Solicitamos medidas urxentes de mellora na seguridade do acceso ao colexio de Barrantes.

IMG_20191213_132653

  • O acceso ao CPI Xulia Becerra Malvar leva anos sendo un lugar inseguro para as crianzas  pola falta dun paso seguro para acceder ao colexio.
  • Enrique Oubiña contratou estas medidas de seguridade no 2017, pero David Castro bloqueou a obra.

   Fai uns días o noso voceiro e concelleiro Enrique Oubiña mantivo unha xuntanza coa dirección do colexio e da ANPA para revisar unha serie de cuestións, entre elas a evolución das medidas de loita contra o bullying postas en marcha el sendo concelleiro de política social, así como certas medidas medias pendentes, como a mellora da seguridade no acceso ao colexio.

   Na xuntanza, dende a dirección do colexio e da ANPA confirmaron o acertado das medidas en prol da igualdade impulsadas por Oubiña e Somos Ribadumia, nun plan que se desenvolve ao longo do curso, financiado en parte polo concello, que está dando moi bos resultados, de tal xeito que a conflitividade entre as crianzas se reduciu ao mínimo, algo que tamén se confirmou dende servizos sociais.

    No que respecta as melloras na seguridade ao acceso do colexio, Enrique Oubiña comprobou como un curso máis, o alcalde deixa de lado os seus propios compromisos, máis preocupado por non facer nada do que se lle propoña dende outras forzas políticas, que por resolver problemas.

  A realidade é que hai un problema no acceso ao colexio, particularmente nas horas de entrada e saída do mesmo. A ese problema Enrique Oubiña propúxolle unha solución xa no 2016: “a creación dun corredor seguro para os nenos e nenas dende o novo ximnasio ata o propio colexio, creando un espazo seguro, que non puidera ser invadido por coches nin buses, dende o campo de A Bouza, ata a entrada do centro educativo”. Tal como explicaba Oubiña “esta solución contaba co visto bo de todo o mundo, e todos estivemos de acordo en facelo realidade, pois permitíanos solucionar un problema grave ademais dun xeito barato, polo que no económico nin sequera supoñia un problema nin se podia considerar un malgasto no caso de executar solucións de maior envergadura no futuro.”

Recreación aproximada da proposta de paso seguro para o acceso ao colexio. A día de hoxe non tería máis custe que o pintado, pois os bolardos xa foron comprados.

 Tan clara estaba a cuestión, que Oubiña orzamentou e contratou o pintado da zona no verán do 2017, e comprou os bolardos necesarios. Sen embargo, “foi irme uns días descanso e a volta topeime con que dende alcaldía bloquearan a obra as miñas costas, coa escusa de que como se estaba traballando nunha solución para o entorno da gardería, xa se metía todo no mesmo proxecto previsto inicialmente para ese mesmo ano. Nos como somo xente razoable optamos por agardar entón, sen embargo era todo un conto do alcalde, non soportaba que as solucións non sairan do seu equipo.”

   Dende o 2017 foron varias as veces que o alcalde deu largas a unha solución que se pode realizar nunha mañá, e que tería consecuencia directa e inmediata na seguridade dos nenos. A última escusa era que “como temos un proxecto global para o entorno do colexio, xa cando sexa solucionamos todo.”  Pero, tal como explica Enrique Oubiña, “o que o alcalde non aclara é cando vai ser realidade ese proxecto para o que de momento non ten cartos, nin por que motivo se encirra en non pintar unhas raias no asfalto e poñer uns bolardos, e soluciona unha situación que un día acabará por darnos un susto, cando ademais, e isto é o máis grave, tanto a súa concelleira de obras como el mesmo se comprometeron a facelo.”

Dende Somos Ribadumia presentamos no concello un escrito pedindo que se realice esta pequena obra de mellora de seguridade de acceso tanto ao colexio como ao campo de fútbol. Ademais agora é un bo momento aproveitando o parón de nadal.

Sobre a reforma do colexio.

Outra cuestión que Enrique Oubiña tratou  coa ANPA e coa dirección co colexio , foi a suposta reforma integral do centro. Do falado desprendese que anque parece ser que dende educación se están movendo para levar a cabo unha obra no colexio, non parece que a cousa vaia a pasar da simple maquillaxe, por moito que coste. O que ANPA e direccións transmitiron a este respecto é a súa preocupación, que nos compartimos, por que os problemas reais do colexio non se solucionen, e que todo quede nun parche, no caso de levarse a cabo, pois a proposta de Somos Ribadumia, levada por En Marea ao parlamento, o PP non quixo apoiala.

