Comunicado conxunto de Somos Ribadumia e das agrupacións locais de  PP e PSdeG.

        

    Un novo abuso de autoridade, completamente esaxerado e rondando o esperpento máis Valle-Inclaniano, levounos na noite do xoves a abandonar o pleno municipal, ao pouco de comezar este.

  A través deste comunicado queremos afondar algo nos motivos que nos levaron a tomar esta decisión nese momento, nun pleno onde se  condensou unha actitude que se ven repetindo nos últimos plenos, tendo o seu culmen cando ao inicio deste último pleno, ante unha petición do voceiro da agrupación local do Partido Popular para retirar un punto da orde do día, David Castro negouse,  ademais cunhas formas completamente fora de lugar por absurdas.

 Os pleno municipais están regulados pola a Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, que especifica entre outras cousas que os puntos da Orde do Día deben ser claros en canto aos contidos dos mesmos, así como outras cuestións das que falamos máis abaixo, relativas ao acceso á documentación.  

  En Ribadumia os plenos pasan por tres etapas: a Xunta de Voceiros, as Comisións Informativas e o propio Pleno. Neste caso o pleno celebrado  na noite de onte tivo carácter ordinario.

A  primeira etapa, a Xunta de Voceiros, xa deturpada polos Independientes que se limitan a darnos un anaco de papel cos puntos da orde do día, limitando a información sobre o que se vai tratar no pleno, foi convocada so 24 horas antes de celebrarse, ademais adiantando a data habitual sen explicación algunha, complicando así que os diferentes voceiros puideran organizarse para acudir as mesmas.

  As convocatorias para as comisións informativas, segunda etapa antes de chegar ao pleno, onde se informa aos grupos dos puntos a tratar, e se realizan propostas e se negocian con calma acordos cando é o caso,  realizáronse en prazo, pero por algún “misterioso” motivo a documentación relativa aos temas que se ían tratar nas mesmas non estivo accesible ata este luns pola noite, sendo as comisións o martes. Hai que dicir que os concelleiros temos que ter toda a documentación para calquera comisión cun mínimo de dous días hábiles polo medio, condición que, como noutras ocasións anteriormente, non se deu. E hai que resaltar que é o Concello quen debe asegurarse de que a documentación chega aos concelleiros, polo que se se usan medios telemáticos debe ser con garantías que permitan certificar a entrega desa documentación en prazo, cousa que actualmente non acontece.

  E o mesmo pasou coa convocatoria do pleno, para o cal rexen os mesmos prazos. A comunicación coa orde do día saíu do rexistro o martes as 15:12 horas, doce minutos despois de pecharse o horario de atención ao público, un truco que evita que os concelleiros poidamos solicitar acceder a documentación do pleno ata o día seguinte. Pero por se o tempo non era xa escaso resultou que a documentación, por outro “misterioso” motivo, non estivo dispoñible na sede electrónica ata a mañá do mércores.

Cando nos referimos a documentación completa, queremos decir catro video-actas – que se deben mirar integramente para corroborar que non haxa cortes nin fallos na edición, nun concello cunha media de catro horas por pleno  – , a conta xeral do 2020, unha norma de prevención de incendios de case duascentas páxinas, e varios puntos máis, cada un coa súa documentación a examinar.

  Na mesma mañá do mércores , un dos concelleiros quixo acceder á documentación do pleno, que por lei debe estar dispoñible de xeito íntegro  na Secretaría do Concello,  e descubriu que faltaba parte da mesma, tal e como consta nun informe realizado pola propia secretaria municipal,  algo que supón un incumprimento fragrante das lei de bases do réxime local, e un conculcamento gravísimo dos dereitos fundamentais dos concelleiros que, insistimos,  temos dereito a acceder a absolutamente toda a documentación que se vai a tratar no pleno dende o momento da convocatoria do mesmo.

  Con este panorama, ao inicio do pleno, o voceiro da agrupación local do Partido Popular solicitou que se retirara o punto  10 da orde do día, logo de comprobar por parte do Concelleiro de Somos Ribadumia e de ter constancia a través dun informe da secretaria municipal que na Secretaría do Concello non había ningún tipo de documentación relativa ese punto, titulado “Dar conta de diversos asuntos e escritos presentados”-  título que de por si xa incumpre a lei de bases do réxime local –  ata o punto de que nin sequera figuraban os escritos aos que se ía dar resposta.

   Para a sorpresa de propios e estraños a resposta de David Castro foi que xa se falaría dese punto ao chegar a el, sen confirmar que retiraba o punto da orde do día e dando a entender que non o ía facer, pero sen dicilo claramente. Esta actitude e falta de seriedade e respecto cara unha solicitude feita con total normalidade e de xeito formal, sumado a todo o anterior, provocou que o Partido Popular decidise abandonar o pleno, sendo acompañado de xeito solidario, pois o problema afecta a toda a oposición e as actitudes de David Castro foron contra as tres forzas, polo Psoe e Somos Ribadumia.

   Non participar nun pleno municipal para nos supón un atranco, pois é no pleno onde podemos expresar as nosas posturas e propostas, e realizar a nosa labor de control do goberno e de defensa dos intereses da veciñanza, pero a situación creada por David Castro non admitía outra resposta.

Unha  situación que ademais súmase a outras xa denunciadas como o bloqueo á documentación diversa, ou os impedimentos para poder expresar as nosas posturas nos plenos municipais, onde David Castro abusa desaforadamente da súa posición. Todo isto no seu conxunto ademais de complicar o noso traballo, converteu o ambiente político nun terreo contaminado e de guerra aberta, algo que nos  negamos aceptar e no que non imos participar.

  Unha vez máis instamos a David castro a facer uso da cordura da que sempre fala,  devolver a normalidade ao funcionamento dos plenos municipais e respectar o traballo dos partidos da oposición.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s