As axudas económicas da Xunta, en perigo de novo  por outra neglixencia do goberno de David Castro.

  • O goberno local non presentou correctamente o resultado contable do ano 2019 ante o Consello de Contas de Galicia, nin respondeu aos requirimentos desta entidade.
  • Máis de 1 M € de  axudas que proveñen da Xunta de Galicia en perigo de ser bloqueados pola desidia de David Castro.
  • Tamén está requirido polo goberno central por non cumprir os períodos medios de pago.

  Cada vez que dende Somos Ribadumia consultamos a situación do noso concello ante o resto de administracións, levamos unha sorpresa. Tal como explica Enrique Oubiña “Se fai unhas semanas descubríamos que David Castro perdeu case medio millón de euros en dúas liñas da Deputación polas súas chanchulladas e a súa neglixencia, esta semana encontrámonos con que o Consello de Contas de Galicia, o órgano que fiscaliza as contas da administración autonómica e  dos Concellos, declarou a Conta Xeral do ano 2019 do noso concello como “non presentada”, con todas as consecuencias que poida traer para Ribadumia”.

  No seu último informe o Consello de Contas incluíu Ribadumia na lista dos únicos catro Concellos de Galicia cuxas Contas Xerais presentan defectos graves. “É máis, o propio informe deixa claro non so que as contas teñen deficiencias, senón tamén que a pesar de térselle requirido a subsanación das mesmas, David Castro, fiel ao seu estilo, nin subsanou nin respondeu aos requirimentos do Consello de Contas”.

   A sentenza do Consello de Contas é clara, e literalmente di o seguinte:  “A non subsanación destes defectos, pese á petición neste sentido feita polo Consello de Contas aos respectivos contadantes, determina que os mesmos sexan os responsables das posibles consecuencias que poidan producirse para a entidade, xa que a omisión deste trámite implica a consideración de conta non rendida”.

    O feito de considerar a conta como non rendida pode ter consecuencias directas para o noso concello, pois este incumprimento supón o bloqueo das liñas económicas  da Xunta de Galicia, que no caso de Ribadumia superan o millón de euros, e que van dende as axudas para emerxencia social ou SAF, pasando por plans de emprego, apoio ao deporte e a cultura, ata calquera plan anual como o MARCO ou outras liñas de axudas puntuais . “ E David Castro debe pensar como pensou da Deputación que as normas se establecen para os demais e non para el, pero de todas as cousas que se lle pode criticar á Xunta, o incumprimento desta norma non é unha delas, e dende a entrada en vigor do decreto a finais de 2011, varios concellos viron como se lle retiñan os fondos por non cumprir as súas obrigas”.

 Incumpridor ante o goberno central.

   Cabe sinalar que ademais do expresado, o goberno local tamén figura na lista de Concellos que non cumpriron co período medio de pago a proveedores. Este incumprimento, motivado por “superar os días medios de pago global a proveedores superior a trinta días segundo a información suministrada ao Ministerio de Facenda  e publicada, correspondente a algún dos meses de decembro de 2020, marzo ou xuño de 2021, e referido só a eses meses”, e que pode rematar por obrigar ao concello a elaborar un plan de axuste, supón un exemplo máis do inexistente control do goberno local sobre as contas municipais e os funcionamentos administrativos, e iso tento en conta de que unha das tres liberacións do noso concello correspóndenlle precisamente a Concelleira de Contas , Pilar Martínez.

   Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados pola actitude de deixadez e desidia do goberno local, que xa nos levou a perder importantes axudas económicas e que ainda que os fondos directos non se perden, si pon en risco o cumprimento do orzamento do noso concello e dispor dos fondos para facer fronte a cousas imprescindibles como a emerxencia social, a axuda no fogar, así como as nóminas de varias traballadoras do concello, e pode supor perder outros investimentos non menos importantes por ser expulsados das convocatorias por non cumprir os requisitos.

Pedímoslle a David Castro que asuma as responsabilidades como alcalde e de maneira inmediata  faga as xestións oportunas para solventar estas situacións ante o Consello de Contas e o Goberno Central, e evite males maiores.

One comment

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s