Category: Sen clasificar

Pedimos a David Castro que dea a cara pola nosa veciñanza ante os abusos de ABANCA.

  • Varios Concellos dirixíronse á entidade bancaria para pedirlle a devolución das comisións abusivas cobradas por esa entidade.
    A falta de alternativas é un prexuízo para a nosa veciñanza.
    David Castro debera poñerse do lado da veciñanza dun xeito exemplar.
wp-1594206213474.jpg

A alcaldesa de Salceda non tivo reparos en poñerse do lado da súa veciñanza. Pero … Que fará David Castro?

Como é coñecido, ABANCA aplicou fai uns días uns cargos por comisións de mantemento nas contas correntes dos clientes do redor de 50€ na maioría dos casos. Ademais, son cargos semestrais polo que manter unha conta en ABANCA vai superar os 100€/ano. comisións que supoñen un golpe económico en moitas familias nun momento complexo, con moita xente no paro e unha situación que ninguén sabe como vai evolucionar, pero que todos os indicadores marcan unha caída importante da economía e do traballo.

   Hai que recordar que ABANCA é o resultado da fusión das antigas caixas públicas -que cumprían cunha importante función social – o seu rescate gracias a 9.000M € de fondos públicos, para finamente ser mal vendida por 1.000M € a un banco venezolano, rematando así o proceso privatizador e acabando cunha alternativa creada para axudar ás familias con menos recursos, así como a tantas e tantas familias con traballos e negocios relacionados co agro ou co mar, ás que a banca pública permitía saír adiante. 

Dende o noso punto de vista ABANCA estase beneficiando dunha posición de poder, pois cando a súa matriz actual Banesco se fixo con ABANCA tamén se fixo cunha importante carteira de clientes, unha boa parte da poboación galega en realidade, xeralmente con economías máis baixas que as que tradicionalmente fan uso da banca privada, e moi acostumados ao trato de proximidade e a unhas condicións económicas moi distintas das dos grandes bancos, e toda esa masa de clientes  agora non teñen alternativa e quedan á expensas dos abusos bancarios deste tipo de entidades. En Ribadumia a situación de ABANCA, como en moitos concellos pequenos, vese favorecida pola escaseza de oficinas bancarias -só dúas oficinas – o cal lle garante cuestións como xestionar a maioría das pensións, e co problema para á veciñanza de que nin sequera hai alternativas polas que optar, en particular as persoas máis maiores, que requiren un tipo de atención moi cercana, e que haxa oficina física. Segundo os nosos cálculos, ABANCA ingresou solo no noso concello entre 120.000€ e 150.000 € con estes cargos.

Outros gobernos locais, ante o que representa un evidente abuso de poder, tomaron a iniciativa e , como por exemplo no caso de Salceda de Caselas, dirixíronse directamente a ABANCA para solicitarlle que tiveran a ben dar marcha atrás nesta liña de actuación, e devolveran os cargos recuperando unha política de comisións máis próxima ao tipo de clientela media que ten ABANCA, e que en moitos casos non pode permitirse pagar 100€ cada ano solo por ter unha conta e unha tarxeta. Nós pedímoslle a David Castro que tome a iniciativa neste sentido, se poñendo lado da nosa veciñanza, se dirixa formalmente á entidade bancaria, e exerza a presión que lle permite que o Concello posiblemente sexa un dos maiores clientes no noso concello, se non o maior, e que se ABANCA non cede se busquen outras alternativas bancarias.
Tamén queremos animar á nosa veciñanza á que non que se quede na indignación, é presenten unha queixa formal, tanto na entidade bancaria como ante consumo.

 

Inaceptable: David Castro mantén dende fai máis dun ano  a unha empresa sen cobrar.

