A incapacidade de David Castro volve deixar Ribadumia fora dos orzamentos da Xunta.

- David Castro non logrou que o PP incluíra fondos para o noso Concello nas contas.
- Os problemas do noso concello seguen sen resolverse, e o 2022 vai vir con menos médicos no centro de saúde e menos mestres nun colexio mal arranxado.
- Un ano máis, Ribadumia so vai levar as migallas a través de plans como plan marco ou o PIR, ou como nos últimos dous anos o que poidamos lograr dende Somos Ribadumia a base de traballo dende a oposición.
Un ano máis, a verba Ribadumia non figura no documento do orzamento da Xunta de Galicia.
Unha vez analizado o documento orzamentario, no que como explica Oubiña “detectamos moitas máis partidas xenéricas en comparación co ano pasado, o cal complica moito saber a onde van ir destinados os cartos”, en primeiro lugar gustaríanos saber en que vai investir Feijoo todos os cartos que veñen de Europa para compensar as perdas e o parón municipal provocado pola covid-19. Porque a baixada do 6% de transferencias a administración local do ano anterior non se ve compensada este ano que ademais vai ser clave para avanzar na recuperación económica.
Para Ribadumia o documento non recolle ningunha partida. O único que nos toca de lado é a obra para tentar solventar o problema do bombeo de Cabanelas, que por fin logo de anos de venta de fume de Gonzalo Durán aparece no orzamento pero que de todos xeitos aínda vai tardar en ser unha realidade pois o proxecto ven cunha partida a executar en dous anos, o cal pode levar a obra ata 2023 ou se hai retrasos 2024, sendo optimistas. Por certo que xa dende Somos Ribadumia no seu momento lle advertimos a David Castro que non andara tan áxil a facerse fotos no río que a obra ia tardar, feito que agora queda demostrado. E veremos se esa obra soluciona o problema ou o traslada á depuradora. Nese aspecto confiamos máis nas accións que esta levando a cabo a Mancomunidade orientadas a evitar as verteduras.
Máis alá desa obra, outras cuestións de vital importancia quedan fora dos orzamentos, como a ampliación do bombeo de auga da mancomunidade, unha obra moi necesaria que o PP segue aprazando sen motivo, e que nos condena a ter problemas cada verán. Tampouco aparece por ningún lado a realización dun Punto de Encontro Familiar. Durante a pandemia, con moitos dos lugares que habitualmente se usan para o intercambio das crianzas pechados e coas restricións de mobilidade, fíxose moi evidente a necesidade da súa dotación no Salnés. O asunto para nos é moi importante e afecta a moitas parellas, pero tamén a moitas vítimas de violencia de xénero, por iso que lamentamos que as forzas políticas da comarca miren para outro lado e so se centren en pedir para as súas leiriñas. Un ano máis notamos como o tacticismo político e o exceso de localismo evitan que o Salnés logre consensos e poida exercer presión conxunta naqueles temas que nos afectan a todos os concellos, estes referidos ou outros como a mellora dos servizos básicos, o transporte público, ou os problemas da ría, ou un necesario plan de reindustrialización, entre outros.
Un alcalde de postín.
Mención a parte merece o noso alcalde David Castro. Nós podemos entender que haxa políticos máis e menos combativos, pero un alcalde, teña as maneiras que teña, o que ten é que lograr resultados. E a actitude totalmente submisa de David Castro co PP non logra resultados, ao contrario, somos a broma do PP na comarca. O noso Concello enfronta o 2022 sen pediatra, por suposto sen o terceiro médico, con menos mestres e cun colexio que logo de case un millón de euros de amaños segue sen solucionar os seus problemas. E todo isto co silencio cómplice de David Castro, que despois déixase acariñar cos caramelos do Plan Marco ou do PIR , “frangullas en partidas de 50.000€ coas que o PP raña as costas a David, supoñemos que co ánimo de que faga o carné dunha vez, pero que non resolven grandes problemas, como si van resolver por exemplo os 2,5 millóns de euros que Feijoo lle vai dar a Durán para resolver os problemas de saneamento do seu concello, mentres que no noso seguimos tendo a rede de saneamento e de auga pública sen completar”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que estando nós no goberno local o PP seguiría mirando para outro lado, pois a súas liña política é a que é, pero tamén que lograríamos máis investimentos. De feito hai que recordar que o último investimento de importancia da Xunta en Ribadumia conseguiuse grazas a presión pública de Somos Ribadumia, como tamén foi grazas a xestión de Somos Ribadumia que se retomaron e realizaron obras pendentes da lexislatura pasada, como a realizada pola Deputación en Sisán. “David vai aos plenos a falar das miñas formas e de non sei que cousas, pero nos conseguimos investimentos mentres el perde subvencións por non saber xestionar, e isto son feitos demostrados”.