O Concello de Ribadumia denuncia a falta de persoal médico no Centro de Saúde

IMG_20150708_095220 O Concello de Ribadumia quere por de relevancia a situación de desatención que está a sufrir o Centro de Saúde do municipio, por mor da falta de substitutos para o persoal ausente.

Continuando coa política de recortes sanitarios que o Partido Popular está a levar a cabo e que afectan xa a toda a comarca, o Sergas acomete agora o desmantelamento do Centro de Saúde de Ribadumia. E é que dende o pasado 16 de xullo, só unha facultativa está a pasar consulta neste centro, o que supón unha importante demora na atención aos pacientes. Este feito prodúcese pola falta de contratación de persoal para substituír aos médicos que desfrutan das súas correspondentes vacacións, situación que, segundo a información facilitada a este Concello, continuará durante todo o mes de agosto.

As actuais circunstancias están a supoñer xa graves consecuencias, como a total sobrecarga na axenda dos facultativos cos que, a día de hoxe, non é posible concertar cita ata o 3 de agosto nun caso e ata o mes de setembro no outro.  Así mesmo, a doutora que se atope traballando en cada período debe atender cada día as súas propias consultas e as derivadas da axenda da súa compañeira, así como as visitas domiciliarias e urxencias dun total de máis de 3000 pacientes. Unha taxa, por certo, moi superior ao desexable (aínda entre as dúas facultativas que normalmente atenden este servizo), e que supera a razón existente noutros centros da comarca, situada entre 1.000 e 1.200 usuarios por doutor.

Con todos estes datos, queda clara a desatención á que se está vendo sometida a poboación de Ribadumia, que se atopa incluso en perigo de quedar sen atención médica no caso de que se produza unha urxencia e o persoal sanitario se atope, por exemplo, nun traslado en ambulancia ou nunha visita domiciliaria, ao que se sumaria o feito de que non poderían acudir ao Servizo de Urxencias de Cambados ata as 15:00 horas, cando este entra en funcionamento.

Entendendo que a atención sanitaria á que todos os veciños e veciñas de Ribadumia teñen dereito se está a ver comprometida, e partindo de que a administración local non posúe competencias neste eido, o Concello tomará as medidas que estean na súa man para rematar con esta situación:  en primeiro lugar, será remitido un escrito esixindo a inmediata substitución do facultativo ausente -independentemente do motivo da ausencia- ao xerente da EOXI de Pontevedra-Salnés; así mesmo, solicitarase aos responsables destas áreas sanitarias que remitan ao Concello o protocolo que os pacientes deben seguir en caso de non ser atendidos, xa sexa por sobrecarga asistencial en cada momento ou por ausencia do persoal facultativo no centro. Finalmente, informarase aos usuarios e usuarias do Centro de Saúde das medidas que poden tomar no caso de atoparse nunha situación de desatención médica, facilitándolles ademais o asesoramento legal que precisen, a través dos medios municipais dispoñibles.

Enrique Oubiña explicaba esta mañá que “está non será a primeira vez que nos teñamos que dirixir ó Sergas por estas cuestións. E non será a última, por que o PP ten uns intereses que nada teñen que ver con manter un bo servizo sanitario, como xa advertimos no seu momento cando nos manifestamos  contra a reforma da lei sanitaria. Agora pagamos as consecuencias desa decisión de Feijoo e compañia, e a cousa vaise poñer peor, como xa estamos vendo con exemplos como a retirada do pediatra do noso centro de saúde.”

Pero, onde está Salome Peña?

Dende Somos Ribadumia sumamonos as criticas verquidas polo equipo de goberno cara o Partido Popular de Ribadumia polo seu abandono ós veciños de Ribadumia. Resalta Oubiña “esta completa irresponsabilidade por parte do PP local. Para  calquera cuestión que teña como referente á Deputación, por ridícula que sexa, Salomé e Luís  montan un espectáculo. Pero agora que temos unha situación que supón un prexuicio importante para os nosos veciños, e un recorte dos seus dereitos, permanecen desaparecidos do mapa.”

Enrique Oubiña a Salomé Peña sobre as políticas municipais de emerxencia social: “Nos ainda non tivemos que pedirlle mantas  ós veciños como vostede”.

