Category: Sen clasificar

O goberno local incumpre a súa obriga de adecuar as licenzas da hostalería á Lei de Espectáculos.

  • O proximo 14 de outubro vence o prazo da Xunta de Galicia para que os Concellos adecuen as licenzas dos negocios hostaleiros ao Catálogo de Espectáculos Públicos.
  • O goberno de David Castro incumpre as súas obrigas e nin informa aos negocios locais afectados nin atende aos requirimentos dos que  pasan polo concello e solicitan adecuarse á lei.
  • As axudas económicas, dende febreiro que os cartos da Deputación están dispoñibles, seguen sen distribuírse.

    “Temos un goberno local que aparentemente so sirve para presentar espectáculos deportivos e facer fotos nas entregas de trofeos dos mesmos”. Ou cando menos, isto é o que podemos concluír vendo como o goberno local ignora as súas obrigas máis básicas, mesmo as que derivan de ordes da Xunta de Galicia.

  Co inicio do ano  2018 entrou en vigor a LEI 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que, tal como explica Oubiña, “ regula todo tipo de espectáculos públicos e actividades recreativas que se realicen tanto en espazos abertos como en locais pechados, incluídos os locais hostaleiros.  Esta lei foi moi criticada por varios dos colectivos afectados, dende as comisións de festas ás salas de concertos e locais hostaleiros que complementan a súa actividade con programación cultural, aos que esta lei condenaba ao peche”.

   Posteriormente, o 14 de outubro de 2019, o DOG publicou o DECRETO 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia.  Este  Decreto 124/2019 establece diferentes cuestións, e no seu anexo establécense os diferentes epígrafes aplicables aos locais hostaleiros e as normas aplicables en cada caso no relativo ás actuacións e actividades autorizadas en cada un deses epígrafes, “algo que afecta directamente tanto as comisións de festas do noso concello, como a locais hostaleiros, algún dos cales é referente dende fai anos na escena musical e cultural da comarca, e con este decreto, que non deixa de ser unha corrección encuberta, podería seguir mantendo o nome do noso concello no mapa cultural”.

  Pero o decreto non so establece os epígrafes, as actividades autorizadas en cada caso e as esixencias requiridas, tamén establece a obriga para os concellos de realizar a adaptación das licencias municipais a esta lei, dando un prazo de dous anos que vencerá este 14 de outubro. “Pois a piques de finalizar este prazo, David Castro – e o mesmo podemos dicir das concelleiras de promoción económica e de cultura –  parece que aínda non se enterou das súas obrigas, nin das consecuencias que a súa desidia podería ter para o desevolvemento cultural do noso concello e mesmo para algún negocio local”.

  Ademais, hai que remarcar que algúns locais hostaleiros dirixíronse ao Concello en varias ocasións dende a entrada en vigor do Decreto da Xunta, e en todos os casos foron completamente ignorados polo goberno local, algo que dende Somos Ribadumia consideramos outro exemplo máis da incapacidade de David Castro para xestionar a vida municipal, ao tempo que demostra, ao ignoralas, unha grave falta de respecto cara colectivos e empresas..

  Dende Somos Ribadumia, á vista de que os prazos postos pola Xunta de Galicia están preto de esgotarse e de que o noso goberno non da pasos para regularizar a situación, presentamos este pasado venres por rexistro un escrito recordándolle a David Castro as obrigas marcadas polo decreto do goberno autonómico, e solicitándolle que de xeito inmediato se dirixa aos negocios afectados por este decreto, os informe do contido do mesmo e da Lei de Espectáculos, lles dea un prazo para realizar os tramites pertinentes, e antes de que venza o tempo establecido pola Xunta se aproben en Xunta de Goberno Local, que é onde corresponde, as licenzas adecuadas a esta lei.

    Dende Somos Ribadumia queremos ser optimistas e creer que a situación se resolverá, e que o goberno local fará un esforzo na defensa dos referentes culturais do noso concello.

Axudas económicas.

