Category: Sen clasificar

A Consellería de Educación ignora os problemas do CPI Xulia Becerra Malvar.

  • Semanas despois de poñer de relevancia a falta do terapeuta pedagóxico, a Consellería garda silencio sen aportar solucións.
  • Román Rodríguez está desaparecido, e o Xefe Territorial de Educación de Pontevedra ignora por completo a ANPA e á dirección do colexio.
  • Case 30 nenos e nenas seguen sen atención especializada, un mes despois de comezar as clases.

   A Consellería de Educación ignora os problemas do CPI de Ribadumia e garda completo silencio sobre a súa xestión nese centro onde, entendese que por orde do propio Román Rodríguez, a praza de terapeuta pedagóxico segue sen cubrirse un mes despois de comezado o calendario lectivo.

   Dende Somos Ribadumia, tal como explica Oubiña “mantemos un continuo diálogo coa dirección do Colexio e coa ANPA, e estamos ao tanto de que foron varios os intentos por parte da comunidade educativa de conseguir que a Consellería puxera fin a esta situación e cubrira a praza deste profesional tan necesario, todos eles infrutuosos, que tropezaron co silencio político, cando non cunha mala resposta por parte dalgún responsable da área de educación de Pontevedra”. Tampouco recibiu resposta a solicitude presentada dende Somos Ribadumia para que o señor Conselleiro se puxera en contacto coa ANPA e a dirección do centro e lles explicase os motivos desta situación.

   A situación chegou a tal extremo que, para poder encaixar o calendario escolar e dar atención de reforzo que eses trinta nenos e nenas precisan, a dirección do colexio tivo que mover professionais de primaria a secundaria, e reorganizar todo o cadro educativo. Pero esta solución non é máis que un parche,  “espiron un santo para vestir outro, e iso ademais de non resolver o problema de atención deses cativos, afecta ao bloque de educación primaria, que quedou sen ese reforzo. Un reforzo que fai moita falla logo de tres anos de recortes de profesorado no centro, que agora ve limitada a presenza do persoal especializado  que os nenos con necesidades especiais precisan”. Ao noso ver, a Consellería, co apoio da xefatura territorial, está abusando da boa vontade do profesorado, da ANPA e das familias dos nenos e nenas afectados por esta situación, moitas das cales prefiren evitar accións públicas para non expor ás súas crianzas. E dende logo, “así como para outras cuestión soubemos valorar positivamente as accións dende a Consellería, agora non podemos aceptar esta maneira de facer as cousas nin esta actitude, totalmente irrespectuosa coa nosa veciñanza”.

    Dende Somos Ribadumia xa amosamos todo o noso apoio a ANPA e á dirección do colexio, que seguen insistindo para que a Consellería de Educación corrixa esta situación ao tempo que estudan outras medidas nas que, por suposto, nos terán ao seu carón.

David  Castro mantén o ximnasio municipal  e o fogar dos maiores pechados mentres promove actividades deportivas privadas dende o Concello.

  • O goberno local mantén pechadas as instalacións públicas sen xustificación.
  • Nin ximnasio municipal, nin fogar dos maiores, nin auditorio.
  • Ao tempo anuncia outro tipo de actividades, promovendo e facendo publicidade a empresas privadas designadas a dedo.

   David Castro decidiu abandonar por completo a xestión do noso concello e deixala en mans privadas. Ou iso parece á vista dos últimos acontecementos.

  O Concello de Ribadumia é o único da comarca que mantén as instalacións municipais -salvo para o uso dos clubs deportivos- pechadas a cal e canto, e iso cando fai meses que a Xunta de Galicia, coas oportunas medidas preventivas, deu autorización para a súa reapertura. Referímonos en concreto ao ximnasio municipal e ao fogar dos maiores e tal como explica Oubiña “o resultado de bloquearlle á veciñanza o acceso aos servizos municipais pagados cos impostos de todas e todos, estase notando, particularmente na xente máis maior”.

