Solicitamos medidas urxentes de melloras na seguridade viaria na zona onde abriu o supermercado Familia.
- O aumento de tráfico provocado pola apertura do novo supermercado converteu a zona nun punto negro.
- Sorprende ante algo tan evidente – a 100 metros do concello e a carón dunhas instalacións municipais – a inmobilidade do goberno que aínda non tomou cartas no asunto.
- Pedimos que se tomen medidas con urxencia, mellorar a visibilidade e garantir a seguridade de condutores e peóns.
A apertura a semana pasada dun supermercado da cadea Familia no lugar de A Escusa, moi preto do concello e do núcleo de Barrantes, provocou de xeito inmediato un aumento exponencial do trafico nesa zona.
Un punto onde nun radio de apenas 60 metros ademais do dito supermercado, encóntranse dous negocios agrarios, unha perruquería, unha bodega, un bar, un taller, o edificio de Servizos Sociais do concelllo e tamén o almacén municipal e parque de maquinaria, e dous cruces de vías secundarias, con moito uso pois son alternativas naturais para saír e entrar do núcleo de Barrantes evitando aos denostados semáforos, que para mais inri teñen moi pouca visibilidade. O propio concello, a gasolineira e o núcleo quedan a escasos cen metros.
Un cúmulo de circunstancias, que xa se daban antes da apertura do novo local, pero que agora co elevado movemento de tráfico que xera o supermercado, converteron a zona nun punto negro, onde resulta moi difícil saír dos negocios, e dos cruces das vías secundaria.
A choiva destes días, que obriga a extremar as precaucións está axudando a evitar accidentes, pero xa houbo varios sustos e ninguén desexa que haxa unha desgracia.
Con todo, sorprende como ante un perigo tan evidente o goberno municipal non fai nada. Para Enrique Oubiña “moito perdeu este concello en pouco tempo en capacidade de xestión se non hai nin cabeza para razoar pintar un par de zonas de amarelo, mover uns contedores e garantir a visibilidade dun cruce nunha zona difícil, sen entrar en fonduras maiores. Un ano atrás a teríanse tomado medidas seguramente xa antes de que abrira o supermercado. E máis, no noso programa de goberno estaban previstas actuacións en toda esa vía, para favorecer a mobilidade entre Barrantes e Ribadumia, medidas que agora quedan máis xustificadas, inda que me parece que van ter que agardar a seguinte lexislatura”.
Preocupados por que haxa que lamentar algo máis que un susto, e vendo a inacción do goberno, esta mañá presentamos un escrito solicitando que de forma urxente se tomen medidas que melloren a seguridade nese punto.