   Pola nosa banda estivemos dando pasos, máis alo da cuestión orzamentaria, para lograr facer realizade a solución destas problemáticas pero , e así llo explicou  Oubiña  a ANPA e dirección, “debemos lamentar que a Conselleira de Educación, teña  educación pouca e respecto institucional menos, pois néganse a reunirse con nos para explicarnos cales son os seus plans para o noso colexio. Inda que debemos dar gracias que a nos polo menos mandáronnos  un mail, polo que temos constancia escrita, non como outros que din que recibiron unha chamada da que ninguén ten constancia, nin o propio PP local.”

Insistimos en reclamar un investimento suficiente para solucionar todos os problemas de espazo e de habitabilidade do colexio, e nesa liña imos seguir traballando, pois “nós, inda que non teñamos competencias, temos compromiso e ética política”.

 

Solicitamos medidas urxentes de melloras na seguridade viaria na zona onde abriu o supermercado Familia.

  • O aumento de tráfico provocado pola apertura do novo supermercado converteu a zona nun punto negro.
  • Sorprende ante algo tan evidente – a 100 metros do concello e a carón dunhas instalacións municipais – a inmobilidade do goberno que  aínda non tomou cartas no asunto.
  • Pedimos que se tomen medidas con urxencia, mellorar a visibilidade e garantir a seguridade de condutores e peóns.

       A apertura a semana pasada dun supermercado da cadea Familia no lugar de A  Escusa, moi preto do concello e do núcleo de Barrantes, provocou de xeito inmediato un aumento exponencial do trafico nesa zona.

  Un punto onde nun radio de apenas 60 metros ademais do dito supermercado, encóntranse dous negocios agrarios, unha perruquería, unha bodega, un bar,  un taller,  o edificio de Servizos Sociais do concelllo e tamén o almacén municipal e parque de maquinaria, e dous cruces de vías secundarias, con moito uso pois son alternativas naturais para saír e entrar do núcleo de Barrantes evitando aos denostados semáforos, que para mais inri teñen moi pouca visibilidade. O propio concello, a gasolineira e o núcleo quedan a escasos cen metros.

  Un cúmulo de circunstancias, que xa se daban antes da apertura do novo local, pero que agora co elevado movemento de tráfico que xera o supermercado, converteron a zona nun punto negro, onde resulta moi difícil saír dos negocios, e dos cruces das vías secundaria.

A choiva destes días, que obriga a extremar as precaucións está axudando a evitar accidentes, pero  xa houbo varios sustos e ninguén desexa que haxa unha desgracia.

  Con todo, sorprende como ante un perigo tan evidente o goberno municipal non fai nada. Para Enrique Oubiña “moito perdeu este concello en pouco tempo  en capacidade de xestión se non hai nin cabeza para razoar pintar un par de zonas de amarelo, mover uns contedores  e garantir a visibilidade dun cruce nunha zona difícil, sen entrar en fonduras maiores. Un ano atrás a teríanse tomado medidas seguramente xa antes de que abrira o supermercado. E máis, no noso programa de goberno estaban previstas actuacións en toda esa vía, para favorecer a mobilidade entre  Barrantes e Ribadumia, medidas que agora quedan máis xustificadas, inda que me parece que van ter que agardar a seguinte lexislatura”.

   Preocupados por que haxa que lamentar algo máis que un susto, e vendo a inacción do goberno, esta mañá presentamos un escrito solicitando que de forma urxente se tomen medidas que melloren a seguridade nese punto.

Lamentamos a falta de compromiso  real do PP con Ribadumia.

  • Enrique Oubiña estivo no parlamento acompañando ao colectivo ESMAR por convite de En Marea para estar presentes no debate das emendas orzamentarias.
  • O Partido Popular rexeitou todas as emendas da oposición, incluída a presentada por Somos Ribadumia a través de En Marea para o Colexio.
  • O Partido Popular deulle as costas a ESMAR e todas as mulleres e homes do Salnés que teñen necesidade dun Punto de Encontro Familiar.

 

IMG_20191210_125818

Enrique Oubiña acompañou as representantes de ESMAR, que foron convidadas por En Marea a ver o debate das emendas orzamentarias sobre igualdade.

  Na maña de onte  Enrique Oubiña acompañou as mulleres do colectivo ESMAR nunha visita ao parlamento, onde estes días se debaten as emendas orzamentarias presentadas polos distintos partidos.

   En concreto nte debatíanse pola maña as emendas de política social onde ía incluída a emenda presentada por En Marea para dotar unha partida de 130.000€ para un PEF no Salnés. Todas as forzas políticas se amosaron favorables a esta emenda, recollendo o acordo chegado en todos os concellos do Salnés e na Mancomunidade, salvo o Partido Popular , cuxa voceira no debate nin sequera se referiu a esta cuestión. Para Enrique Oubiña “isto demostra a maneira de traballar do Partido Popular, que nos concellos di  unha cousa e nos parlamentos di a oposta.”

