O Concello de Ribadumia ultima a posta en funcionamento da nova rede wifi pública para Barrantes.

   O Concello de Ribadumia informa de que está a piques de rematar a última fase do proxecto de instalación dunha nova conexión á internet pública no núcleo urbano de Barrantes. Os traballos sobre o terreo, que daban comezo os pasados días, esperan rematarse en breve -se non xurde ningún imprevisto-, polo que a nova conexión podería estar en funcionamento para inicios de setembro.

   Na última fase do proxecto, que ten un custe de algo máis de 20.000€, foi preciso que unha empresa do sector se fixera  cargo dos traballos, recollendo a testemuña dos alumnos e alumnas do Obradoiro Tecnolóxico do Salnés. A compañía  atópase xa instalando radioenlaces entre a zona de Treviscoso e o campo de fútbol de A Bouza, onde está situado o punto de partida do sinal principal que permitirá a conexión sen fíos á Internet. Despois, será a Mancomunidade do Salnés a encargada de subministrar os megas precisos para poñer a rede en funcionamento, cun programa en conxunto que, polo momento, reúne aos concellos de Vilanova, Meis e Ribadumia.

   Con este proxecto, que se iniciaba o pasado ano, o Concello pretende solucionar os problemas da rede instalada en 2007 -que fallaba debido ao deterioro dos repetidores, cuxa reposición era inviable-, e ofrecer aos veciños e veciñas un acceso á Internet moito máis rápido e con menos problemas de conectividade.

   Para Enrique Oubiña, concelleiro de urbanismo, ” hoxe en día xa hai moitas xestións administrativas que se realizan a través de internet, algo que vai ir a máis en pouco tempo. Ademais, a busca activa de emprego actualmente  xa  se realiza case exclusivamente a través de redes como pode ser linkedin, e outros portais de emprego tipo infojobs, etc,  polo que o acceso a internet é un servizo case imprescindible, e polo tanto compre que se dispoñan  redes de acceso público, sobre todo tendo en conta os sectores da sociedade máis desfavorecidos. Medidas como as que estamos tomando en Ribadumia van permitir democratizar o acceso a internet.”

Somos Ribadumia e outras plataformas municipalistas do Salnés piden a dimisión do Conselleiro de Sanidade

39207007_2205827946098861_1801526458963722240_n   Esta mañá os representantes de Somos Ribadumia, Somos Cambados, Somos En Marea Sanxenxo, Gañemos Vilanova e Somos Maioría Vilagarcía presentaron unha moción conxunta para esixir responsabilidades pola dramática situación que atravesa o servizo de Atención Primaria e os PACs do Salnés.

  Durante o acto os diferentes representantes deron un repaso a situación que se vive en cada concello, e mostraron a súa preocupación por todos eses problemas que se deben, tal como explicaba o concelleiro de Sanidade de Cambados Tino Cordal, “non a falta de recursos, se non á mala previsión e xestión das áreas sanitarias, que ten a súa orixe na política sanitaria do Partido Popular, orientada ó desmantelamento do servizo público de sanidade, para favorecer a súa privatización”.

446627799_251862  Por ese motivo, a moción presentada polas cinco forzas pide a dimisión do conselleiro de Sanidade, do xerente do Sergas e do xerente do EOXI Pontevedra-Salnés, o consideralos, en palabras do voceiro de Somos Ribadumia Enrique Oubiña,  “os máximos responsables desta nefasta xestión, que están xogando coas vidas das nosas veciñas e veciños.” 

 

  A importancia de reclamar por escrito.

  Enrique Oubiña aproveitou para insistir na importancia de realizar reclamacións por escrito nos centros de saúde, PACs e hospitais, “pois se  non hai reclamacións formais o Partido Popular negará a existencia do problema. E non podemos permitir que  Feijoo mire para outro lado mentres a súa política de recortes provoca todo tipo de problemas e por desgracia, como no caso do acontecido en A Estrada, mortes”.

 

Ribadumia e Cambados presentan o proxecto de Dotación de Infraestruturas no Polígono Industrial do Salnés

  • O orzamento do proxecto ascende a 100.743,55€, correspondendo un 42,02% a Cambados e un 57,98% ao Concello de Ribadumia.
  • O Concello de Ribadumia vai ser o encargado da licitación que xa foi remitido ao portal de contratación da Xunta de Galicia para a súa publicación.

IMG-20180813-WA0017
O Concello de Ribadumia e o de Cambados veñen de presentar o proxecto de Dotación de Infraestruturas no Polígono Industrial do Salnés. Ao Proxecto foille concedido unha axuda por concorrencia competitiva estando subvencionadas ao 95% con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018.

Os concellos de Ribadumia e Cambados, de maneira coordinada e conxunta, decidiron aproveitar os recursos procedentes da convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para levar a cabo a dotación de determinadas infraestruturas dentro da área industrial de O Salnés, co obxecto de mellorar o entorno industrial, favorecendo o desenvolvemento do traballo e a implantación das empresas. A razón pola que os dous concellos deciden acollerse aos beneficios desta convocatoria fundaméntanse en que as zonas industriais dos dous concellos forman na realidade unha area industrial conxunta e que as obras que se proxectan manteñen unha continuidade entre as zonas que pertencen aos dous concellos. O importe do custe do proxecto é de 100.743,55 € e o prazo previsto de execución das mesmas é de 6 semanas, unha vez que remate o proceso de licitación.

