Category: Sen clasificar

David Castro fai anuncios electoralistas con proxectos sen concretar.

  • David Castro anuncia un pump track amosando un debuxo nun papel, sen datos nin orzamento, e realizado nun lugar moi discutible, debaixo das ventás dunha urbanización.
  • Ese proxecto, o segundo que presenta para ese parque en menos de dous anos, non se vai realizar, se se realiza, antes do 2024.
  • David Castro rise da veciñanza. Catro anos de abandono do parque infantil da praza da Carballeira, e en vez de reparar o deterioro, fai anuncios electoralistas.

      David Castro aposta polo populismo puro e duro e a propaganda sen contido na recta final do mandato. Este pasado venres erguémonos co anuncio de que o goberno local proxecta a instalación dunha pista pump track no parque  da praza da Carballeira. Un proxecto que ten máis de medida desesperada para entrarlle ao electorado de Barrantes, que de proxecto serio.

  De partida, o proxecto é o segundo que se presenta para esta zona do centro de Barrantes, para un parque que está, como recoñece o propio goberno local, nun estado lamentable. E tal e como pasara coa proposta anterior, está elaborado pensando máis nos votos que en solucionar problemas ou mellorar instalacións. Atendendo ao exposto na prensa, o que se pretende facer nesa zona é instalar unha pista pump track e outras actuacións. Sobre a instalación da pista chega con mirar o debuxo que se pasou á prensa para entender que non se pode poñer en ese sitio concreto, e que pretender  colocala aí vai ser conflitivo, pois, tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña “a David Castro, tendo espazo abondo para poñer esa instalación, non se lle ocorreu mellor cousa que colocala debaixo das ventas de toda unha urbanización, pasando por alto a realidade de que ese tipo de instalacións son bastante ruidosas, motivo polo cal, xunto a outras cuestións de seguridade, deben colocarse a unha distancia prudencial das vivendas”.

   Tamén se anuncia que se vai proceder substituír os peches perimetrais dos dous parques infantís. Isto, de ser así, supón unha  rectificación con respecto á proposta anterior, onde David Castro pretendía saltarse a lexislación vixente e deixar os parques de xogos sen valla perimetral. Con todo, se pretende unificar as dúas áreas de xogo desa zona volvera incorrer nunha ilegalidade e non poderá facelo. A lexislación é moi clara a este respecto e establece que as áreas de xogo infantil deben estar divididas por franxas de idade e separadas entre elas fisicamente, ou sexa, con vallas ou setos.

 Todo isto xa llo advertimos no seu momento, “cando anunciou a bombo e pratillo un proxecto que pretendía eliminar as vallas e substituílas por un banco de pedra de 6.000€, un absurdo como unha catedral, e que ao final quedou en nada, como era previsible. Agora volve as andadas, propoñendo cousas sen xeito nin dereito”.

Isto é o que decíamos en outubro de 2021, cando David Castro anunciou a bombo e pratillo unha obra consistente en retirar unhas vallas e poñer un banco de 6.000 €.

Futuribles sen concretar

   O proxecto non só resulta pouco axeitado en canto ao que se pretende facer. Segundo se informou, a realización irá con cargo ás liñas económicas do plan Leader nas anualidades 2023/2024 que xestiona o GDR. Ou sexa, que non se vai realizar neste ano 2023, pois o proceso para acometer investimentos dentro destes plans acaba de iniciarse e nin sequera está aprobada a axuda económica, como moito presentado o proxecto, se é que presentou. Non só iso, “o suposto proxecto, pois a día de hoxe non pasa de suposto, non conta con orzamento, nin partida económica, nin está en proceso de licitación, nin nada de nada. A todos os efectos, o que temos son catro raias nun papel e moito fume electoral”.

