Category: Sen clasificar
Dende Somos Ribadumia pedimos tranquilidade á veciñanza, e exemplaridade ao goberno local.
- Pedimos á nosa veciñanza que non caia no alarmismo esaxerado, pero que siga os consellos no respecto ás medidas de prevención.
• Solicitamos ao goberno local que sigas as recomendacións en cuestións de prevención, e tamén que dea exemplo facilitando a conciliación familiar ante medidas como o peche de colexios.
Dende Somos Ribadumia, como é lóxico, seguimos moi estreitamente todo o que está acontecendo ao redor do coronavirus.
Sen entrar a valorar as medidas que se están tomando dende os distintos ámbitos, temos que expresar a nosa preocupación ante a tentación de por en marcha medidas que sexan máis propagandísticas que efectivas. Polo que queremos facer un chamamento ao sentido común ante esta crise.
Neste aspecto esta mañá a Xunta de Galicia decretou o peche dos colexios a próxima semana. A medida pode supoñer un problema de conciliación familiar, e sen outro tipo de medidas que favorezan esa necesaria conciliación pode acabar sendo máis un caos que unha solución. Dende o noso punto de vista o goberno central debería marcar as pautas e as autonomías deberían coordinarse con él para evitar dar paus de cego, ou poñer en marcha solucións parciais que acaben sendo un problema máis que outra cousa.
Pero en calquera caso, no ámbito local, que é o que nos compete, queremos pedir do goberno local que sexa exemplar. En primeiro lugar que siga rigorosamente as medidas que se propoñan dende as entidades sanitarias, e tamén que axude á difusión das medidas que poidan axudar á cidadanía na prevención do contaxio , ou como actuar se se ten sospeita del, algo que outros concellos xa levan días facendo. Damos por feito que se vai actuar, e por ese motivo facémoslle saber ao goberno de David Castro que conta con todo o noso apoio.
Pero ademais de tomar medidas de prevención, tamén é preciso dar exemplo noutros eidos, como axudando a facer visible a importancia do compromiso como sociedade ante esta situación. Por ese motivo pedímoslle ao goberno local que, se non considera reducir a actividade municipal ao mínimo, que sería o máis lóxico, cando menos reforce as medidas preventivas nas institucións e facilite a conciliación familiar aos traballadores e traballadoras do concello que se vexan afectados por outras situacións, como os peches dos colexios, sendo así exemplo para o resto de empresas e institucións.
Pola nosa banda non queremos caer en alarmismos innecesarios, e pedímoslle á nosa veciñanza que tampouco ceda a eles. Si queremos incidir en animar a poboación a seguir os consellos en materia de prevención que marcan as institucións sanitarias, e sobre todo antepoñer o sentido común. Estamos seguros que , tal como todas as institucións declaran, esta situación é extraordinaria, pero pasaxeira, e a mellor maneira de levala e mantendo a calma e a normalidade.
Amosamos a nosa preocupación pola situación do xeriátrico.
- O brote de Sarna pon en evidencia a xestión do xeriátrico.
• As explicacións aportadas por Sanidade e pola dirección do centro ata o momento non nos parecen suficientes, e manteñennos preocupados.
• Todo o noso apoio ás traballadoras e traballadores nas súas reivindicacións, e as persoas afectadas e as súas familias. - Unha vez máis, David Castro cala.
O primeiro que dende Somos Ribadumia queremos transmitir é o noso apoio as persoas que se viron afectadas pola situación que se esta dando no xeriátrico e ás súas familias.
Tamén queremos amosar todo o noso apoio á plantilla de traballadoras do centro xeriátrico, pois entendemos que están defendendo os seus dereitos como traballadoras, moitas delas ademais veciñas do noso concello, pero que ademais defenden tamén a correcta atención das persoas que residen nese centro, que ante os últimos acontecementos queda en entredito por mor da política empresarial da entidade propietaria do xeriátrico.
Para nos é evidente que hai unha relación directa entre a situación de funcionamento que as traballadoras denuncian e a situación sanitaria que se está vivindo, cun brote de sarna que a día de hoxe nin sequera sabemos nin o seu alcance certo nin se foi posible que se trasladara fora do centro, algo que nos parece sumamente preocupante – máis á vista das informacións que falan de dúas traballadoras contaxiadas – , por moito que esta sexa unha infección sinxela de controlar e que non supoña a priori un problema grave para a poboación.
