Nova falta de respecto institucional de David Castro.
- O Concello non convidou formalmente á IV Gala de Ribadumienses en prol do galego nin aos premiados en edicións anteriores, nin aos colectivos municipais, nin ao resto de forzas políticas.
- As ansias de David Castro por ser o único que saia nas fotos e as súas manías persoais lévano a ter comportamentos inaceptables institucionalmente.
- Enrique Oubiña e outros membros de Somos Ribadumia estiveron presentes na gala, pero a título persoal.
A IV Gala de Ribadumienses en prol do galego, un evento creado na lexislatura pasada, ficou enlamada pola falta de seriedade e de respecto institucional do goberno local, que é quen organiza o evento.
E o motivo, tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña “foi que David Castro deixou de lado novamente as súas obrigas como alcalde, e non convidou formalmente a este acto nin ao resto de forzas políticas municipais, nin aos colectivos culturais do Concello, nin tan sequera aos premiados nas edicións anteriores”. Esta falta de respecto institucional supón un novo chanzo na carreira de David Castro por desfacer todo o traballo ben feito durante a lexislatura pasada, volvendo a transformar un evento social e neste caso cultural, nun evento de propaganda política, pero “tamén outro exemplo das súas actitudes infantís, tanto polo seu comportamento de neno enfadado que non convida aos que lle caen mal ás súas festas, como de político mediocre que pensa que saíndo el so nas fotos xa gana votos”.
Enrique Oubiña, que si estivo no acto, aínda que a título persoal, lamenta “que un evento tan bonito, onde ademais se recoñece a labor de persoas e colectivos que fan un gran traballo a favor da nosa lingua, sexa deturpado desa maneira. Pois ao deixar fora aos colectivos culturais do Concello, e mesmo esquecerse dos premiados anteriormente, o que podía ser un evento con forte carga cultural converteuse nun novo episodio de propaganda por parte dos Independientes”.
Dende Somos Ribadumia queremos recordarlle a David Castro que os actos insitucionais non son eventos privados; son eventos de todo o concello e para todo o concello, aos que non ten que convidar a quen lle dea a gaña a el, se non a quen corresponde, e iso, por moito que lle desguste, inclúe aos diversos colectivos do concello e por suposto as forzas políticas que representan ao conxunto da nosa veciñanza.
Agardamos que este tipo de situacións deixen de repetirse, porque non van en detrimento dun partido ou de outro, se non da nosa imaxe pública como concello.
E por suposto, a nosa mais fonda e sinceira felicitación ao grupo de teatro Alecrín, polo seu traballo diario dende fai vinte anos, e pola naturalidade coa tratan a nosa lingua, na que representaron a totalidade das pezas teatrais que levan realizadas.