Category: Sen clasificar

David Castro négase a recuperar o convenio con BATA.

  • IR votou en contra da moción de Somos Ribadumia que pedía recoñecer o traballo desa entidade e recuperar o contrato anual.
  • David Castro deixa quedar novamente en vergoña a Ribadumia por 4.000€, por unha cuestión de personalismo político e por  interese electoralista.
  • Tamén nesta ocasión, David Castro negouse a debater coa oposición, e abusou da posición de alcalde.

   No pleno ordinario do pasado xoves 1 de xullo, expúxose – o debate foi impedido por David Castro – unha moción presentada por Somos Ribadumia tres semanas antes que buscaba emendar o que dende Somos Ribadumia consideramos que é un erro de xestión política e que amosa pouco compromiso social: a liquidación do convenio de colaboración con BATA.

   Os argumentos esgrimidos pola parte de IR foron, en verbas de Oubiña, “do máis variopinto, dende que non existe obrigación legal nin de ningún tipo  ata insinuar que ese colectivo non realizaba o seu traballo correctamente, pasando polo de que non quixemos negociar ningunha modificación da moción ou polo de que non hai necesidade de contar con este colectivo”. Todos argumentos falsos, algúns desmentidos polo propio David Castro, que como en outras ocasións, na mesma intervención foi quen de dicir unha cousa e máis a contraria. Con todo, IR fixo un esforzo importante por pretender culpar a Oubiña, que foi precisamente quen presentou a proposta, de que esta non saíra adiante, algo bastante absurdo nun partido con ampla maioría que neste caso non presentou ningunha emenda á moción, tendo tres semanas para facelo.

  “É moi lamentable que David non solo non tivera argumentos razoables, senón que aínda por riba volvera abusar da súa posición impedindo, non so o debate, senón tamén a posibilidade de que dende Somos Ribadumia puideramos dar cabida a calquera proposta súa ou doutros partidos, pois impediunos falar e tamén pechar o punto como corresponde a quen presenta a proposta, e o único que puiden facer foi ler a moción”.

   Dende Somos Ribadumia temos claro que David Castro non quere a BATA en Ribadumia. Seguramente o motivo real sexa que prefire meter os cartos en outros asuntos con máis rendemento electoral. Estamos falando dun convenio que non aportaba votos, pero aportaba moito ao Concello e non supoñía un problema económico, pois non chegaba aos  10.000 €/ano, reducido agora á metade, e que a concelleira de contas, Pilar Martinez xa se ocupou  de deixar claro que de partida non había motivo para renovar, nin despois de setembro nin para o 2022, aínda que faltoulle valentía para deixar claro se ese convenio se ia liquidar definitivamente ou non.

 A suposta alternativa presentada por David Castro, contar  con BATA para cuestións puntuais a nós non nos vale “porque esas persoas non andan ao xornal, nin traballan polo caldo, que son o tipo de traballadores que lle gusta a David. Esas persoas son un colectivo que quere integrarse na  sociedade partindo dunha situación de desventaxa, e esa integración pasa pola estabilidade laboral, non por recibir de cando en cando unha esmola para quedar ben”.

  Dende Somos Ribadumia lamentamos que debido á xestión de David Castro , o Concello que no 2012  foi xunto a Vilagarcia o primeiro en abrirlle as portas a este colectivo dando exemplo, sexa agora o primeiro en pecharllas. Que os Independientes nin sequera propuxeran o voto separado dos puntos de acordo para cando menos deixar patente un mínimo de consideración polas persoas que forman BATA e de recoñecemento ao seu traballo, que levan realizando  dende o 2012, e moi ben ademais, deixa tamén constancia da súa falta de empatía  e de sensibilidade social.

  Queremos trasladar o noso agradecemento ás agrupacións locais do PP e do Psoe, que apoiaron a nosa moción, aportando argumentos de peso e lamentaron, como lamentamos nós, a falta de argumentos de IR, e que deixa claro claro que IR é a única formación política de Ribadumia que se opón a contar con este colectivo, e mesmo que os despreza.