   Neste aspecto parécenos unha completa tomadura de pelo á veciñanza que David Castro anuncie obras a futuros en plena precampaña electoral. Pero o máis grave é que mentres David  se entreten facendo debuxos no departamento de urbanismo e anunciando soños electorais, os parques infantís están cada día en peor estado, e nin sequera as escasísimas actuacións realizadas para lavarlle cara se fan ben, como vimos de comprobar noutro parque infantil tamén en Barrantes.

A realidade, é que cando esta lexislatura remate en maio, en catro anos David Castro ao núcleo urbano de Barrantes, que concentra a máis da metade da poboación de todo o concello, teralle aportado dous bancos para sentarse, e ningunha solución a ningún dos problemas que presenta a zona.

Para Oubiña “David Castro anda nervioso e actúa á desesperada con actitudes que de tan populistas resultan ata ridículas e refírome tanto ao anuncio de obras como a outras cuestións vistas nas redes sociais. Non sabemos se é que a integración no PP que xa todo o mundo da por feita e eles mesmos andan anunciando coa boca pequena se lle complicou, ou se caeu na conta de que, a parte de partido, un alcalde que pretenda a reeelecion ten que demostrar valía, ter traballado e unha xestión que o respalde, todo o que el non ten,  pero sexa o que sexa que lle pase, eu pídolle que predique co exemplo e sexa algo máis prudente”.

  Dende Somos Ribadumia temos claro que o núcleo de Barrantes precisa mellorar en moitos aspectos urbanísticos. E que hai que dotar elementos como ese pump track para a xente moza ou outras instalacións para xente menos nova, como parques de calistenia e, nese parque concreto, zonas de sombra, fontes de auga, aseos… Pero nada diso se pode facer de calquera maneira, nin moito menos anunciar obras sen xeito nin dereito mirando o calendario electoral.  Hai que actuar con sentido, tendo un proxecto integral, ben elaborado e adecuado aos espazos públicos e que estableza as necesidades que se deben atender. E o máis importante, antes de nada, hai que manter o que se ten, e non deixar que todo se pudra para logo poñerse a facer promesas para o posibles futuros agardando así xuntar catro votos.

Chapuza enriba de chapuza no Parque infantil de Barrantes.

  • David Castro mandou corrixir as deficiencias logo das nosas denuncias, pero o resultado resultou  unha chapuza en forma de parches.
  • Unha actuación de máis de 11.000 €,  con menos de tres meses, en garantía, remendada de mala maneira e sen solucionar problemas.
  • Non hai ninguén ao mando en Ribadumia.

  O goberno de Ribadumia parece encirrado en demostrar a súa incapacidade para a xestión municipal en todos os aspectos, e o seu pasotismo total e absoluto nas súas funcións.

  O último exemplo topámolo estes  días en forma de parcheados nun céspede artificial que non leva posto nin tres meses, e en uso un terzo dese tempo. Recapitulando, fai uns días dende Somos Ribadumia faciámonos eco das deficiencias que presentaba o parque infantil sito nas inmediacións do CPI Julia Becerra Malvar tres semanas despois de abrirse ao uso logo dunha reforma de máis de 11.000 €.

   Tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubiña “ o goberno de David Castro tivo a ben tomar medidas, e mandou persoal, enténdese que da empresa que realizou a obra, a reparar parte das deficiencias. Pero o que non se fixo, ou eu quero pensar que non se fixo pois o contrario sería para chorar, foi supervisar os traballos. Resultado: unha chapuza”.

As deficiencias, tal como denunciamos, consistían maiormente na mala colocación do céspede, quedando dun xeito irregular nuns puntos, con levantamentos e comezando a despegarse do caucho sobre o que foi colocado noutros. A solución da empresa foi cortar os anacos de céspede que viron dubidosos e poñer parches, ou colar sen moito coidado os laterais que estaban levantados. Sen máis.

