David Castro pretende acometer unha reforma nun parque infantil que posiblemente non cumpra os criterios de seguridade da Xunta e de Europa.

  • Dende Somos Ribadumia estamos a favor de calquera mellora nos parques infantís do noso concello, pero sempre cumprindo a legalidade vixente.
  • A Xunta de Galicia e diversas normas UNE obrigan a que por seguridade  os parques infantís como estes estean vallados.
  • Pedímoslle a David Castro que antes de facer anuncios electoralistas lea as normativas, que cumpra a lei, pero sobre todo que non xogue coa seguridade dos nosos nenos e nenas.

   A semana pasada David Castro anunciaba a través dos medios de prensa e das redes do Concello, que os Independientes usan como un taboleiro de propaganda cada día con menos vergoña, unha reparación nos espazos infantís da Praza da Carballeira en Barrantes. E fixo tal anuncio aparentemente sen antes asegurarse de que a intervención que propón se poida levar a cabo, ou que cumpra cos requisitos de seguridade marcados por instancias superiores.

   Vaia por  diante, como expresa Oubiña, que “nós estamos totalmente a favor de calquera actuación de mellora nos espazos infantís do noso Concello, pero claro, sempre dentro da lei e atendendo as esixencias en cuestións de seguridade para as crianzas”.

    A actuación que se pretende realizar, segundo o publicado polo goberno local, ademais acompañado dunha infografía que non deixa lugar a dúbidas, consiste na “substitución do actual valado que rodea o parque infantil de Barrantes e que se atopa deteriorado polo uso e o paso do tempo por unha bancada semicircular”.  O problema desta actuación é que a normativa autonómica e as diferentes normas UNE en vigor, como a UNE 147103:2001 de Planificación e xestión das áreas de e parques de xogos ao aire libre, segundo unha serie de consultas que realizamos esta semana poderían non permitila.

Isto sería debido á situación das áreas de xogo. Tal  como consta no artigo 3.2 do DECRETO 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís,  “as superficies previstas para o xogo deberán estar debidamente acoutadas dun xeito seguro” , o cal sumado ao recollido nas normas UNE que deixa moi claro que sempre que na contorna haxa vías ou accidentes xeográficos ou físicos as zonas de xogo deben estar valladas,  fai complicado que se poidan eliminar as vallas actuais. Ademais, parece que David Castro ignora que ese parque infantil en realidade son tres, un de nenos ata seis anos, e outros dous, un de xogos de columpio e outro cunha rede de escalada,  para nenos maiores, que as normas obrigan a delimitar por separado, que é como están actualmente.

  Dende Somos Ribadumia como xa dixemos, estamos a favor de calquera actuación de mellora, pero vémonos na obriga de pedirlle a David Castro que as actuacións que realice as faga poñendo atención ao cumprimento das normas, porque o contrario sería unha actuación como mínimo irregular, que ademais podería traer consecuencias e moitos problemas en caso de haber un accidente, pois as aseguradoras non se fan cargo de nada se as instalacións non cumpren escrupulosamente cos regulamentos. “ e nunca pasa nada ata que pasa. Nós non somos expertos, pero  fixemos as nosas consultas e  as conclusións son que esas áreas de xogo están valladas porque deben estalo, e entendemos que antes de facer cambios dese tipo corresponde ter todos os parabéns legais”.

   Pero como ultimamente é evidente que o noso alcalde anda máis preocupado polos anuncios que pola lei, vimos de presentar un escrito no Concello advertindo da situación, acompañado dunha copia do decreto da Xunta.

   Por outra banda, chama a atención que a solución que se anuncie, ademais a bombo e pratillo e cun claro carácter preelectoralista, non sexa unha renovación dos elementos de xogo, algúns xa bastante deteriorados, ou un aumento dos espazos de xogo,  ou cando menos a dotación de arborado que dea algo de sombra no verán,  unha vella reclamación dos pais  e nais á que David Castro por algún motivo sempre se opuxo a dar cumprimento, senón simplemente a colocación dun banco para suplir  a unha varanda que por certo leva en mal estado bastante tempo. Pola nosa banda “temos moi claro que a fórmula correcta é a seguida durante o mandato anterior, onde no canto de andar a publicar fotos bonitas e facer propaganda, traballabamos e mantiñamos os parques en perfectas condicións os 365 días do ano“.