A todo isto hai que sumar que o goberno local segue a día de hoxe sen repartir as axudas covid que dispuxo a Deputación en febreiro. A este respecto remarca Oubiña que  “se xa é lamentable que David Castro non quixera tal e como lle propuxemos  reforzar esta partida con fondos propios tendo 50.000 € dispoñibles en dúas partidas que  levan dous anos sen que ninguén faga uso delas e que todos sabemos que non se van gastar tampouco este ano, peor resulta que seis meses despois de que a Deputación puxera en bandexa 14.700 €, estes sigan sen distribuírse. Esta semana tivemos a primeira xuntanza da mesa de avaliación desa liña de axudas, onde quedou en evidencia todo o que levamos defendendo dende Somos Ribadumia nestes meses: sen criterios obxectivos de reparto, e sen reforzo económico por parte do concello esta axuda vai quedar nun chiste, que acabara repartindo unha cantidade moi pequena, e  que ademais chegará bastante  tarde”.

  O desleixo do goberno local cara a hostalería e o comercio do noso concello é cada día máis patente. O descontento dos comerciantes e hostaleiros, tamén. Pola nosa banda seguiremos insistindo na necesidade de crear liñas eficaces de apoio e impulsar e campañas de promoción do comercio e o consumo no ámbito local.

O plan de loita contra violencia de xénero “Conta Comigo Ribadumia”, referencia para o goberno central.

  • O Ministerio de Igualdade acaba de comunicar a posta en marcha dunha rede de puntos seguros que toma de exemplo o plan ribadumiense.
  • Congratulámonos de que o bo traballo feito na lexislatura pasada nas áreas de xestión de Somos Ribadumia  e Enrique Oubiña sirva de referencia para outras administracións.

   Esta semana  a Ministra de Igualdade, Irene Montero, anunciaba, entre outras medidas de prevención e loita contra a violencia de xénero, o establecemento dunha rede de “puntos violetas”, a imaxe da rede de puntos seguros posta en marcha pola concellería de política social de Ribadumia na lexislatura pasada, sendo Enrique Oubiña concelleiro e impulsor desa inciativa.

   Para o noso voceiro descoñezo se Irene Montero sabe onde queda Ribadumia,  e entendo que posiblemente non estea ao tanto de que a súa rede de Puntos Violetas toma de exemplo  o noso plan “Conta Comigo Ribadumia”, pero unha vez visto o plantexamento do programa do posto en marcha polo seu Ministerio, incluído o argumentario no que se sostén, que implica o cambio de paradigma na maneira de tratar esta cuestión no que o noso concello foi pioneiro, é evidente que o noso traballo chegou á capital do estado e ao equipo da ministra”.

   Non é nada que tampouco deba sorprender. A realidade é que no seu momento a rede de puntos seguros e o grupo de apoio impulsado a través do plan “Conta Comigo Ribadumia” tivo unha repercusión moi importante, tanto polo novidoso e pioneiro do plantexamento como pola acollida que tivo por parte da cidadanía e en particular dos comerciantes, hostaleiros e outras empresas que se sumaron a esta iniciativa, que supuxo poñer a pegatina de punto seguro na maioría dos establecementos e empresas do noso Concello.

   “En política cando as cousas se fan ven, teñen repercusión noutras administración e é normal que plans como estes se trasladen e se adapten ás diferentes realidades. Pola nosa banda sabiamos que a experiencia de Ribadumia estaba tendo seguimento, tanto por parte doutros concellos, como da Deputación e a tamén da Xunta de Galicia, con quen mantiven algunha xuntanza gracias ao cal a Secretaría Xeral de Igualdade modificou as liñas de axuda correspondentes para poder incluír este tipo de proxectos, que ata o 2018 quedaban excluídos. E tamén estiveron seguindo está experiencia outras forzas  políticas, como no caso de En Marea, dentro da cal estaba Podemos, que estivo en Ribadumia para coñecer como se estaba desenvolvendo esta experiencia, que foi trasladada ao parlamento, co obxectivo de que as forzas de todo o espectro parlamentar tomaran como exemplo para desenvolver liñas similares”.

  Dende Somos Ribadumia entendemos que o feito de que o Ministerio de Igualdade tome de referencia esta experiencia é a proba de que o noso plantexamento en canto a como se debería abordar o drama da violencia de xénero, sacándoo da escuridade na que se desenvolve, implicando a toda a cidadanía e achegando mecanismos de axuda e de prevención ás vítimas, foi moi acertado, e ao coller dimensión estatal a través dun programa do goberno central, cremos que pode supor un importante avance.