 

Falta de compromiso do PP co CEIP Xulia Becerra Malvar.

  Por outra banda xa tivo lugar tamén o debate orzamentario correspondente con investimentos en educación, onde se incluía unha emenda de En Marea, auspiciada por Somos Ribadumia, que propoñía dotar unha partida especifica para o Colexio de Ribadumia por valor de 3.000.000€, e que o PP denegou. Para Oubiña “o PP demostrou que non quere asumir ningún compromiso co noso concello, e seguimos sen ter garantías de que se vaian facer investimos de importancia no noso colexio. Os supostos compromisos son a día de hoxe fume, por moito que o noso alcalde o fíe todo  a unha suposta chamada de teléfono”.

  Dende Somos Ribadumia seguiremos a demandar do goberno da Xunta responsabilidade cara o noso concello, pois os nosos nenos e nenas non son de segunda categoría ,e teñen o mesmo a dereito a recibir a súa formación nun centro en perfectas condicións que calquera outro.

Queremos agradecer o traballo de En Marea, que leva anos amosando un compromiso con Ribadumia innegable, e gracias ao cal conseguimos mover xa unhas cantas pedras., e facer que a voz da veciñanza de Ribadumia soe no parlamento.

  Do mesmo xeito reafirmamos o noso apoio a colectivos como ESMAR, que fan un traballo imprescindible, e seguiremos traballando para lograr que o Salnés poida contar cun lugar seguro e decente onde realizar o cambio na custodia dos nenos.

Presentamos unha batería de medidas co obxectivo de mellorar a calidade de vida no concello.

  • Non temos constancia de que o goberno estea traballando no orzamento do 2020, pero enprevisión de que así sexa achegamos unha batería de 27 propostas orzamentarias.
  • O obxectivo é establecer unhas pautas de actuación que redunden na mellora da calidade de vida da nosa veciñanza en cuestións como a conciliación familiar ou o acceso a servizos básicos, ou a creación de emprego.
    • Mellores servizos, e cunha política de taxas mellor á dos concellos limítrofes, pode axudar a fixar poboación, e manternos por enriba dos 5.000 habitantes.

thumbnail_large (1)“O goberno local encabezado por David Castro non nos informou de que se estivera traballando no orzamento do ano próximo, nin moito menos nos deu opción a facer achegas – explicaba Oubiña a saída do Concello onte – algo difícil de entender nun goberno que pretende presumir de dialogante. “

   A pesares disto, dende Somos Ribadumia defendemos sempre que hai que predicar co exemplo, e non imos caer na práctica habitual noutros partidos que cando están no goberno pídenlles a oposición propostas e cando están na oposición non propoñen nada. Por ese motivo na maña deste luns presentamos no rexistro municipal un documento que recolle unha batería de 27 medidas orzamentarias que consideramos que deberían incluírse no próximo orzamento. Case a metade desas partidas propostas xa existen, como no caso do convenio coa escola de música ou as axudas a entidades municipais, ou as destinadas a conciliación familiar, e solo pedimos mellorías. O resto, son novas partidas.

  O obxectivo é a mellora da calidade de vida da xente que vive no noso concello e o reforzo do apoio aos colectivos municipais e nos servizos turísticos. Cumprindo este obxectivo, temos o convencemento de que o concello establecería unha boa base para que vivir en Ribadumia resultara  atractivo en comparación con concellos veciños. E isto é dunha importancia capital, pois tendo en conta a evolución da natalidade no noso concello, necesitamos con urxencia que veña xente a vivir para o noso concello, ou pronto caeremos por debaixo dos 5.000 habitantes, cos prexuicios que iso traería.

As medidas propostas centranse en catro áreas:

• conciliación familiar e política social: centradas na mellora dos servizos de conciliación familiar e de todas as actividades en prol da igualdade e a loita contra a violencia de xénero que Enrique Oubiña deixou funcionando na lexislatura anterior.

• colectivos do municipio, a cultura e o deporte: centradas en mellorar o nivel de axudas as entidades e clubs e o convenio coa escola de música, así como aos eventos deportivos e ao aumento da oferta cultural

• promoción económica, emprego e turismo: centradas na mellora dos servizos turísticos, no apoio ao comercio e na creación de emprego

• urbanismo, servizos e medioambiente: centradas no remate das conexións aos servizos públicos básicos e na xestión do RSU, e na mellora da seguridade viaria no concello, e máis en particular no centro de Barrantes, así como a dotación de equipamentos para uso da xuventude, e tamén afrontar a necesaria ampliación da edificabilidade no centro de Barrantes.

