David Castro, incapaz de xestionar o mantemento do Concello, vese obrigado a contratar empresas externas.

  • Unha conversa nas redes sociais destapa que o goberno é incapaz de xestionar o mantemento dos parques e xardíns e debe optar por contratar persoal externo.
  • Por primeira vez o Concello contrata persoal autónomo para tarefas menores de mantemento.
  • Pedimos transparencia, saber a quen e como se está contratando, e en que condicións.

  Unha queixa dunha veciña nas  redes sociais pola xestión dos restos das podas nas zonas públicas, compartida polo noso voceiro, que desembocou nun debate onde unha persoa admitiu estar traballando para o Concello de Ribadumia como autónomo, destapou o penúltimo escándalo da xestión do goberno de David Castro.

   Tal como explica Oubiña, que na maña deste luns presentou un escrito solicitando acceso aos contratos de servizos  realizados con empresas ou traballadores autónomos, tanto os que estean en vigor como os que se poidan ter realizado nos dous últimos anos, “máis aló da queixa por ter deixado un restos de poda atrancando unha beirarúa, un acceso a un parque infantil e á rampa de acceso ao fogar dos maiores, que  non deixa de ser outro exemplo da desidia deste goberno que non se preocupa por como se fan as cousas, está o feito de que o Concello de Ribadumia nunca tivera necesidade de contratar persoal externo para estes servizos – coa salvidade de BATA – que se realizan a través dos equipos temporais ou do propio equipo de xardinería”.

    O Concello de Ribadumia ten hoxe o mesmo número de parques, xardíns e zonas verdes que fai un ano, e que fai dous e que fai cinco. Porén, leva dous anos que o mantemento das mesmas se resinte, en parte debido á supresión do convenio con BATA – remendado despois pero de xeito reducido – , e en parte pola mala xestión dos recursos municipais. Agora comprobamos que esa mala xestión chegou a un punto tal que o goberno local xa non é capaz de facer fronte á organización do traballo e debe contratar autónomos externos ao Concello.  

   Pero ademais da mala xestión dos recursos humanos, está a cuestión da organización dos traballos. Chama moito a atención que unha persoa diga publicamente que está traballando como autónomo para o Concello, que ninguén lle marcou un horario polo que traballa cando a el lle parece, e que ademais o contrataron para unha única función – neste caso podar – sen definirlle nin indicarlle outras pautas – como que facer cos restos de poda -. “Un Concello, e isto xa o dixemos máis veces, non é a horta particular de ninguén. Os traballos deben realizarse  organizadamente, non pode ser que haxa persoas traballando nas instalacións municipais cando lles vai ben, fora dos horarios municipais,  e sen supervisión de ningún tipo. Por non falar de que os traballos en espazos públicos deben estar correctamente sinalizados, e as persoas que os realicen, sexan persoal municipal ou non, deben atender ás obrigas en cuestións de seguridade laboral”.

Falta de transparencia.

   Outra cuestión preocupante  é a maneira na que se realizan esas contratacións de servizos externos. Se xa resulta chamativo que a oposición teñamos que enterarnos polas redes sociais de que se realizan este tipo de contratos, non podemos deixar de preocuparnos pola situación creada no Concello. Desas contratacións externas non sabemos nin cantas se produciron, nin cantas están en vigor, nin para que traballos, nin canto van custarlle as arcas municipais. E sobre todo, temos moitas dúbidas sobre a metodoloxía nas contratacións, que apuntan a que foron realizadas de xeito directo sen pedir orzamentos dos traballos antes, nin seguir ningún tipo de proceso que garantira que calquera empresa do Concello puidera optar a realizar eses traballos.

   Por todo iso pedimos transparencia, e agardamos que desta volta o goberno non bloquee o acceso que solicitamos a toda a documentación deses contratos, porque iso confirmaría que David Castro está usando recursos públicos para contratar empresas amigas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s