandou ningúen a cubrir as tarefas urxentes.
As desinfeccións das zonas comúns a media maña quedaron sen realizarse, así como outras moitas tarefas.
Unha boa parte da plantilla do Concello de baixa laboral. Que está pasando?
Vimos de ter constancia de que esta semana causou baixa o Conserxe do CPI Xulia Becerra Malvar, sen que o goberno local tomara a día de hoxe ningún tipo de medida para cubrir o posto, creando un problema na instalación bastante importante.
Tal como explica Oubiña “o de conserxe e un deses postos de traballo que xente como David Castro pensan que non valen para nada, pero a realidade é que un conserxe é un posto imprescindible no día a día dun colexio, e máis dende a aparición da pandemia”.
Mais aló das tarefas de mantemento do colexio, e do apoio ao profesorado, hai que remarcar que dende o retorno ás aulas era tarefa do conserxe levar a cabo unha desinfección das zonas comúns do colexio a media maña. O concello non viu necesario apurarse a cubrir o posto do conserxe e polo visto tampouco ve necesario cumprir con esta obriga marcada pola Xunta de Galicia, aprobado en xullo deste ano baixo a denominación “Protocolo de adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino non universitario de galicia para o curso 2021-2022”. E nos somos comprensivos con que cubrir o posto poida levar días, pero o goberno local debería cando menos mandar algunha persoa para o máis urxente, como o cumprimento dos protocolos de desinfección.
Dende Somos Ribadumia temos moi presente que a covid-19 aínda non desapareceu das nosas vidas e que os colexios non son inmunes, de feito estanse dando gromos como o do Ceip O Cantel de Foz, ou o Colexio Calasancio no mes de setembro, ambos de certa importancia, co peche de aulas e de todo o colexio no caso do Calasancio. Por iso entendemos que “é unha irresponsabilidade moi grave deixar de lado os protocolos de desinfección establecidos, e que David Castro coa súa desidia está comprometendo a situación do noso colexio. E seguramente non pasará nada, pero como pase despois a ver quen se fai responsable”.
Pola nosa banda, logo de manter conversas coa dirección do colexio e coa ANPA vimos de poñer en coñecemento do Servizo Territorial de Inspección Educativa de Pontevedra esta situación solicitándolle que actúe de inmediato instando ao Concello a cumprir coas súas obrigas nestas cuestións.
Que pasa coa plantilla laboral en Ribadumia??
Algo está pasando no concello de Ribadumia. Sen incluír dúas baixas por maternidade, a do conserxe é a sexta baixa laboral, entre persoal de plantilla estable, tanto funcionarios como laborais fixos, e ese é un dato que nos chama moito a atención. Tanto as baixas como os mecanismos de contratación, pois ata onde temos constancia ou non se están cubrindo ou se están cubrindo de xeito irregular.
“Esta situación levou ao noso Concello ao caos máis absoluto, ata o punto de que cada día é máis evidente que o feito de que David Castro é incapaz de xestionar o Concello”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que o motivo polo cal , entre outras deficiencias, o ximnasio municipal ou o fogar dos maiores non están abertos non ten nada que ver coa covid-19 e moito coa incapacidade de David Castro de xestionar unha das súas competencias directas como alcalde, a do persoal. Unha incapacidade que dende que deixamos o goberno no 2019 , está fundindo de maneira paulatina o noso Concello e creando moitos prexuízos para a veciñanza que ve como certas xestións que en situacións normais con Oubiña no Concello se resolvían en días, agora pasan semanas ou meses, e iso che chegan a resolverse. E dende aquí queremos amosar a nosa preocupación polos problemas derivados desa desidia na xestión municipal, que mais aló dos prexuízos á veciñanza, está provocando a saturación do resto de persoal, e pode acabar cunha cascada de baixas. “De feito, vendo como van as cousas, eu estou seguro de que non hai máis persoal de baixa polo medo a perder o traballo, sobre todo na plantilla temporal”.
Agardamos que canto antes David Castro sexa consciente da situación, e actúe para devolver a normalidade ao noso Concello, en todos os aspectos.