Mellora do entorno industrial.
O obxecto do presente proxecto é o de definir as obras a realizar para a mellora das infraestruturas do conxunto do Polígono Industrial do Salnés. Nas rúas principais dos polígonos hai un elevado deterioro da capa de rodadura, polo que se pretende a aplicación dunha capa de microaglomerado en frío para a súa conservación, mellorando as características de textura superficial e resistencia ao deslizamento. Posteriormente ao pavimentado procederase ao novo pintado das vías.

Por outra parte, na zona do entorno industrial correspondente ao Concello de Ribadumia, é preciso A construción de varios tramos de novas beirarrúas, así como a pavimentación de dúas zonas para aparcamentos na rúa da horta e construción dunha cuneta e unha bionda de protección, para evitar o risco de caídas de vehículos nunha zona do polígono. Ademais da pintura, colocarase un cartel tipo TOTEM de información en cada polígono.

Con estas obras mellorase sensiblemente o entorno industrial, mellorando a información e sinalización do parque empresarial de O Salnés, favorecendo o desenvolvemento industrial da zona.

Tendo en conta que os traballos efectuaranse nos viais do Polígono, veranse afectados os accesos as naves industriais. A organización do traballo farase de maneira parcial, afectando soamente a un marxe do vial e mantendo a posibilidade de circulación polo resto do vial, coa sinalización adecuada. En ningún caso se producirá o corte total do acceso a os viais do polígono. Non se afecta ningún tipo de liña de telefonía nin de electricidade.

O equipo de goberno entrega as reclamacións presentadas polos veciños e veciñas do municipio para protestar fronte á situación do Centro de Saúde

DSC_0038Membros do Equipo de Goberno, achegaron onte ao Centro de Saúde case 200 novas reclamacións, que se suman ás máis de 100 entregadas os pasados días.

Estas reclamacións veñen a denunciar a situación que, dende o pasado 16 de xullo, está a vivir o Centro de Saúde. E é que só unha facultativa pasaba consulta debido á falta de contratación de persoal substituto que cubrira aos médicos que desfrutan das súas correspondentes vacacións. Onte mesmo, as citas continuaban a presentar unha importante demora, que se corrixía hoxe de xeito temporal coa contratación dun médico durante os días 13,17,21 e 29 deste mes,  tras a presión exercida polas reclamacións dos veciños e veciñas.

  Non obstante, dende o goberno consideran que esta medida non solucionará o problema, sobre todo tendo en conta a ponte da vindeira semana, que podería incrementar substancialmente as necesidades asistenciais no municipio. Por iso, faise un novo chamamento para que os/afectados/as continúen presentando as súas queixas mediante as follas de reclamación que poden atopar tanto no centro como nas farmacias e na Casa Consistorial. Seguirase a ofrecer tamén a información e asesoramento legal a quen puidese atoparse nunha situación de desatención médica.

Dobre vara de medir do xerente do EOXI.

   O pasado 26 de xullo, ademais, o Concello enviou un escrito ao xerente da EOXI de Pontevedra-Salnés, José Ramón Gómez Fernández, para esixir que se busque unha solución rápida e efectiva á situación de desatención, así como para pedir a información pertinente sobre o que está a acontecer, escrito que non foi respondido aínda. A pesar de non contestar as demandas do Concello, o responsable destas áreas sanitarias si se reunía coa portavoz do Partido Popular de Ribadumia, Salomé Peña. Para Enrique Oubiña, concelleiro de sanidade “obviamente Salome Peña pode reunirse con quen considere, pero resulta extraño  o movemento con evidente caracter político por parte do xerente, ao non dignarse contestar os nosos requerimentos  e si os do partido da oposición”

   Logo desa xuntanza , tanto Salomé Peña como o Sergas informaban da imposibilidade de cubrir as baixas médicas debido á falta de persoal, declaracións desmentidas no mesmo día  coa contratación temporal dun facultativo para cubrir eses catro días arriba referidos. Por outra banda, ambas partes desviaron  o foco de atención cara unha posible reforma do centro de saúde  e a falta de mantemento das súas instalacións, competencia exclusiva do Sergas e non do Concello como apuntou Salomé Peña, en lugar de tratar de resolver o asunto que neste momento é máis urxente e que afecta directamente á saúde e ao día a día das veciñas e veciños de Ribadumia.

   Para Enrique Oubiña “é evidente que o PP de Ribadumia  defende os argumentos do Sergas: falta de persoal e  medios, situación puntual…. Pero esquece a señora Peña que a sanidade é un dereito, non un capricho, e se non hai medios é por que o goberno da Xunta de Galicia en mans do señor Feijoo o quere así.  O PP esta xogando coa saúde das persoas, e iso é inadmisible. A señora Peña ten que decidir se está do lado dos seus veciños ou do lado do seu partido, inda que  polo que parece  xa tomou esa decisión.”

22195623_1151958611615192_3571409697900012185_n

Enrique Oubiña e Luis Villares, voceiro de En Marea, nunha das marchas en defensa da sanidade pública e en contra da reforma da Lei de Sanidade.