   Se falaramos dunha instalación de varios anos, desgastada polo uso e o paso do tempo, poderiamos pasar por este parcheado como solución parcial. Pero falamos dunha instalación que foi feita fai tres meses, que está en garantía, e cuxas deficiencias se deben a erros na instalación. Non é aceptable que a empresa actúe deste xeito, parcheado e tapando erratas, cando o que debería facer é levantar o céspede é colocalo correctamente. Porque “ os parches colocados, que a ver canto duran, nin sequera solucionan todos os defectos que quedaron, nin solucionan o problema de base que é a colocación da capa de céspede no seu conxunto”. E se esa maneira de actuar non nos parece aceptable, menos aceptable resulta a actuación pasotista do goberno local, que é quen ten que controlar que as obras se fagan correctamente, ao permitir que a empresa solucione desta maneira e dalo por bo.

Os antecedentes con Oubiña no goberno.

   Dende Somos Ribadumia denunciamos este tipo de actuacións dende o sentido común, pois “ ninguén na súa casa permitiría que unha intervención desas características fora resolta de maneira tan chapuceira. A calquera de nós ven unha empresa e colócanos un céspede desa maneira nun patio da casa, e facémosllo levantar volvelo a poñer ben”.

   Pero ademais, falamos dende a experiencia de goberno. No mandato anterior, sendo Oubiña concelleiro de Urbanismo, houbo que realizar moitas actuacións de posta ao día nos parques infantís e outros espazos públicos, pero a diferencia na actuación ante os problemas xurdidos fala por si soa. Podemos poñer dous exemplos. Un deles na reparación do patio da escola de infantil, que foi cambiada na súa totalidade. Unha intervención similar nunha contorna moi próxima ao parque infantil referido. Durante as obras de substitución do chan, detectouse un erro na soleira e na drenaxe, e a empresa tivo que desfacer todo o traballo xa feito, e volver a realizalo nas condicións correctas. Iso foi así porque Oubiña estivo onde lle correspondía estar. Outro caso, que tivo a súa repercusión, foi na reforma do ximnasio do Colexio, que se viu atrasada por un defecto no proxecto que provocaba a entrada de humidade dende a soleira do edificio. Nese caso houbo que agardar meses ata que o bo tempo permitirá actuar, pois foi preciso unha impermeabilización por fóra bastante complexa de realizar e que non podía facer en inverno. A empresa adxudicataria da obra non estivo nada de acordo, pero había un concelleiro responsable cos fondos públicos e co seu traballo, e tamén con capacidade de mando para xestionar estas situacións. E a hemeroteca pode dar conta disto.

  Dende Somos Ribadumia estaremos sempre apoiando aos gobernantes, sexan do partido que sexan, que actúen con responsabilidade. Somos conscientes de que as obras moitas veces presentan problemáticas, as veces incluso meses despois de rematarse. E sabemos que moitas desas problemáticas serán sobrevidas, pero outras non. A nosa posición é a demostrada dende o goberno: se hai que corrixir un erro, ou desfacer un traballo e volvelo facer, que se faga, e se hai que reclamarlle á empresa  adxudicataria, pois reclámaselle,. Pero non podemos aceptar que se tiren os cartos da veciñanza en obras chapuceiras, nin este abandono de funcións do goberno de David Castro, que xa só está pensando en como agarrarse a súa maioría, aínda que a vista de como gobernan, non temos claro para que a queren.

David Castro, incapaz de xestionar o concello, está privatizando servizos de xeito encuberto.

David Castro leva meses optando por contratar a empresas privadas para facer fronte á limpeza das instalacións municipais.
• Esas contratacións, feitas a dedo, súmanse ás de empresas de xardinaría.
• Incapaz de xestionar o Concello e ao persoal municipal, David Castro opta por unha privatización encuberta dos servizos
.

Dende Somos Ribadumia queremos por de relevancia as situacións que vive o noso Concello. David Castro, sumido na vagancia e incapaz de xestionar, está entregando a realización de diversos traballos ás empresas privadas, empresas ademais contratadas de maneira bastante obscurantista, sen oferta pública e sen informar nin á veciñanza nin á oposición.

