David Castro renuncia a 13.000 € do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

  • O orzamentos non recollen a partida de máis de 13.000 € concedidos en setembro do 2021 para programas contra a Violencia de Xénero a desenvolver neste 2022.
  •  Estes fondos supoñen máis do dobre dos 12.000 € que dispón este ano  o goberno para programas de loita contra a violencia de xénero.
  • Outro exemplo dunha xestión neglixente que leva ao goberno a perder o fondos doutras administracións.
  • A loita contra a  violencia de xénero non é unha prioridade para David Castro.
  • A concellería de igualdade leva perdidos case 130.000 € en  axudas para programas de integración e loita contra a violencia de xénero.

   O escaso tempo do que dispuxemos para analizar a proposta de orzamento que os Independientes meteron pola vía da imposición neste último pleno, impedíronnos unha análise completa e fonda do documento antes do pleno,  pero unha vez pasado este, e revisando o orzamento con calma, aínda topamos algunha sorpresa.

   Unha particularmente grave é a falta dunha partida xa concedida polo goberno en setembro do ano pasado, que debería executarse antes de xullo deste 2022.  Esta partida de 13.020,08 €, corresponderíase coa transferencia concedida aos Concellos nunha resolución do 8 de setembro de 2021,  pola Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, resolución que supuxo unha importante mellora no reparto duns fondos que anteriormente eran moi reducidos, rondando para o caso de Ribadumia os 1.500 €. De feito, nos orzamentos aprobados polos Independentes non hai nin partida que recolla o ingreso nin tampouco se consignan as partidas cos programas ou actuacións que deberían darlle saída, unicamente se vai gastar, sen que figure no orzamento, unha parte moi reducida en pequenas accións, que están ben pero non deixan de ser maquillaxe de cara á opinión pública.

  Ao renunciar a estes fondos, que suporían duplicar os 12.000 € consignados polo goberno local este ano para programas de loita contra a Violencia de Xénero con cargo á fondos europeos, David Castro e a concelleira de igualdade renuncian de facto a realizar  programas de calado social que na  práctica poidan supoñer unha axuda real ás vítimas.

  Para Oubiña “ resulta moi  lamentable que o goberno local renuncie a investir estes fondos, tan necesarios en algo tan importante como é a loita contra a Violencia de Xénero, pero que ademais neste caso non terían ningunha repercusión nas arcas locais. Unha vez máis, prefírese perder os cartos antes que facer o traballo”.

    Recordamos que esta non é a primeira subvención económica que o goberno perde pola súa completa desidia e desinterese. En marzo do ano pasado puxemos de manifesto a perda de 115.000 € para programas de integración, xa concedidos e co proxecto elaborado, aos que o goberno renunciou por que non podían usalos para contratar a persoas da súa corda política. A diferenza  neste caso, máis aló da cantidade económica, é que os fondos ao ser de adxudicación directa xa se ingresaron nos concellos en decembro. Polo que ao final posiblemente, se o goberno local non rectifica a súa actuación, haxa que devolver a maior parte por non poder xustificar os gastos.

  Con esta nova renuncia a usar fondos xa concedidos, este goberno leva acumulados case 130.000 de perda en investimentos nestas áreas, aos que hai que sumar os 529.000 € perdidos en dúas importantes liñas para desenvolvemento urbanístico, unha delas, a do Plan Ágora, perdida cando xa estaba concedida.

  Para Oubiña “mais aló da mala xestión xeralizada, neste caso concreto ponse de manifesto os problemas que o goberno de David Castro ten coa loita feminista e contra a Violencia de Xénero. Como digo moitas veces, moito laciño pero poucas políticas, neste caso nin sequera tendo cartos dispoñibles para elas, o cal da moito que pensar de cales son as ideas reais do goberno local nestes eidos”.

