David Castro ata a reparación dos parques infantís á consecución dunha axuda que aínda non ten.

  • O goberno admite que hai elementos que son un perigo, pero non os repara, á espera dunha subvención que poderá chegar ou non.
  • Anuncia un investimento de 48.000€ en reparacións, cando con Enrique Oubiña se investían menos de 7.000€ ao ano e os parques estaban en perfectas condicións.
  • David Castro rectifica, e logo de desprezar ao colectivo BATA, volve contar con eles para labores de limpeza no rural.

  “David Castro xa non sabe como tapar as súas vergoñas na xestión municipal, ata o punto de que leva anunciado o mesmo banco de pedra xa dúas veces e nin sequera ten os cartos para compralo”. Así reaccionou o noso voceiro Enrique Oubiña ante o comunicado que este fin de semana apareceu na prensa e nas redes do concello, onde o goberno local anunciaba por segunda vez investimentos en reparacións dos parques infantís do concello, e por segunda vez o facía atando ese investimento á consecución dunha liña de axudas da Xunta que aínda non conseguiu.

  Pero mentres agardamos a ver se desta vez David Castro é quen de lograr que lle dean a subvención, os parques levan meses e anos presentando un estado lamentable, que algunhas reparacións puntuais, feitas por pura vergoña, non logran tapar.

   Hai que recordar que mandato anterior a xestión dos parques infantís estaba da man do socialista José Ramón Lede e de Enrique Oubiña, que estableceron unha rutina de mantemento que unha vez asentado e logo de investir en torno a 50.000€  para poñer todo ao día, permitiu que cun investimento mínimo, e cunha partida de só 7.000€ se mantiveran os parques en perfectas condicións todo o ano.

   Toda esa maneira ordenada de traballar pasou á historia, e agora vemos como se acumulan os desgastes das pezas e do caucho, sen que ninguén faga nada, os nenos que sofren feridas polo mal estado dos elementos de xogo, e as queixas continuadas de nais e país. E vemos tamén como se disparan os custes, non sabemos moi ben en que. A partida para estas cuestións subiu no 2021 ata os 30.000€, aos que agora habería que sumar os 48.000€ da axuda solicitada. Isto supón nun ano multiplicar por 10 os investimentos nestes parques, pero os parques do Concello están peor que nunca.

   O preocupante é que David Castro é totalmente coñecedor da súa desidia, ata o punto de emitir un comunicado onde se admite que hai elementos de xogo que supoñen un perigo para as crianzas. Esta maneira de actuar parécenos irresponsable e totalmente inaceptable. Se hai elementos de xogo ou zonas que supoñan un perigo deben repararse de xeito inmediato, e non agardar a ningunha subvención, que  chegará ou non chegará, e que para o caso de que chegue deberá pasar polos tempos do proceso de licitación.

   Para Oubiña, “ que David Castro, con vista as eleccións, vaia fundir unha subvención  no banco máis caro do mundo e nunhas redes non deixa de ser un exemplo máis da simpleza do goberno local que temos, que pensa que a veciñanza é parva. O problema é que mentres el fai campaña con cartos que non ten os parques están nun estado lamentable”.

Pedimos a David Castro que se deixe de andar a marear, e poña solución inmediata ao lamentable e perigoso estado dos parques.

Rectificación do goberno con BATA.

  Por outra banda, dende Somos Ribadumia debemos felicitar a David Castro por rectificar a súa actitude de desprezo cara o colectivo BATA. Hai que recordar que “o equipo de goberno primeiro recortou o convenio con este colectivo á metade, logo non llo renovou e votou en contra dunha moción de Somos Ribadumia para recuperar ese convenio. E logo de todo isto comezou un lento camiño de rectificación, forzado pola súa propia incapacidade  para xestionar como pretendía, recuperando o convenio de maneira parcial, e agora chamando a ese colectivo para realizar labores no rural”.

  Agardamos que David Castro por fin deixe de andar a marear a ese colectivo de persoas, que non por ter autismo merecen menos respecto que as demais, e que recupere o convenio anual que estableceu Enrique Oubiña sendo concelleiro de política social, e que estaba dando resultados moi positivos, permitindo unha mellor integración desas persoas por un lado, e un mellor mantemento das zonas verdes do Concello polo outro.

