Lamentamos as limitacións postas á Biblioteca Municipal.

horario biblioteca

  • Entendemos as limitacións derivadas da covid, pero non é razoable que non se dispuxera dunha alternativa.
  • Agardamos que o concello faga un esforzo en axudar a ANPA ante as novas necesidades do comedor escolar, e actúe con previsión na xestión dos servizos de conciliación cando comece o curso escolar.

   As limitacións que trouxo consigo a covid afectaron a moitos eidos do funcionamento municipal, e nese aspecto debemos amosar toda a nosa compresión, e entendemos que algúns servizos se viran recortados ou temporalmente paralizados, pois o concello ten as súas limitacións.

   Pero do mesmo xeito entendemos que certos aspectos, como as limitacións postas á Biblioteca Municipal non son tanto resultado da situación actual, como dunha mala planificación e xestión dos recursos.

   Ao por en marcha a escola de verán, foi necesario tomar unha serie de medidas en varios aspectos e, ao estar a Biblioteca situada no mesmo edificio – a casa de Cultura de Ribadumia – que onde se leva a cabo a escola, a necesidade de crear espazos seguros obrigou a pechar a Biblioteca. Ata aquí  podemos estar de acordo. Co que non podemos concordar é, en verbas de Enrique Oubiña “con que non se lle ocorrera ao equipo de goberno outra alternativa que non fora a de por unha hora dous días á semana para a entrega ou recollida de libros, porque a Biblioteca cumpre máis funcións que a de prestar libros”.

  Ao pechar a Biblioteca pechouse tamén un espazo de estudio e de traballo, así como de acceso a Internet, que moita xente, en particular a que está estudando, precisa e utiliza. Dende o noso punto de vista “tíñase que ter habilitado, obviamente con todas as medidas de seguridade, un espazo alternativo, e en Ribadumia sobran locais que no verán se poidan usar para esa función”. Somos conscientes de que esta actuación requiría quizais dotar unhas mesas e cadeiras, unha liña de Internet e trasladar uns ordenadores, pero non consideramos que  fora algo inasumible para o concello, nin moito menos. Para Oubiña “hai que ter en conta o costume, entendible nos primeiros anos da escola pero agora bastante discutible, de poñer ao bibliotecario no verán a realizar funcións de monitor de tempo libre, e que seguramente tivo moito que ver co peche da bliblioteca sen ofrecer alternativa. Non esquecemos que este ano reduciuse a partida para a escola de verán, en contra do noso criterio e nos temos claro que se en lugar de andar a entrampar os servizos do concello, se dotaran as partidas suficientemente e se xestionaran con profesionalidade, estas cousas non pasarían, e as usuarias da bilblioteca non verían recortado o seu dereito a este servizo”.

 

Os problemas que veñen co comedor escolar e os servizos de conciliación.

  Por outra banda, a crise da covid vai traer cambios noutros servizos, como o do comedor escolar. Este servizo que se xestiona dende a ANPA no próximo curso vai ter que adaptarse a  “nova normalidade”. Á ANPA xa lle comunicaron as medidas restritivas ás que van ten facer fronte. O que non parece é que o goberno de Feijóo vaia a cambiar a súa liña de actuación dotando fondos ou recursos para poder facer fronte a estas cuestións, é menos á vista das solucións que pretende impoñer nos colexios, que xa recibiron fortes críticas de sindicatos e asociacións de ANPAs. Os requerimentos de seguridade  no caso dos comedores incluirán e medidas de distanciamento entre as crianzas, grupos reducidos e outras similares, cuestións complexas tendo en conta o escaso espazo do que dispón o comedor deseñado polo PP Salomé Peña no seu día, e que provocará que haxa que organizar quendas para xantar ou buscar solucións alternativas, onde o goberno local ten moito que decir e aportar.

   Dende o noso punto de vista a desidia do goberno de Feijóo non deben pagalas nais e pais, e é na Conselleira de Educación onde deben buscarse solucións é recursos. Pero ao mesmo tempo agardamos que o concello non siga na súa liña de deixar facer e eludir responsabilidades e de evitar confrontar coa Xunta, tome a iniciativa e en caso necesario dispoña medios e recursos  para axudar a ANPA do CEIP Xulia Becerra Malvar.

   Cuestión similar é a que atingue aos servizos de conciliación -plan madruga e escola de ocio- , que nese caso son competencia municipal. Somos conscientes das dúbidas que xera o futuro inmediato, pero o goberno local debe ter previstas as solucións asumindo que con toda probabilidade vai ser necesario dispoñer de máis espazos e persoal profesional, ademais de outras medidas.

   Pola nosa banda, dende Somos Ribadumia levamos propostas dende o inicio da pandemia  preto de medio cento de medidas específicas, e aínda que o goberno de David Castro non as quixo ter en conta a pesar de que moitas delas demostráronse acertadas e necesarias, e noutros concellos resultaron moi positivas, seguiremos traballando na nosa liña de buscar solucións e “como xa expuxemos fai uns días na única xuntanza da mesa de seguimento da covid celebrada ata este momento, estamos dispostos a deixar de lado as diferencias políticas, aportar dende a nosa posición e experiencia, apoiar o traballo que se faga en positivo e tamén dar apoio dende o político e buscar consensos para por en marcha medidas concretas que permitan facer fronte a estes e outros retos que temos por diante como concello, se o goberno decide mudar a liña de actuación e optar polo dialogo coa oposición”.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s