Enrique Oubiña logra o compromiso do xerente do EOXI de evitar que o centro de saúde se quede con un so médico.
- A baixa por xubilación da facultativa quedará cuberta no mes de novembro.
- Ata entón, o xerente asumiu o compromiso de manter con médicos desprazados o servizo cuberto, evitando que o centro de saúde volva quedar con un único facultativo.
Esta maña Enrique Oubiña, xunto a outros membros de Somos Ribadumia mantivo unha reunión co Xerente do EOXI, José Ramón Gómez, co obxectivo de falar dos problemas no servizo de primaria que dende o verán son continuos no centro de saúde.

Enrique Oubiña, Lorena Rodriguez e Ricardo Fontán , xunto á doutora Margarita Vidal e varias veciñas e veciños durante unha das concentracións realizadas en fronte ao centro de saúde.
Nese aspecto a xerencia do EOXI admitiu problemas para cubrir as baixas e as vacacións, tanto nos médicos de familia como no pediatra, motivados pola falta de facultativos e pola situación xeral da Sanidade e a saturación no verán. En particular no caso do pediatra compartido con A Illa, o xerente da EOXI confirmou que non conseguen encontrar ningún especialista interesado en cubrir esa praza, polo que o servizo vaise seguir cubrindo con facultativos desprazados. Para Oubiña “é evidente, e así llo expuxen e estivemos de acordo, que se a praza non é atractiva debido a súa mobilidade ou as súas características, algunha contrapartida haberá que ofertar, pero hai que solucionar o problema. En calquera caso o xerente asumiu o compromiso de tratar de que o servizo se siga mantendo nas mellores condicións posibles ata que se poida cubrir a praza”.
Tamén en relación co servizo de pediatría deixamos claro que podemos aceptar problemas puntuais, pero que non imos aceptar recortes no servizo, esencial para a nosa veciñanza, pero tamén para poder medrar como concello. Explicaba Oubiña “a relación entre crecemento poboacional e servizos públicos é directa, polo que mantivemos unha interesante charla sobre as consecuencias de recortar en médicos, máis aló da calidade de servizo que é primordial, e de alonxar os servizos da cidadanía, para o desenvolvemento de concellos como Ribadumia. Unha visión que o xerente non tiña, e fixémoslle ver que as nosas protestas, pasadas presentes e futuras non teñen que ver con quen estea no goberno da Xunta, se non con solventar os problemas do noso concello. ”
Outra cuestión é a baixa da facultativa que en agosto se xubilou. A este respecto ó xerente escoitou as queixas expostas por Oubiña polos problemas que esa baixa ocasionou e segue ocasionando, con numerosos días onde o centro de saúde se queda con unha única médica, unha situación que coincidimos en que non era aceptable. Unha vez falado das particularidades do noso concello e da situación actual, coa baixa da medica xa xubilada sen cubrir, Oubiña logrou do xerente dous compromisos, tal como explicaba ao remate da xuntanza, “por un lado o xerente garantiunos que a praza vai quedar cuberta en novembro. E por outro lado, o xerente asumiu o compromiso de que o servizo ata que a praza estea cuberta se manteña desprazando outros facultativos, e que Ribadumia non fique cunha única médica, provocando a saturación do servizo e os problemas que xa sabemos. O xerente tivo a decencia de non mentir e deixounos claro que na súa man estaba tentar que non houbera días sen atención, pero que ata a ocupación da praza algún día podería ocorrer que non fora quen de dispoñer dun médico, pero cando menos temos a seguridade que se non todos, a maioría dos días, imos ter o servizo cuberto, e unha atención normalizada, e a partir de novembro xa volveremos ter dous médicos traballando con normalidade.“
Enrique Oubiña valorou positivamente a xuntanza. “o alcalde David Castro di que pasou por aquí e que conseguiu un número de teléfono, algo que nin sequera sabemos se é certo pois non contestou ao escrito que presentamos preguntando polas supostas xuntanzas. Outros veñen a facerse fotos. Nos onde uns e outros din que non hai nada que facer, conseguimos, con diálogo, pero tamén dicindo as cousas con claridade, solucións para os problemas da nosa veciñanza.”
Dende Somos Ribadumia queremos agradecer que nos atenderan, inda que tardaran tanto, e que o xerente tivera a deferencia de dedicar máis tempo a falar de buscar solucións que a expoñer escusas. Isto todo non saca que o desmantelamento do sistema de saúde pública siga adiante, dado que é unha cuestión ideolóxica que solo o pode parar dun xeito definitivo un cambio no goberno da Xunta que expulse ao PP. Pero mentres isto non acontece, en Somos Ribadumia seguimos atentos e traballando, e se podemos lograr que en Ribadumia se manteñan os servizos teremos cumprido o noso obxectivo a nivel local, e se outros concellos se seguen mobilizando na loita pola defensa dun servizo de atención primaria digno e de calidade, ao final estamos seguros de que entre todos lograremos cambios de actitude e de liñas políticas importantes.
One comment