As contratacións de empresas privadas para labores de servizos que normalmente realizaba persoal municipal seguen aumentando. Se fai agora xusto un ano denunciabamos que David Castro tivera que recorrer a unha empresa privada para as podas do arborado dos espazos públicos, agora comprobamos que esa contratación non foi un feito illado derivado dunha problemática puntual. Tan como explica o noso voceiro Enrique Oubiña, “David non só tivo que volver contratar esa empresa en outono, cando nos pasaban as herbas por enriba da cabeza logo de meses de abandono, senón que para poder facer fronte á limpeza das instalacións públicas, no canto de cubrir ás baixas ou facer un uso correcto dos plans de contratación, optou por buscar empresas privadas”.

En pleno non fai moito á concelleira de contas insinuou que o problema viña derivado das esixencias e limitacións das axudas para contratar, pero ese non é o problema. O Concello conta cos mesmos recursos e as mesmas liñas de axuda para contratar cuadrillas e persoal dos últimos sete anos, e o Concello non ten máis instalacións que atender. “O problema é de desidia, de vagancia e de mala xestión dos recursos. O Goberno non está cubrindo as baixas que se producen, nin os postos que quedan vacantes, pero tampouco hai xestión do persoal existente, e as cuadrillas para servizos están na anarquía, paseando dunha punta a outra do concello, empezando mil traballos e non rematando ningún, porque non hai a máis mínima organización. Ribadumia é un caos, é o alcalde non está nin se lle espera”.

Privatizar encubertamente servizos dando contratos a empresas amigas.

David Castro sigue demostrando que é incapaz de xestionar o Concello, pero ademais non quere asumir as responsabilidades que lle corresponden no cargo. Por ese motivo, no canto de xestionar os recursos municipais é organizar ao persoal, cubrir as baixas e todo o que conleva ser o xefe de persoal, opta por sacarse de enriba eses traballos cunha privatización encuberta dos servizos. Unha privatización coa que nós non podemos estar de acordo. Nin nos motivos, nin nas formas. Porque a maneira na que está actuando é tamén inaceptable.

As contratacións de empresas estanse realizando a dedo, sen ningún tipo de proceso público, nin aberto, e sen dar conta nin ao Pleno, nin á veciñanza, nin á ninguén. Por ese motivo pedimos xa acceso a toda a documentación relativa a esas contratacións. “En Nadal David Castro andivo moi rápido a enviarnos as facturas do alumeado, a ver se anda agora igual de rápido, porque temos moita curiosidade por saber que empresas se están contratando e canto lle está costando á veciñanza a súa vagancia“.

Dende Somos Ribadumia lamentamos que o noso Concello chegara a este punto de abandono e mala xestión. Traballamos e seguiremos traballando por recuperar o noso Concello, e que a veciñanza poida gozar dun concello limpo e ordenado, cos espazos públicos en condicións todos os días do ano, en resumo, en volver a ser os referentes que fomos en xestión e mantemento non fai moitos anos, cando nós formamos parte do goberno. “Pois se para algo está servindo a mal levada maioría absolutista de David Castro e os Independientes, e para demostrar o que xa ninguén pode negar e que nos reafirma na idea de que a nosa formación é moi necesaria en Ribadumia e no goberno local: o feito indiscutido de que estando nós gobernando, Ribadumia funcionou é mellorou”.

Queixas pola renovación do parque infantil de Barrantes e pola falta dunha  cuberta no colexio.

  • Nais e pais quéixanse da tardanza da obra de reforma e do resultado final. Ía durar tres días e durou dous meses.
  • O concello esqueceuse de que tiña o parque infantil pechado dende novembro.
  • Tres semanas despois de permitirse o acceso ao parque xa presenta deficiencias.
  • A cuberta do colexio. Desaparecida durante a obra de reforma, non volveu colocarse, deixando aos nenos e nenas á choiva.