    Dende Somos Ribadumia estamos  moi preocupados polo retroceso nas políticas locais a favor da loita feminista e contra a Violencia de Xénero, onde volvemos ás actividades de recheo e foto fácil sen políticas nin actuacións de calado que cheguen á cidadanía e ás vítimas, cando ademais eramos referentes nestes eidos gracias ao traballo na lexislatura pasada e deixamos en 2019 o camiño marcado. E estamos moi preocupados pola actitude de David Castro e dos Independientes. Aos discursos, que xa habitualmente resultan bastante ocos e mesmo rozan os argumentarios usados pola ultradereita, vénselle as costuras,  cando por exemplo o alcalde nun pleno pon en valor aos equipos – masculinos – futbolísticos locais gabando a súa boa situación en ligas preferentes pero obviando que temos un equipo feminino en primeira nacional, ou coa polémica suscitada co cartel do 8M deste ano, que inclúe unha montaxe fotográfica e unha mensaxe pouco apropiadas, que provocou certa controversia e queixas nas redes. E dende logo, se aos discurso se lle miran as costuras, as políticas demostran que para o goberno de David Castro estas cuestións están moi lonxe de ser prioritarias, ata o punto de perder axudas directas por non elaborar e levar a cabo plans específicos.

  Dende Somos Ribadumia temos a confianza que unha vez feito pública esta cuestión, David Castro rectifique a liña de actuación do seu goberno e aínda que só sexa por quedar ben, antes de xuño vexamos no noso concello un programa de calado que sirva para axudar ás vítimas se violencia.

David Castro e os Independientes dan por perdido o Concello.

  • Uns orzamentos pobres, coas partidas  conxeladas, sen axuda ao comercio e hostalería e sen reforzos da emerxencia social.
  • Sen partidas reseñables, sen rastro do proxecto do CPI, e o pouco que se vai facer, con tufo electoralista.
  • Logo de anos de queixas, unhas pancartas provocan unha partida de 70.000€ para o punto limpo.
  • Volven incluírse partidas falsas.
  • Sen negociación sen diálogo coa oposición, os orzamentos aprobáronse pasando o rodillo da maioría absoluta.

O pasado xoves debateuse en pleno o orzamento para o presente ano. De partida a  proposta do goberno chegou a pleno sen diálogo coa oposición de ningún tipo, e iso que dende Somos Ribadumia como cada ano presentamos a nosa proposta para os orzamentos fai tres meses, con tempo de sobra a poder negociar partidas. Unha vez máis, David Castro nega aquilo do que pretende presumir.

  Indo ao documento, este ano o orzamento sube 119.000€ con respecto ao ano pasado, ata os 4.293.795,18 € . Pero se temos en conta que 70.000€ vanse a engordar a partida da Festa do Tinto e outros 70.800 € a unha obra no punto limpo metida con calzador a última hora, resulta que temos un orzamento máis baixo que no ano anterior.

Por partidas, resulta fácil de resumir: fican conxeladas todas as partidas de axudas a colectivos sociais, deportivos e culturais, e de política social. Só se inclúe a maiores unha axuda para o transporte escolar do CRA, coa que se pretende tapar as queixas polo uso de recursos públicos en favorecer a dúas familias usuarias do CRA que cada día teñen un servizo personalizado de transporte. Seguimos sen ampliar os servizos de conciliación, nin moito menos dotalos no CRA, como nós levamos propoñendo anos.

  Non hai absolutamente ningunha partida de apoio ao comercio e á hostalaría locais. As partidas para plans de apoio a empresas e á contratación, que ano tras ano quedan sen usar por ter unhas bases inapropiadas, volven perder fondos. Un ano máis, o goberno de David Castro deixa as partidas para aparentar que hai algo, pero recórtalle fondos cando o que debe facer é modificar as bases de reparto deses fondos para que as empresas poidan acceder a eles. En resumo , apoio ao comercio, a hostalería e as empresas: 0 euros.

  Logo de todo o teatro montado por David Castro co suposto proxecto que pretende levar a cabo na contorna co CPI e o campo de A Bouza, e de estragar a oportunidade de acceder a máis de medio millón de euros para esa zona,  resulta que o orzamento non recolle fondos para facer fronte a ese proxecto.

  En obras, de feito, os únicos investimentos que aparecen, son un lote de partidas pequenas para algúns saneamentos, ancheamentos de pistas e asfaltados. Obras que entran dentro do básico en calquera concello. Unha vez máis topamos que David Castro non ten proxecto para Ribadumia, de ningún tipo.