IMG_20180719_095353_722Como Concelleiro de Servizos Sociais, e ante o despropósito de comunicado de prensa do Partido Popular que saiu publicado nalgún medio de prensa o pasado sábado, gustaríame facer algunhas aclaracións:

  • A primeira é que como concelleiro estou moi orgulloso de que a partida destinada a emerxencia social non se gaste na súa totalidade. Ogalla non gastaramos un solo euro desa partida. Hai un motivo para iso, un bo e positivo motivo.
  • Gustarianos non gastar nada en custión de emerxencia social, pero como si nos vemos na obriga de gastar, compre aclarar que eses fondos teñen uns fins moi concretos. Non parece, a vista o comunicado do PP, que Salomé descoñeza eses fins concretos, pero vese que cando falamos da xestión da política social a señora Peña esta noutro país, ou quizais noutro momento político, eu diría que preconstitucional. Ou quizais durante o seu mandato os cartos se gastaban por gastar. Os fins concretos da partida económica “emerxencia social”, xa o di o seu nome, solo poden estar destinados a cuestións de máxima urxencia, como pode ser unha axuda para alimentos nun momento determinado, ou aboar un recibo de alugueiro ou hipoteca para evitar un deshaucio. Para outras cuestión menos urxentes existen outras liñas de axuda, bonificacións,becas, etc, que a señora Peña parece esquecer.
  • En Ribadumia aténdense todos os casos de emerxencia social que pasan polo concello, e incluso aqueles dos que temos coñecemento, pero por pudor ou outra circunstancia non se achegan os servizos sociocomunitarios, son atendidos igualmente, dun xeito moito máis discreto. Polo tanto, pouco importa se a partida se gasta na súa totalidade ou non, mentres todo o mundo sexa atendido. O grave sería que non houbera partida suficiente, pero iso nin pasou nin vai pasar con nos no goberno. De feito, a boa xestion que estamos facendo dende os servizos sociocomunitarios favorece a redución de familias en situación límite, algo que debería alegrar ó PP, pero xa vemos que non.
  • Hai que por de relevancia que a xestión das partidas  de emerxencia social, non a fan os políticos, se non os responsables técnicos da área de servizos sociais do Concello. Sobre eles, que xa estaban no concello co goberno anterior, anque cos medios moito máis limitados,  hai que dicir que temos o departamento de Servizos Sociais que mellor funciona de toda a comarca do Salnés. Acusarnos de xestionar mal os fondos de emerxencia social significa  acusar ós técnicos de non facer un traballo correcto. E isto é inadmisible, polo que pídolle a Salomé Peña unha rectificación.
  • Estou tan seguro da calidade dos nosos servizos sociocomunitarios que me atrevo a retar á Señora Peña a nomearme unha soa persoa de Ribadumia que tendo necesidade, e acudindo os servizos sociais do Concello, non fora atendida ou non percibira axuda, tendo dereito a ela.
  • Convén recordar que a Señora Peña, durante o seu mandato, nun momento de crise moito maior que o actual, en lugar de destinar máis fondos a combater a pobreza enerxética, montou unha campaña de “recollida de mantas”. Supoño que eso é o que o PP entende por política social, e por xestión dos recursos.
  • No seu día dixen de Salomé Peña quería os veciños de rodillas na porta do concello pedindo por piedade, para poder venderlle o favor de darlle algo que lles corresponde por dereito. Co paso do tempo non me queda máis remedio que reafirmarme nesa postura. Existen por desgracia, moitos políticos dese estilo, que aman as vellas formas caciquís. Non é o meu caso, por eso me esforzo en poñer ó servizo dos profesionais que temos no concello todos os medios que sexan posibles. Gracias a iso, e o seu dilixente traballo, conseguimos reducir nos dous últimos anos o numero de familias en situación límite nun 35%. E gracias a ese traballo, conseguimos reducir os cartos destinados a solventar situación de emerxencia social.
  • Salomé Peña mantiña o departamento de servizos Sociais asfixiado nas dependencias municipais, para poder controlar quen pasaba polo Concello. Da nosa man o departamento dispuxo dun espazo propio, amplo, cómodo e discreto, e iso si é xestionar correctamente unha área municipal.
  • Recórdolle á señora Peña, que a situación límite que viven demasiadas familias, asi como o recorte en dereitos sociais que sufrimos todos, especialmente as familias de clases medias e baixas, débese ás políticas do Partido Popular, que están levando este país á miseria.
  • Queda moito camiño por andar en cuestión de política social. Pero este goberno municipal esta camiñando no sentido correcto.