  • David Castro pretendía levar a pleno un recoñecemento de débeda sen informes de intervención, algo moi grave.
  • Unha empresa leva un ano sen cobrar unhas facturas por simple capricho do alcalde.
  • Séguesenos negando acceso á información do pleno, polo que non imos participar.

pleno   Esta tarde está previsto que por fin, logo de nove meses, teña lugar un pleno ordinario no Concello de Ribadumia. Neste pleno , ademais dunha moción doutro partido da oposición, os únicos puntos a tratar son un recoñecemento extraxudicial de gasto, levado a pleno de xeito totalmente irregular,  e unha serie de puntos onde o alcalde pretende compensar a súa falta de rigor democrático e as súas obrigas de cara  a oposición, nun xogo de espellos que como xa dixemos no seu momento non imos aceptar.

Un ano para recoñecer facturas xa recoñecidas, e unha xestión nefasta.

O recoñecemento de débeda que esta tarde pretende aprobar o equipo de David Castro, ten  a súa orixe en varios  traballos realizados no ano 2019. Tal como explica Oubiña “a nosa sorpresa foi maiúscula. As facturas referidas corresponden con traballos realizados con toda normalidade, seguindo os estritos criterios que tiñamos nese momento, ou sexa: informe técnico que xustifique necesidade da actuación, con proxecto e valoración de custes, contratación dentro da lei, realización correcta dos traballos e aprobación das facturas por parte do concelleiro responsable  –  neste caso ao ser obras menores non requirían aprobación en xunta de goberno –  , que era eu mesmo, feito que entendemos é a orixe do problema”. Unha vez tivemos coñecemento de que estas facturas non se habían pagado, Oubiña fixo as averiguacións pertinentes, e topouse con que esas facturas no seu momento, aínda no goberno anterior, foron rexeitadas por orde de alcaldía sen informarllo nin dar motivo algún nin ao concelleiro de urbanismo nin á propia empresa. E no último ano a empresa “viviu o seu pequeno vía crucis, co alcalde negándose a recibilos, colgándolle o teléfono, e poñendo problemas, ata que a situación foi xa insostible no legal e David  tivo que baixar a orella”.

  Dende Somos Ribadumia queremos deixar constancia do noso rexeitamento a este tipo de actitudes e accións por parte de David Castro, que por mor dun capricho político, e co ánimo de prexudicar ao noso voceiro e á nosa formación, foi quen de ter bloqueado o pago a unha empresa durante máis de un ano.

  Con respecto ás facturas, cando conseguimos o informe de intervención, xustifícase o non aboamento de xeito ordinario pola falta de partida económica nese momento.  A este respecto, que nos xera moitas dubidas, e ante a falta de máis información, optaremos por  solicitar de intervención informes específicos do nivel de execución do orzamento nesas datas. Pero pola nosa banda a intencionalidade de non pagar de David Castro está clara porque como explica Oubiña “dende que se presentaron estas facturas, perfectamente validadas, aprobáronse dous orzamentos -2019 e 2020 – , e entre un e outro ata tres modificacións puntuais de crédito. David Castro negouse en todas as ocasións, por puro criterio de carácter político, inda que eu diría que por mero capricho infantil, a incluír as partidas precisas para facer fronte a estas facturas. Este xeito de actuar  demostra a pouca calidade política e humana do noso alcalde, capaz de prexudicar a unha empresa sen miramento ningún sempre que vaia a favor dos seus intereses particulares”.

Incapacidade de David Castro para xestionar os plenos municipais e o goberno.

As maneiras de traballar de David , en función do capricho do día e mais centrado en facerlle oposición a Somos Ribadumia que en gobernar, teñen como consecuencia a nefasta xestión municipal, chegando a limites sorprendentes”. Refírese Oubiña a que as presas coas que David Castro decidiu incluír na orde do día de hoxe este recoñecemento de facturas puxo de manifesto o seu descoñemento do funcionamento dos plenos e incapacidade para a correcta xestión municipal cando Somos Ribadumia non está ao seu carón.

