O Concello deixa ao colexio sen conserxe e os protocolos covid-19 no mesmo sen realizarse.

- A baixa do conserxe municipal esta semana aínda non foi cuberta, e non se mandou ningúen a cubrir as tarefas urxentes.
- As desinfeccións das zonas comúns a media maña quedaron sen realizarse, así como outras moitas tarefas.
- Unha boa parte da plantilla do Concello de baixa laboral. Que está pasando?
Vimos de ter constancia de que esta semana causou baixa o Conserxe do CPI Xulia Becerra Malvar, sen que o goberno local tomara a día de hoxe ningún tipo de medida para cubrir o posto, creando un problema na instalación bastante importante.
Tal como explica Oubiña “o de conserxe e un deses postos de traballo que xente como David Castro pensan que non valen para nada, pero a realidade é que un conserxe é un posto imprescindible no día a día dun colexio, e máis dende a aparición da pandemia”.
Mais aló das tarefas de mantemento do colexio, e do apoio ao profesorado, hai que remarcar que dende o retorno ás aulas era tarefa do conserxe levar a cabo unha desinfección das zonas comúns do colexio a media maña. O concello non viu necesario apurarse a cubrir o posto do conserxe e polo visto tampouco ve necesario cumprir con esta obriga marcada pola Xunta de Galicia, aprobado en xullo deste ano baixo a denominación “Protocolo de adaptación ao contexto da covid-19 nos centros de ensino non universitario de galicia para o curso 2021-2022”. E nos somos comprensivos con que cubrir o posto poida levar días, pero o goberno local debería cando menos mandar algunha persoa para o máis urxente, como o cumprimento dos protocolos de desinfección.
Dende Somos Ribadumia temos moi presente que a covid-19 aínda non desapareceu das nosas vidas e que os colexios non son inmunes, de feito estanse dando gromos como o do Ceip O Cantel de Foz, ou o Colexio Calasancio no mes de setembro, ambos de certa importancia, co peche de aulas e de todo o colexio no caso do Calasancio. Por iso entendemos que “é unha irresponsabilidade moi grave deixar de lado os protocolos de desinfección establecidos, e que David Castro coa súa desidia está comprometendo a situación do noso colexio. E seguramente non pasará nada, pero como pase despois a ver quen se fai responsable”.
Pola nosa banda, logo de manter conversas coa dirección do colexio e coa ANPA vimos de poñer en coñecemento do Servizo Territorial de Inspección Educativa de Pontevedra esta situación solicitándolle que actúe de inmediato instando ao Concello a cumprir coas súas obrigas nestas cuestións.
Que pasa coa plantilla laboral en Ribadumia??
Algo está pasando no concello de Ribadumia. Sen incluír dúas baixas por maternidade, a do conserxe é a sexta baixa laboral, entre persoal de plantilla estable, tanto funcionarios como laborais fixos, e ese é un dato que nos chama moito a atención. Tanto as baixas como os mecanismos de contratación, pois ata onde temos constancia ou non se están cubrindo ou se están cubrindo de xeito irregular.
“Esta situación levou ao noso Concello ao caos máis absoluto, ata o punto de que cada día é máis evidente que o feito de que David Castro é incapaz de xestionar o Concello”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que o motivo polo cal , entre outras deficiencias, o ximnasio municipal ou o fogar dos maiores non están abertos non ten nada que ver coa covid-19 e moito coa incapacidade de David Castro de xestionar unha das súas competencias directas como alcalde, a do persoal. Unha incapacidade que dende que deixamos o goberno no 2019 , está fundindo de maneira paulatina o noso Concello e creando moitos prexuízos para a veciñanza que ve como certas xestións que en situacións normais con Oubiña no Concello se resolvían en días, agora pasan semanas ou meses, e iso che chegan a resolverse. E dende aquí queremos amosar a nosa preocupación polos problemas derivados desa desidia na xestión municipal, que mais aló dos prexuízos á veciñanza, está provocando a saturación do resto de persoal, e pode acabar cunha cascada de baixas. “De feito, vendo como van as cousas, eu estou seguro de que non hai máis persoal de baixa polo medo a perder o traballo, sobre todo na plantilla temporal”.
Agardamos que canto antes David Castro sexa consciente da situación, e actúe para devolver a normalidade ao noso Concello, en todos os aspectos.