David Castro ata a reparación dos parques infantís á consecución dunha axuda que aínda non ten.

  • O goberno admite que hai elementos que son un perigo, pero non os repara, á espera dunha subvención que poderá chegar ou non.
  • Anuncia un investimento de 48.000€ en reparacións, cando con Enrique Oubiña se investían menos de 7.000€ ao ano e os parques estaban en perfectas condicións.
  • David Castro rectifica, e logo de desprezar ao colectivo BATA, volve contar con eles para labores de limpeza no rural.

  “David Castro xa non sabe como tapar as súas vergoñas na xestión municipal, ata o punto de que leva anunciado o mesmo banco de pedra xa dúas veces e nin sequera ten os cartos para compralo”. Así reaccionou o noso voceiro Enrique Oubiña ante o comunicado que este fin de semana apareceu na prensa e nas redes do concello, onde o goberno local anunciaba por segunda vez investimentos en reparacións dos parques infantís do concello, e por segunda vez o facía atando ese investimento á consecución dunha liña de axudas da Xunta que aínda non conseguiu.

  Pero mentres agardamos a ver se desta vez David Castro é quen de lograr que lle dean a subvención, os parques levan meses e anos presentando un estado lamentable, que algunhas reparacións puntuais, feitas por pura vergoña, non logran tapar.

   Hai que recordar que mandato anterior a xestión dos parques infantís estaba da man do socialista José Ramón Lede e de Enrique Oubiña, que estableceron unha rutina de mantemento que unha vez asentado e logo de investir en torno a 50.000€  para poñer todo ao día, permitiu que cun investimento mínimo, e cunha partida de só 7.000€ se mantiveran os parques en perfectas condicións todo o ano.

   Toda esa maneira ordenada de traballar pasou á historia, e agora vemos como se acumulan os desgastes das pezas e do caucho, sen que ninguén faga nada, os nenos que sofren feridas polo mal estado dos elementos de xogo, e as queixas continuadas de nais e país. E vemos tamén como se disparan os custes, non sabemos moi ben en que. A partida para estas cuestións subiu no 2021 ata os 30.000€, aos que agora habería que sumar os 48.000€ da axuda solicitada. Isto supón nun ano multiplicar por 10 os investimentos nestes parques, pero os parques do Concello están peor que nunca.

   O preocupante é que David Castro é totalmente coñecedor da súa desidia, ata o punto de emitir un comunicado onde se admite que hai elementos de xogo que supoñen un perigo para as crianzas. Esta maneira de actuar parécenos irresponsable e totalmente inaceptable. Se hai elementos de xogo ou zonas que supoñan un perigo deben repararse de xeito inmediato, e non agardar a ningunha subvención, que  chegará ou non chegará, e que para o caso de que chegue deberá pasar polos tempos do proceso de licitación.

   Para Oubiña, “ que David Castro, con vista as eleccións, vaia fundir unha subvención  no banco máis caro do mundo e nunhas redes non deixa de ser un exemplo máis da simpleza do goberno local que temos, que pensa que a veciñanza é parva. O problema é que mentres el fai campaña con cartos que non ten os parques están nun estado lamentable”.

Pedimos a David Castro que se deixe de andar a marear, e poña solución inmediata ao lamentable e perigoso estado dos parques.

Rectificación do goberno con BATA.

  Por outra banda, dende Somos Ribadumia debemos felicitar a David Castro por rectificar a súa actitude de desprezo cara o colectivo BATA. Hai que recordar que “o equipo de goberno primeiro recortou o convenio con este colectivo á metade, logo non llo renovou e votou en contra dunha moción de Somos Ribadumia para recuperar ese convenio. E logo de todo isto comezou un lento camiño de rectificación, forzado pola súa propia incapacidade  para xestionar como pretendía, recuperando o convenio de maneira parcial, e agora chamando a ese colectivo para realizar labores no rural”.

  Agardamos que David Castro por fin deixe de andar a marear a ese colectivo de persoas, que non por ter autismo merecen menos respecto que as demais, e que recupere o convenio anual que estableceu Enrique Oubiña sendo concelleiro de política social, e que estaba dando resultados moi positivos, permitindo unha mellor integración desas persoas por un lado, e un mellor mantemento das zonas verdes do Concello polo outro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s