O goberno municipal está politicamente paralizado. 

  • Total abandono das responsabilidade de goberno por parte do equipo de IR.
  • O goberno non ten aprobado a día de hoxe o orzamento municipal, nin o reparto de axudas a entidades e clubs. 

   Dende Somos Ribadumia queremos poñer de manifesto o estado de parálise política na que vive o concello de Ribadumia, que esta supoñendo un grave prexuicio, xa non solo a veciñanza, se non tamén a entidades e clubs deportivos, que a estas alturas do ano inda non saben se van recibir axuda municipal, nin que  cantidades.

  Dende o pleno de organización, onde os concelleiros de IR estiveron moi rápidos a aprobar os seus salarios e os seus representantes na Mancomunidade do Salnés,  non volvemos ter constancia da existencia do goberno municipal salvo unhas cantas fotos aparecidas en prensa. E mentres o verán avanza, tal como vimos denunciando nas últimas semanas:

  •  O estado de mantemento dalgunhas zonas públicas estase vendo afectado por certo abandono ao que ninguén pon remedio. 
  • Non existe control municipal sobre as obras en marcha.
  • A situación do centro de saúde é inadmisible e chegou a un punto insostible, pero do goberno municipal non tivemos máis novas que unha recollida de sinaturas, e unhas declaracións de David Castro poñendo escusas para non mover un dedo.
  • Non temos aprobado o orzamento municipal, vital para poder executar unha correcta xestión municipal.
  • Están sen aprobar as axudas a entidades sociais, culturais e deportivas.

Dende Somos Ribadumia consideramos que podía ser compresible, aínda que fose desleal, que David Castro non quixera aprobar o orzamento antes das eleccións, porque se negou a aceptar a inclusión de varias propostas nosas, algunhas delas en beneficio dos colectivos municipais, e polo tanto non tiña apoio suficiente, pero agora que ten a maioría necesaria para aprobar o documento orzamentario que considere, é totalmente inaceptable que non tiveramos  xa un pleno para aprobar o orzamento, e con el as axudas a colectivos.

Para Enrique Oubiña, “a falta de respecto cara os colectivos é inaudita. Fai uns meses aprobamos modificacións nas bases para favorecer que todas as entidades puideran percibir o 25% das axudas inmediatamente despois de seren aprobadas. Unha medida importante que non lles vai servir de nada estando a estas alturas do ano as axudas sen aprobar, pois as entidades culturais xa teñen organizado o próximo curso, e as deportivas as correspondentes campañas deportivas, salvo no caso do piragüismo, polo que uns e outros  tiveron que ou ben organizarse sen contar co concello ou ben facendo a conta da leiteira, en función do ano anterior, sen seguridade ningunha. Todo por unha irresponsabilidade de David Castro, que parece andar máis preocupado polo que pasa coa Mancomunidade e co seu amigo Gonzalo Durán que en axudar aos colectivos municipais e solventar os problemas do Concello que di gobernar”.

Denunciamos o lamentable estado dos paseos fluviais do Concello.

senda-fluvial-8.jpeg

  • Detectamos, entre outras cousas,  que hai moitos elementos de madeira deteriorados, rotos e tirados no chan de calquera maneira, e nalgún caso con puntas metálicas ou aristas que poden provocar cortes e feridas.
  • Pedimos que se proceda de xeito inmediato á reparación e condicionamento do noso maior expoñente turístico.

   Esta semana dende Somos Ribadumia fixemos un repaso das nosas sendas fluviais, tanto da Ruta da Pedra e da Auga, como da senda fluvial do rio Umia, que transcorre entre Barrantes e Pontearnelas.

  A situación na que se encontran deixounos moi preocupados, pola deixadez no mantemento que atopamos en todos os tramos. Ao longo de todas as sendas encontramos elementos de madeira rotos, vallas, papeleiras, mesas… algúns tirados de calquera maneira a beira do camiño ou no propio río, así como polas baixas que entorpecen o paso. Tamén temos detectado que a recollida das papeleiras non se fai con suficiente asiduidade.

DSC_0899

Enrique Oubiña, durante o anterior mandato supervisou o correcto mantemento de todas as zonas públicas.

Compre resaltar que durante o mandato anterior, está situación non se deu, pois con Enrique Oubiña de concelleiro de urbanismo, ademais do mantemento continuado ao longo do ano,  cada ano antes do verán procedíase á posta a punto de todas as contornas e espazos públicos, cuestión que se ten comunicado a través dos medios propios e de prensa no seu momento(por exemplo, aquí ). De feito, a diferencia na calidade do mantemento destas sendas con respecto aos concellos veciños era tan manifesta que no seu momento colocáronse dous paneis indicadores dos limites xeográficos do noso concello, uns paneis que para Enrique Oubiña “xa non sei se non sería mellor sacalos, visto como está todo,  que solo se salva en parte polo pase periódico do tractor que corta a herba.”

