IR e Psoe están actuando con  deslealdade e falta de ética política, usando de xeito electoralista  a casa consistorial e os recursos municipais.

  • A xuntanza co colexio, ANPA e Umia para falar do suposto proxecto para a zona escolar, foi convocada sen informar ao representante de Somos Ribadumia, que tamén é concelleiro de obras, e polo tanto responsable da área.
  • Dende Somos Ribadumia condenamos este uso interesado e electoralista da casa do concello e dos medios de prensa  e redes sociais municipais, para vender proxectos de xeito partidista en plena campaña electoral.
  • Defendemos a busca de solucións globais e a longo prazo, que resolvan problemas en lugar de movelos de sitio, e por ese motivo no caso do entrono do colexio de Barrantes defendemos a nosa idea de trasladar o campo de A Bouza.

  O venres pasado, xa comezada a campaña electoral,  tivo lugar no casa consistorial unha xuntanza que contou coa presencia das direccións da ANPA, o colexio e o Umia, na que se lles presentou un proxecto que a día de hoxe é puro fume electoralista, pois non conta coa aprobación do goberno,  imprescindible para poder levalo a cabo, salvo unha pequena parte, xa separada do conxunto, licitada e no seu momento presentada publicamente.

Para que quede claro: ese proxecto do que fala o candidato de IR,  NON é un proxecto do equipo de goberno do concello de Ribadumia. É un proxecto defendido por IR e, aparentemente, polo Psoe, pero non conta co    apoio Somos Ribadumia e polo tanto, non pode a día de hoxe levarse a cabo, nin entra en ningunha previsión orzamentaria.

   Esa xuntanza foi un claro exemplo de electoralismo puro do candidato de IR, abusando da súa posición de alcalde para, dende a casa do concello, confundir a eses colectivos xogando e tentar vender un proxecto partidista que está moi lonxe de ser unha realidade, actuando  ao máis puro estilo PP, solo que neste caso contando coa axuda cómplice do Psoe, que debería aclarar se a estas alturas ten xa asinado algún pacto de goberno con IR, e en que condicións.

 Ademais, tivemos constancia de que o representante de IR, abusando tamén da súa calidade de alcalde, encargou un vídeo para promocionar este proxecto. A este respecto presentamos xa un escrito solicitando que se nos informe en base a que motivos se fixo unha encarga dese tipo, o seu custe e quen o  vai pagar e de que maneira.

 Dende Somos Ribadumia lamentamos a  deslealdade de grado maiusculo que supón convocar xuntanzas  deste tipo sen informar nin convidar ao noso representante, pero sobre todo que se faga con interese unicamente electoralista. Como forza que defendemos a ética e a honradez na política,  pedimos a quen accedeu ao goberno gracias ao noso voto un pouco de cordura, de respecto e da humildade da que tanto lle gusta falar ultimamente, e desmarcámonos desta maneira de actuar, que solo pretendía utilizar de xeito interesado a uns colectivos, tentando facelos participes forzosos dun proxecto que  so é fume , pretensión que de todos xeitos resultou infrutuosa á vista do resultado.

Un proxecto coxo e sen consensuar.

  Con respecto ao falado nesa xuntanza, e que  IR e Psoe anuncian usando os medios do concello como se fora unha cuestión do goberno cando é un proxecto sen consenso político nin recursos, solo podemos dicir que a nosa postura mantense igual que a finais do verán pasado, cando lle comunicamos aos nosos socios de goberno que ese proxecto nos xeraba moitas dubidas, en especial polo perigo de poñer unha dársena de autobuses pegada a unha gardería e por crear espazos como aparcadoiros semisoterrados nun concello sen policía local, por non falar do custe de facer tamaño aparcamento para unha trintena escasa de prazas.

  Tal como explicaba Enrique Oubiña , “ao longo dos últimos meses, mantivemos xuntanzas con diferentes colectivos, para ver como vían este proxecto e estudar diferentes opcións. De todas esas xuntanzas, realizadas con todo o respecto cara as partes implicadas,  escoitando e consensuando xurdiu a idea e o proxecto que defendemos dende Somos Ribadumia, e que en lugar de mover os problemas de sitio, elimínaos, e ademais aporta solucións a outros problemas que os nosos socios de goberno non teñen nin idea de como solucionar, como a saturación de tráfico en todo o núcleo, ou falta de espazos habilitados para entidades do concello ou a escola de música, ou a  saturación do campo do Umia e o desgaste acelerado do cespede artifical, que obriga a gastar do peto de todos os veciños e veciñas 200.000 € cada seis ou sete anos, mentres non aportemos outra solución.

 Nos o que non fixemos en ningún caso foi ir por aí vendendo proxectos como se foran cuestións xa decididas no goberno, pois para nos a lealdade política tamén é importante, e seguiremos defendendo a nosa opción, abertos sempre a consensuar e buscar solucións, pero sempre dende o respecto institucional, tanto cos colectivos afectados como co resto de forzas políticas e coa nosa veciñanza.

O que si lle pido a David Castro é que deixe de ofrecerlle, a conta dos cartos de todos,  cafeterías aos clubs deportivos – que xa comeza a dar algo de vergoña allea – e se centre nos problemas que realmente teñen esas entidades, como por exemplo aceptar a nosa proposta orzamentaria de aumentar os fondos que se reparten entre as mesmas, e que el ten bloqueada” .

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s