Insistimos na nosa proposta de dotar os CRAs de servizos de conciliación familiar.

  • Dúas das catro aulas do Centro Agrupado Rural do concello de Ribadumia corren o risco de pechar.
    O goberno local debe tomar medidas que axuden na loita contra o peche destes tan importantes centros educativos.
    A finais do pasado ano presentamos unha batería de propostas orzamentarias, entre as que se inclúen a dotacion no rural dos servizos de plan madruga, comedor escolar e da escola de ocio.

Os Centro Rurais Agrupados do noso concello, que se dividen nas aulas de Lois, Leiro, Ribadumia e Sisán teñen unha traxectoria como centros de referencia da educación preescolar fora de toda dúbida, favorecidos polas características que lle son propias e por un equipo docente dun gran nivel e compromiso. Poren, nos últimos anos o cada vez menor nacemento de nenos no concello, en especial nas zonas rurais, sumado a outras cuestións relacionadas coa difícil conciliación familiar dos proxenitores, están provocando que mentres as aulas de infantil do centro de Barrantes están saturadas, os centros do rural teñen cada ano menos nenos, chegando xa no curso pasado a por en perigo a continuidade dunha das aulas.

Unha situación que este ano, seguindo a liña dos anteriores, se agrava un pouco máis, estando en perigo de peche dúas das catro aulas. Por ese motivo , ANPA e dirección do CRAs puxeron en marcha unha campaña de captación de crianzas que dende Somos Ribadumia apoiamos completamente.
Ademais, non podemos esquecer que na situación actual de Ribadumia, cunha perda gradual de poboación e co risco de baixar dos 5.000 habitantes, non podemos permitirnos perder nas parroquias servizos que son esenciais a hora de que unha familia decida establecerse.
Por ese motivo queremos volver insistir na necesidade de que o goberno municipal poña en marcha medidas específicas neste eido. Dende a nosa formación, e inda sendo concelleiro de política social Enrique Oubiña estudouse a posibilidade de dotar as aulas do CRAs dos mesmos servizos que goza Barrantes: plan madruga, comedor escolar, e escola de ocio. Por ese motivo temos moi claro que son servizos que dende o concello é viable prestar, e asumibles no económico. Ademais os centros teñen espazo suficiente para poder dispoñer estes servizos – so pode haber un pequeno problema de espazo no centro de Ribadumia facilmente subsanable se o goberno local ten vontade de facelo – , o cal permitiría ademais prescindir do taxi co que actualmente se traslada a algúns nenos a Barrantes para ter estes servizos. De feito, explica Enrique Oubiña, “esta solución, que Somos Ribadumia levabamos no noso programa electoral, se nos estiveramos no goberno xa estaría operativa neste curso, pois estaba moi encamiñada, e hoxe a ANPA no canto de ofertar estes servizos en Barrantes, previo traslado en taxi, estariaos ofrecendo en cada aula, sen necesidade de traslado ningún dende a maña á tarde”.

A finais do ano pasado presentamos no rexistro do Concello un documento cunha bateria de propostas onde se incluia a dotación dos servizos referidos nos CRAs. Tal como explica Oubiña “a día de hoxe non tivemos constancia de se o goberno local ten previsto incluír algunha destas propostas no orzamento, pero vendo o vacío que lle están facendo a esta cuestión é probable que oa cartos vaian a outras cousas. De feito, algo pasa, por que non sabemos tampouco cando se vai aprobar o orzamento, e nin sequera nos chegou unha proposta do documento, algo sorprendente tendo en conta que IR e David Castro, a diferencia do 2019 – onde nun acto de traizón política como poucos bloqueou o debate orzamentario porque non quería incluír as nosas propostas – agora conta cunha maioría suficiente para aprobar o orzamento que considere”.

Dende Somos Ribadumia pedímoslle ao goberno local que asuma as súas responsabilidades e teña altura de miras, e que centre a atención nos problemas importantes da cidadanía. Non é de recibo que podendo dar os mesmos servizos no rural que no urbano, non se faga e se condene con iso ás parroquias, que coa perda de servizos esenciais como poden ser os CRAs, seguirán perdendo poboación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s