Cómpre recordar que no ximnasio municipal, ademais do uso xeral das instalacións, realizábanse actividades de ximnasia para a terceira Idade.  E tamén convén recordar que no fogar dos maiores realizábanse actividades como os talleres de  memoria. En conxunto, todas as actividades, moitas delas postas en marcha  ou reforzadas cando Oubiña era concelleiro da área de terceira Idade, redundaban nunha maior calidade de vida das persoas que participaban nas mesmas.

  “Temos coñecemento por parte das familias do prexuízo que o peche das instalacións tivo para esas persoas, e todas aquelas coas que falamos insisten en declarar que notaron moito a falla do ximnasio e de actividades de carácter cognitivo, e temos coñecemento e constancia de que a maioría dos participantes nas actividades da terceira Idade e moitos dos usuarios do ximnasio municipal lle expresaron ao goberno o seu desgusto e incomprensión polo feito de prexudicalos desta maneira cando por outro lado se organizan excursións e se permiten as actividades dos clubs deportivos, que tamén usas instalacións municipais ”.

  Esta situación, extensible ao abandono da cultura co auditorio pechado, a falta de actividades e ao limitado da Biblioteca, ao que se suman os atrancos aos que se somete as asociacións do  concello que pretenden usar locais municipais, tivo un xiro nos últimos días. “Cal foi a nosa sorpresa ao encontrarnos estes días o Concello cheo de carteis promovendo unha actividade deportiva -zumba-,organizada polo propio concello, pero a través dunha empresa particular en instalacións municipais. E a sorpresa non pola actividade nin pola empresa, que xa leva anos colaborando co Concello, se non polas formas, e polo feito de que se poña esa actividade en marcha cando o ximasio municipal está pechado”.

  Dende Somos Ribadumia entendemos que para determinadas actividades se contraten profesionais externos, e que haxa ata certo punto colaboración mutua á hora de promover esas actividades, pero debe establecerse moi clara a diferencia entre unha actividade organizada e xestionada polo concello e financiada con fondos e instalacións públicas, e unha actividade privada realizada en instalacións municipais, que é o que acontece neste caso onde se beneficia a unha empresa designada  totalmente a dedo, algo que tampouco nos parece correcto. Ademais, a diferencia de anos atrás onde se organizaban certas actividades pola falta de oferta dentro do Concello, hai empresas en Ribadumia realizando actividades deportivas ,  polo que algunhas desas actividades e servizos que non son prioritarios deberían revisarse. E o que non podemos compartir é  que non se abran as instalacións para uso público como o ximnasio municipal mentres se promoven actividades concretas dando publicidade a empresas privadas. Ademais o Concello debe coidar as formas e cumprir a normas, e a ese respecto temos unha normativa municipal moi concreta en relación ao uso da lingua galega, e non pode aparecer, e menos figurando como organizador, o logo do noso concello nun cartel redactado integramente en castelán.

Unha vez máis “constatamos a incapacidade de David Castro para xestionar a vida municipal ata nas cuestións máis básicas. Ribadumia é un concello ao pairo, ata o punto de que ata as actividades deportivas que pagamos entre todas e todos están en mans de empresas externas”.

Ante os problemas, actuamos: presentamos queixa formal ante o Conselleiro de Educación polos recortes no CPI Xulia Becerra Malvar.

imaxe de arquivo.
  • A Xunta non cubriu a praza de terapeuta pedagóxico do colexio, que atende a case trinta nenos e nenas.
  • Logo de manter conversas coa dirección do CPI e da ANPA, dirixímonos directamente a Román Rodríguez González.
  • Todo o noso apoio á comunidade educativa e ás familias ante os recortes na educación.

    Esta semana tivemos constancia que a Consellería de Educación decidiu, por motivos que descoñecemos, non  cubrir a praza de pedagoxía terapéutica que ao finalizar o pasado curso ficou vacante no CPI Xulia Becerra Malvar, de Ribadumia. De xeito inmediato dirixímonos tanto a dirección da ANPA como a do Colexio para ter coñecemento claro de cal é a situación, e amosarlle o noso apoio.

