Demagoxia do goberno local levando a pleno mocións a favor do piragüismo mentres lle recorta fondos a O Muíño.

- David Castro presenta unha moción para propoñer á Medalla de Galicia a Manuel Fontán e resto de padexeiros das últimas competicións sen coordinalo nin falalo coas partes afectadas, e descoñecendo a realidade dese deporte.
- Tivo que ser Enrique Oubiña quen se puxera en contacto con O Muíño e co Presidente da Federación para explicar a moción e os obxectivos da mesma.
- David Castro negouse a aceptar unha modificación do acordo proposta por Oubiña a instancias de Fredi bea, condenando así o acordo aprobado ao ostracismo, por non ser consecuente coa realidade do piragüismo galego.
- O goberno local non concreta a partida para o Descenso do Umia, e recórtalle a axuda anual a O Muíño.
Na presentación do Descenso do Umia, David Castro lanzouse á piscina sen flotador e sen saber nadar, anunciando que ia propor a Manuel Fontán para a Medalla Galicia. O resultado dese ataque de electoralismo puro foi unha moción levada a pleno coa ansia de lograr un titular de prensa.
A moción – aprobada por unanimidade – propoñía entre outras cuestións “propoñer a Manuel Fontán e demais integrantes da delegación galega de padexeiros e padexeiras que acadaron medallas nas diferentes competicións internacionais celebradas este ano para ser distinguidos coa Medalla de Galicia 2023 e deste xeito recoñecer o gran traballo que se ven realizando nesta modalidade deportiva por parte dos clubs galegos de piragüismo”. Tamén se propoñía trasladar este acordo á Federación para que se fixera eco desta iniciativa e a trasladara a clubs e Concellos no obxectivo de que se sumaran a ela.
“O problema desta proposta é que de partida foi realizada dende a ignorancia de cal é a situación real do piragüismo galego, e sen comentar nin consultar nin ao padexeiro en cuestión, nin a O Muíño, nin tampouco á Federación, algo que non so sería o correcto, se non tamén o educado”.
Tivo que ser Enrique Oubiña quen se puxera en contacto con O Muíño e o presidente da Federación, Fredi Bea, para informar da proposta e pedirlle a súa opinión. O resultado desas consultas foi que dende Somos Ribadumia decidimos facernos eco do proposto por Fredi Bea, que é por de relevancia non so os resultados dos padexeiros galegos desta tempada, que por certo aínda non rematou, senón de toda a historia da Federación, non en van o piragüismo galego leva cinco edicións dos Xogos Olímpicos logrando medallas e diplomas, acumulando xa 30 galardóns, sendo a disciplina deportiva con maiores logros do deporte galego, moi por enriba da segunda, a vela, con 9, aos que hai que sumar todos os logros nacionais e internacionais.

A proposta de acordo que trasladou ao Pleno foi a de “Propoñer a Manuel Fóntán e ao resto de integrantes da Federación Galega de Piragüismo dende a súa fundación, e en nome de todos eles, pasados e presentes, á Federación Galega de Piragüismo para ser distinguida coa medalla Galicia 2023, e deste xeito recoñecer o gran traballo que se ven realizando nesta modalidade deportiva por parte dos clubs galegos de piragüismo, e por suposto do club Ribadumiense O Muiño”. Esta proposta apenas modificaba o texto, pero permitíalle ter o contido necesario para que puidera ser asumida por todos os clubs de piragüismo de Galicia, e tamén polo Concellos, forzas políticas e outras entidades, e así poder darlle un pulo de cara a conseguir a mais que merecida a Medalla de Galicia, suposto obxectivo da moción, pero o goberno local desestimou a proposta porque polo visto Oubiña tiña que ter asumido o papel de goberno antes, comunicarse el coa Federación con máis tempo e pasarlle a proposta ao goberno dous ou tres días antes.
“Escusas de mal pagador. O que pasou foi que pillamos ao goberno nun renuncio ao presentar unha proposta que quixeron vender como importante sen tela traballado o mínimo, sen falar con quen correspondía, sen coñecer o mundo do piragüismo e sen ter nin idea do que é a Medalla de Galicia, nin a quen se lle outorga, nin por cales méritos. Unha proposta condenada ao ostracismo”.
Dende Somos Ribadumia ademais de lamentar a falta de visión do goberno local, e o seu afán electoralista, queremos ademais recordarlle a David Castro que o que precisan o Náutico O Muíño e Manuel Fontán non son mocións, son recursos e cartos. O goberno local leva anos negándose a ampliar as partidas das axudas anuais, co resultado de que co aumento de clubs deportivos este ano o piragüismo veu reducida a súa axuda en case un 30% con respecto ao ano anterior. Unha diferenza económica importante. Non so iso, o propio goberno local admitiu en pleno que a día de hoxe non está confirmada a cantidade coa que se vai axudar a pagar o Descenso do Umia, deixando ao club ao pairo e a proba do ano próximo sen garantías de poder realizarse.
Tamén convén recordar que dende o PSOE propúxose que a moción fora asumida pola Corporación ao completo como moción conxunta. PP e Somos Ribadumia sumámonos a esa proposta pero IR negouse con argumentos absurdos e infantís, porque o que querían era un titular.
“Lograron o titular, pero perderon a oportunidade de demostrar que son un partido de goberno, capaz de deixar as súas terras políticas e persoais de lado cando se trata de asuntos como este, que van máis aló da política”.
