O centro de Servizos Sociais adoece de deficiencias na capacidade eléctrica e problemas construtivos no novo anexo.
- Os problemas de calefacción derivados da falta de potencia eléctrica que limitou a capacidade para caldear o local provocaron que todo o equipo de servizos sociais tivera problemas de saúde.
- As continuadas choivas sacaron a luz defectos construtivos, descunchados, humidades, etc.
- Pedimos ao goberno local que actúe e poña solución aos problemas.
“A semana pasada foi o ximnasio. Onte o centro de Servizos Sociais. Imos ter que seguir visitando instalacións municipais por que é evidente que o goberno non pasa de ir aos campos de fútbol”. Enrique Oubiña mostrábase sorprendido este pasado venres logo dunha visita ao centro de servizos sociais, e de comprobar que “nin se resolveron problemas que quedaron en proceso de resolución en xuño cando deixei a concellería, nin se fixo fronte ao deterioro que dende finais de verán amosa o local anexo construído na lexislatura pasada”.
Servizos Sociais e CIM están na que foi a primeira casa consistorial do Concello, logo dunha reforma acometida no 2016 que tivo un custe de 23.000€, á que logo se lle añadiu un local anexo, centralizando así no mesmo punto tanto a atención ao público como o almacén de alimentos e o roupeiro municipal. Para Oubiña este traslado supuxo “un cambio a mellor na atención e no funcionamento do departamento de Servizos Sociais inmediato”.
Poren, a obra de reforma do local, que estivo limitada polo axustado dos recursos dispoñibles deixara no tinteiro un cambio na potencia eléctrica, que era insuficiente para poder alimentar de vez todos os radiadores instalados, a pesar de ser estes de baixo consumo. No seu momento Oubiña optou por unha solución temporal, que era regular a calefacción para evitar os picos de consumo, e pedir á empresa de mantemento eléctrico que levara a cabo o estudo das accións necesarias para o cambio de potencia eléctrica e o seu custe, pero “tal como pasou co ximnasio municipal, o buraco que hai no caixón da mesa da alcaldía tragou a documentación e estas reformas quedaron no aire”. Con todo, antes de deixar o seu cargo Oubiña deixou ordeada a resolución dese problema, para que coa chegada deste inverno non houbera problemas. Unha resolución que, descoñecemos o motivo, inda que podemos intuílo, de momento non chegou. Esta irresponsabilidade págana os usuarios que teñen que pasar frío, e o equipo de Servizos sociais, pois como ninguén actuou nin se molestou pasado o verán en regular a calefacción, solo se poden conectar parte dos radiadores, unha eiva cuxa primeira consecuencia foi que todas as traballadoras e traballadores dese departamento tiveron problemas de saúde nas últimas semanas, e solo o seu sobreesforzo e sentido da profesionalidade evitou que o servizo colapsara polas baixas.
Por outra banda, a longa tempada de choivas que estamos vivindo puxo de relevancia varios defectos construtivos no local anexo, que ten menos de dous anos de vida, pero amosa numerosos problemas de humidades. Explicaba Oubiña “esta obra xa nos deu problemas no seu momento, por varios erros nos acabados, e tiverámos que retrasar a sinatura da entrega da obra ata que foron resoltos”. O que non entendemos dende Somos Ribadumia é que tal como se pode apreciar a simple vista, os defectos na construcción son visibles dende fai meses, e sen embargo ninguén fixo nada. Unha realidade que pon en evidencia as diferencias entre como funcionaba o goberno cando Somos Ribadumia e Enrique Oubiña formaban parte del, a como funciona agora.
Oubiña pregúntase “ onde anda o equipo de goberno. Pregúntome para que lle puxo IR salario a conta do noso peto á concelleira de Urbanismo, se logo non atende as súas obrigas, ou solo atende á parte que a ela lle parece. Por que a realidade é que no goberno de Ribadumia son tres a cobrar, e nos non temos problemas por iso, pero claro, a parte de cobrar hai que cumplir. E o mínimo é atender ás instalacións municipais. Máis logo dos importantes investimentos que tivemos que facer os lexislatura anterior, a maioría deles precisamente por que o PP nos seus anos de goberno se comportou como se está comportando o goberno actual”.
Dende Somos Ribadumia presentamos onte un escrito solicitando que se solucionen estes problemas canto antes, e se hai que tomar medidas legais coa empresa que construíu o local anexo á servizos sociais, que se tomen. O que non se poden é ter as instalacións nese estado, por que ademais correse o risco, no caso do almacén de alimentos que ademais é a parte que máis esta sufrindo, de ter a medio prazo un problema de salubridade alimentaria. Pédimos responsabilidade.
One comment