   E outro ano máis dispáranse as partidas para parques e xardíns. O ano pasado subiron dos 5000€ aos 30.000€. E para este ano dispóñense 65.000€, atados á consecución dunhas subvencións, co cal os investimentos poderían ficar sen levarse a cabo. A estes hai que sumarlle 26.000€ en maquinaria. Máis de 90.000 € para os parques e zonas verdes, que non sabemos en que se van gastar, máis aló dun banco de pedra de 6.000€. E se os parques estiveran en boas condicións, igual poderiamos valorado en positivo, pero é que os parques e as zonas verdes levan anos nun estado moito máis que mellorable, ata o punto que non sabemos en que se meten os fondos.

   No seu conxunto, os orzamentos teñen que interpretarse como o abandono antes se tempo polos Independientes do Concello. Desístese de abrir a coñecida como rúa do Día, de dotar prazas de aparcadoiro ao centro de Barrantes, de mellora das zonas públicas no rural.

De feito desístese de calquera mellora en calquera área, e unicamente se destinan fondos a dar unha capa se maquillaxe as zonas públicas de cara ás eleccións.

   Está claro que a David Castro a lexislatura estáselle facendo longa, e xa só lle queda o recurso de ir aos plenos a dar mitins e a sinalar co dedo á Enrique Oubiña e Somos Ribadumia, ao resto de forzas da oposición, e agora tamén a Deputación.

   Por último, non podemos aceptar un orzamento que expoña claramente partidas falsas, como as que neste caso se inclúen para o mantemento do centro se saúde, onde o Concello leva catro anos sen tres competencias. E o ano pasado podía pasar por un erro, pero ese ano é evidente que se inclúen a propósito, e ademais auméntandoas, seguramente co obxectivo de destinar eses fondos a outras cuestións que o alcalde oculta.

Sen diálogo, metendo pola vía da imposición uns orzamentos que non só non fan avanzar ao noso concello, se non que o fan retroceder, e falseando o documento. Obviamente non podiamos votar a favor, polo que nos opuxemos á aprobación destes orzamento, pero con todo, fixémolo  propoñéndolle antes ao goberno que se retirasen da orde do día e se someteran a un proceso de diálogo que permitise cando menos realizar algunha corrección, pero o goberno ten demasiada soberbia como para facer algo así e pasou o rodillo da maioría, aprobando os orzamentos cos seus unicos votos favorables.

Levamos a pleno unha moción na defensa dunha atención adecuada ás persoas maiores e a consumidores vulnerables nas oficinas bancarias.


Propoñemos instar aos bancos con oficina en Ribadumia a dar servizos de calidade, especialmente ás persoas maiores.
• Queremos que se atenda á veciñanza durante todo o horario de oficina, e que se retiren as comisións, como mínimo para as persoas pensionistas ou en situación vulnerable.

As entidades bancarias están a impoñer unha forma de xestión dixital que está a derivar no que algúns organismos xa denominan “exclusión financeira”, unha exclusión que a nosa veciñanza, especialmente á de maior idade, está padecendo, ao igual que no resto do país. Péchanse oficinas, deixando a boa parte da cidadanía sen servizo bancario e obrigando a desprazarse as persoas usuarias a oficinas máis distantes, as cales vense así saturadas e, ademais, en moitas entidades néganse a permitir as xestións presenciais, ou limitan os horarios de atención ao público e para realizar moitas das xestións como o pago de recibía ou mesmo a retirada de cartos, obrigando a acudir ao caixeiro automático ou a internet. E eliminando ou reducindo drasticamente a atención presencial, provocando que unha grande parte do colectivo de persoas maiores deixen de recibir a mínima atención esixible e pasan a ser tratadas como clientes de segunda categoría. Pois, hai que ter en conta que moitas destas persoas non manexan estas novas tecnoloxías; de feito, segundo numerosos estudos, dous de cada tres maiores de 65 anos apenas poden manexar internet.
O concello de Ribadumia no ano 2021 contaba con 1.023 persoas con 65 anos ou mais, o 20% da nosa veciñanza, polo tanto, somos un concello moi afectado por toda esta situación. Ademais, o peche de oficinas no noso concello e outras en zonas limítrofes aumentou o número de usuarios que acoden as dúas únicas oficinas bancarias que temos en Ribadumia, provocando en determinados días do mes colas no exterior das mesmas, formadas maiormente por persoas de idade avanzada.
O pasado 19 de xaneiro de 2021 foi aprobado polo Consello de Ministros un Decreto Lei polo que se modifica a Lei Xeral de Dereitos dos Consumidores e Usuarios, no cal se incorporou a figura da persoa consumidora vulnerable, engadíndose á normativa estatal unha referencia expresa a estas persoas ou colectivos naqueles aspectos relativos ás relacións de consumo onde os seus dereitos requiran dunha protección reforzada. Unha norma que impón obrigas a entidades bancarias e da ferramentas ás administracións para desenvolver políticas de apoio ás persoas afectadas.
Dende Somos Ribadumia decidimos dar un paso á fronte na defensa da nosa veciñanza, e presentamos unha moción que se debatira este xoves co seguinte acordo:

