Somos Ribadumia considera inadecuada a participación de David Castro na viaxe da semana pasada .

  • David Castro participou na viaxe organizada pola Mancomunidade do Salnés sen comentar nada co representante de Somos Ribadumia, nin dar explicación algunha dos motivos de tal participación, nin do interés que podía ter para Ribadumia .
  • O asistir a esta viaxe puxo en perigo a aprobación do resultado contable do ano 2016 no pleno do pasado xoves.
  • Somos Ribadumia solicitará a Tino Cordal que pida explicacións por este tipo de viaxes no seo da mancomunidade.

   A Comisón Executiva de Somos Ribadumia, organo responsable do traballo diario da plataforma e que vela pola correcta xestión do pacto de goberno, consideramos, logo de ter coñecemento de que David Castro participou nunha viaxe organizada pola Mancomunidade do Salnés a Francia, que a súa participación nesta viaxe foi innecesaria e inadecuada.

Mancomunidade Salnés Francia /

Foto da viaxe recollida polo Diario de Arousa

  O concelleiro de Somos Ribadumia, Enrique Oubiña informou  a semana pasada á  Comisión Executiva de que o alcalde non participaría no pleno do xoves por estar no estranxeiro, pero non puido aportar máis motivos pois descoñecía os detalles de tal ausencia, considerando que se trataba dunha cuestión persoal.  Máis adiante, pudose saber que en realidade o alcalde estaba participando nunha viaxe institucional, pero os detalles de tal viaxe, o propio concelleiro admite que os coñeceu pola prensa.

   Dende Somos Ribadumia non nos opoñemos as cuestións institucionais e a estar presentes onde sexa necesario para os intereses de Ribadumia, e recoñecemos a figura do alcalde como máximo representante do noso concello. Pero este tipo de cuestións deben estar consensuadas, definidas e claramente xustificadas.

   Por ese motivo cremos que esta maneira de actuar, de costas os socios de goberno non é adecuada. E menos vendo que a viaxe, cando menos  discutible en canto o que puidera resultar de interesante para o noso concello, non foi en realidade máis que unha operación, pagada con fondos públicos,  do señor Duran para estreitar lazos con  cargos e forzas políticas concretas.

d

Titular do Faro de Vigo do pasado domingo

  O máis grave desta situación, da que o alcalde, a pesares de voltar o domingo non aportou explicación algunha ata onte (martes) ó mediodía, foi a posición delicada na que quedou o equipo de goberno no pasado pleno municipal, celebrado o xoves e onde entre outros temas, se incluía a aprobación do resultado contable do ano 2016 e o plan económico financeiro requirido polo estado debido a un desaxuste contable, asuntos vitais para o desenvolvemento  da vida municipal.  A situación derivada da ausencia do alcalde provocou que se tivera que aprobar a conta co voto de calidade da alcaldesa en funcións, pois o PP votou en contra provocando un empate na votación. Se por calquera motivo un dos concelleiros ou concelleiras do equipo de goberno non puidese asistir a este pleno, o resultado contable non sería aprobado, e iso podería ter consecuencias negativas  para o concello, pois a aprobación das contas é necesaria para cuestións  tan importantes como a consecución de subvencións e fondos outras administracións.

  Polo que respecta á viaxe, dende somos Ribadumia solicitaremos ó noso homologo cambadés, Tino Cordal, que no seo da mancomunidade pida explicacións e plantexe as medidas oportunas para controlar este tipo de viaxes e os seus custos, e evitar que cando se organice un evento deste tipo, se deturpe a súa función transformando unha viaxe institucional nunha viaxe orientada a atender intereses políticos concretos, deixando de lado o interés  real para os nosos concellos.

  Somos Ribadumia aproveitamos para recordar que nos presentamos as pasadas eleccións cuns obxectivos moi concretos, e asinamos no seu momento un pacto de goberno moi esixente en moitas cuestións, e cunha serie de medidas concretas que tomar e de cuestións éticas e de transparencia que deben respectarse. O feito de asinar ese pacto levou a David Castro a ser alcalde co noso apoio, e a Somos Ribadumia a formar parte do equipo de goberno, pero nin perdemos a nosa identidade como forza política, nin a nosa independencia para tomar as decisións que consideremos oportunas. Neste momento  algunhas das medidas previstas no pacto acumulan demasiado retraso,  ademais de que certas inxerencias están desvirtuando  e entorpecendo o bo traballo do equipo de goberno. Consideramos, así pois,  que debe centrarse na súa labor de cumprimento do pacto, por que no caso contrario este perdería o seu efecto e a súa razón de ser, invalidando todos os acordos tomados.

 

Charla informativa da plataforma en defensa da sanidade pública do Salnés.

charla sanidade pública

 

   Este venres 20 de outubro, as 20:30 da tarde, terá lugar no salón de plenos do Concello de Ribadumia unha charla pública organizada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés, na cal abordaran e explicaran as consecuencias da nova lei sanitaria que o PP pretende sacar adiante e que conlevaría, entre outras cuestións, a supresión da área sanitaria do salnés, relegandonos a ser un satelite do hospital de Pontevedra e provocando unha merma moi importante da calidade na asistencia sanitaria que recibimos.