As informacións achegadas dende Sanidade e a empresa tampouco nos parecen nada esclarecedoras neste momento, pois son contraditorias en canto ao número de persoas afectadas, e non aclaran se o brote quedou totalmente illado dentro do centro ou hai posibilidade de que se extendera no exterior, nin explican como puido ser posible que unha infección dese tipo se propagase nun entorno que se presupón controlado e con medidas de seguridade e hixiene adecuadas.
Non somos alarmistas e entendemos que nos próximos días esta situación quedará totalmente resolta, pero iso non quita que haxa que esixir responsabilidades e actuacións ante unha empresa que leva meses no foco de atención por situacións similares noutros centros, así como polo falecemento dunha das persoas residentes a finais do 2018, que tamén se relacionou coa escaseza de persoal, motivo polo cal a familia da persoa falecida puxo o caso en mans da lei. Dende Somos Ribadumia pedímoslle a Sanidade que unha vez a situación quede totalmente controlada e resolta, se tomen as medidas correspondentes coa empresa propietaria do xeriátrico, que dende o noso punto de vista comeza cunha auditoría exhaustiva que clarifique como puido ser posible que se dera esta situación, e cal é a situación real na que esta funcionando este centro, en que condicións está traballando o persoal, se se toman as medidas de prevención e de hixiene necesarias en todos os aspectos, e se a atención das persoas residentes é a adecuada, e que no seu caso, se tomen as medidas que sexan necesarias, así como que se lle apliquen á empresa as sancións que para estes casos se estipulen.
Mentres, o noso alcalde cala.
Ante o silencio do goberno local, que como ven sendo habitual non se expresa sobre nada do que é importante, presentamos un escrito está mañá preguntando polas xestións que se puideran ter feito dende o ente local, e pedíndolle que, se non se fixo nada , se tome a iniciativa, se pidan os informes pertinentes dentro das capacidades municipais, e se inste a Sanidade a actuar con claridade nunha cuestión que pilla ao noso concello de cheo, pois así como unha enfermidade que hoxe é menor que se contaxia por solo contacto foi quen de poñer en xaque ao centro, non sabemos que podería ter pasado se falásemos dunha enfermidade doutro tipo ou cunha capacidade contaxio maior.
Tamén lle pedimos ao goberno local que aclare se apoia as traballadoras e traballadores do xeriátrico, unha postura que o alcalde non parece moi interesado en aclarar. Para Oubiña “o noso alcalde non pode poñerse de lado. Ten que decidir: se está coa plantilla e cos usuarios do centro ou se está coa dirección da empresa; se está coa veciñanza que mira sorprendida e preocupada como dun día para outro no corazón de Ribadumia aparece un foco de infección, que mañá pode ser outra cousa de máis gravidade, ou se está do lado dos empresarios que non teñen miramentos en recortar en medios e persoal para garantir beneficios”.
Somos Ribadumia e a agrupación local PSdeG-PSOE reunímonos coa presidenta da Mancomunidade do Salnés.
- Tratáronse varias cuestións , dende temas relacionados co saneamento, ata cuestións medioambientais e de loita contra a violencia de xénero.
Na tarde deste pasado xoves o voceiro de Somos Ribadumia e o secretario xeral da agrupación local do PSdeG mantiveron unha xuntanza coa presidenta da mancomunidade, Marta Giráldez.
Unha xuntanza que Enrique Oubiña e Javier Mougan consideraron “do máis interesante”, na que tiveron oportunidade de plantexar diversas cuestións que a presidenta comprometeu que ao longo do mandato se irán analizando para buscar solucións que poidan aplicarse de xeito mancomunado, dende diversas problemáticas de carácter medioambiental ou de servizos como o saneamento ou a auga, ata cuestións como a loita contra o paro ou a igualdade e a loita contra a violencia de xénero.
Ademais das cuestións propias da mancomunidade, ao ser Meis un concello veciño de Ribadumia, con moito espazo compartido, ou atractivos turísticos como a ruta da pedra e da auga que transcorre por ambos concellos, puxeronse enriba da mesa impresións e ideas sobre as que ir traballando no futuro.