  1. Instar ao conxunto das entidades bancarias que operan no Concello de Ribadumia a reforzar os recursos para ofrecer un servizo adecuado, durante todo o horario de oficina, para cubrir as necesidades dos seus usuarios e usuarias, en especial das persoas maiores que non poden acceder ás xestións en liña e vense abocadas a padecer situacións penosas á hora de acceder ás oficinas bancarias.
  2. Instar ao conxunto das entidades bancarias que operan no Concello de Ribadumia a prestar unha atención prioritaria ás persoas consumidoras vulnerables.
  3. Instar ao Banco de España, organismo regulador competente do sistema financeiro, a vixiar que os produtos financeiros das entidades bancarias non conteñan publicidade que poida resultar enganosa para as persoas consumidoras vulnerables.
  4. Instar ás entidades bancarias a non cobrar comisións aos pensionistas e a darlles información adecuada sobre os seus servizos e produtos.
  5. Instar á Xunta de Galicia a desenvolver as súas competencias exclusivas en materia de consumo, impulsando, ao abeiro do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, campañas colectivas de reclamacións bancarias, información ás persoas consumidoras e estudos propios sobre a vulneración dos seus dereitos.
  6. Trasladar o presente Acordo ao Banco de España, á Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia e ao conxunto das entidades bancarias que operan no Concello de Ribadumia.

Dende a nosa formación temos confianza en que o resto de forzas políticas representadas no pleno apoien a nosa proposta que vai en beneficio de toda a veciñanza de Ribadumia

David Castro cede ante a oposición e da explicacións parciais e confusas nun pleno alongado intencionadamente.

  • David Castro admite que lle oculta e bloquea o acceso á información á oposición de maneira intencionada.
  • Recoñeceu que se negou a aceptar a cesión de 250 m de vía, perdendo así 529.000 €.
  • David Castro négase a cumprir o seu compromiso co Umia e seguirá adiante co proxecto, aínda que non aclarou cando se licitará nin como se vai pagar.
  • Documentos sen asinar, compras que nunca existiron, proxectos con datos falseados, e outras incoherencias no relato de David Castro, que alongou o pleno intencionadamente co obxectivo de crear confusión.

  No pleno celebrado este venres, Enrique Oubiña logrou, logo de medio cento de preguntas, que David Castro aclarara en certa medida que había pasado co suposto proxecto da contorna do CPI, e tamén que se confirmara que 529.000 € perdéronse polo capricho do alcalde, que se nega a aceptar a cesión de 250 m de vía en pleno centro urbano de Barrantes.

   De inicio, tal e como dende Somos Ribadumia tiñamos previsto e o noso propio voceiro augurara en redes dous días antes, David Castro, que se viu forzado a estar presente pola presión pública, escudouse detrás dos técnicos para evitar render contas nos dous primeiros puntos da orde do día, onde se lle solicitaba que aclarara cal é o proxecto e o que se pretende realizar nesa zona de Barrantes, e aclarara todo o proceso que levou á perda de subvencións. “So nos quedou claro que David Castro entende que sobre as vías da Deputación ten dereito de uso naqueles casos que el considere, e que no resto non, e que no canto de resolver o problema de cesión de 250 metros de vía que bloquearon o acceso as axudas, vai gastar os cartos da nosa veciñanza en avogados e tribunais”.

  David Castro confirmou, e reafirmouse nelo, que lle oculta información e bloquea o aceso á documentación de maneira intencionada á oposición , segundo el porque Enrique Oubiña a é capaz de bloquear a concesión de subvencións presentadas na Deputación ou noutra administración, dando a entender que o noso voceiro ten máis capacidade de conseguir cousas noutras administracións que o propio alcalde. “A David Castro, que rematou por corrixir a absurda acusación de que eu poida evitar a concesión de nada,  o que lle preocupa e que se fagan públicas as súas malas xestións, pero iso non o vai conseguir ocultando a información, como demostran  este pleno e todo o vivido con este asunto dende o verán pasado”.