  Dende Somos Ribadumia estamos preocupados por esta cuestión, pois os nosos veciños e veciñas vanse ver afectados nalgo que é primordial no seu día a día, como é recibir unha atención sanitaria pública,  de calidade, con medios e con prazos adecuados. Por ese motivo animamos a toda a cidadanía a asistir a esta charla, onde membros da plataforma aportarán toda a información necesaria para entender o que esta acontecendo e por que é tan importante parar a aprobación  desta  lei.

En marcha un obradoiro de defensa persoal orientado a mulleres.

  O departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribadumia ven de informar de que o CIM de O Salnés organizará a III edición do Curso de defensa persoal, nesta ocasión terá lugar no noso municipio, a partir do luns 9 de Outubro.

 22046533_717325151811001_8558058769409958632_n Esta actividade, xa nas anteriores edicións do curso, levadas a cabo nos Concellos de Cambados e Meis, obtivo un gran éxito de asistencia, dada a importancia que ten saber defenderse en situacións de ataque.

 Nesta ocasión, será o pavillón de Barrantes o que acolla o III Curso de defensa persoal ó longo de 12 horas, repartido en varios días en horario de tarde de 19.00 a 21.00 horas.

 Un policía, especializado en defensa persoal, será o encargado de dirixir e mostrar de maneira práctica como con movementos de evasión, ataque e obxectos de uso diario como por exemplo un bolígrafo ou un paraugas, podemos defendernos nunha situación de perigo ante un agresor.

Resulta moi interesante saber os múltiples usos que se lle poden facer a obxectos cotiáns que pode levar calquera muller na rúa, e empregalos para a autodefensa.

O curso está dirixido ás mulleres en xeral e a usuarias do CIM que desexen aprender estas técnicas de defensa, dada a desventaxa que ten o colectivo da muller frente ó home neste aspecto.

Xa está aberto o prazo de inscricións, totalmente gratuíto e con prazas ilimitadas.

As persoas interesadas deben dirixirse ó CIM de O Salnés a través do teléfono 622098721  ou no  mail axente.igualdade@osalnes.com.

   Enrique Oubiña, Concelleiro de Servizos Sociais explicaba na tarde de onte que “este tipo de actividades resultan moi interesantes como parte do continuado traballo que debemos realizar dende as entidades na prevención e na loita contra a violencia de xénero. O CIM está facendo neste aspecto unha importante labor, a través da cal se organizan iniciativas como esta e outras moitas que levan a cabo, e debemos seguir nesta liña.” 

Adxudicadas obras de mellora no polígono por valor de máis de 183.000 €

  •   A oferta que maior puntuación obtivo das 15 presentadas nas obras do Polígono presenta unha redución de 18.120,43€ no prezo de licitación, unha redución de prazo de 50 días e a realización das melloras valoradas en 28.890,00€. O Concello de Cambados tamén licita as obras do Parque Infantil de Beleco por importe de 35.000€.

Enrique Oubiña  participou na mesa de contratación na súa calidade de Concelleiro de Obras .

Os Concellos de Ribadumia e Cambados  veñen de adxudicar as obras de dotación de Infraestruturas no Polígono Industrial do Salnés. Para esta obra cun importe de licitación inicial de 172.740,00€ presentáronse un total de 15 empresas, sendo, logo do proxeso de valoración,  proposta pola mesa de contratación a oferta presentada pola mercantil Marconsa, que foi a que maior puntuación obtivo das 15 ofertas presentadas.

 

   Esta oferta  que propón unha redución de 18.120,43€ no prezo de licitación, unha redución de prazo de 50 días na execución das obras e a realización das melloras valoradas en 28.890,00€ que son a instalación dun xardín nun talude do Polígono de Ribadumia, e a instalación de dúas pantallas dixitais de 4×2 metros en Ribadumia e Cambados, para dar información e anunciar as empresas instaladas no polígono, como mellora dos totem proxectados.

  Os concello de  Ribadumia e Cambados de maneira coordinada e conxunta, decidiron unha vez máis aproveitar os recursos procedentes da convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria para levar a cabo a dotación de determinadas infraestruturas dentro da área industrial de O Salnés, co obxecto de mellorar o entorno industrial, favorecendo o desenvolvemento do traballo e a implantación das empresas. A razón pola que os dous concellos deciden acollerse aos beneficios desta convocatoria, fundaméntanse en que as zonas industriais dos dous concellos forman na realidade unha area industrial conxunta e que as obras que se proxectan manteñen unha continuidade entre as zonas que pertencen aos dous concellos.

  Na zona do entorno industrial correspondente ao Concello de Ribadumia, que este ano cargara coa maior parte da inversión, é preciso a dotación de novas beirarrúas, así como a limpeza e construción dunha senda peonil a carón da estrada PO-300 que limita con ambos polígonos. Ademais, tamén se vai realizar a mellora na pintura dos viais e na indicación das empresas implantadas no polígono, así como a colocación de biondas de protección en dous viais con risco de caídas de vehículos.  Na parte do Polígono que corresponde ao Concello de Cambados hai unha evidente necesidade de pintado dos viais e de sinalización das rúas do polígono así como da sinalización das empresas implantadas no mesmo. Ademais preténdese a preparación e asfaltado dunha zona de aparcamento na parcela onde está situado o viveiro de empresas.

Con estas obras mellorase sensiblemente o entorno industrial, mellorando a información e sinalización do parque empresarial de O Salnés, favorecendo o desenvolvemento industrial da zona.