  Os recoñecementos extraxudiciais de gasto deben ir acompañados dun informe de intervención que os expliquen e xustifiquen. Neste caso o único que se nos aportou formalmente foi a relación de facturas a recoñecer, e foi “gracias a que dende Somos Ribadumia onte a mañá metemos por rexistro a solicitude de acceso ao resto de información que dende secretaría se elaborou a todo correr un informe de mínimos, pero que inda así compromete a legalidade no tratamento plenario deste punto”. A lexislación vixente recolle que toda a documentación dos asuntos incluídos na orde do día que debe servir de base ao debate e, no seu  caso votación, deberá estar a disposición dos membros de la Corporación dende o mesmo día da convocatoria na Secretaría da mesma. Isto significa, tal como marca a  xurisprudencia existente que a documentación debe elaborarse e reunirse como é lóxico antes de convocar o pleno, e que non poden elaborarse nin añadirse os informes legais logo dese momento, pois incorreríase nunha falta moi grave que pode provocar a nulidade de pleno dereito do acordo que se tome. Pola nosa banda, non queremos formar parte de plenos convocados a todo correr, sen cumprir cos requisitos legais e saltándose os principios democráticos que os rexen. Ademais somos conscientes de que as formas de David Castro e a presión que exerce sobre a administración local están comprometendo o traballo da secretaría municipal, que sabemos advertiu a David castro do irregular das súas actuacións sen que este a escoitara, algo que nos parece totalmente indignante.

Dende aquí desmarcámonos completamente deste despropósito de funcionamento político, e reclamamos de David Castro que sexa serio e responsable nas súas funcións. Un pleno municipal non pode ser tratado con semellante desleixo.

A falta de acceso a información do pleno.

Dáse a circunstancia que para o resto de puntos da orde do día, salvo no caso dunha moción do PP, non temos ningún tipo de documentación. A norma reguladora do funcionamento dos plenos, como se dixo establece que a documentación debe estar toda no momento de convocarse o pleno en poder da representante do estado, ou sexa a secretaría municipal, e que os concelleiros e concelleiras terán acceso a esa información. Pois non so non se nos aporta a documentación requirida, se non que dende secretaría non nos poden dar acceso, ao estar esa documentación secuestrada polo alcalde, co argumento de que non son cuestións que vaian a conlevar debate ou votación. Oubiña clarifica que “todos os puntos que se levan a un pleno son susceptibles de debate, salvo que o alcalde pretenda negarnos o noso dereito a expresarnos nun pleno municipal, que xa era o que nos faltaba. E de feito en outras moitas cousas das que legalmente so existe obrigación de dar conta en pleno, como os informes trimestrais de morosidade, inclúese a documentación necesaria, en tempo e forma”.

   A maioría das cuestións das que David Castro hoxe quere “dar conta”, son cuestións sobre as que dende  Somos Ribadumia pedimos informacións concretas e por escrito fai meses, nalgún caso máis de un ano.  Dar conta no pleno non exime ao alcalde das súas obrigas de aportar á oposición os informes técnicos solicitados do xeito solicitado e nos prazos establecidos. Para Oubiña “ dubido moito que a Valedora do Pobo acepte este tipo de xustificacións case desesperadas. Os prazos legais non poden saltarse.”

Dende Somos Ribadumia queremos tamén facer un chamamento os resto de partidos da oposición, para que valoren se este é o tipo de funcionamento  democrático que queren no noso concello, e tamén se queren estar os tres anos que quedan de lexislatura co funcionamento plenario  e o propio traballo dos partidos bloqueado por estas actitudes, máis propias doutros tempos que non dos actuais.

wp-1593711117548.jpg

 

Traballamos para evitar que este verán quedemos de novo cunha soa médica.

  • A experiencia de anos anteriores motivounos a tomar a iniciativa e dirixirnos á xerencia do EOXI Pontevedra-Salnés para solicitar unha xuntanza.
  • Queremos evitar que o centro de saúde volva quedar con unha soa facultativa durante os períodos vacacionais.
50856898_1524041051073611_75557038901428224_o

Enrique Oubiña, Ricardo Fontán e Lorena Rodriguez xunto á doutora Margarita Vidal e varias veciñas e veciños durante unha das concentracións realizadas en fronte ao centro de saúde.

