Apostamos por un rural vivo.

  • Actualización dos edificios e dos espazos públicos, parques  con zonas cubertas, con sombras, aseos e fontes de auga pública.
  • Remate das rede de saneamento e de auga pública, e solución nas zonas problemáticas , como Besomaño e Lois. Impulso á rede de fibra óptica.
  • Resolución inmediata de todas as obras sen rematar, e un plan ordenado de desenvolvemento no rural.
  • Modificacións puntuais do PXOM para favorecer a edificabilidade nas zonas rurais.
  • Plans de axuda á construción e reforma de vivendas no rural.
  • Dotación de servizos de conciliación nas aulas do CRA, e promoción de actividades culturais e sociais nos locais sociais.

  Unha vez rematada a rolda de xuntanzas coa veciñanza realizadas nesta última quincena ao longo e ancho do Concello, dende Somos Ribadumia sacamos varias conclusións que nos permiten completar as nosas propostas de cara a lograr que o rural Ribadumiense deixe de perder habitantes, e sexa unha alternativa válida e apetecible para vivir.

   Os problemas eras coñecidos: unha rede de servizos básicos (saneamento, auga, mais tamén internet) sen completar ou no caso da fibra óptica moi deficiente, os problemas habituais de falta de nenos que permitan manter todas as aulas do CRA, o estado de abandono dos espazos públicos e en xeral unha deixadez por parte do goberno local actual que se fai notar moito. En verbas de Oubiña “o que detectamos, máis aló do abandonado que ten todo David Castro, é que a xestión das obras públicas é desastrosa. Non se rematou ningunha das obras menores postas en marcha nesta lexislatura, co resultado de que temos medio concello levantado, con tramos de pista sen asfaltar e os postes do alumeado é teléfono sen desprazar. Tampouco foi quen David Castro de cumprir os seus propios compromisos en cuestións como saneamento ou auga, pois a xestión caótica do departamento, e a política partidista que fai á hora de decidir que obras acometer, deixou a moita veciñanza tirada”.

  Se queremos que a xente se vaia a vivir ao rural, “o primeiro que temos que facer é deixar de contar os votos que hai nesta casa e naquela e superar a política de facerlle arranxos e peches de perpiaño a quen non favorece”. As nosas propostas para recuperar vida no rural son sinxelas e claras:

  • De partida rematar todo o que está empezado. Ao tempo definir canto falta realmente por completar das redes de saneamento e auga, e “poñer enriba da mesa un plan que o deixe solucionado se pode ser en dous anos, que non sexa en tres. O mesmo para outro tipo de obras, ancheamentos de pistas, asfaltados, etc. Hai que ter un plan ordenado de xestión do rural, non andar con parches aquí e alá, empezar vinte obras e non remarar ningunha. Con nós haberá orde e unha axenda concreta de traballos, e todas as obras terán inicio e final”. No que respecta á dotación de auga, non só hai que completar a rede, tamén hai que solucionar os problemas das zonas máis altas ou alonxadas, como Besomaño ou Lois, ou as Mimosas en Barrantes e mesmo algún punto en Villaverde, que sobre todo no verán sofren caídas se presión na auga e mesmo quedan sen servizo semanas enteiras, como nos contaban uns veciños de Besomaño.  Nós poremos solución a eses problemas, instalando depósitos secundarios máis altos, ou equipos de presión, segundo sexa necesario. Tamén impulsaremos captacións secundarias, para non depender dun único subministro, e estableceremos liñas de axuda económica para que os comuneiros de traídas veciñais poidan mellorar a salubridade das súas captacións. En resumo, reducir a dependencia da captación mancomunada, e limitar os problemas que hai no verán.
  • Impulsar a rede de fibra optica, para que no menor tempo posible se poida dar cobertura a todo o Concello.
  • Hai que impulsar a construción e a restauración de vivendas no noso rural para asentar familias. Farémolo con modificacións puntuais no PXOM e con liñas e medidas de axuda concretas.
  • Tamén levaremos os servizos de conciliación ás aulas do CRA, para que os nenos das parroquias teñan os mesmos servizos que os do centro, arranxaremos todos os parques infantís e dotaremos espazos de sombra, espazos cubertos para os días de choiva, fontes de auga pública e aseos en todos os parques do Concello. Queremos que as nosas parroquias teñan espazos de lecer aos que dea ganas ir, e actividades que os animen.
  • Investiremos recursos en darlle vida ao rural con actividades culturais e sociais, reforzando o apoio ás comisións de festas e dando uso aos centros sociais.

En resumo, a nosa intención é equilibrar a vida no rural coa vida no centro, dando os mesmos servizos e impulsando actividades e outras medidas que animen as novas familias a asentarse en calquera das nosas parroquias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s