Inaceptable: David Castro mantén dende fai máis dun ano  a unha empresa sen cobrar.

  • David Castro pretendía levar a pleno un recoñecemento de débeda sen informes de intervención, algo moi grave.
  • Unha empresa leva un ano sen cobrar unhas facturas por simple capricho do alcalde.
  • Séguesenos negando acceso á información do pleno, polo que non imos participar.

pleno   Esta tarde está previsto que por fin, logo de nove meses, teña lugar un pleno ordinario no Concello de Ribadumia. Neste pleno , ademais dunha moción doutro partido da oposición, os únicos puntos a tratar son un recoñecemento extraxudicial de gasto, levado a pleno de xeito totalmente irregular,  e unha serie de puntos onde o alcalde pretende compensar a súa falta de rigor democrático e as súas obrigas de cara  a oposición, nun xogo de espellos que como xa dixemos no seu momento non imos aceptar.

Un ano para recoñecer facturas xa recoñecidas, e unha xestión nefasta.

O recoñecemento de débeda que esta tarde pretende aprobar o equipo de David Castro, ten  a súa orixe en varios  traballos realizados no ano 2019. Tal como explica Oubiña “a nosa sorpresa foi maiúscula. As facturas referidas corresponden con traballos realizados con toda normalidade, seguindo os estritos criterios que tiñamos nese momento, ou sexa: informe técnico que xustifique necesidade da actuación, con proxecto e valoración de custes, contratación dentro da lei, realización correcta dos traballos e aprobación das facturas por parte do concelleiro responsable  –  neste caso ao ser obras menores non requirían aprobación en xunta de goberno –  , que era eu mesmo, feito que entendemos é a orixe do problema”. Unha vez tivemos coñecemento de que estas facturas non se habían pagado, Oubiña fixo as averiguacións pertinentes, e topouse con que esas facturas no seu momento, aínda no goberno anterior, foron rexeitadas por orde de alcaldía sen informarllo nin dar motivo algún nin ao concelleiro de urbanismo nin á propia empresa. E no último ano a empresa “viviu o seu pequeno vía crucis, co alcalde negándose a recibilos, colgándolle o teléfono, e poñendo problemas, ata que a situación foi xa insostible no legal e David  tivo que baixar a orella”.

  Dende Somos Ribadumia queremos deixar constancia do noso rexeitamento a este tipo de actitudes e accións por parte de David Castro, que por mor dun capricho político, e co ánimo de prexudicar ao noso voceiro e á nosa formación, foi quen de ter bloqueado o pago a unha empresa durante máis de un ano.

  Con respecto ás facturas, cando conseguimos o informe de intervención, xustifícase o non aboamento de xeito ordinario pola falta de partida económica nese momento.  A este respecto, que nos xera moitas dubidas, e ante a falta de máis información, optaremos por  solicitar de intervención informes específicos do nivel de execución do orzamento nesas datas. Pero pola nosa banda a intencionalidade de non pagar de David Castro está clara porque como explica Oubiña “dende que se presentaron estas facturas, perfectamente validadas, aprobáronse dous orzamentos -2019 e 2020 – , e entre un e outro ata tres modificacións puntuais de crédito. David Castro negouse en todas as ocasións, por puro criterio de carácter político, inda que eu diría que por mero capricho infantil, a incluír as partidas precisas para facer fronte a estas facturas. Este xeito de actuar  demostra a pouca calidade política e humana do noso alcalde, capaz de prexudicar a unha empresa sen miramento ningún sempre que vaia a favor dos seus intereses particulares”.

Incapacidade de David Castro para xestionar os plenos municipais e o goberno.

As maneiras de traballar de David , en función do capricho do día e mais centrado en facerlle oposición a Somos Ribadumia que en gobernar, teñen como consecuencia a nefasta xestión municipal, chegando a limites sorprendentes”. Refírese Oubiña a que as presas coas que David Castro decidiu incluír na orde do día de hoxe este recoñecemento de facturas puxo de manifesto o seu descoñemento do funcionamento dos plenos e incapacidade para a correcta xestión municipal cando Somos Ribadumia non está ao seu carón.