Na mañá seguinte ao pleno transmitímoslle a BATA a nosa decepción por non lograr que o goberno entrara en razón con este asunto, e tamén a nosa confianza en recuperar a relación entre o noso concello e ese colectivo na próxima lexislatura, se o goberno non corrixe o rumbo antes, e volver contar cun equipo deses profesionais plenamente integrado no noso concello.

David Castro xustifica a violencia.

  • Evitou o debate da moción de reprobación negándolle o dereito a réplica aos concelleiros da oposición.
  • Lamentable espectáculo circense por parte de IR.
  • O alcalde non se opuxo á súa propia reprobación.

Se David Castro pretendía que o pleno extraordinario forzado pola oposición pasara desapercibido convocándoo para as once da noite, non vai ter sorte, porque este pleno, tanto polo ton e as formas dos Independientes, como polas declaracións do propio alcalde, vai pasar a historia, e dende logo para Somos Ribadumia supón un cambio de paradigma nas relacións institucionais con IR, unha forza política que xustifica o uso da violencia.

   A moción de reprobación, tal e como xa se explicou, foi asinada por cinco concelleiros de tres forzas políticas, que supón o total da oposición, e case a metade da corporación municipal. A presentación do texto realizouna o voceiro do partido con maior representación, que reafirmou a postura dos asinantes en canto aos feitos que se debían tratar, isto é, as declaracións e actitudes de David Castro ante os ataques sufridos por Enrique Oubiña a noite do 5 de xuño, e ante as cales David Castro calou ata a noite de onte, aínda que á vista do que dixo, máis lle valera seguir calado.

  Enrique Oubiña evitou durante a única intervención que se lle permitiu realizar, personalizar o debate, e centrouse en poñer de relevancia dúas cuestións. Por un lado, que feitos como o desa noite non son casuais, e son froito dunha campaña de odio mantida no tempo . “Esas dúas persoas coas que non teño ningún tipo de relación e de feito a un deles nin sequera o coñezo, actuaron así porque alguén lles quentou antes a cabeza. E eses son os comportamentos que compre erradicar de raíz, porque se non irán a máis, e acabaremos por ter un desgusto. Desta vez tocoume a min, pero da próxima pode tocarlle a calquera concelleiro ou concelleira da corporación ou mesmo calquera familiar ou persoa identificada politicamente ”.

   Oubiña recordoulle aos concelleiros e concelleiras de IR a súa historia política e que xa anos atrás en Ribadumia, por culpa das  súas formas, se viviu un tempo de tensión política levada ao ámbito persoal que fixo que a convivencia en Ribadumia fora moi difícil. E pediulles que evitaran volver a esa situación. “Tentei facerlles ver, sen moita sorte, que a violencia unha vez acesa non se pode controlar e sempre ven de volta. Pero ademais aquí somos todos veciños e veciñas, e non pode ser que pretendan que vivamos enfrontados so por non ter as mesmas ideas políticas, nin ter a un concello dividido entre os deles e os outros”.

Por outra banda Oubiña dirixiuse aos concelleiros para recordarlles tamén as súas responsabilidade como representantes da veciñanza, e que debían actuar como formación política, non como unha familia siciliana, e tomar medidas que deixaran claro que IR non está nin a favor da violencia, nin dos comportamentos que non sexan os que se agardan nun alcalde.

   Pero todos os alegatos e intervencións tanto de Enrique Oubiña como do resto de concelleiros do resto de grupos da oposición a favor de recuperar a normalidade política e evitar levar as diferenzas políticas ao plano persoal, tropezaron cun muro de arrogancia. Dende IR non so non rectificaron ningunha das posturas amosadas polo alcalde, senon que deron un  lamentable espectáculo, xogando ao despiste, afirmando unha cousa e despois a contraria, falando de ir aos xulgados e mareando con historias que non viñan a conto, centrando os ataques na persoa de Enrique Oubiña, con algunhas acusacións dunha gravidade inaudita, e menosprezando con total desfachatez ao resto de membros da oposición.