David Castro négalle axuda á agrupación  de Protección Civil.

  • Máis de un ano leva o local de protección Civil sen auga.
  • David Castro négalle a esta agrupación de voluntarios os ingresos por asistencia a accidentes de tráfico e a eventos fora do Concello a pesar de haber un regulamento que obriga a facelo.
  • O goberno local segue sumando enfrontamentos con colectivos locais

   A  sorpresa que nos levamos esta semana en Somos Ribadumia ao visitar a sede de protección Civil e entrevistarnos co seu presidente, Andrés Otero, e outros membros desa agrupación, foi maiúscula. Tal como explica Oubiña “fomos a comprobar se os problemas de auga da sede de Protección Civil se resolveran, e non so comprobamos unha vez máis que o alcalde minte cada vez que fala, senón que saímos de alí abraiados pola situación á que o goberno local ten sometido a este corpo de voluntariado”.

   De partida convén recordar que o tema da auga ven de meses atrás. David Castro foi interpelado en varias ocasións nos últimos plenos por esa cuestión e en todas defendeu primeiro que non sabía nada do problema e despois que xa estaba arranxado, mentindo dende o primeiro momento. “Para cando o PP local preguntou, o 5 de novembro do ano pasado por esta cuestión no pleno, xa o presidente da agrupación presentara  varios avisos no Concello, sen resposta. Agora, un ano  e varios plenos  máis tarde, a sede de protección civil segue sen ter apenas caudal de auga”.

   Dende Somos Ribadumia consideramos moi lamentable que unha instalación municipal, incluso unha tan antiga como o local onde está Protección Civil, “non teña nin os servizos máis básicos, estea sen auga e ninguén revise a instalación eléctrica, que ten un curtocircuíto que dende fai meses está  facendo saltar os diferenciais, algo moi perigoso”.Pero que ademais non se solucione un problema que foi avisado en numerosas ocasións e posto en coñecemento do pleno municipal varias veces “parécenos unha completa falta de respecto cara esa entidade e cara o pleno municipal, e outro exercicio de chulería e de abuso de poder”.

  Por outra banda, a  xuntanza que mantivemos con Protección Civil serviu para descubrir cal é en realidade a situación da agrupación de Protección Civil no noso concello e “a campaña que David Castro mantén contra este colectivo, ao que dende o noso punto de vista desgasta intencionadamente co obxectivo de que desapareza ou de que as persoas que están nel e non lle son do seu agrado se aparten”.

     Ademais, a presión dende o goberno local realízase pola vía do apoio económico, ou mais ben pola negación del.  A aportación que fai o Concello anualmente a este colectivo é totalmente insuficiente dende anos atrás, de feito Oubiña leva propoñendo subir a axuda anual dende o ano 2012, topando sempre coa negativa primeiro de Salomé Peña  e despois de David Castro, que nunca ocultou o seu desprezo por este colectivo. Con todo, para axudar a paliar a lamentable falta de medios da agrupación, en novembro de 2016 aprobouse unha  ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo protección civil, que regula a taxa por diversas atencións, dende a eliminación de niños de vespa velutina ata a atención en accidentes de tráfico ou eventos públicos.

   Nesa ordenanza, que afecta maiormente ás aseguradoras e aos Concellos limítrofes cando requiren algún servizo, establécese que, citamos literalmente “ao final de cada ano natural, os servizos tributarios municipais emitirán un informe no que se recollan os ingresos obtidos a través desta taxa e os gastos que se producisen con cargo á partida orzamentaria correspondente ós servizos obxecto desta ordenanza. A Xunta de Goberno ou órgano municipal correspondente, unha vez recibido o citado informe, aprobará transferir a cantidade resultante á agrupación correspondente, dando conta ó Pleno municipal”. 

