Somos Ribadumia ante as próximas eleccións estatais e a actual inestabilidade política.

IMG_9482

 Ao igual que outras moitas plataformas cidadás do noso país, Somos Ribadumia nacemos en 2015 para dar acollida a  unha pulsión da cidadanía, que dende o 15M – ou incluso antes – estaba pedindo un cambio nos xeitos de facer política. Dende o primeiro momento definímonos como unha plataforma de ámbito municipal, aberta e transversal, onde todo o mundo que coincida coa nosa visión da política ten cabida sen importar a súa procedencia ou preferencias a hora de votar noutras citas electorais.  Para garantir a nosa independencia acordamos legalizarnos como partido político, anque mantemos a estrutura asemblearia e aberta. Gracias a nosa maneira de actuar, conseguimos conformar un grupo cohesionado, con persoas de distinta procedencia traballando en prol duns obxectivos comúns, un traballo que deu durante a pasada lexislatura onde participamos no goberno municipal, un excelente resultado, logrando avances en cuestións que van dende a transparencia do goberno ata a política social, poñendo ao noso concello de referente en varios eidos.

   Como forza de ámbito municipal, somos conscientes das nosas limitacións políticas, e da necesidade de ter apoios nos parlamentos para poder facer fronte a moitas das dificultades da nosa veciñanza, en especial as derivadas de decisións políticas superiores. Nese aspecto a colaboración, sempre dende o respecto á independencia das partes,  dende o 2016 con En Marea permitiunos que diversos problemas, como os derivados do progresivo desmantelamento da sanidade pública, tiveran eco alí onde podían resolverse. Dende logo en Somos Ribadumia temos moi presentes as deputadas e deputados que viñeron en máis dunha ocasión a preocuparse polos nosos problemas, así como temos presente o silencio, o abandono  mesmo o maltrato ao que nos someten outras forzas políticas, algunhas  con máis representación e ostentando gobernos superiores, como o Partido Popular.

  Poren, nos non somos parte nin estamos integrados en En Marea nin, moito menos, na partición formada por Unidas Podemos e Anova, que no parlamento galego colleron o nome de Grupo Común da Esquerda. Unha cuestión que consideramos importante resaltar, pois a nosa independencia política é a base do noso funcionamento.

  De feito,  dende o noso  punto de vista a evolución de  En Marea dende o seu nacemento, que xa non foi coa formula que dende moitas plataformas desexabamos, foi pouco a pouco camiñando cara unha sorte de despropósito político, acumulando leas internas e escándalos varios, que acabou por provocar a súa fisura. Se a todo isto sumamos o resto do panorama a nivel estatal, o que nos encontramos é que no canto de camiñar cara a unidade da que tanto falan uns e outros actores políticos, camiñamos cara unha división cada vez maior, que ademais está provocada polas loitas de poder político e non por cuestións ideolóxicas. Anque esta división tamén afecta á dereita, o ridículo das forzas progresistas tanto nacionalistas ou galeguistas como as de ideario mais centrista, incapaces no noso pais de chegar simples acordos para concorrer a unhas eleccións forzadas pola irresponsabilidade, agora mesmo roza o surrealismo. debido precisamente a esa división,  retornamos pouco a pouco,  gracias a unhas  forzas que se dicían rupturistas, ao bipartidismo e ao punto no que nos encontrabamos xusto antes do 15M. Con todo, a este respecto, queremos  salientar que esta situación, anque sexa  complexa e en certos aspectos o comportamento dos dirixentes políticos nos parezan  inmaduros, non deixa de formar parte do funcionamento democrático, ao que corenta anos despois do fin da ditadura  aínda parece que nos estamos acostumando, e por iso é moi importante que toda a cidadanía participe activamente a través do voto, apoiando á forza política que consideren que mellor os representa.

    Neste escenario, dende Somos Ribadumia temos claro que o noso camiño segue a ser o que nos marcamos no 2015, definido pola aceptación, o dialogo e a ética política, poñendo sempre as persoas no seu conxunto por enriba dos intereses de partido e dos personalismos. Tamén temos moi claro que a día de hoxe ningunha das forzas que din recoller o espírito do 15M e agrupar ao municipalismo di a verdade nin nos representa nin moito menos fala por nos, nin En Marea que debe decidir como enfrontar o seu futuro logo dos bandazos dados e de abandonar a  súa idea orixinal que era ser espello do municipalismo,  nin moitísimo menos Galicia en Común – Grupo Común da Esquerda –  que en realidade non ten nada de común e menos de galega, e solo é unha marca branca de Unidas Podemos e polo tanto pouco ou nada ten que ver co movemento municipalista.

   Dende Somos Ribadumia queremos anunciar polo tanto  a nosa posición allea a todo o que esta acontecer no ámbito político galego e estatal.

    Traballamos polo ben das persoas que viven no noso concello dende a humildade de ser unha forza local, e nese aspecto seguimos mantendo a vontade de colaborar con outras plataformas municipalistas similares a nos  como vimos facendo a nivel comarcal dende o 2015, asinar pactos puntuais con outras forzas cando sexa necesario polo ben da nosa veciñanza, así como colaborar con aquelas deputadas e deputados que seguen estando ao noso lado e se preocupan polos problemas do noso concello. Pero como forza municipal, e sempre respectando as posicións particulares das persoas que forman parte de Somos Ribadumia, non queremos saber nada do actual circo político.

  Non somos alleos aos retos do futuro máis inmediato, como a loita contra as consecuencias do cambio climático ou unha máis que predicible recesión económica, nin aos actuais: o cada vez maior declive da calidade de vida da maioría social, a perda de dereitos, o desmantelamento progresivo da sanidade, da educación, da industria, de dereitos laborais que conlevan a precarización da vida e paralelamente a caída da natalidade , e tamén a falta de oportunidades  para a xente moza que da como resultado  a emigración. Cuestións  unhas dependentes das decisións de Madrid outras do goberno autonómico,  pero que nos afectan de xeito directo aos concellos. Neste senso, de cara a próximas citas electorais, se ante a falta de forzas nas que confiar temos que buscar opcións para estar presentes nos centros de decisión política, traballaremos – e de feito xa o estamos facendo –   con forzas similares a nos e con movementos sociais, e non desbotamos traballar con outras forzas máis amplas que encaixen a través da súa practica política nos nosos principios, pero sempre dende a igualdade de condicións.

  En calquera caso nos non estamos sometidos as urxencias electorais, nin temos particular presa nin moito menos ambición polas cadeiras ou tan sequera por participar en procesos máis alo do ámbito municipal. O que fagamos será sempre seguindo os nosos principios e as decisións que se tomen en asemblea. Imos ao noso ritmo, non paramos, pero tampouco corremos máis do que nos dan as pernas.

  O noso único obxectivo, que é o único polo que traballamos,  é mellorar a vida das persoas que viven en Ribadumia.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s