Dende ambas formacións agradecemos á presidenta a súa boa vontade de diálogo e interese por darlle un impulso a Mancomunidade do Salnés, un ente que cada día é máis necesario e dende o que se poden poñer en marcha medidas e proxectos interesantes para o noso concello.
Comisión Executiva de Somos Ribadumia.
Agrupación local do PSdeG de Ribadumia.
Levamos ante a Valedora do Pobo o bloqueo á información ao que nos somete David Castro.
- Dende o inicio de lexislatura presentáronse 13 escritos pedindo información diversa, e ningún deles recibiu resposta.
- O bloqueo de IR á información municipal é unha situación inadmisible en democracia.
- Pedimos amparo á Valedora do Pobo, e non desbotamos outras medidas legais.
“A David Castro coller as vellas costumes da dereita levóulle media hora, o tempo que durou o pleno de investidura”. Así se refería esta mañá Enrique Oubiña á situación que vivimos no concello dende o inicio de lexislatura, co acceso á información municipal completamente bloqueado dende alcaldía.
Somos Ribadumia temos como principio ético o correcto funcionamento político e o respecto polas demais forzas. Uns aspectos nos que xa na lexislatura pasada demos exemplo, como poden corroborar dende o PP, cuxo único muro informativo que encontraron foi o de IR, pois pola nosa banda Enrique Oubiña non lles negou nunca nin acceso a información nin os datos que Salomé Peña lle requiría, chegando a abrirlle a porta él mesmo dunha instalación municipal para que puidera comprobar en persoa o estado dunhas obras, ou a acompañala na consulta de diversa documentación e resolver calquera dúbida.
A situación actual do noso concello nada ten que ver con aquela imaxe de transparencia, democracia, respecto e de sentido da ética política. E un exemplo claro está na política de comunicación do goberno co resto de forzas, ou cando menos con Somos Ribadumia. Dende o inicio de lexislatura ata o día de hoxe presentamos 13 escritos pedindo o acceso ou que se nos trasladara diferente información. En todos os casos fálase de información de carácter público. Pois ben “o goberno local exerce un bloqueo informativo completo, ao non contestar a nin un solo dos escritos que lle presentamos, impedíndonos o acceso á información municipal. Algo extremadamente grave en democracia, e que pode ter consecuencias legais”.
A lei protexe o dereito á información dos grupos políticos, pois para poder desenvolver o noso traballo correctamente, temos que ter acceso a toda a información sobre como se está desenvolvendo o goberno local. Ademais a transparencia no goberno, máis aló do legalmente establecido, é unha esixencia da propia cidadanía, que dende o 15M mudou a súa visión da política e non acepta eses comportamentos oscurantistas.
Ante esta situación, logo de ter paciencia e agardar moito máis do legalmente establecido, non nos queda máis remedio que optar por outras medidas. A primeira delas, e agardamos que sexa a última, acudir á Valedora do Pobo, e pedir o seu amparo ante esta situación. En concreto pedindo que interceda para que se nos facilite a información que solicitamos en 9 dos 13 escritos municipais (aqui) que levamos presentados, os que xa excederon os prazos legais de resposta. Pero, tal como explica Oubiña, “ a paciencia ten os seus límites. De aquí en adiante non deixaremos pasar un só día do prazo legal para obter a información que requiramos, e se temos que buscar outros camiños non o imos dubidar un segundo”.
Parécenos evidente que IR non quere que teñamos acceso a determinada información, porque non queren que a veciñanza se entere de certas cuestións, como por exemplo quen veu ao xantar do tinto por conta do concello, xestións discutibles ou a realidade do seu inmobilismo ante determinadas situacións, como os problemas co centro de saúde. Pero para Oubiña “David Castro ten que asumir que hoxe en día certos comportamentos non son admisibles, incluidas estas faltas de respecto institucional reiteradas, e por moito que teña maioría absoluta. Debe gobernar como considere, pero non de costas á cidadanía nin ao resto de forzas políticas, que temos unha función que cumprir ”.
En calquera caso, dende Somos Ribadumia debemos lamentar este tipo de comportamentos e facemos un chamamento a David Castro para que recupere o sentido común e deixe de poñernos paus nas rodas no noso traballo. Chegaremos todos máis lonxe dende a colaboración mutua, e será moito máis positivo para o noso concello.