   Non so iso. Tal como se recolle na acta do pleno a propia Pilar Troncoso, concelleira de contas entón e agora, declarou “hai unha agrupación de voluntarios e están a facer unha labor encomiable e están a tirar dos seus recursos propios e dos dos veciños (a través das axudas que lle concede o Concello) sen recibir nada a cambio […] a finalidade (destas taxas) é reverter o recadado na agrupación ou asociación que preste o servizo dos que se indican na ordenanza (servizos de emerxencia)”. Este argumento foi reforzado no mesmo pleno  por Mar Moimenta, entón concelleira de Protección Civil, asegurando que  “non é lóxico que Ribadumia lle preste axuda e fagan outros servizos noutros concellos sen contraprestación alguna”.

  A nosa sorpresa foi maiúscula cando dende protección Civil nos confirmaron que dende que se  aprobou a ordenanza dende o Concello non se lle fixo ingreso ningún. “Certamente o que ten culpa xa en primeiro lugar son eu mesmo, que unha vez aprobada a ordenanza confiei en que a Concelleira de Contas se ocuparía de revisar que a norma se aplicara e non quixen interferir nas súas competencias, un erro polo que me desculpei ante a agrupación de voluntarios”. 

  Dende Somos Ribadumia consideramos que David Castro, unha vez máis , está incorrendo nunha grave irregularidade, ou quizais en dúas, pois descoñecemos se o que está facendo é impedir que os fondos recadados das actuacións de protección civil cheguen a este colectivo, ou se  ademais nin sequera se lle está facturando ás aseguradoras e concellos limítrofes. “Teño constancia de que algunha actuación foi facturada no seu momento, así que debemos pensar que David Castro sinxelamente non quere axudar a este colectivo, e déixao completamente de lado, salvo cando o ten que chamar para acudir a algún evento  claro, que entón ben que lle saben o teléfono ao presidente”.

    A situación de tensión que esta maneira de actuar provocou coa agrupación de Protección Civil chegou a tal extremo que o seu presidente confirmounos que dende fai meses  todas as actuacións relacionadas con accidentes de tráfico no noso concello estanse derivando á  agrupación de Cambados, que factura ás aseguradoras en base as taxas estipuladas no seu regulamento, e non falamos de pouca cousa, pois comprobámolo e ao longo do que levamos de ano foron 13 as actuacións nas que participou a agrupación cambadesa, que segundo un calculo aproximado feito en base á taxa aprobada no noso concello, lle terían permitido a agrupación de Protección Civil de Ribadumia ingresar ao redor de 2.000 €, unha cantidade moi importante se temos en conta que do Concello non perciben máis de 3.000 € ao ano.

 “Que David Castro sexa coñecedor desta circunstancia, que o é, e non faga  nada por resolvela e outra gota no seu vaso de actuacións lamentables. Un vaso que fai tempo que reborda”.

  Dende Somos Ribadumia queremos expresar o noso apoio á Agrupación de Protección Civil de Ribadumia e o noso recoñecemento polo traballo que realizan a diario que nun Concello como o noso, sen outro servizo nin de emerxencias – salvo os bombeiros –  nin de policía local, resulta moito máis vital do que moitas veces se lle recoñece. E pedímoslle “a David Castro que deixe de enfrontarse aos colectivos do noso concello e empece a cumprir coas súas obrigas, no que respecta a Protección Civil e no resto de cuestións relativas á xestión municipal, onde fai tempo que nin está nin se lle espera mais que para as fotos”.

Comunicado conxunto de Somos Ribadumia e das agrupacións locais de PP e PSdeG.

   As tres forzas que formamos parte da oposición no Concello de Ribadumia vímonos na obriga de actuar solicitando amparo ante a Valedora do Pobo  e unha xuntanza urxente con ela debido á degradación constante dos funcionamentos democráticos que dende o inicio de lexislatura está padecendo o noso concello por mor da acción de goberno de David Castro, e que ao noso entender chegou a límites insostibles.