O abandono actual pon de manifesto, non solo o cambio a peor nunhas poucas semanas na maneira de xestionar o concello, que demostra o papel importante que Somos Ribadumia tivo no bo desenvolvemento do concello no mandato anterior, se non tamén a valía e capacidade de organización e resolución de Enrique Oubiña na xestión das súas áreas, que evitaba estas situacións.

  Onte presentamos no concello un escrito solicitando que se solucione a maior brevidade esta cuestión, pois as sendas fluviais son, tal como explica Oubiña “nestes momentos o maior atractivo turístico do noso concello, un atractivo que debe ser coidado e mimado, e de pouco nos vai valer que o noso alcalde se vaia a canta viaxe o convida Gonzalo Durán para, supostamente, facer promoción turística, se logo cando as visitas chegan topan todo tirado polo chan”.

 

Somos Ribadumia pídelle ao alcalde que asuma as súas responsabilidades con respecto ao servizo de atención primaria.

  • As recollidas de sinaturas son moi positivas, pero xa se demostrou que non son suficientes para poder resolver este problema que se repite cada ano .
  • David Castro, como alcalde, ten que  deixar de ocultarse detrás da veciñanza e dar a cara con firmeza ante un problema que pode acabar por  darnos algún desgusto.
  • Paula Verao esixirá a petición de Somos Ribadumia solucións no parlamento.

  A situación do noso centro de saúde, que un ano máis volve quedar en cadro por mor dos recortes que dende a EOXI, que actúa auspiciada pola Consellería de Sanidade e o Partido Popular, se esta sometendo a todo o servizo de atención primaria, non pode quedar a expensas dunha recollida de sinaturas.

  A medida, anunciada a  bombo e platillo como se fora a táboa de salvación do noso centro de saúde,  e que xa se tomou o ano pasado, é unha medida positiva en canto que busca a implicación da nosa veciñanza na defensa dun  dereito tan fundamental como o de recibir unha correcta atención sanitaria publica e de calidade, e de feito o noso voceiro asinou onte como un veciño máis, pero non pode servir para suplir as funcións do goberno municipal.

  David Castro xa o ano pasado, pasando por enriba do concelleiro de sanidade, no canto de solicitar unha xuntanza co xerente do EOXI, e mostrarse firme nas reivindicacións,  usou esta medida da recollida de sinaturas como pantalla para ocultarse e non ter que plantarlle cara ao Partido Popular nin ao xerente do EOXI, e de feito chegou a declarar que se amosaba comprensivo cos problemas que lle trasladaban dende a EOXI, dando máis validez ás escusas do Sergas que importancia ás necesidades da nosa veciñanza. Ademais, a recollida de sinaturas é un proceso que leva tempo, un tempo que non temos e durante o cal seguiremos sen facultativos e sen unha calidade de atención mínima, e en calquera caso, temos comprobado que o Sergas non destaca por escoitar nin solucionar  as queixas dos usuarios, polo que preocúpanos que  o resultado desta medida, se non se complementa con outras actuacións de carácter político,  poida ser, ao igual que no 2018,  bastante pobre e diferente do logrado no 2017, cando a intervención e presión directas de Enrique Oubiña, que leva anos amosando o seu compromiso ca defensa da sanidade pública,  provocaron que a xerencia reconsiderara a súa postura e que en Ribadumia se cubriran as vacacións dos facultativos.

En Somos Ribadumia somos conscientes de que a maneira de actuar do EOXI non é algo especifico de cara a Ribadumia, se non que forma parte dun plan amplo do Partido Popular para desprestixiar a sanidade pública, desmellorando os servizos máis básicos. Pero tamén somos conscientes de que a funcións dos alcaldes non é agocharse detrás dos veciños se non dar a cara e actuar, como están facendo alcaldes como o de Catoira, o da Illa ou o de Meaño, por citar alcaldes da comarca de diferentes cores políticas, pero que priorizan os problemas da súa veciñanza como corresponde, e non buscan escusas para agocharse detrás de cortinas cidadás.

 Por ese motivo, pedímoslle a David Castro que deixe de querer quedar ben con todo o mundo, que dea a cara e que actúe como corresponde a unha persoa do seu cargo, facendo fronte a quen corresponda para defender os dereitos da nosa veciñanza.

  Tamén queremos animar ao alcalde, ante a gravidade da situación, a que convoque  a xunta de voceiros municipal, e busque formulas de actuación  política conxunta, algo para o que Somos Ribadumia estivo, está e estará sempre disposta, e que una as diferentes forzas políticas nunha loita que é de todos.