   Dende Somos Ribadumia sabemos que en conxunto é unha proposta ambiciosa, pero a realidade é que incluír estas medidas non suporían  modificar máis de 200.000€ con respecto a orzamentos anteriores, e polo tanto consideramos que son propostas totalmente asumibles.

   Con todo, a proposta non é pechada, e quedamos a enteira disposición do actual equipo de goberno, pois consideramos que é posible, se hai vontade de dialogo, chegar a acordos que permitan aprobar o orzamento de xeito unánime, algo desexable.

foto propostas orz

 

O texto da proposta é  o seguinte:

PROPOSTAS ORZAMENTARIAS DE SOMOS RIBADUMIA PARA O ANO 2020.

  Dende Somos Ribadumia asumimos a necesidade, que debería ser común ao actual equipo de goberno, de traballar para, sen deixar de lado as necesidades en cuestións de política social ou mantemento de servizos básicos, plantexar liñas de acción que axuden a manter a poboación por enriba dos 5.000 habitantes, rectificando a liña descendente dos últimos anos, e traballando para o asentamento dun nivel de poboación que permita manter a calidade nos servizos públicos, así como correcto mantemento de todas as instalacións municipais, presentes e futuras. Uns obxectivos que significan realizar unha forte aposta polas medidas que melloren a calidade de vida da nosa veciñanza, de apoio ao diversos colectivos que compoñen o dia a dia do noso concello, clubs deportivos, entidades culturais e sociais, así como ao comercio e tecido empresarial, sen esquecer o turismo.

   Con esta idea central como guía, plantexamos as seguintes medidas orzamentarias:

  • No correspondente a conciliación familiar e política social:
  • Aumento das partidas da escola de verán, para a súa ampliación a horario de tarde, e aos períodos non lectivos.
  • Partida para a dotación do plan madruga, comedor escolar e escola de ocio nos centros dos CRAs.
  • Partida para a Remunicipalización da gardaría municipal.
  • Aumento da partida para a ampliación dos horarios e calendario da piscina municipal.
  • Mantemento e mellora das partidas destinada ao Mes da Diversidade e aos plans de loita contra a violencia de xénero (Plan Conta Comigo Ribadumia, punto morado)
  • Partidas destinadas a afianzar os plans de colaboración co colexio na loita contra o bullying, ou formación en valores positivos.
  • No correspondente aos colectivos do municipio, asi como a cultura e deporte:
  • Aumento das partidas para xudas as entidades deportivas, culturais e sociais.
  • Mellora da partida para o convenio coa escola de música.
  • Partida específica para eventos deportivos.
  • Partida para o establecemento dunha axenda cultural das parroquias.
  • No correspondente a promoción económica, emprego e turismo:
  • Partida para xestionar a apertura dunha oficina municipal de información ao consumidor (OMIC).
  • Partida para un plan de incentivos do consumo no comercio local.
  • Partida para a creación dun viveiro de empresas.
  • Partida para a creación dunha caixa de financiamento local.
  • Aumento da partida destinada alumeado e campañas de nadal e entroido.
  • Partida para a creación dunha área de autocaravanas.
  • Aumentar as partidas destinadas a oficina de turismo para mantela aberta todo o ano.
  • Partidas para a renovación e dotación de paneis informativos nas sendas fluviais do Concello, así como nos puntos de interese turístico.
  • No correspondente a urbanismo , servizos e medioambiente:
  • Partidas para a dotación de auga en Lois, nas zonas pendentes, así como para a resolucións das conexións de saneamento pendentes pola súa dificultade técnica.
  • Partida para a análise completa da rede de saneamento e pluviais, e resolución dos problemas de conexión, filtracións, etc.
  • Partida para levar a cabo a eliminación de semáforos no centro de Barrantes e a dotación doutras medidas de calmado de trafico e outras melloras na seguridade viaria.
  • Partidas para habilitar zonas de “skate” e deportes urbanos en Barrantes.
  • Partida para a apertura da rúa Ramón Cabanillas.
  • Partida para o estudio de modificación do PXOM, para aumentar o numero de polígonos edificables en Barrantes.
  • Aumentar as partidas destinadas ao punto limpo para poder aumentar o horario de atención ao público.
  • Partida para a elaboración dun plan especifico para o tratamento dos RSU do centro de Barrantes, e da compostaxe no rural.
  • Partida para a instalación de sinaléctica informativa nas fontes públicas.

  Dende Somos Ribadumia, como sempre apostamos polo diálogo e por superar as diferencias de carácter político en favor do ben común, polo que estamos en total disposición de sentarnos a falar sobre estas medidas ou outras que o equipo de goberno considere co obxectivo de elaborar un documento orzamentario que signifique mellorar a calidade de vida das persoas que viven no noso concello, e avanzar nos obxectivos arriba ditos.

Comisión Executiva de Somos Ribadumia.

9/12/2019