  Con todo, non se trata agora de poñer medallas, se non de aportar. Por ese motivo  dirixirémonos nos próximos días ao Ministerio e a propia Ministra para convidala a coñecer de primeira man a experiencia de Ribadumia, que a pesar do abandono de David Castro mantense vixente e segue, aínda que non se sexa algo visible, cumprindo a súa función e dando os seus froitos, como poden corroborar as entidades de apoio ás vítima, e consideramos que pode serlle de axuda a hora de abordar na práctica o programa do goberno.

Enrique, Lorena e Fernando no Punto Morado da festa do tinto de 2019, unha iniciativa que dende IR tentaron desacreditar.

 Agardamos que todo isto sirva tamén para que o goberno local actual, que o primeiro que fixo ao subirse ao altar da maioría absoluta foi criticar o custe económico do Punto Morado na festa do tinto do 2019, denigrando dende o primeiro momento ás iniciativas de Somos Ribadumia e o traballo de Oubiña , así como a  labor das profesionais que ata ese momento viñan realizando en Ribadumia un traballo  que con independencia da nosa opinión agora confírmase como exemplar, recapacite e recupere tanto este plan como outras liñas postas en marcha por Oubiña no que respecta a loita contra a violencia de xénero, que na lexislatura pasada converteron ao noso concello nun referente.

   E para rematar, queremos aproveitar para reiterar o noso agradecemento ante o compromiso e participación activa da nosa veciñanza, que demostrou no seu conxunto unha enorme madurez e compromiso social, apoiando as iniciativas que dende o goberno puxemos en marcha demostrando que aportando dente todos os ámbitos é posible construír outro concello  e unha sociedade mellor.

David Castro abandona o polígono industrial de Cabanelas.

  • Mentres que Oubiña xestionou entre 2015 e 2019  case 500.000 € en investimentos para o polígono, David Castro dedicou e conseguiu  dende 2019  un total de 0 €.
  • A degradación do entorno, aumenta cada semana que pasa.
  • David Castro nin sequera é quen de realizar xestións para lograr axudas como está facendo Cambados con Sete Pias. 

   A principios deste mes, “mentres David Castro se dedicaba a atacar á nosa formación e a xustificar tanto as festas en pandemia na súa casa como  os actos de violencia dos seus colegas de partido, Xurxo Charlín presentaba en Cambados un investimento de 120.000€ para o polígono de Sete Pías”.

   A subvención xestionada polo goberno cambadés forma parte dunha liña de axudas da Xunta de Galicia aos polígonos industriais, que durante a lexislatura pasada ambos concellos, Ribadumia e Cambados, pedían conxuntamente, logrando así importes maiores que supuxeron unha importante  posta ao día de ambos polígonos.

  Ademais desas liñas, que permitiron investir en ambos polígonos preto de 400.000 € en 3 anos, na lexislatura pasada acometéronse outras obras por valor de case outros 100.000 €,algunhas ademais  de importancia máis aló do propio polígono, como a reparación da liña de saneamento, que debido a un intercambio entre as redes de fecais e pluviais  supoñía unha importante carga de auga ao colector de Cabanelas  que provocaban a súa saturación a nada que chovera, algo que hoxe non acontece, sendo os desbordes ao Umia moito menores”.

   O compromiso de Somos Ribadumia e as xestións de Enrique Oubiña permitiron ter un polígono en mellores condicións, ben saneado, coa rede de beirarrúas completada, con totems electrónicos informativos,  e en xeral máis seguro e cunha imaxe moi mellorada.

   Pero todo iso rematou en maio de 2019.  Dende que logrou a maioría absoluta, David Castro  deixou completamente de lado o polígono de Cabanelas, e o goberno local xa non dedica tempo a buscar investimentos para o noso polígono industrial, un dos  motores da nosa economía e onde hai moito traballo por realizar. E non so se deixaron de realizar xestións e lograr fondos. O propio polígono loce cada vez peor imaxe, coas zonas verdes mal coidadas, cos totems informativos apagados unhas veces, funcionando mal outras, a sinalización sen coidar, e mesmo con varios problemas de seguridade viaria e para as persoas,  como os que esta provocando o tellado solto da estrutura abandonada do que ia ser un hotel, da que xa advertimos en varias ocasións.