  Coa chegada do verán volven xurdir as dubidas con respecto ao noso centro de saúde. Tal como explica Oubiña “varias persoas do noso concello xa se dirixiron a nos preguntándonos se volveriamos quedar cunha soa médica no noso centro de saúde, como en anos anteriores. Esta posibilidade supón para nos unha importante preocupación, sobre todo vendo o que esta acontecendo en concellos veciños como Meis.”

   Dende Somos Ribadumia, e ante  a falta de informacións por parte do goberno local, decidimos tomar a iniciativa e diriximos unha carta á xerencia do EOXI  solicitando unha xuntanza para avaliar a situación e coñecer de primeira man cal é a planificación que a xerencia ten para o noso centro de saúde. Hai que recordar que o centro de saúde de Ribadumia conta na actualidade con dúas facultativas para atender do redor de 3000 pacientes, e que non cubrir as prazas durante as vacacións teria consecuencias directas, como o retraso nas citas, que en anos anteriores chegou as tres semanas, así como que o centro se quede sen medico durante as saídas por urxencias da medica presente, por non falar do perigo de que acontezan cousas de maior gravidade, como pasou fai dous anos na Estrada, cando un home faleceu por non haber quen o atendera no seu centro de referencia.

  Dende Somos Ribadumia, ao igual que nos últimos anos imos seguir defendendo o dereito da nosa veciñanza a ter unha atención sanitaria de calidade, e no noso centro de saúde.

Deixámosvos  unha serie de enlaces que recollen o intenso  traballo realizado por Somos Ribadumia dende o 2015 na defensa do noso centro de saúde:

30 XULLO 2015 A consellería de sanidade ignora os problemas de Ribadumia

9 MARZO 2016 O equipo de goberno de Ribadumia úrxelle solucións a sanidade para os problemas no centro de saúde.

29 MAIO 2016 O Concello de Ribadumia reivindica o Sergas melloras nos servizos sanitarios

28 XANEIRO 2017 Asinado o convenio de cesión do centro de saude ó SERGAS.

26 XULLO 2018 O Concello de Ribadumia denuncia a falta de persoal médico no Centro de Saúde

6 AGOSTO 2018 Somos Ribadumia e outras plataformas municipalistas do Salnés piden a dimisión do Conselleiro de Sanidade

11 XANEIRO 2019 Ribadumia e A Illa suman forzas na defensa do servizo de pediatría

3 FEBREIRO 2019 Non confiamos nas boas palabras do xerente do EOXI. Esiximos responsabilidades e medidas reais que garantan o correcto funcionamento da atención primaria.

1 XULLO 2019 Somos Ribadumia pídelle ao alcalde que asuma as súas responsabilidades con respecto ao servizo de atención primaria.

9 AGOSTO 2019 Somos Ribadumia leva a situación do centro de saúde ao Parlamento a través de En Marea.

5 SETEMBRO 2019 David Castro burlase da veciñanza de Ribadumia coa cuestión do centro de saúde e ponse do lado do PP.

3 OUTUBRO 2019 Enrique Oubiña logra o compromiso do xerente do EOXI de evitar que o centro de saúde se quede con un so médico.

14 NOVEMBRO 2019 A incorporación da nova facultativa no centro de saúde de Ribadumia será efectiva nos próximos días.

 

Pedimos ao goberno de David Castro un maior esforzo na axuda á conciliación familiar.

  • Urxe compensar as situacións sobrevidas por mor do covid nas cuestións da conciliación familiar, moi en particular no que atangue á limitación de espazos diarios para ás crianzas e para os nosos maiores.
  • A Deputación acaba de publicar unha axuda de ata 5.700€ para o Concello de Ribadumia.
4

Dentro do noso  programa para mellorar a calidade de vida no noso concello, incluímos  unha batería de propostas en materia de conciliación familiar e igualdade, todas perfectamente realizables. Lamentablemente, non parece que o goberno actual estea pensando nestas cousas.

   Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados por como vai enfrontar a nova normalidade o goberno local. E unha das cuestións que máis nos preocupa é o freo ás políticas de conciliación familiar ao que David Castro someteu ao noso concello. As melloras que durante a lexislatura pasada se levaron a cabo con Oubiña como concelleiro de política social e en colaboración estreita coa concellería de educación – todo hai que dicilo -, que tiveron como resultado melloras en horarios no plan madruga e escola de ocio no inverno, por exemplo, ou o asentamento da escola de verán, coa ampliación de prazas de a posibilidade de comedor, xunto a outras medidas relativas á terceira idade traían unha liña ascendente que facían do noso concello un referente en políticas de conciliación familiar nos concellos pequenos.

   Porén, agora que nos enfrontamos a unha  situación extraordinaria vemos como o noso goberno, no canto de reforzar estas liñas políticas, tira do freo para evitar calquera tipo de responsabilidade. Para Oubiña “esta maneira de facer política non é a mellor posible, dende ningún punto de vista. Obviamente o concello non é responsable nin do covid nin de marcar as liñas mestras na súa xestión,  e son o goberno do estado é a Xunta quenes teñen que mobilizar os recursos para facer fronte a situación no seu conxunto, pero a nivel local David Castro ten a obriga moral e a responsabilidade como alcalde de facer moito máis do que se está facendo. Que para iso ten o cargo, non solo para entregar plaquiñas”.

   Dende o noso punto de vista este é o momento de dar pasos adiante é reforzar todas as liñas de conciliación do concello. Ademais hai que compensar dalgún xeito os problemas que obrigan a varias das entidades que xeralmente organizaban campus a non realizalos, ou ben realizalos pero moi limitados. “Porque non podemos esquecer que detrás disto hai nenos, é hai nais é país que precisan solucionar un problema difícil, e non poden agardar a que dende Santiago ou Madrid se lles ocorra unha solución, que igual nin chega”. E o mesmo podemos dicir das persoas maiores, que cos Centros de Día pechados, precisan de alternativas seguras, pero viables, como por exemplo un reforzo aínda maior da atención domiciliaria, en particular nos casos que non teñen aínda aprobada a Axuda do Fogar. Neste aspecto , dáse a circunstancia de que hoxe a Deputación de Pontevedra publicou unha liña de axudas específicas para a conciliación familiar, que no caso de Ribadumia pode chegar aos 5.700€ e que, sen ser ningunha riqueza, poden servir para axudar a ampliar un servizo como a escola de verán, que debería, ao noso entender, ampliar os seus horarios ás tardes. Esta ampliación nos xa a tiñamos prevista no noso programa de goberno como un paso máis no camiño da conciliación, pero agora, ante esta nova normalidade, sen piscina nin moitas  das actividades que habitualmente había na comarca, faise  moito máis necesaria. E xunto a isto, e tendo en conta que o noso concello goza dunha boa saúde económica, “haberá que arrimar  algo e establecer fórmulas que permitan axudar na atención ás persoas maiores. Con todas as precaucións obviamente, pero actuar”.

   Unha vez máis, pedimos a David Castro que deixe a postura do avestruz, sexa valente, e tome a iniciativa  en aras de resolver un problema que afecta a unha boa parte da nosa veciñanza. Nese aspecto, reiteramos, a pesar de que dende Independientes por Ribadumia fagan oídos xordos, a nosa vontade de colaborar e apoiar ao goberno en todo o que sexa necesario nunha situación que excede os límites do partidismo, un partidismo que ademais é un camiño “ No que os Independientes se encirraron por medo non sabemos moi ben a qué – anque podemos imaxinalo- , pero que de momento solo  serviu para mostrar as debilidades de David  Castro  como gobernante e a importancia que Somos Ribadumia tivemos en todo o logrado na lexislatura anterior”.