   Pero ademais, e isto foi o máis lamentable, e o que vai marcar unha diferenza nas relacións co goberno  cando menos pola nosa parte, foi que David reafirmouse en todas as súas declaracións anteriores de desprezos a un concelleiro elixido tan democraticamente como foi elixido el e por se lle parecia pouco, á hora de condenar os actos violentos en torno aos que xiraba o debate, no canto de amosar unha postura contundente, dedicouse a xustificar eses actos con todo tipo de argumentos peregrinos como, citamos textualmente “eses boletíns que manda Somos Ribadumia  son unha incitación”, en referencia aos nosos boletíns informativos, “onde en ningún caso se incita nin a violencia nin a ningún tipo de conducta contraria aos principios democráticos”.

   Dende Somos Ribadumia non imos afondar nas barbaridades escoitadas onte da boca de David Castro e de Pilar Martinez, porque basicamente non hai por onde collelas,  aínda que algunhas haberá que analizadas con calma polas acusacións que conteñen, pero convidamos á veciñanza a ver a gravación do pleno que está colgado na páxina de youtube do concello, e que saquen as súas propias conclusións. Pola nosa banda, so diremos que en conxunto esas intervencións son outro exemplo de chulería, de soberbia e de crerse por enriba do ben e do mal da que IR, e en particular David Castro, están facendo moita gala nos últimos meses, ademais dunha total falta de respecto ao resto de forzas políticas e ao conxunto da nosa veciñanza, que estamos seguros que ten outra idea de cómo deben comportarse os nosos gobernantes.

   Para rematar a faena, David Castro nin sequera votou en contra da reprobación á súa persoa, un comportamento totalmente ridículo. “Alguén debería explicarlle dunha vez a este home o funcionamento dos plenos e do sentido do voto, e que se non votas en contra de algo pódese interpretar que estás a favor”.

   O resultado da votación foi de 5 votos, os de todos os membros da oposición,  a favor de reprobar a David Castro polos seus comportamentos e declaracións públicas, e de instar a IR a tomar medidas para poñer coto aos comportamentos inadecuados dentro do seu partido.

  7 concelleiros e concelleiras de IR votaron en contra, do cal se desprende que aproban estes comportamentos, que para nos son inaceptables en política. Para Oubiña “se a alguén lle quedaba dúbida de que esta xente son uns camorristas que so se comportan máis ou menos ben cando a democracia lles pon un collar, onte esas dúbidas quedaron despexadas por completo”.

Dende Somos Ribadumia queremos reafirmarmos na nosa condena e oposición a calquera tipo de violencia, veña de onde veña e vaia contra quen vaia, e no noso compromiso cos funcionamentos democráticos. Queremos deixar claro que non imos entrar nese tipo de dinámicas ás que IR que levar a todo o concello, e facemos un chamamento a veciñanza para que faga oídos sordos das campañas de acoso e derribo lanzadas dende IR, sexan contra nos ou contra calquera outra persoa.

  Queremos amosar todo o noso apoio a Enrique Oubiña e ao resto de concelleiros do Psoe e do PP que o xoves tiveron que ser espectadores obrigados  do lamentable espectáculo protagonizado por IR.

Todos os partidos e concelleiros da oposición reprobamos a actitude e comportamento de David Castro.

  • Comunicado conxunto das agrupacións locais de  PP e  PSdeG,  e Somos Ribadumia.         

   Logo dos sucesos acaecidos na noite do venres 4 ao sábado 5 de xuño, as tres forzas políticas solicitamos de xeito público a comparecencia inmediata  do Alcalde David Castro Mougán para dar explicacións de determinados sucesos e de certas declaracións posteriores emitidas polo propio alcalde, así como  a convocatoria por parte de alcaldía dun pleno extraordinario onde debater estas cuestións e sometelas ao criterio do pleno municipal. A maiores do feito público, a agrupación local do PP presentou un escrito por rexistro municipal o 9 de xuño, con nº de entrada 2021 1510, no cal formalmente solicitábase  o xa exposto, deixando un prazo de cinco días antes de tomar outro tipo de iniciativas. Ese prazo venceu o 14 de xuño e a día de hoxe nin tivo lugar ningunha comparecencia pública aclaratoria nin tampouco se convocou un pleno extraordinario, optando o alcalde pola opción de incluír un punto na orde do día do pleno ordinario do 1 de xullo, para dar conta supostamente do acaecido nesa festa, sendo consciente de que os “dar conta” non supoñen máis que a aportación de información, sen posibilidade de intervención por parte da oposición.