  Ademais, se antes había colaboración co Concello veciño, que permitía investimentos e melloras mutuas, como foi a xestión da conexión dende Cambados das redes de fibra de gas natural, agora so temos polémicas como a  vivida  semanas atrás a conta dunha avaría na rede de saneamento, que levaron a Fátima Abal a  criticar o comportamento e declaracións de David Castro.

    Dende Somos Ribadumia lamentamos que o goberno local non entenda a importancia de investir fondos no mantemento e mellora dos polígonos industriais, cando as empresas si miran en que condicións están os polígonos e que servizos ofrecen para asentarse. Ademais, é evidente que hai que retomar o camiño iniciado na lexislatura pasada por Enrique Oubiña e Somos Ribadumia  para recuperar toda a masa de terreo do polígono que agora mesmo non se está utilizando, e que suporían dispor dunha importante bolsa de parcelas onde asentar empresas e centos de novos postos de emprego.

David Castro organiza unha excursión a Portugal para maiores en pleno repunte da pandemia.

Preocupante organización dunha saída en bus, a unha das zonas onde o goberno portugués acaba de aumentar as restricións.

David Castro actúa, para o que quere, como se en Ribadumia non houbese pandemia, poñendo en risco a saúde dos nosos maiores e das súas familias.

Pedimos moita precaución.

Esta semana o goberno de David Castro anunciou a organización dunha excursión a Portugal para persoas maiores de 55 anos.

Dáse a circunstancia de que estamos asistindo a un repunte da pandemia, con aumento de casos no noso concello e no resto da área sanitaria, que xa levou ao goberno a Xunta aumentar o nivel restritivo en varios Concellos veciños. Por outra banda, o país veciño a pasada fin de semana volveu aumentar as medidas de restrición en varias cidades debido a alta incidencia da enfermidade, unha delas precisamente Braga, destino a excursión anunciada.

Dende Somos Ribadumia comprendemos a necesidade que as persoas maiores teñen de manterse activas logo destes meses de pandemia e as gañas de saír da casa. Dende logo o goberno local debería ocuparse de organizar actividades que favorezan a vida activa das persoas maiores, algo que non fixo dende marzo do ano pasado, data dende a cal ademais manten instalacións pechadas coa escusa da seguridade.

Porén, non nos parece que a solución agora pase porque o goberno ande a xogar coa saúde e a vida da xente. E dende logo non nos parece que sexa o momento de poñernos a facer viaxes deste tipo , metendo aos nosos maiores durante horas nun bus, que é un espazo bastante pechado, e menos aínda a lugares con alta incidencia da enfermidade.

Para Oubiña “chama a atención que menos dunha semana despois de que a concelleira Pilar Martinez advertise no pleno municipal que había que ser moi cautos, que a vacina non era garantía suficiente para evitar contaxios, chegando a afirmar que había casos de persoas maiores con pauta completa de vacinación hospitalizadas de gravidade, o goberno local nos saia con esta aventura que pon en risco as persoas maiores e as súas familias. Igual que dende a oposición se lle recriminara nese pleno o abandono co que o goberno de David Castro trata ao colectivo da terceira Idade teña algo que ver, pero isto é un despropósito”.

Xa nada nos sorprende neste goberno local, pero que en pleno repunte da pandemia e das restricións e con todas as autoridades sanitarias pedindo reforzar as medidas de precaución se decida organizar unha actividade destas características, parécenos outra burla máis cara a nosa veciñanza e cara quen cumpre coas normas, pero sobre todo parécenos que David Castro anda a xogar coa saúde da xente, con actuacións que poden traer consecuencias moi graves.

Dende Somos Ribadumia queremos pedir ao goberno que recapacite, e á cidadanía moita precaución. A covid-19 non desapareceu. Os casos están aumentando e a vacina non impide que a enfermidade se propague, e aínda que en xeral poida mellorar a maneira na que pasamos a enfermidade, seguen morrendo persoas cada día. “Por favor, se o goberno este que temos non cede na súa teima de buscarnos un problema, cando menos teñamos responsabilidade persoal e colectiva todos e todas as demais. Quen se apunte a esa viaxe que sexa escrupulosa coas medidas de prevención”.