David Castro mantenlle bloqueado o acceso ao servizo de axuda no fogar a unha ducia de familias.
- 12 persoas teñen concedidas horas de SAF e o Concello non lles dá servizo.
- Ademais hai mala xestión das horas concedidas por Igualdade, tendo case 300 horas sen xestionar.
- Hai queixas veciñais por lentitude de trámites, mesmo persoas que están perdendo axudas por malas actuacións do departamento de servizos sociais.
- Esiximos responsabilidades a quen está facendo política coas necesidades dos demais.
Dende Somos Ribadumia queremos por de relevancia a inaceptable situación na que están unha ducia de familias en Ribadumia ás que David Castro e a súa concelleira de política social e igualdade Sofía Núñez lles manteñen bloqueado o acceso ao Servizo de Axuda no Fogar, tendo todos os parabéns do resto de administracións . Tal como explica Oubiña “fixemos unha consulta formal e encontrámonos con que case un terzo das 57 persoas que en Ribadumia teñen recoñecido o dereito a unha axuda de dependencia, non teñen acceso a ese servizo porque o goberno de David Castro llo ten bloqueado. É vergonzoso”.
Resulta dun gravidade absoluta que despois de conseguir unha axuda que ten unha tramitación moi longa e enfarragosa, David Castro bloquee o acceso a esa axuda que tanta falta lle fai a esas persoas e a esas familias. Porque ademais do dito, resulta que David Castro nin sequera sabe como xestionar as horas para este servizo que concede a Consellería de Sanidade, e ten unha bolsa de case 300 horas sen usar. “Sendo eu concelleiro vivimos unha loita constante para aumentar o cupo desas horas, e seguían faltando. Agora David estraga as poucas horas que lle manda a Xunta e presume xestión. Incrible”
Preguntado en pleno por esta cuestión a concelleira de política social calou, como sempre, e o alcalde non foi quen facer nada máis que acusar a Oubiña de mentir e pretender que o departamento “nunca tan ben funcionou” un mantra que leva repetindo meses pero que día si e día tamén queda desmentido polos feitos demostrados.
Para Oubiña a palabrería do alcalde non tapa os feitos. En 12 anos que levo de concelleiro, en ningún pleno nin en ningún momento se expuxo este tipo de problemáticas, que van moito máis alá destes últimos feitos. Temos sido moi críticos coa política social do PP, pero nunca tivemos queixas deste tipo, e dende logo na miña etapa o departamento despegou e púxose como referencia para a comarca, aumentáronse as horas de dependencia, as políticas de igualdade e a atención as familias. Leccións a min David, ningunha. E discursiños tampouco, que eu sei moi ben do que falo”.
A cuestión de fondo é a atención, esaxeradamente politizada, que se fai dende o departamento de servizos sociais. Hai traballadores pechados nun despacho, algún sen ventás, coas funcións reducidas, un persoal con longa experiencia que David Castro supliu con persoal de confianza, que dedica máis tempo a pasar informes da situación das persoas que van ao departamento que a facer o traballo que lle corresponde. Todos os trámites do departamento a día de hoxe teñen que pasar sí ou si por alcaldía e non poden ir adiante se David Castro non da o visto bo. E David Castro está bloqueando procesos de persoas as que el considera que se debe castigar. Noutros casos, a inexperiencia e tamén a falta de especialización dun persoal cuxa formación na maior parte non ten que ver co traballo social, lastran a xestión das moi variadas cuestións que pasan por ese departamento. “O grave de todo isto, é que cando a un veciño ou unha veciña se lle bloquea o acceso a un servizo ou perde unha axuda por non facer os trámites correctamente, estamos sacándolle o pan. Que quede moi claro: David Castro está sacándolle o pan á xente coa súa maneira de actuar. É indignante”.
Pedimos a dimisión inmediata de Sofía Núñez, polas súas actitudes, resumidas na peineta que lle dedicou á veciñanza a semana pasada, e pola súa xestión do departamento de servizos sociais, o departamento máis importante do Concello. E por suposto por todo o demais, como falsear a declaración de bens ou ser apoderada dunha empresa que factura ao Concello.
E esixímoslle a David Castro que se Sofía Núñez non dimite, a cese de inmediato. E que cese el tamén na súa actitude e devolva a normalidade ao departamento de servizos sociais. Xa está ben de xogar coas necesidades da xente.