Por todo isto, acolléndonos aos nosos dereitos e  ante a falta de iniciativa por parte da alcaldía, vémonos na obriga de solicitar na maña do 29 de xuño  un pleno extraordinario, cuxo único punto a debater será unha moción conxunta, asinada tamén por todos os concelleiros da oposición, e presentada xunto coa solicitude de pleno extraordinario.

  O que os concelleiros que asinamos esta moción queremos por de relevancia é a gravidade dos ataques que un concelleiro da corporación recibiu a noite referida, cando dúas persoas que saían da casa na que vive David Castro logo de que a Garda Civil disolvese unha festa que alí se celebraba se achegaron a vivenda dese concelleiro para increpalo e ameazalo, uns feitos  inaceptables en democracia, e tamén a gravidade das reaccións, tamén inaceptables, de IR e de David Castro.

   Ningunha persoa pode ser obxecto de actos deste tipo polo mero feito de participar na vida política do seu concello e defender os seus ideais de maneira democrática. A política é apaixonante –  os e as que participamos nela sabémolo ben – pero iso non pode xustificar nunca ningún tipo de acción violenta, nin verbal nin física nin doutro tipo. Neste aspecto as agrupacións políticas deben velar por evitar que se produzan este tipo de situacións, non alimentando determinadas actitudes, defendendo funcionamentos democráticos, e  evitando levar as diferenzas políticas ao ámbito persoal. E todas as persoas que participan en política, pero moi particularmente as persoas que ostentan cargos públicos, deben ser moi contundentes a hora de condenar calquera actitude ou feito que implique o uso da violencia en calquera das súas formas.

E neste caso concreto, lamentablemente, nin Independientes por Ribadumia nin David Castro actuaron acorde aos preceptos referidos. Ao contrario, David Castro lonxe  de condenar este ataque, aínda tivo a ben facer unhas declaracións públicas totalmente lamentables, menosprezando a función pública dun concelleiro, amosando un claro prexuízo cara esa persoa e por extensión cara o resto da corporación.

Non podemos obviar a imaxe que con estas actitudes  se transmite da vida política no noso Concello. A falta dunha resposta contundente e contraria a este tipo de actos por parte de David Castro e de IR da a entender á cidadanía que o alcalde de Ribadumia e o seu partido aproban estes comportamentos, e iso é inaceptable.

  Ademais, Independientes por Ribadumia é un partido que está participando da vida política de Ribadumia nun sistema democrático, que se rexe por normas democráticas, e como partido ten a obriga de tomar medidas para corrixir os comportamentos incorrectos que poidan darse no seu seo, e facelo de xeito público e exemplarizante cando acontezan feitos como os aquí expostos.

   Por todo isto presentamos xunto coa solicitude do pleno extraordinario unha moción co obxectivo de deixar clara no Pleno Municipal a nosa postura contraria ao uso da violencia, para reprobar a David Castro polo seu comportamento, a súa actitude e  as súas declaracións públicas logo do ataque  acontecido a un dos membros da corporación de Ribadumia, e para instar a Independientes por Ribadumia a tomar medidas no seo do seu partido para corrixir estes comportamentos e rematar con esta escalada de tensión política que vai mais aló de todo o razoable.

  O pleno solicitado xa foi convocado por David Castro , e terá lugar este xoves 1 de xullo a partir das 23:00 horas, logo de que teña lugar o pleno ordinario previsto para ese mesmo día as 21:00 horas.

Levamos a pleno a recuperación do convenio con BATA.

  • O goberno local reduciu o convenio con esta entidade nun 50%.
  • Presentamos unha moción para recuperar o convenio anterior, que supoñía un contrato anual dunha cuadrilla de BATA.

   Cando no pasado mes de abril o pleno municipal debateu o orzamento para este 2021, Enrique Oubiña puxo de manifesto algo do que non se había informado, que era a redución dun 50% do convenio con BATA, pasando de traballar no noso concello todo o ano, a facelo de abril a setembro, e sen garantías de que se vaia a renovar de cara ao 2022.