   Pola nosa banda, como non somos moi optimistas coas actuacións do goberno municipal nin do Sergas, e como os días van pasando sen que esta problemática se solucione, imos solicitar unha xuntanza urxente coa xerencia do EOXI para que nos aclaren cal é a situación e cales son os plans e prazos que manexan para cubrir a praza de facultativa que se xubila este mes e, de ser o caso , esixir coa firmeza que lle falta ao noso alcalde que en Ribadumia teñamos unha asistencia sanitaria de calidade. Tamén solicitamos a colaboración de Paula Verao, deputada de En Marea que xa se comprometeu a rexistrar esta mesma semana iniciativas para instar á Consellería de Sanidade a solucionar os problemas do noso centro de saúde.

Por último, queremos animar a nosa veciñanza a ser participes desta loita, non solo participando nas recollidas de sinaturas, se non tamén cubrindo as follas de reclamación do centro de saúde e dos hospitais cando haxa algún problema, atraso coas citas, etc, pois son moi importantes a hora de poder facer unha valoración real da calidade do servizo, e aportan uns datos que nin o Sergas, nin o PP nin Feijoo poden desmentir.

 

Somos Ribadumia estamos preocupados polo oscurantismo que rodea as liberacións aprobadas por Independientes por Ribadumia.

  • As liberación parciais non se corresponden coa liberación de horas laborais nos correspondentes postos de traballo.
  • O alcalde negouse a explicar os motivos polos cales se súbiu a sua asignación mantendo as mesmas horas de dedicación.

   Dende Somos Ribadumia o primeiro que debemos decir é que en ningún caso nos opoñemos a que se liberen cargos públicos, cando sexa necesario e dentro dunha lóxica económica,  para poder desenvolver correctamente labores de goberno político. Defendemos que se faga e de feito no pasado pleno o primeiro que o noso concelleiro Enrique Oubiña espuxo foi que o alcalde, como máximo representante do Concello, debería ter dedicación exclusiva, e non estar a expensas dos designios da súa empresa.

Cabe recordar que este comportamento non é por exemplo o de IR , que ten negado co seu voto liberacións, no seu momento a de Salomé Peña.

Con respecto as liberación, nos como decíamos , non votamos en contra,  pois a nosa postura non era  contraria a estas liberación, que  en principio nos parecen xustificadas.

  Poren, sorprendeunos que no pleno se nos explicara que as liberación non se corresponden con fraccións da xornada laboral as que as persoas liberadas renuncian nos seus traballos para poder exercer a función pública, que é o que xustifica as liberacións políticas. O que nos deu a entender a concelleira de contas  foi que as persoas liberadas ian seguir exercendo nos seus postos de traballo a xornada e salarios completos, e a maiores ian percibir unha compensación económica polo seu traballo político.  Do mesmo xeito o alcalde negouse a explicar a subida que se aplica a súa asignación, cando a parcialidade da liberación se manten do mesmo xeito. Gustarianos saber que cambios pudo haber na cabeza de David Castro  para pasar en catro anos de non querer coller liberación, a decir que con 1.200€ era suficiente, a subirse agora a asignación para a mesma dedicación parcial.

   Pola nosa banda imos consultar a legalidade e compatibilidade desta medida, que supón pagarlle un sobresoldo a esas persoas, e non unha liberación parcial como se pretendeu deixar contemplado no pleno, pero en calquera caso xa adiantamos que éticamente este xeito de actuar deixa moito que desexar, pois supon usar a política para un enriquecemento propio de varios membros dun partido político, neste caso IR.

   Para Enrique Oubiña,” é evidente que os que decían que non viñan a política a cobrar soldos, mentían. Deturpar desta maneira a función pública solo vai servir para seguir danando a imaxe dos políticos.”

 

Falta de diálogo.

Por outra banda, queremos reseñar e lamentar a falta de vontade de dialogo mostrada neste primeiro mes de mandato por David Castro. Tal como  explica Oubiña, “David Castro non chamou nin se reuniu cos portavoces parar falar e consensuar as cuestión organizativas, como por exemplo a creación das diferentes comisión informativas ou as propias liberacións, que doutro xeito  poderían terse aprobado por unanimidade, dando unha mellor imaxe política. Preferiu impoñernos a súa maioria amosandonos con isto cal parece que vai ser a súa liña de actuación.

Para Oubiña, “ o alcalde David Castro mostrou coa súa actuación ao redor do primeiro pleno un pouco do seu verdadeiro rostro político, que durante a lexislatura anterior nos puidemos controlar, pero que nesta non vai ter xa freo. Porque a lectura que temos deste inicio de mandato é que David Castro, ese home que se decía  dialogante e que non viña á política polo poder nin para ganar cartos, vai cobrar ben  el, paga favores en forma de sobresoldos as súas primeiras espadas, e fai uso do seu poder político para impoñelo todo. Pois empezamos ben”.

 

Comisión Executiva de Somos Ribadumia.

13/07/2019.