David Castro funde 420.000€ dos aforros da veciñanza en menos de seis meses.

  • A mala previsión do goberno ao elaborar o orzamento obrigan agora ao goberno a meter a man no colchón de aforro, fundindo de golpe máis da metade deste.
  • Dúas modificacións de crédito  en menos de seis meses para facer fronte a cuestións correntes, exemplos da pésima capacidade de xestión do goberno.
  • Descontrol completo co gasto corrente, que xa se come a metade do orzamento anual sen que ninguén saiba explicar en que se van os cartos, e  mentres David Castro bloquea á oposición o acceso aos contratos menores e ao rexistro.

      No último pleno o goberno de David Castro aprobou en solitario a segunda modificación se crédito, por un valor de 207.000 €, que sumada aos 212.000€ da modificación de crédito de maio, supón modificar o orzamento inicial aprobado en marzo nun 10%, disparandoo 420.000 €, unha metedura de man no colchón da veciñanza froito dunha pésima previsión e peor xestión.

  Dende Somos Ribadumia a priori non temos nada en contra das modificacións de crédito, cando se realizan dende un uso racional dos fondos públicos e atenden a urxencias sobrevidas que non puideran preveerse no orzamento.  Non é o caso das dúas modificacións de crédito, a primeira sacada da chisteira por David Castro só dous meses despois de aprobar o orzamento, é esta segunda realizada en menos de seis meses. Tal como explicou o noso voceiro no debate plenario, “cando o goberno aprobou o orzamento en marzo deixou fóra cuestións importantes das que aínda que quixera facernos creer que non sabía nada, tiña perfecto coñecemento”.

Porque en Marzo o contrato e a prórroga do SAF xa estaban vencidas e a empresa estaba xa dentro dos seis meses de prórroga obrigatoria que establece o estado para que os concellos que non fan as cousas en tempo e forma, caso do de Ribadumia, poidan solventar sacando un novo concurso ou asumindo o servizo. Do mesmo xeito en marzo o goberno local xa sabía que a empresa adxudicataria da gardería renunciara a seguir xestionando a mesma logo de esgotar todas as prórroga e prazos, como tamén sabía que tiña que facer fronte ás aportacións ao GDR e a unha suba nos gastos mancomunados da auga. De feito, todos os gastos aos que agora hai que facer fronte mediante modificacións de crédito eran de coñecemento do alcalde en febreiro deste ano porque son cuestións de funcionamento básico”.

  Cando en marzo dende Somos Ribadumia nos opuxemos ao orzamento fixémolo entre outras cuestións porque non eran acordes á realidade de Ribadumia e condenaban ao concello a ter que acudir a modificacións de crédito posteriores, todo o cal queda agora demostrado, como queda demostrada a incapacidade de David Castro para xestión dos cartos que son de todos e todas as ribadumienses.

  Pero o problema non é só de falta de previsión. Dixemos no seu momento que o concello tiña descontrolado o gasto corrente, e os datos corroboran o que décimos de xeito máis que contundente. Se o goberno actual en tres anos aumentou a previsión o capítulo do gasto corrente en 173.000€ pasando dos 1.668.219 € (ano 2019)  a 1.841.439 € para este ano 2022, a realidade é que no ano 2019 o gasto corrente comeuse mais de 1.700.000 €  de todos os veciños e veciñas de Ribadumia, e neste 2022, a falta de catro meses para rematar o ano, xa leva mais de 1.900.000 €.

En tres anos o gasto corrente disparouse en máis de 200.000 €. E este ano levamos case 2.000.000 € e aínda estamos comezando setembro. David Castro leva toda a lexislatura sendo incapaz de gastar dentro do que el mesmo prevé nos orzamentos.

  “ E todo isto sen que ninguén poida ou queira explicar a onde van os cartos do gasto corrente. O concello nunca tanta mala imaxe tivo e o estado lamentable das instalacións e espazos públicos é algo indiscutible, por moito que o goberno intente negalo, nin por moito que agora David Castro se meta nunha voráxine de  parches e arranxos preelectorais. Así que, a onde van os cartos? Ninguén o sabe e o goberno non o explica, pero chama moito a atención o bloqueo feroz ao que David Castro somete á oposición, impedíndonos acceder aos contratos menores e ao rexistro. Un escurantismo que, sumado a unha situación de gasto descontrolado nun goberno que está paralizado, dan para pensar”.

En resumo, o orzamento é unha previsión, pero quen o elabora, neste caso o goberno de David  Castro, ten que saber en que pretende  gastar os cartos e atender nel ás obrigas que corresponden. Logo poden xurdir urxencias, pero resulta que aquí as urxencias veñen dadas pola falta de previsión de quen goberna, que deixou fóra dos orzamentos case medio millón de euros en gastos que eran seguros, unha maneira moi irresponsable de facer as cousas cuxa consecuencia é a de fundir agora a metade do remanente que había no 2020 , dedicando uns aforros que deberían ir a investimentos en beneficio da veciñanza a pagar as facturas da mala xestión de David Castro. E aínda quedan catro meses de ano por diante.

  E todo isto mentres David Castro volve retrasarse un ano máis na presentación do resultado contable do ano anterior, pasándose de novo a legalidade polos forros e volvendo por en perigo axudas económicas doutras administracións.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s