Para rematar, gustaríame expresar o meu desexo de que a señora Peña deixara de facer campaña dun xeito tan demagóxico. Que alguén que durante tantos anos gobernou non teña máis recursos políticos, non presente propostas concretas, nin se centre nos problemas reais da nosa veciñanza, e se dedique unicamente a enlodar o panorama, mostra unha incapacidade e incompetencia fora de todas as marcas , e eu como político sinto vergoña allea.

Enrique Oubiña. Voceiro de Somos Ribadumia, e  Concelleiro de Servizos Sociais no Concello de Ribadumia.

O programa “Conta Comigo Ribadumia” remata a primeira fase de formación con 24 puntos de seguridade e 8 persoas na rede de acompañamento.

  DSC_0045Ven de clausurarse a primeira fase do programa Conta Comigo, nun acto que reuniu a responsables dos locais adheridos e aos primeiros voluntarios que formarán a rede cidadá de acompañamento.

   Na xuntanza, o concelleiro de Servizos Sociais, Enrique Oubiña,  quixo “agradecer moi especialmente a alta participación e implicación de voluntarios e comerciantes, que superou   amplamente  as primeiras previsións  e permite que teñamos  boas expectativas de cara ó de futuro. Esa implicación  é imprescindible para que este proxecto saia adiante. E gracias a todas estas persoas creamos  unha rede que xa traballa na pevención – unha cuestión primordial – a través da información e da visibilización desta realidade, e  no apoio ás vítimas, que agora poden estar seguras de que terán alguén que as acompañe nos momentos máis complicados.”

   Monica Novas , encargada de impartir parte da formación do programa, aproveitou tamén a ocasión para presentar unha das seccións da páxina contacomigoribadumia.com, na que se recollen xa todos os puntos de seguridade preparados para informar e para acoller a calquera vítima de violencia de xénero que decida achegarse a pedir axuda, así como aqueles que contarán proximamente con este distintivo, á espera de rematar a formación.

   Ademais destes locais, o programa conta xa con varios voluntarios e voluntarias, cos que Ribadumia comeza a tecer unha rede veciñal preparada para o acompañamento das vítimas de violencia de xénero en diversas situacións, como acudir ao xulgado, servir de apoio psicolóxico, actuar como reforzo no intercambio de menores entre proxenitores ou calquera outra circunstancia na que a vítima requira a súa axuda.

  Todos os presentes coincidiron en valorar moi positivamente a experiencia, e consideraron importante a ampliación tanto da rede como da formación. Neste sentido,  Oubiña explicou que “esta é só a primeira fase dun proxecto  máis amplo, que iremos desenvolvendo ó longo dos próximos meses, incorporando pouco a pouco novas voluntarias e voluntarios, así como máis locais adheridos, construíndo unha rede cidadá que se comprometa persoal e socialmente contra os malos tratos e o apoio e solidariedade coas vítimas.” O concelleiro, ademais, sinalou “a importancia destas iniciativas que, aínda que poden non ser visibles a curto prazo, van conformando un futuro máis esperanzador para rematar cunha das grandes lacras da nosa sociedade”.

logo-pto-mediano

Este logo, colocado en lugares visibles dos locais colaboradores así como nos taxis participantes, identifica os puntos de seguridade.

Dende Somos Ribadumia felicitamos ó pleno municipal polo acordo de apoio á escola de música.

O pleno celebrado este xoves incluía entre outros puntos unha moción do PP relativa á escola de música.

  Dita moción, cuns acordos plantexados de xeito enganoso, era un intento evidente do Partido Popular de buscar un enfrontamento entre o equipo de goberno e a Asociación Pro-Escola de Música, que xestiona a escola de música municipal, politizando as necesidades desta entidade, un recurso que o PP ten utilizado noutras ocasións, sempre con animo de buscarlle problemas ó equipo de goberno, nunca de solucionar nada.

mocion

Proposta de acordo presentada polo Partido Popular.