Presentamos unha moción para que o Goberno elabore un plan de trampeo contra a velutina

  • Ribadumia non conta cun plan municipal de trampeo e loita contra a velutina.
  • As iniciativas de diferentes colectivos, ao carecer de directrices municipais, resultan pouco efectivas.
  • Máis dun cento de trampas valeiras e sen uso colgan das árbores na senda fluvial, e se non se retiran remataran no río, todo un atentado medioambiental.

  “Gondomar ten unha superficie catro veces superior a Ribadumia, pero o ano pasado retirou pouco máis dun cento de niños de velutina, mentres  Ribadumia no mesmo período retirou e liquidou medio millar”. Oubiña refiriuse así na análise da situación da velutina no noso Concello que en Somos Ribadumia abordamos na nosa última xuntanza, toda vez que co fin do inverno abre o período de tempo no que se deben realizar os trampeos para cazar raíñas deste insecto, que son as que dan lugar aos niños.

  Ribadumia non conta cun plan organizado de trampeo contra a velutina, algo esencial na loita contra esta vespa. Iso non quere dicir que non se fagan trampeos, pero os que se veñen realizando nos últimos anos veñen da man da iniciativa de diversos colectivos, a máis recente a colaboración CPI-DomusVi-Proteccion Civil, que co visto bo do Concello, previa foto de rigor, encheu as zonas verdes do concello de trampas artesanais con líquido atraínte. E aquí é onde xorde o problema deste tipo de iniciativas  feitas con moi boa vontade, pero  que sen ter o respaldo dun plan organizado, caen en saco roto. As trampas desta última iniciativa colocáronse e maio do ano pasado, cando a primeira fase do ciclo vital das raíñas, que é cando funcionan os trampeos cuxo obxectivo é limitar o número de raíñas que constrúen niño, xa case tiña rematado, polo que o efecto das trampas quedou moi mitigado. Ademais, ninguén se ocupou de facerlle un seguimento, nin de revisar, limpar e recargar as trampas, polo que un mes despois da súa colocación, o que tiñamos era tres centos, segundo os datos aportados, de botellas de plástico colgadas de polas de árbores, sen ser de utilidade para nada e dando unha pésima imaxe.

  So no tramo ribadumiense da variante espiritual esta semana pasada fotografamos máis de un cento desas trampas, algunhas de anos anteriores, colgadas das árbores e agardando, aparentemente a que o vento remate de romper os cordeis que as sosteñen para ir rematar ao río. A esas hai que sumarlle as colocadas noutras zonas verdes do concello, que tampouco se retiraron.

   En verbas de Oubiña, “o goberno de David Castro debería mirar con máis coidado estas cousas, e retirar esa trampas unha vez cumprida a súa función, a principios do verán, para reutilizalas en anos posteriores ou para reciclar as que xa non teñan utilidade. Deixalas colgadas á súa sorte de partida é unha mostra máis de desidia, pero logo está o impacto medioambiental, e por último a mala imaxe de cara as visitas que percorren as nosas sendas fluviais vendo as árbores con esas botellas cheas de auga e insectos mortos, no mellor dos casos”.

   Á vista da situación, esta semana presentamos unha moción para propor ao pleno que inste ao goberno local á elaboración dun plan de trampeo anual, ben organizado, redactado en base a criterios científicos  onde se definan  as mellores zonas para trampear, o tempo que deben estar, e como se deben controlar., e por suposto  a súa retirada cando  rematen á súa función. Un plan, que se traslade aos distintos colectivos que queiran colaborar nesta loita, para así coordinar as accións e que estas sexan efectivas.

   E pedimos tamén levar esta proposta á Mancomunidade no obxectivo de que amplíe  o traballo do equipo de eliminación de niños e se realicen plans mancomunados de trampeo.

   Por outra banda, non esquecemos a responsabilidade da Xunta de Galicia, polo que pediremos tamén ao pleno instar á Xunta e ás consellerías de medio rural e de medio ambiente á que establezan plans deste tipo, e tamén que doten fondos aos concellos para poder facer fronte a esta loita.