  Os recoñecementos extraxudiciais de gasto deben ir acompañados dun informe de intervención que os expliquen e xustifiquen. Neste caso o único que se nos aportou formalmente foi a relación de facturas a recoñecer, e foi “gracias a que dende Somos Ribadumia onte a mañá metemos por rexistro a solicitude de acceso ao resto de información que dende secretaría se elaborou a todo correr un informe de mínimos, pero que inda así compromete a legalidade no tratamento plenario deste punto”. A lexislación vixente recolle que toda a documentación dos asuntos incluídos na orde do día que debe servir de base ao debate e, no seu  caso votación, deberá estar a disposición dos membros de la Corporación dende o mesmo día da convocatoria na Secretaría da mesma. Isto significa, tal como marca a  xurisprudencia existente que a documentación debe elaborarse e reunirse como é lóxico antes de convocar o pleno, e que non poden elaborarse nin añadirse os informes legais logo dese momento, pois incorreríase nunha falta moi grave que pode provocar a nulidade de pleno dereito do acordo que se tome. Pola nosa banda, non queremos formar parte de plenos convocados a todo correr, sen cumprir cos requisitos legais e saltándose os principios democráticos que os rexen. Ademais somos conscientes de que as formas de David Castro e a presión que exerce sobre a administración local están comprometendo o traballo da secretaría municipal, que sabemos advertiu a David castro do irregular das súas actuacións sen que este a escoitara, algo que nos parece totalmente indignante.

Dende aquí desmarcámonos completamente deste despropósito de funcionamento político, e reclamamos de David Castro que sexa serio e responsable nas súas funcións. Un pleno municipal non pode ser tratado con semellante desleixo.

A falta de acceso a información do pleno.

Dáse a circunstancia que para o resto de puntos da orde do día, salvo no caso dunha moción do PP, non temos ningún tipo de documentación. A norma reguladora do funcionamento dos plenos, como se dixo establece que a documentación debe estar toda no momento de convocarse o pleno en poder da representante do estado, ou sexa a secretaría municipal, e que os concelleiros e concelleiras terán acceso a esa información. Pois non so non se nos aporta a documentación requirida, se non que dende secretaría non nos poden dar acceso, ao estar esa documentación secuestrada polo alcalde, co argumento de que non son cuestións que vaian a conlevar debate ou votación. Oubiña clarifica que “todos os puntos que se levan a un pleno son susceptibles de debate, salvo que o alcalde pretenda negarnos o noso dereito a expresarnos nun pleno municipal, que xa era o que nos faltaba. E de feito en outras moitas cousas das que legalmente so existe obrigación de dar conta en pleno, como os informes trimestrais de morosidade, inclúese a documentación necesaria, en tempo e forma”.

   A maioría das cuestións das que David Castro hoxe quere “dar conta”, son cuestións sobre as que dende  Somos Ribadumia pedimos informacións concretas e por escrito fai meses, nalgún caso máis de un ano.  Dar conta no pleno non exime ao alcalde das súas obrigas de aportar á oposición os informes técnicos solicitados do xeito solicitado e nos prazos establecidos. Para Oubiña “ dubido moito que a Valedora do Pobo acepte este tipo de xustificacións case desesperadas. Os prazos legais non poden saltarse.”

Dende Somos Ribadumia queremos tamén facer un chamamento os resto de partidos da oposición, para que valoren se este é o tipo de funcionamento  democrático que queren no noso concello, e tamén se queren estar os tres anos que quedan de lexislatura co funcionamento plenario  e o propio traballo dos partidos bloqueado por estas actitudes, máis propias doutros tempos que non dos actuais.

wp-1593711117548.jpg

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s