Non compartimos a maneira apresurada de impoñernos novas restriccións.

- Asumimos as novas restricións, pero non podemos compartir as formas da Xunta de Galicia.
- A hostalería foi informada poucas horas antes do peche, ás portas dunha fin de semana, cos almacéns e cámaras preparadas para unha actividade normal.
- Pedimos á veciñanza que non deixe de apoiar ao sector hostaleiro, ao goberno local que faga un esforzo e abra unha liña de axudas.
As novas medidas restritivas impostas onte polo goberno autonómico do Partido Popular, pilláronnos por sorpresa, pois os poucos datos aos que conseguimos ter acceso nos últimos días indicaban unha melloría na cifra de contaxios acumulados, o que ao noso entender significa que a incidencia da enfermidade está baixando no noso concello.
De feito, os datos feitos públicos onte pola Consellería de Sanidade, falan de que a incidencia a 14 días dende o domingo ao venres pasados baixou dos 584 casos por cada 100.000 habitantes a 543, anque no DOGA publicado pola tarde reducen esa cantidade a 316 casos por cada 100.000 habitantes. Ademais, o venres, por primeira vez en semanas, tivemos o dato exacto de persoas coa enfermidade no noso concello. 79, das cales, 38 forman parte do gromo de DomusVi. Dende Somos Ribadumia explica Oubiña que “dende que a Xunta fai unha semana comezou a publicar os datos por concellos de novos casos nos últimos 14 días, facemos un seguimento diario, e a cifra de novos contaxiados caeu nunha semana a case a metade, de 35 a 19 novos casos (hoxe domingo), un dato que significaría, en ausencia de máis información, unha redución paulatina de contaxios”.
Dende Somos Ribadumia podemos asumir que de xeito solidario se nos apliquen as mesmas restricións que aos concellos veciños, anque convén remarcar que a nosa veciñanza demostrou no seu conxunto un comportamento exemplar. Neste aspecto queremos facer un chamamento a manter ese comportamento e a non baixar a garda, respectando as medidas que se apliquen, e insistimos na necesidade de coidar as medidas hixiénicas e de prevención de contaxios.
Co que non podemos concordar, e coas formas da Xunta de Galicia, que anunciou o confinamento e o peche da hostalería dunha hora para outra. No caso da hostalaría, esta maneira de actuar, anunciando o seu peche con tantas poucas horas de marxe, ás portas dunha fin de semana, o cal implica ter cámaras, almacéns e neveiras cheas co custo que iso conleva, supón que o golpe dado, podendo ir coa man aberta, vai co puño ben pechado”. Non nos parece de recibo que tendo os datos de evolución da pandemia de xeito diario, non se informara cando menos da posibilidade deste peche con un par de dias de antelación, para permitir a hostalería prepararse para enfrontar a situación.
Dende Somos Ribadumia queremos amosar todo o noso apoio ao sector hostaleiro do noso concello. Queremos tamén pedir do goberno local que faga o esforzo, xa que non o fixo antes, de abrir liñas de axuda directas a este sector.