   No obxectivo de que o resto de forzas políticas teñan tempo a revisar a moción, e seguindo a nosa liña de traballo baseado na transparencia e no diálogo, trasladamos a nosa proposta ao resto de partidos da oposición ademais de ao goberno local. Tamén agardamos que para cando chegue o pleno ordinario do mes de marzo, o goberno local teña actuado como mínimo sobre as trampas que ondean ao vento nas zonas públicas.

Mentres, así están as nosas sendas fluviais…

David Castro, incapaz de xestionar o mantemento do Concello, vese obrigado a contratar empresas externas.

  • Unha conversa nas redes sociais destapa que o goberno é incapaz de xestionar o mantemento dos parques e xardíns e debe optar por contratar persoal externo.
  • Por primeira vez o Concello contrata persoal autónomo para tarefas menores de mantemento.
  • Pedimos transparencia, saber a quen e como se está contratando, e en que condicións.

  Unha queixa dunha veciña nas  redes sociais pola xestión dos restos das podas nas zonas públicas, compartida polo noso voceiro, que desembocou nun debate onde unha persoa admitiu estar traballando para o Concello de Ribadumia como autónomo, destapou o penúltimo escándalo da xestión do goberno de David Castro.

   Tal como explica Oubiña, que na maña deste luns presentou un escrito solicitando acceso aos contratos de servizos  realizados con empresas ou traballadores autónomos, tanto os que estean en vigor como os que se poidan ter realizado nos dous últimos anos, “máis aló da queixa por ter deixado un restos de poda atrancando unha beirarúa, un acceso a un parque infantil e á rampa de acceso ao fogar dos maiores, que  non deixa de ser outro exemplo da desidia deste goberno que non se preocupa por como se fan as cousas, está o feito de que o Concello de Ribadumia nunca tivera necesidade de contratar persoal externo para estes servizos – coa salvidade de BATA – que se realizan a través dos equipos temporais ou do propio equipo de xardinería”.

    O Concello de Ribadumia ten hoxe o mesmo número de parques, xardíns e zonas verdes que fai un ano, e que fai dous e que fai cinco. Porén, leva dous anos que o mantemento das mesmas se resinte, en parte debido á supresión do convenio con BATA – remendado despois pero de xeito reducido – , e en parte pola mala xestión dos recursos municipais. Agora comprobamos que esa mala xestión chegou a un punto tal que o goberno local xa non é capaz de facer fronte á organización do traballo e debe contratar autónomos externos ao Concello.  

   Pero ademais da mala xestión dos recursos humanos, está a cuestión da organización dos traballos. Chama moito a atención que unha persoa diga publicamente que está traballando como autónomo para o Concello, que ninguén lle marcou un horario polo que traballa cando a el lle parece, e que ademais o contrataron para unha única función – neste caso podar – sen definirlle nin indicarlle outras pautas – como que facer cos restos de poda -. “Un Concello, e isto xa o dixemos máis veces, non é a horta particular de ninguén. Os traballos deben realizarse  organizadamente, non pode ser que haxa persoas traballando nas instalacións municipais cando lles vai ben, fora dos horarios municipais,  e sen supervisión de ningún tipo. Por non falar de que os traballos en espazos públicos deben estar correctamente sinalizados, e as persoas que os realicen, sexan persoal municipal ou non, deben atender ás obrigas en cuestións de seguridade laboral”.

Falta de transparencia.

   Outra cuestión preocupante  é a maneira na que se realizan esas contratacións de servizos externos. Se xa resulta chamativo que a oposición teñamos que enterarnos polas redes sociais de que se realizan este tipo de contratos, non podemos deixar de preocuparnos pola situación creada no Concello. Desas contratacións externas non sabemos nin cantas se produciron, nin cantas están en vigor, nin para que traballos, nin canto van custarlle as arcas municipais. E sobre todo, temos moitas dúbidas sobre a metodoloxía nas contratacións, que apuntan a que foron realizadas de xeito directo sen pedir orzamentos dos traballos antes, nin seguir ningún tipo de proceso que garantira que calquera empresa do Concello puidera optar a realizar eses traballos.

   Por todo iso pedimos transparencia, e agardamos que desta volta o goberno non bloquee o acceso que solicitamos a toda a documentación deses contratos, porque iso confirmaría que David Castro está usando recursos públicos para contratar empresas amigas.

