Denunciamos o cobro irregular da taxa de conexión ao saneamento.

  • As novas familias que veñen vivir para Barrantes están indignadas polo que consideran un abuso.
  • Ata o de agora, a taxa de conexión nos bloques de vivendas cobrábaselle ao promotor das vivendas.
  • O cambio supón na práctica un novo imposto.

taxas municipais

   A taxa de conexión ao saneamento, que ten un custe no noso concello de 150,25€, é unha taxa de pago único que ata o de agora pagaban os propietarios de fincas, urbanizadas ou non,  por conectarse a ese servizo, e que estaba pensada para compensar os custes de realizar a conexión, dende o punto determinado no linde da propiedade á rede municipal de sumidoiros. Por ese motivo, tal como explica Enrique Oubiña, concelleiro de urbanismo no mandato anterior, “ tanto nos bloques de vivendas como nas fincas onde coincidían varias edificacións ou vivendas, solo se pagaba polo número de conexións no espazo público. Porque o que se paga é o enganche, non o que se ten dentro da finca”.

   Nas últimas semanas tivemos constancia de que o equipo de goberno mudou o seu criterio, e decidiu facer unha interpretación bastante libre da normativa, aplicando a cota de enganche ás vivendas na súa primeira ocupación, con independencia de se son vivendas independentes ou comparten a conexión con outras, como acontece no caso dos bloques de vivendas. Unha situación “que non ten ningunha lóxica, salvo o de aumentar os ingresos do concello a conta da xente que descoñece as normas municipais. O resultado disto é que as persoas que compraron un piso no último ano, a diferencia das que compraron piso en anos anteriores, topáronse con que cando ían solicitar o enganche da auga, lle metían no mesmo recibo o enganche do saneamento, sen máis explicación”.

   Non conforme coa imposición unha nova taxa, dáse a circunstancia de que os promotores dos edificios de vivendas xa no seu momento pagaron a taxa de enganche, como lles correspondía, polo que o goberno local está cobrando varias veces o mesmo enganche á rede de saneamento: primeiro ao promotor,  pero logo a cada vivenda do edificio, o cal é totalmente irregular, ademais de crear un agravio comparativo co resto de vivendas, que non pagaron esta taxa e gozan do mesmo servizo. Para Oubiña “isto é como se teño unha casa nunha parroquia, e ampliolle unha altura para facer unha vivenda para un fillo ou unha filla, por exemplo, mantendo  a conexión ao saneamento existente,  pero o concello cóbrame de novo  como se fixera un enganche a maiores.  Ou como se construo un garaxe ou un alprende cun baño de servizo nunha finca miña onde xa teño unha casa e aproveito as conexións que xa teño,  e o  concello me cobra un segundo enganche. Non ten sentido ningún”.

  Esta maneira de actuar por parte do goberno local, non nos parece adecuada en ningún aspecto. Pero máis aló do xa expresado, dende a nosa formación entendemos que son momentos de promover que a xente veña a vivir a Ribadumia, non de meterlle impostos. Seguimos tendo a espada de Damocles do límite dos 5.000 habitantes pendendo sobre o noso concello, e que a xente que veña de novo conte fora que non solo non se lles favorece por vir vivir a Ribadumia, se non que -enriba de todos os custes de comprar unha vivenda nova – se lles regalan impostos innecesarios e inxustos, non é unha boa maneira de promover o aumento de veciñanza.

 

Silencio ante as queixas veciñais.

   Temos constancia de que algunhas persoas decidiron reclamar o cobro desta taxa pero, como acontecera co cobro acumulado de multas meses atrás, toparon cunha enorme resistencia por parte do goberno local, que nin contesta aos requirimentos veciñais, nin facilita de boa gaña cousas tan sinxelas como o acceso ás normas municipais que recollen as taxas e o seu xeito de aplicación. “ Atopámonos con que David Castro, que en pleno declara que contesta todos os escritos presentados pola veciñanza, ademais de non contestarnos a nos, tampouco lle contesta aos veciños que reclaman cousas que non lle gustan”.

   Tan é así, que unha veciña se puxo en contacto con nos e nos contou que primeiro alcalde e concelleiras non a recibiron, logo cando puxo a queixa por escrito non lle contestaron, logo cando foi ao concello por enésima vez e xa enfadada, nin alcalde nin concelleira de Urbanismo quixeron saber nada do tema, e derivárona a técnicos municipais que  a atenderon pero tampouco puideron facer nada máis que dar a cara polo alcalde , debido a que a decisión é estritamente política . “Como cambiaron as cousas dende fai pouco máis de un ano, cando eu persoalmente recibía a calquera veciña ou veciño que requirira atención, fora votante meu ou non, viñera de bo humor ou feito unha chispa”.

   Pola nosa banda, nós si escoitamos á nosa veciñanza, e na maña do pasado venres presentamos un escrito solicitando do goberno de David Castro unha rectificación no cobro desta taxa, que para Oubiña “ supón un novo chanzo nunha característica de David Castro que eu descoñecida : a súa capacidade para inventar impostos revolucionarios. Primeiro foi coas multas – só no primeiro trimestre deste 2020 puxéronse o 80% de todas as multas postas no 2019, un aumento brutal- e agora cólalle á xente que compra unha vivenda nova 150€  porque si”. No mesmo escrito pedimos tamén unha rectificación na xestión das queixas veciñais, e que tanto o alcalde como os concelleiros e concelleiras, dúas das cales por certo ao igual que o alcalde cobran nómina do concello, dean a cara, atendan a súa veciñanza, incluída a que non lles é próxima ou interesante, e respondan correctamente e en tempo e forma aos escritos que lles presentan.

One comment

  1. Pingback: Denunciamos o cobro irregular da taxa de conexión ao saneamento. — Somos Ribadumia | Mon site officiel / My official website

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s