  Aínda que as irregularidades nos funcionamentos democráticos, as fallas na transparencia pública  e os ataques aos  dereitos fundamentais dos membros da oposición son múltiples, queremos reseñar algúns dos máis graves.

  De partida o goberno local  abandonou por completo as súas obrigas en canto á transparencia pública. No preceptivo Portal de Transparencia do Concello de Ribadumia pode comprobarse como a única páxina minimamente actualizada é a correspondente coa web de Contratos Públicos, onde a día 15 de outubro do 2021 a páxina de licitacións tiña a última licitación con data de xullo de 2020.  As actas dos plenos municipais, que deben aprobarse no pleno inmediatamente posterior non so non se aproban, senón que a día de hoxe hai actas do ano 2020 sen aprobar nin facerse públicas. Ademais disto, as gravacións das últimas sesións plenarias, que teñen o valor de video-acta, non están accesibles nin aparecen no Portal de transparencia, e as que se poden consultar na canle de youtube do Concello,  son gravacións parciais.   Non se fan públicos os orzamentos dende o ano 2018. Non se publican bandos dende o ano 2016 de xeito público – so son accesibles para usuarios rexistrados na web municipal, un rexistro que debe ser autorizado por alcaldía – . Non hai publicada ningunha das Contas Anuais do Concello,  e non se publican actas dos acordos das Xuntas de Goberno Local dende o ano 2017. Todo isto son irregularidades moi graves que van en contra da lexislación vixente, e  que poderían ter consecuencias legais.

   Porén, a  falta de transparencia vai moito máis alá da falta de publicación no portal de transparencia do Concello das cuestións municipais.  Aos membros da oposición non se nos fixo chegar nin unha soa acta das Xuntas de Goberno Local dende o inicio desta lexislatura. Ademais aos concelleiros que solicitan acceso ao rexistro municipal negáselle sistematicamente.  O goberno local nega tamén dende inicio desta lexislatura acceso a calquera proxecto municipal ou outra documentación relacionada coa acción de goberno, como os expedientes das diferentes solicitudes de subvencións ou  licitacións. E cando non se nega directamente, atrásase a través de diversos subterfuxios o acceso, motivo que levou a algún dos partidos da oposición a interpoñer varias solicitudes de amparo ante a Valedora do Pobo en varias ocasións.

   A falta de transparencia e os atrancos á labor política dos representantes da oposición,  ven acompañada dunha completa falta de funcionamento democrático. Nos Plenos municipais, dende xullo de 2020 non se nos permite aos membros da oposición exercer o noso dereito a réplica nos debates, e en moitos casos nin sequera o dereito a responder a alusións directas ou a expor as nosas propias mocións, como aconteceu no pleno do 5 de novembro de 2020,  onde se procedeu a votar unha moción de urxencia presentada por un dos concelleiros da oposición  sen permitirlle a exposición de motivos, nin tampouco dar opción a que o resto de membros do pleno nos expresaramos ao respecto da mesma.

  Unha actitude continuada por parte de David Castro que o levou a unha dinámica asoballadora,  falta de toda democracia e que conculca sistematicamente os dereitos fundamentais dos concelleiros da oposición, onde abusando da súa posición nega a voz aos membros da oposición ao tempo que permite que os membros do seu grupo se expresen nos termos que consideren, sen limitación de ningún tipo. Unha situación que se repite en cada un dos plenos celebrados, pero que ten un exemplo moi claro e  concreto no pleno extraordinario celebrado o pasado 1 de xullo de 2021, solicitado pola oposición e no cal David Castro negou o dereito aos concelleiros da oposición, solicitantes do pleno e asinantes da única proposta de acordo incluída na Orde do Día do mesmo,  a debater – máis alá da exposición inicial – e mesmo presentar modificacións ou transaccións  na proposta de acordo que se debía votar. A esta dinámica hai que sumarlle a negativa do alcalde a permitir que os concelleiros presenten cuestións de orde nos plenos, ou prácticas irregulares como someter os orzamentos e os resultados contables a debate e aprobación en sesións extraordinarias, cando o preceptivo e facelo en sesións ordinarias, e actuar ademais xogando cos prazos legais para limitar o acceso á documentación. 