   David Castro confirmou que as axudas perdéronse por non ter a titularidade da vía, co argumento dun suposto dereito de uso, co cal pretende ir ao xulgado. Tanto Oubiña como o socialista Pepe Lede instaron, sen éxito, a David Castro a que tal como a propia Deputación lle propuxo  “aceptara a cesión dese tramo de vía, de so 250 m de longo, como se teñen aceptado outros moitos, recentemente na rúa A Torre de Barrantes, onde o Concello  asumiu un tramo do dobre dese tamaño, cuestión que foi preciso recordarlle tanto a David Castro como á Concelleira de Urbanismo, que nin sequera sabe que vías son municipais e cales non”. En resumo, 529.000 € perdidos polo capricho dun alcalde, que agora engordará a conta de custes en avogados nunha cifra que nin el foi quen de precisar, aínda que  como pagamos os veciños e veciñas e non el do seu peto, si deixou claro que vai gastar “o que faga falta”. O que si se demostrou foi que finalmente o Concello respostou aos requirimentos da Deputación dentro dos prazos establecidos, algo que inicialmente o propio Oubiña, e así o recoñeceu, interpretara, vendo a documentación parcial que inicialmente se dispuxo, que non fora así,  como tamén se demostrou que esa presentación tivo lugar logo de que dende a oposición se fixera público que David Castro non estaba facendo nada por salvar estas axudas económicas.

   David Castro tamén confirmou que os seus compromisos non valen nada. Anteriormente asumiu o compromiso con Umia e ANPA, e tamén en pleno o 1 de xullo de 2021,  de que se un colectivo se amosaba contrario a esa obra, non se realizaría. Pois ben, onte Oubiña expuxo no pleno un acordo asembleario do UMIA C.F. onde se acordou opoñerse a ese proxecto, polos prexuízos que tería para esa entidade. Preguntado directamente se cumpriría o seu compromiso, David Castro deixou claro que non, e que estaba disposto a desenvolver ese proxecto sen ter en conta a ese colectivo, porque “eu non estiven nesa asemblea” e dando a entender que o acordo tomado polos socios desa entidade para el non vale nada.

   O que non quedou claro e cal vai a ser o proxecto que se realice. Porque o que se presentou ao plan Ágora non é o mesmo, confirmado polo propio alcalde, que o ReacPon, aínda que ante a evidencia das incongruencias no relato e nos feitos admitiuse que eran proxectos complementarios. E ningún dos dous proxectos presetnados ante a Deputación teñen nada que ver co proxecto que o goberno comprometeu e que segue disposto a desenvolver segundo se declarou no pleno. Tampouco quedou claro de onde vai saír o financiamento para a execución do proxecto, que no mellor dos casos andará preto do millón de euros, e que o Concello, que é incapaz de facer fronte ao mantemento dos parques do Concello sen epdir axudas a outras administracións, pretendía afrontar con 250.000 €, ao que habería que sumar  a compra dunha propiedade privada e a súa urbanización.

  Houbo mais incongruencias, e Enrique Oubiña sacou á luz documentos moi graves, que comentaremos dun xeito específico nos próximos días. Pero para rematar queremos amosar o noso pesar polas formas, unha vez máis do goberno. A Concelleira de obras, a pesar de que se lle pediu dende a oposición, negouse a facer declaracións e escapou de calquera responsabilidade, ademais de demostrar nas ocasións que dixo algo, oculta  detrás das cámaras e fora de micrófono para que non quedara constancia,   que non ten o máis mínimo coñecemento nin dos procesos que se estiveron debatendo, nin en xeral da situación do Concello no que concirne ao urbanismo, unha das áreas polas que cobra unha liberación. E máis aló disto, hai que lamentar os intentos de David Castro  por crear confusión e buscar que os medios de prensa presentes marcharan, alongando o inicio do pleno primeiro e logo todo o transcurso do  mesmo, que estirou cos seus discursos e mitins de campaña preeelectoral, ata as cinco horas e media.