   Compre recordar a importancia vital dos terapeutas á hora de apoiar ao alumnado que precisa reforzo ou unha atención particular para que poida completar o seu ciclo formativo con normalidade. Dáse a circunstancia de que esta praza é  fixa no organigrama do colexio, polo que non hai xustificación posible para que se decida non cubrila. Ademais é moi necesaria, pois a persoa que a ocupe deberá atender a unha trintena de nenos e nenas, pertencentes a outras tantas familias, que neste momento encóntranse moi desgustadas, pero tamén contrariadas debido a que esta situación non se lle comunicara nin a elas nin á dirección do colexio, que xa tiña deseñada a axenda deste curso incluíndo a este departamento e ao alumnado que debía facer uso del.

   Co curso iniciado, a  situación vólvese moi complexa, complica a organización do calendario lectivo e deixa a esa trintena de nenos e nenas nun limbo, pois non poden recibir a atención que precisan tendo xa ademais as horas designadas para elo neste curso.

   Ademais do exposto, temos constancia de que dende a Xefatura Provincial de Educación, ademais de  manter unha postura de confrontación coa ANPA, néganse a dar ningunha explicación,  aínda que é evidente que este recorte enmárcase dentro da liña de recortes que están sufrindo a maioría de centros educativos de Galicia, seguindo a estela da política de defenestración dos servizos públicos iniciada polo goberno do PP coa sanidade.

    Por todo isto, dende Somos Ribadumia tomamos a iniciativa e dirixímonos directa e formalmente ao señor Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, D. Román Rodríguez, solicitándolle por escrito que de maneira inmediata procedera á reposición desa praza, e accedera a manter unha xuntanza coa comunidade educativa do CPI Xulia Becerra Malvar, para aclarar a situación xerada. 

Actitude miserable de David Castro: leva enganando dende principios de ano ao Umia C. F. e á comunidade escolar con respecto da obra na contorna do Colexio e o campo de A Bouza.

  • David Castro ocultou que  tiña dende marzo o proxecto da obra xa rematado e fondos solicitados á Deputación.
  • Minteu en pleno en varias ocasións e falseou o orzamento ao non incluír este proxecto, tendo xa solicitados fondos para o mesmo.
  • Nin consenso, nin transparencia. David Castro aplica a imposición pola forza.

   Cando o pasado 18 de xuño  presentamos por rexistro un escrito, pedindo acceso ao proxecto para a obra que o goberno ten previsto realizar na contorna do CPI Xulia Becerra Malvar e o campo de fútbol de A Bouza, que significará a perda da totalidade das prazas de aparcadoiro nesa zona, e que  alcaldía comparecese publicamente e explicase os pormenores desa obra, que afectan tanto á comunidade educativa como ao Umia C.F.  como á veciñanza de Barrantes, non pensamos que o nivel de falsidade e cinismo de David Castro puidera chegar as cotas as que chegou, mentindo descaradamente á oposición e enganado aos colectivos afectados.

   Cómpre recordar que nese momento David Castro optou polo silencio e por negarnos a documentación requirida. Foi semanas despois, no pleno do 1 de xullo, cando, tal como explica Oubiña, “deu unha lixeira explicación declarando que ese proxecto estaba aínda en redacción polo que non podiamos acceder a el ao estar sen completar, que a idea era presentarse a unha axuda da Deputación, en concreto ao plan ReacPon. Tamén declarou no pleno que se ia concretar e, sobre todo, consensuar o proxecto co Umia C.F e coa comunidade educativa – dirección do colexio e ANPA – e que se levaría o proxecto a pleno en agosto, antes de presentar a solicitude da suvbención, para que toda a oposición tivera perfecto coñecemento do mesmo”.

Porén, todo canto David Castro e Pilar Martinez  declararon en pleno resultou ser unha falsidade.

   Vimos de ter coñecemento de que o Concello de Ribadumia solicitou xa no mes de marzo acollerse a liña 2 do plan Ágora da Deputación de Pontevedra, liña dirixida á  execución de obras de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos dos concellos da rede Ágora, da que o concello de Ribadumia forma parte. E  vimos de ter coñecemento da aprobación por parte da Deputación desta liña, cun importe total de 100.000€, que corresponde co  máximo do 20% do total do proxecto, proxecto do cal non temos información algunha a pesar de tela solicitado, pero que atendendo as porcentaxes establecidas sería un proxecto dun mínimo de  500.000€, que o goberno non incluíu nos orzamentos tendo solicitada a axuda antes da aprobación do mesmo o 13 de abril.