   Por todo o exposto, consideramos que no seu conxunto este tipo de actuacións constitúe unha importante e moi grave degradación do funcionamento democrático do noso concello, que afecta tanto á veciñanza como ás forzas políticas da oposición, que nos vemos impedidas para poder realizar a nosa labor política do xeito correcto, e por iso vimos de  solicitar á  Valedora do Pobo  unha xuntanza urxente para poder abordar este tema polo miúdo, amparo ante a súa institución diante deste ataque aos funcionamentos democráticos que deben rexer a vida política municipal e os continuos atrancos aos que o Concello de Ribadumia somete aos concelleiros da oposición, e tamén que inste ao goberno  local do concello de Ribadumia a facer entrega en tempo e forma da documentación que dende a oposición se lle require, e en concreto que entregue e publique no portal de transparencia municipal as actas das Xuntas de Goberno.

    Con todo, o noso obxectivo é recuperar o normal funcionamento do noso concello, polo que instamos a David Castro a que non agarde que os mecanismos dos que está dotado o noso estado o obriguen a cumprir coas súas responsabilidades, e corrixa canto antes esta situación.

                                                                        

A Consellería de Educación ignora os problemas do CPI Xulia Becerra Malvar.

  • Semanas despois de poñer de relevancia a falta do terapeuta pedagóxico, a Consellería garda silencio sen aportar solucións.
  • Román Rodríguez está desaparecido, e o Xefe Territorial de Educación de Pontevedra ignora por completo a ANPA e á dirección do colexio.
  • Case 30 nenos e nenas seguen sen atención especializada, un mes despois de comezar as clases.

   A Consellería de Educación ignora os problemas do CPI de Ribadumia e garda completo silencio sobre a súa xestión nese centro onde, entendese que por orde do propio Román Rodríguez, a praza de terapeuta pedagóxico segue sen cubrirse un mes despois de comezado o calendario lectivo.

   Dende Somos Ribadumia, tal como explica Oubiña “mantemos un continuo diálogo coa dirección do Colexio e coa ANPA, e estamos ao tanto de que foron varios os intentos por parte da comunidade educativa de conseguir que a Consellería puxera fin a esta situación e cubrira a praza deste profesional tan necesario, todos eles infrutuosos, que tropezaron co silencio político, cando non cunha mala resposta por parte dalgún responsable da área de educación de Pontevedra”. Tampouco recibiu resposta a solicitude presentada dende Somos Ribadumia para que o señor Conselleiro se puxera en contacto coa ANPA e a dirección do centro e lles explicase os motivos desta situación.

   A situación chegou a tal extremo que, para poder encaixar o calendario escolar e dar atención de reforzo que eses trinta nenos e nenas precisan, a dirección do colexio tivo que mover professionais de primaria a secundaria, e reorganizar todo o cadro educativo. Pero esta solución non é máis que un parche,  “espiron un santo para vestir outro, e iso ademais de non resolver o problema de atención deses cativos, afecta ao bloque de educación primaria, que quedou sen ese reforzo. Un reforzo que fai moita falla logo de tres anos de recortes de profesorado no centro, que agora ve limitada a presenza do persoal especializado  que os nenos con necesidades especiais precisan”. Ao noso ver, a Consellería, co apoio da xefatura territorial, está abusando da boa vontade do profesorado, da ANPA e das familias dos nenos e nenas afectados por esta situación, moitas das cales prefiren evitar accións públicas para non expor ás súas crianzas. E dende logo, “así como para outras cuestión soubemos valorar positivamente as accións dende a Consellería, agora non podemos aceptar esta maneira de facer as cousas nin esta actitude, totalmente irrespectuosa coa nosa veciñanza”.

    Dende Somos Ribadumia xa amosamos todo o noso apoio a ANPA e á dirección do colexio, que seguen insistindo para que a Consellería de Educación corrixa esta situación ao tempo que estudan outras medidas nas que, por suposto, nos terán ao seu carón.