As axudas económicas da Xunta, en perigo de novo  por outra neglixencia do goberno de David Castro.

  • O goberno local non presentou correctamente o resultado contable do ano 2019 ante o Consello de Contas de Galicia, nin respondeu aos requirimentos desta entidade.
  • Máis de 1 M € de  axudas que proveñen da Xunta de Galicia en perigo de ser bloqueados pola desidia de David Castro.
  • Tamén está requirido polo goberno central por non cumprir os períodos medios de pago.

  Cada vez que dende Somos Ribadumia consultamos a situación do noso concello ante o resto de administracións, levamos unha sorpresa. Tal como explica Enrique Oubiña “Se fai unhas semanas descubríamos que David Castro perdeu case medio millón de euros en dúas liñas da Deputación polas súas chanchulladas e a súa neglixencia, esta semana encontrámonos con que o Consello de Contas de Galicia, o órgano que fiscaliza as contas da administración autonómica e  dos Concellos, declarou a Conta Xeral do ano 2019 do noso concello como “non presentada”, con todas as consecuencias que poida traer para Ribadumia”.

  No seu último informe o Consello de Contas incluíu Ribadumia na lista dos únicos catro Concellos de Galicia cuxas Contas Xerais presentan defectos graves. “É máis, o propio informe deixa claro non so que as contas teñen deficiencias, senón tamén que a pesar de térselle requirido a subsanación das mesmas, David Castro, fiel ao seu estilo, nin subsanou nin respondeu aos requirimentos do Consello de Contas”.

   A sentenza do Consello de Contas é clara, e literalmente di o seguinte:  “A non subsanación destes defectos, pese á petición neste sentido feita polo Consello de Contas aos respectivos contadantes, determina que os mesmos sexan os responsables das posibles consecuencias que poidan producirse para a entidade, xa que a omisión deste trámite implica a consideración de conta non rendida”.

    O feito de considerar a conta como non rendida pode ter consecuencias directas para o noso concello, pois este incumprimento supón o bloqueo das liñas económicas  da Xunta de Galicia, que no caso de Ribadumia superan o millón de euros, e que van dende as axudas para emerxencia social ou SAF, pasando por plans de emprego, apoio ao deporte e a cultura, ata calquera plan anual como o MARCO ou outras liñas de axudas puntuais . “ E David Castro debe pensar como pensou da Deputación que as normas se establecen para os demais e non para el, pero de todas as cousas que se lle pode criticar á Xunta, o incumprimento desta norma non é unha delas, e dende a entrada en vigor do decreto a finais de 2011, varios concellos viron como se lle retiñan os fondos por non cumprir as súas obrigas”.

 Incumpridor ante o goberno central.

   Cabe sinalar que ademais do expresado, o goberno local tamén figura na lista de Concellos que non cumpriron co período medio de pago a proveedores. Este incumprimento, motivado por “superar os días medios de pago global a proveedores superior a trinta días segundo a información suministrada ao Ministerio de Facenda  e publicada, correspondente a algún dos meses de decembro de 2020, marzo ou xuño de 2021, e referido só a eses meses”, e que pode rematar por obrigar ao concello a elaborar un plan de axuste, supón un exemplo máis do inexistente control do goberno local sobre as contas municipais e os funcionamentos administrativos, e iso tento en conta de que unha das tres liberacións do noso concello correspóndenlle precisamente a Concelleira de Contas , Pilar Martínez.

   Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados pola actitude de deixadez e desidia do goberno local, que xa nos levou a perder importantes axudas económicas e que ainda que os fondos directos non se perden, si pon en risco o cumprimento do orzamento do noso concello e dispor dos fondos para facer fronte a cousas imprescindibles como a emerxencia social, a axuda no fogar, así como as nóminas de varias traballadoras do concello, e pode supor perder outros investimentos non menos importantes por ser expulsados das convocatorias por non cumprir os requisitos.

Pedímoslle a David Castro que asuma as responsabilidades como alcalde e de maneira inmediata  faga as xestións oportunas para solventar estas situacións ante o Consello de Contas e o Goberno Central, e evite males maiores.