  Cabe dicir que dende Somos Ribadumia comprendemos cal é a situación da escola de música e cales son as súas necesidades, e concordamos con que deben acometerse cambios e melloras. Cónstanos que esta entidade leva anos pedindo unha modificación das condicións económicas do convenio co Concello habida conta do aumento progresivo de alumnos. Pero tal como explicaba esta mañá Enrique Oubiña “xa no 2011, concretamente no pleno de xullo,  lle propuxemos ó PP aumentar a partida para a escola de música, pero Salomé Peña naquel momento, e en varios ó longo da lexislatura rexeitou o que agora pide. Unha postura demagóxica e interesada que no pleno non pasamos por alto.”

  No transcurso do debate o equipo de goberno, ademais de desmentir certas afirmacións do PP relativas a falta de dialogo coa Agrupación Musico-Cultural,  explicou cales eran  as circunstancias que dificultaban aprobar a proposta do Partido Popular tal e como se expoñía. Por unha banda, propoñíase aumentar a partida de axuda pero sen especificar unha cantidade concreta nin a formula para concretar ese aumento. Neste aspecto hai que ter en conta que hai un convenio en vigor e que o PP sempre mantivo a postura de que os convenios bloquearan calquera outro tipo de axuda, unha postura durante o seu mandato provocou que o Club Náutico O Muiño, por exemplo, se quedara fora das axudas municipais. E por outra banda propoñíase que o concello se comprometera a ampliar as instalación da escola de música, sen reparar en que o edificio onde se encontra non é municipal, se non dunha asociación de veciños, coa que existe un convenio en vigor ata o ano 2026.

Tal como explicaba Oubiña esta mañá “o papel aguanta todo e o PP presentou a moción con ánimo de quedar ben coa entidade afectada, pero sen nin sequera reparar en que unha parte do que propoñía non se podía realizar, e o resto tiña que facerse do xeito correcto, que non é sacar a chequera sen máis. Dende a nosa posición entendemos que ante esta trampa que nos puxo o PP non podiamos pensar en cuestións de imaxe política, se non en plantexar solucións razoables. E así o fixemos.

  Con todo isto enriba da mesa, o equipo de goberno, entendemos que moi adecuadamente, propuxo unha modificación nos puntos de acordo da moción, que finalmente foron aprobados por unanimidade, e que propoñían  o seguinte:

  • Que o concello de Ribadumia se comprometa a incrementar a axuda municipal á escola de música de Ribadumia en función dos acordos resultantes da negociación do actual convenio coa Asociación Cultural Pro-escola de Música.
  • Que o concello de Ribadumia se comprometa a iniciar as correspondentes negociacións coa Asociación de Veciños San Andrés de Barrantes co fin de proceder a ampliación das instalacións destinadas a Escola de Música de Ribadumia.
IMG_20180705_210436_537

Proposta de modificación feita polo equipo  ede goberno (Somos Ribadumia, IR e Psoe)

  Para Enrique Oubiña “este acordo é moi positivo porque por un lado unifica o criterio político, evitando a politización e o uso interesado dunha entidade, algo que dende Somos Ribadumia sempre rexeitamos; e por outro establece un acordo público e coas garantías de ser aprobado en pleno, que nos obriga a avanzar nestas cuestións. Agardo que pronto poidamos chegar a acordos que axuden a mellorar as condicións económicas e físicas da escola de música”

   Dende Somos Ribadumia consideramos que se debe felicitar o equipo de goberno pola postura mantida nesta cuestión, buscando acordos para lograr resultados positivos. Tamén hai que felicitar ó Partido Popular por corrixir a súa liña de actuación habitual e escapar do titular fácil, entrando en razón e aceptando uns acordos que eran moi razoables.

  Ademais reafirmámonos no noso recoñecementos e apoio a todas as entidades culturais, sociais e deportivas do noso concello, e nese caso particular á escola de música, que está realizando unha moi  importante labor que non pasamos por alto. Como forza política o noso compromiso é o de axudar a que ese traballo reciba todo o apoio institucional que sexa posible, e niso traballamos.