   Polo tanto, de partida resulta que o proxecto que David Castro asegurou en xullo que estaba en proceso de redacción, levaba dende principios de anos redactado e xa estaba presentado na Deputación. Disto despréndese que todo canto David Castro fixo co Umia C. F. e coa comunidade escolar foi un paripé, pois o proxecto xa estaba definido e decidido. Polo tanto, David Castro en ningún momento tivo intención de consensuar este proxecto con ninguén”. Que dende o momento en que Somos Ribadumia fixemos públicas as súas intencións de eliminar o aparcadoiro do Colexio David Castro non volvese reunirse con ningún dos colectivos afectados, e optara polo silencio, confirma claramente que ese proxecto se vai impoñer pola forza.

   Pero non so enganou a estes colectivos. Cando se debateu o orzamento no pleno do 13 de abril, David Castro asegurou á oposición que o proxecto de modificación da contorna do CPI , pavillons e campo de fútbol, estaba parada pendente de realizar as obras proxectadas polas Xunta no Colexio. E non só non estaba parado, senon que xa meses antes se había modificado o proxecto inicial, traizoando así os compromisos adquiridos con veciñanza, colectivos, e entidades, e xa nese momento tiña presentado na Deputación un proxecto de máis de 500.000€ , que ocultou dos orzamentos, unha actitude irresponsable, ademais de falsa e  moi miserable.

   Por outra banda, esta mesma semana tivemos tamén coñecemento de que o Concello de Ribadumia presentou solicitude para obter fondos do plan ReacPon da Deputación de Pontevedra, tamén para a realización dun proxecto, entendemos que se trata do mesmo,  na contorna do CPI e o campo de fútbol. “David Castro no pleno do pasado 1 de xullo comprometeuse a levar a pleno en agosto este proxecto antes de presentar a solicitude na Deputación. Algo que non podía ter pasado, porque o prazo para acollerse a esta liña rematou o 2 de agosto. Outra vez, David Castro fala, e só di falsidades”. Con todo, e para que fique claro cal é a actitude do alcalde e do goberno, a día de hoxe non se convocou ningún pleno, nin xunta de  voceiros, nin o alcalde informou aos voceiros da oposición de nada relativo a este proxecto. Habendo dous proxectos presentados na Deputación, non se nos deu acceso a documentación de ningún deles.

Dende Somos Ribadumia, a diferenza  do goberno local que dende xullo manténse lonxe dos colectivos afectados por esta obra, si mantemos as vías se dialogo abertas. Logo de conversas coa directiva do Umia C.F., da dirección do CPI e da ANPA, temos constatado que non existe consenso do proxecto que pretende realizar con ningunha das partes afectadas, pois salvo ao Umia, a ninguen máis se lle amosou nada do que se vai facer. E evidentemente estes colectivos síntense enganados, pois David Castro ocultoulles tamén que xa en marzo tiña presentada unha solicitude para a realización deste proxecto, ou sexa, que o proxecto xa estaba redactado e pechado, e non había pola súa banda a máis mínima intención de consensuar nada.

    Dende o noso punto de vista é totalmente inadmisible que un alcalde minta no pleno, minta aos voceiros da oposición e lles oculte e impida o acceso aos proxectos que se financian con fondos públicos.  Pero sobre todo, é totalmente inadmisible que o alcalde minta aos colectivos do concello, neste caso concreto ao UMIA C.F., e as directivas do CPI Xulia Becerra Malvar e da ANPA do mesmo, máis aínda se cabe cando falamos dun proxecto desta importancia e que vai afectarlles tan directamente.

   Por todo isto, este pasado venres presentamos un escrito no concello solicitando de novo acceso aos expedientes desas obras, e tamén que David Castro explique publicamente toda está actuación, os motivos polos cales mentiu e enganou a partidos políticos, colectivos, entidades e a toda a veciñanza, e que é o que realmente quere facer en Barrantes.