Lamentamos a falta de compromiso real do PP con Ribadumia.
- Enrique Oubiña estivo no parlamento acompañando ao colectivo ESMAR por convite de En Marea para estar presentes no debate das emendas orzamentarias.
- O Partido Popular rexeitou todas as emendas da oposición, incluída a presentada por Somos Ribadumia a través de En Marea para o Colexio.
- O Partido Popular deulle as costas a ESMAR e todas as mulleres e homes do Salnés que teñen necesidade dun Punto de Encontro Familiar.

Enrique Oubiña acompañou as representantes de ESMAR, que foron convidadas por En Marea a ver o debate das emendas orzamentarias sobre igualdade.
Na maña de onte Enrique Oubiña acompañou as mulleres do colectivo ESMAR nunha visita ao parlamento, onde estes días se debaten as emendas orzamentarias presentadas polos distintos partidos.
En concreto nte debatíanse pola maña as emendas de política social onde ía incluída a emenda presentada por En Marea para dotar unha partida de 130.000€ para un PEF no Salnés. Todas as forzas políticas se amosaron favorables a esta emenda, recollendo o acordo chegado en todos os concellos do Salnés e na Mancomunidade, salvo o Partido Popular , cuxa voceira no debate nin sequera se referiu a esta cuestión. Para Enrique Oubiña “isto demostra a maneira de traballar do Partido Popular, que nos concellos di unha cousa e nos parlamentos di a oposta.”
Falta de compromiso do PP co CEIP Xulia Becerra Malvar.
Por outra banda xa tivo lugar tamén o debate orzamentario correspondente con investimentos en educación, onde se incluía unha emenda de En Marea, auspiciada por Somos Ribadumia, que propoñía dotar unha partida especifica para o Colexio de Ribadumia por valor de 3.000.000€, e que o PP denegou. Para Oubiña “o PP demostrou que non quere asumir ningún compromiso co noso concello, e seguimos sen ter garantías de que se vaian facer investimos de importancia no noso colexio. Os supostos compromisos son a día de hoxe fume, por moito que o noso alcalde o fíe todo a unha suposta chamada de teléfono”.
Dende Somos Ribadumia seguiremos a demandar do goberno da Xunta responsabilidade cara o noso concello, pois os nosos nenos e nenas non son de segunda categoría ,e teñen o mesmo a dereito a recibir a súa formación nun centro en perfectas condicións que calquera outro.
Queremos agradecer o traballo de En Marea, que leva anos amosando un compromiso con Ribadumia innegable, e gracias ao cal conseguimos mover xa unhas cantas pedras., e facer que a voz da veciñanza de Ribadumia soe no parlamento.
Do mesmo xeito reafirmamos o noso apoio a colectivos como ESMAR, que fan un traballo imprescindible, e seguiremos traballando para lograr que o Salnés poida contar cun lugar seguro e decente onde realizar o cambio na custodia dos nenos.