 A reforma do parque infantil de Barrantes, o situado ao carón do colexio, leva meses suscitando críticas, primeiro pola tardanza da obra, e despois polo resultado final.

  O Concello anunciou o catro de novembro o peche dese parque durante tres días, co obxectivo de , logo de anos recibindo críticas polo mal estado do caucho, substituilo por un chan de cespede artificial. Ata aquí, a pesar de que se intuía que a era unha operación de maquillaxe, todo correcto. Pero resultou que unha obra prevista para tres días, tardou dous meses en realizarse. De feito, os técnicos da empresa instaladora colocaron o cespede nuns días, pero fóronse deixando os sacos da sílice que se usa neste tipo de instalacións esparexidos polo parque sen usar, e xa non volveron ata decembro, pero logo de rematarse o traballo, o parque continuou pechado.

O concello anunciou o peche do parque o 4 de novembro durante 3 días.Tardou máis de dous meses e volvelo abrir.

  O concello non deu ningún tipo de explicación, a pesar de que as queixas chegarón ás redes sociais, e de feito non chegou a comunicarse que o parque volvía estar aberto ao púbico en ningún momento. Tal como explica o noso voceiro, Enrique Oubina, “foi gracias á dirección do CPI Xulia Becerra Malvar,  que chamou ao concello á volta do parón de nadal, que dende o Concello se acordaron de que había un parque en Barrantes pechado ao público, e procederon a informarlle ao Concello de que o parque estaba perfectamente operativo. Se o director non chega a chamar ao Concello, seguiriamos con el pechado”.

  Por outra banda, tampouco o resultado final convence a ninguén. “O cespede non é unha mala solución, pero son materiais que hai que poñer con moito coidado. Neste caso parece que se colocou usando de base o caucho anterior, que estaba moi deteriorado, e o resultado diso é que o cespede que a simple vista parece chan e plano, ten moitas irregularidades que provocan tropezos, ademais de que non é o mateiral máis adecuado para colocar en determinados puntos, como nos columpios, onde xa se nota desgaste”.  Máis aló disto, a sílice non foi ben cepillada nin se retirou a sobrante, que se  acumula nos laterais do parque, por onde ademais o cespede, tres semanas despois de abrir o parque, estase despegando e comeza a deteriorarse en varios puntos. Tampouco se volveron colocar as papeleiras, moi necesarias, e en xeral a imaxe é, como se prevía, de terse feito un parche para aparentar e tapar as críticas.

Unha cuberta desaparecida no colexio.

  Outra cuestión relevante na mesma zona ten que ver coa falta dunha cuberta para protexer aos cativos  da choiva no CPI Xulia Becerra Malvar. Esta cuberta situábase na entrada norte do colexio, que é por onde acceden os alumnos ao colexio todas as mañas, así como o profesorado,  e nais e pais que acoden por calquera cuestión. Foi retirada cando se realizaron as obras de reforma do colexio, pero ao rematar non se volveu colocar, co resultado de que os nenos quedaron sen o único abrigo que teñen antes de entrar ou a saída das clases.

 Quen ten que resolver a cuestión e recuperar esa cuberta, moi necesaria nun colexio que non ten ningún tipo de espazo cuberto, é a Consellería de Educación. Pero dende a dirección do colexio infórmannos de que de momento non se aportou ningunha solución, e que os nenos e nenas levan todo o inverno á choiva. Por outra banda, o outro responsable da Instalación, o goberno local, pasa de todo,  e deixa unha vez máis  tirado ao colexio e as crianzas, evitando meterse en disputas coa consellería, outra mostra máis da falta de capacidade de David Castro para actuar ante os problemas  e de xestionar calquera cuestión.

  Dende Somos Ribadumia, á vista da inoperancia do goberno local, enviamos unha comunicación á Consellería de Educación solicitándolle que resolvan esta problemática e doten un espazo abrigado para os cativos que acoden a ese colexio.