En marcha un obradoiro de defensa persoal orientado a mulleres.
O departamento de Servizos Sociais do Concello de Ribadumia ven de informar de que o CIM de O Salnés organizará a III edición do Curso de defensa persoal, nesta ocasión terá lugar no noso municipio, a partir do luns 9 de Outubro.
Esta actividade, xa nas anteriores edicións do curso, levadas a cabo nos Concellos de Cambados e Meis, obtivo un gran éxito de asistencia, dada a importancia que ten saber defenderse en situacións de ataque.
Nesta ocasión, será o pavillón de Barrantes o que acolla o III Curso de defensa persoal ó longo de 12 horas, repartido en varios días en horario de tarde de 19.00 a 21.00 horas.
Un policía, especializado en defensa persoal, será o encargado de dirixir e mostrar de maneira práctica como con movementos de evasión, ataque e obxectos de uso diario como por exemplo un bolígrafo ou un paraugas, podemos defendernos nunha situación de perigo ante un agresor.
Resulta moi interesante saber os múltiples usos que se lle poden facer a obxectos cotiáns que pode levar calquera muller na rúa, e empregalos para a autodefensa.
O curso está dirixido ás mulleres en xeral e a usuarias do CIM que desexen aprender estas técnicas de defensa, dada a desventaxa que ten o colectivo da muller frente ó home neste aspecto.
Xa está aberto o prazo de inscricións, totalmente gratuíto e con prazas ilimitadas.
As persoas interesadas deben dirixirse ó CIM de O Salnés a través do teléfono 622098721 ou no mail axente.igualdade@osalnes.com.
Enrique Oubiña, Concelleiro de Servizos Sociais explicaba na tarde de onte que “este tipo de actividades resultan moi interesantes como parte do continuado traballo que debemos realizar dende as entidades na prevención e na loita contra a violencia de xénero. O CIM está facendo neste aspecto unha importante labor, a través da cal se organizan iniciativas como esta e outras moitas que levan a cabo, e debemos seguir nesta liña.”