Os orzamentos da Xunta volven deixar de lado Ribadumia.

- A Xunta non inclúe partidas nin sequera para cumprir os compromisos adquiridos.
- Sen novas das beirarrúas de A Costa, na parroquia de Leiro, nin do Punto de Encontro Familiar, unha demanda de toda a comarca.
- Psoe e Bng, máis preocupados polos seus intereses partidistas que polo desenvolvemento da comarca.
Un ano máis, o borrador de orzamentos presentado fai uns dias polo goberno de Feijóo non inclúe partidas para o noso concello. E unha vez máis, a David Castro parece darlle igual. E en palabras de Oubiña “como polo visto o ano pasado fumos moi apresurados a defender os intereses da nosa veciñanza. Desta volta démoslle días a David Castro para que emitira unha opinión, pero como no caso dos recortes no pediatra, prefire calar, co cal, volvemos ser a única forza política que defende os intereses do noso concello”.
Dende Somos Ribadumia temos claro que os orzamentos non teñen que incluír necesariamente investimentos en todos os concellos todos os anos, e en Ribadumia nese aspecto a día de hoxe e unha vez logrado – gracias á presión exercida fai xustamente un ano por Somos Ribadumia – o obxectivo parcial de que se acometan obras no colexio, poderíamos comprender que ante a falta de iniciativa de David Castro, o orzamento deixara a Ribadumia fora, se non fora porque, por moito que o noso alcalde o oculte, hai cuestións pendentes.
Tamén temos moi claro que non todo son obras, e que o orzamento da Xunta, ao rebaixar as transferencias á administración local en máis dun 6% , xusto nun momento onde moitos concellos están facendo fronte a uns importantes custes para paliar as consecuencias da covid-19, é un ataque en toda regra as administracións locais. Para Oubiña “como en Ribadumia a táctica do goberno local pasa por tirar balóns fora e non facerse cargo de nada, quizais as arcas do concello sufran menos as consecuencias dese recorte do PP de Feijóo, pero nos consideramos que non é o momento de recortarlle fondos aos concellos, nin sequera aos que como no caso do noso pasan de todo e so usan a situación creada polo covid-19 para pechar servizos e aforrar cartos”.
E máis aló do nivel local, onde o resto de partidos parecen estar a outra cousa, tampouco vemos moito compromiso político coas cuestións que son necesarias na nosa comarca, pero si vemos moito minifundismo político, tanto no PP, como no Psoe e BNG, centrados en mirar polas súas leiriñas, deixando de lado cuestións que son de interese xeral, co resultado de que unha vez máis a falta de entendemento entre forzas evita consolidar cuestións que son comúns a toda a comarca, e poñer enriba da mesa solucións conxuntas, algo que sería máis que posible, se houbese algún interese en facelo.
As beirarrúas de A Costa, en Leiro.
No que respecta a Ribadumia, a proposta de orzamento do Partido Popular no relativo a infraestruturas volve deixar fora a realización da mellora de seguridade viaria no lugar de A Costa, en Leiro. Esta actuación foi, en palabras de Enrique Oubiña “un gol que lle meteron ao noso alcalde en tres actos, ao asumir dende o Concello o que ía ser unha parte das obras de reforzo da estrada, unha vía que é competencia da Consellería de Infraestruturas. Dende Somos Ribadumia dende o primeiro día estivemos de acordo en colaborar, dentro duns limites, e asumir unha parte do custo desa obra, a favor da seguridade viaria. Pero o Concello de Ribadumia leva investidos sobre 150.000€ nesa curva, facendose cargo ata das entradas da finca – cando segundo David Castro non iamos meter máis de 40.000€ – , e a Xunta segue sen dar sinais de vida, moito menos de ir facer nada, co silencio cómplice unha vez máis do alcalde, que tira cos nosos cartos en obras que non lle corresponden”.
Non se entende que na pasada visita da nova Delgada Territorial, Luísa Piñeiro, Davdi Castro no canto de falar destas cuestións, dera prioridade á legalización do folla redonda, cando é ben coñecedor de que dita legalización ten un proceso que polas súas características non se pode acurtar, tal como se explicara no seu momento dende o Servizo de Sanidade Vexetal, e que ademais é unha cuestión que supera as competencias autonómicas. Para Oubiña “o alcalde desaproveita as xuntanzas con outras administracións pensando máis nos titulares de prensa que non en solucionar problemas”.
E o Punto de Encontro familiar (PEF)?.
No que respecta a investimentos comarcais, un aspecto máis amplo tamén debemos lamentar o nulo interese do Partido Popular pola comarca do Salnés, e polos seus máis de preto de 110.000 habitantes, cuns investimentos 1,8 millóns, que son pura maquillaxe, a que se lle suman anuncios sen partida orzamentaria, como un centro de saude pantasma en Vilagarcia cos que se trata de disimular a liña de recortes en cuestións primordiais como a sanidade.
Unha cuestión para nos de importancia, e moi salientable porque ademais conta co consenso político, cando menos de boquilla, de toda a comarca, é dotar ao Salnés dun Punto de Encontro familiar. Porén, nin os alcaldes do PP moveron neste último ano unha unlla por lograr este investimento, nin o resto de partidos con representación parlamentaria fixo moitos esforzos neste sentido, ata o punto de que nas diferentes valoracións do orzamento da Xunta, esta cuestión non saíu a relucir en ningunha delas.
Pola nosa banda lamentamos as actitudes partidistas que provocan que loitas como a defensa dunha atención primaria de calidade, por poñer un exemplo claro, se atomicen en favor dos intereses momentáneos dos partidos. Neste aspecto queremos por de relevancia e sumar o noso apoio á actitude construtiva e responsable do concelleiro de Sanidade de Cambados Tino Cordal, ao chamar a un movemento de consenso comarcal na defensa dos nosos servizos sanitarios. Un exemplo aplicable a outras cuestións da defensa do público, pero tamén outras importantes para o desenvolvemento da nosas comarca, a todos os niveis, como un plan de industrialización, moi necesario nunha comarca que ten polígonos en todos os concellos, pero en moitos casos sen servizos e sen empresas.