David Castro, con tres arquitectos no Concello, usa un “asesor” externo “gratuíto” para facer xestións coa Deputación.

  • En pleno admitiu contar cun asesor externo, sen contrato e sen vinculación co Concello para que dera a cara por el en varias xuntanzas coa Deputación. E isto tendo 3 arquitectos en nómina no Concello.
  • Unha asesoría supostamente “desinteresada” que David Castro se negou a explicar.
  • David Castro asegura descoñecer cantas xuntanzas mantivo coa Deputación nos últimos seis meses para resolver o conflito polas subvencións perdidas e a rúa Condesa.
  • A quen está autorizando David Castro a acceder a información municipal? En mans de quen está o Concello de Ribadumia?

    No último pleno, o noso voceiro Enrique Oubiña realizou varias preguntas relativas ás supostas xuntanzas mantidas polo Concello, anunciadas a bombo e platillo en marzo con ameaza xudicial incluída. “queriamos saber cantas xuntanzas se mantiveran, quen participou nesas xuntanzas e que resultado deron, pois a día de hoxe do macro proxecto de David Castro só sabemos que non se parece ao prometido en campaña, que os planos cambian cada mes, que non consegue financiamento, e que de momento ao concello xa lle custou preto de 200.000 €, sen mover un ladrillo”.

  Hai que dicir que de partida David Castro respondeu con evasivas, sinal de que as supostas xuntanzas non deron resultado positivo e que David Castro segue atascado coa Deputación. E foi ante as evasivas de David Castro, que chegou a declarar que non sabe cantas xuntanzas tiveron lugar por estas cuestións, e moi interesado en ocultar que persoas participaron nas xuntanzas pola banda do Concello, que Oubiña preguntou directamente pola presenza dun arquitecto externo ao Concello nesas xuntanzas. David Castro, sumamente molesto porque Oubiña tivera coñecemento de que esa persoa estivera nesas xuntanzas, e apertado  pola evidencia que xa non podía negar, só acertou a aclarar que esa persoa participara de maneira altruísta, ou sexa sen cobrar, nesas xuntanzas.

   David Castro confirmou que esa persoa non tiña no momento desas xuntanzas ningunha relación contractual co concello. Isto, ademais de consecuencias laborais, pois esa persoa estivo traballando sen ningunha garantía laboral, algo moi irregular nun Concello, expón outras cuestións de suma gravidade. Por un lado, que esa persoa, por moito que vaia acompañando a un alcalde, non ten ningunha capacitación para falar en nome do Concello, nin moito menos para analizar documentación ou falar de proxectos urbanísticos sobre os que non ten ningunha responsabilidade. Neste caso, nin sequera asinou os proxectos que David Castro presentou para os plans da Deputación, e que son o motivo do debate, logo da perda de medio millón de euros pola pésima xestión municipal.

E por outra banda esta o acceso a datos municipais, que aparentemente David Castro ofrece a calquera persoa que el considere sen contar con ningunha garantía legal nin moito menos de protección de datos. “Resumindo, que á vista dos feitos non sabemos a que persoas, sexa esta ou sexan outras, David Castro está dando acceso a datos internos do concello, ou mesmo persoais. O que si, sabemos é que os profesionais non traballan gratis, menos nestes termos. Se fan algo gratis é porque  ou ben están facendo un favor que van a cobrar, ou están devolvendo un favor anterior, e en calquera caso os traballos “altruistas”, en política, son moi sospeitosos”. E iso non é tampouco un tema menor.

  Dende Somos Ribadumia non podemos aceptar que persoas alleas ao Concello participen da súa xestión sen ter o seu correspondente  contrato laboral. Tampouco podemos aceptar que David Castro, incapaz por si mesmo de facerse valer ante a Deputación, se faga acompañar por persoas alleas á vida municipal. E dende logo, que con tres arquitectos en nómina do Concello, David Castro opte por un arquitecto externo para tratar cuestións relativas ao urbanismo municipal, parécenos totalmente inaceptable.

   Para Oubiña “hai un problema de actitude persoal, pois David Castro, alcalde a todos os efectos, é incapaz de ir el só a unha xuntanza, facer valer o seu cargo e defender a posición do Concello ou os seus propios proxectos para Ribadumia,  e isto nótase ben, tanto no feito de ter que acompañarse dun terceiro nas xuntanzas, como no fracaso para lograr fondos municipais. Unha incapacidade que nós tememos que o levará a vender a cadeira de alcalde para poder lograr investimentos”.

   Pero despois hai un problema de xestión política que non se vai resolver vendendo a alcaldía. David Castro non entende o funcionamento da administración e da política. Non entende que non pode andar por aí en reunións para tratar temas municipais acompañándose de matóns ou técnicos anónimos. Non estamos nunha serie de Netflix. Nun concello as relacións  con terceiros teñen que estar perfectamente legais, claras e transparentes, e as persoas que van a falar en nome do Concello de Ribadumia deben estar legalmente capacitadas para facelo”.

Dende Somos Ribadumia, á vista dos feitos, preguntámonos: quen ten acceso aos datos municipais e a datos privados da nosa veciñanza?   Quen está falando en nome de Ribadumia nas xuntanzas, sexan públicas ou privadas? En mans de quen está o Concello de Ribadumia?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s