   Dende o ano 2012, o Concello de Ribadumia ven mantendo o convenio con BATA, unha entidade de atención, formación  e integración das persoas que teñen Trastorno do espectro do Autismo (TEA), a través do cal  se financia o traballo dunha cuadrilla – tres operarios e un responsable da entidade – para realizar obras e servizos de limpeza, mantemento e conservación de espazos naturais de uso público. E dende ese 2012 ata este 2021 ese convenio, que inicialmente contaba cun orzamento de 6.054,02€ e 9 meses de servizo,  foi aumentando paulatinamente, primeiro no 2013 a 10 meses e logo no 2016, sendo concelleiro de política social e urbanismo Enrique Oubiña ampliouse a períodos anuais, cun orzamento que chegou aos 9.272,64€. Esta última ampliación ademais de  mellorar o grao de integración dentro do colectivo municipal destas persoas, supuxo integrar de maneira estable a esa cuadrilla no servizo de xardinería, que neste concello levaba anos traballando baixo mínimos, un reforzo que redundou dun xeito evidente no coidado dos espazos verdes do noso concello, e tamén no sentir deste colectivo, que se veu máis integrado dentro da familia de traballadores municipais, algo que para esas persoas é de gran importancia.

Enrique Oubiña, coa traballadora social e o responsble de BATA durante a sinatura do convenio en 2016

   As actuacións de BATA, un colectivo polo que Enrique Oubiña apostou decididamente,  non se limitaron ao convenio referido. En varias ocasións foron requiridos os seus servizos para realizar labores de reforzo do mantemento dos espazos públicos, ou como en outubro de 2016, para a limpeza do Monte do Castro, un traballo minucioso nun entorno complexo con moitos meses de abandono enriba,  que foi realizado con gran profesionalidade e que foi posto en valor tanto polos socios de goberno como pola oposición.

   Por todo o exposto non se entende a decisión de David Castro de reducir este convenio, que por menos de 10.000€ ao ano permitía ter a un grupo de persoas que, aínda que so veñen un día a semana, aproveitan moi ben o tempo e realizan unha importante labor, moi necesaria no noso concello. O estado de abandono que vimos nos nosos espazos verdes públicos dende xaneiro ata o mes de abril cando foron chamados para reincorporarse, foi esclarecedor a este respecto, polo que mais aló do social, esa decisión resultou funesta dende o punto de vista da xestión municipal.

  E isto non é algo que solo vexamos dende Somos Ribadumia. Dende que BATA comezara a dar servizos aos concellos no 2012, a súa actividade e os convenios cos diferentes concellos da comarca e con outras entidades, tanto públicas como privadas, foi en aumento. Tanto é así que o Concello de Ribadumia ten a mala honra de ser o primeiro e único Concello que recortou o convenio con este colectivo. E nin sequera falamos dun recorte de importantes repercusións económicas, pois estamos falando de 4.000 € de diferenza, que pola contra deixan a este colectivo nunha situación peor que cando foron contratados por primeira vez no mandato de Salomé Peña.

    Ademais de todo o dito, non podemos esquecer a lexislación vixente que obriga ao concello a dotar dun 2% de postos de traballo para estes colectivos, unha norma que se viña suplindo a través deste convenio.

  En resumo, indo máis aló da función exemplarizante que as administracións públicas deben ter en canto a integración dos colectivos máis desfavorecidos, dende Somos Ribadumia entendemos que é un erro de xestión  recortar este convenio, que penaliza o mantemento dos nosos espazos públicos e satura o servizo de parques e xardíns do concello, e que deixa ao concello comprometido  en canto ao cumprimento da lexislación laboral.

 Por todo o exposto, o pasado 7 de xuño, con tempo de sobra para o seu debate antes do pleno ordinario que se debe celebrar este 1 de xullo, presentamos por rexistro unha moción para por en valor o traballo deste colectivo e propor ao goberno a través do pleno a ampliación do contrato que vence en setembro ata finais de ano, e recuperar posteriormente o carácter anual do convenio.

  Pasamos tamén unha copia da moción ao resto dos partidos da oposición, para darlles tempo a valorala e a facer aportacións se así o consideran, e temos a confianza de que, se non ante proposta de Somos, si ante os feitos e as evidencias do exposto, o goberno terá a ben aceptar os termos da moción e corrixir esta situación.