Category: Sen clasificar

David Castro usa a alcaldía para promover a súa carreira no PP.

  • David Castro é xa o candidato oficial do PP, pero négase a dimitir dos seus cargos en IR para poder facer campaña dende a cadeira de alcalde.
  • Pilar Martínez e Mar Moimenta, dúas dimisións en diferido e en formato  “gato de Schöringer, dimiten pero non dimiten.
  • Completa falta de ética, de dignidade é de moralidade política.

      Como dixemos días atrás, dende Somos Ribadumia non valoramos as decisións personais. Pero os momentos políticos é as formas son importantes. David Castro anunciou o venres que se integraba no PP el e a totalidade do seu equipo. Tal como explica o noso voceiro Enrique Oubiña “o normal, tamén o ético e o respectuoso cara o seu propio partido, digo IR, sería que, senón antes, nese momento dimitise dos seus cargos municipais el e as concelleiras e concelleiros de IR que o acompañen nesa nova andaina, e a partir de aí que se centrara en facer campaña ou o que lle parecera. Pola contra,  David optou por seguir abusando da súa posición de poder, e usar o seu cargo de alcalde para autopromoverse de cara a  maio”.

  Esta maneira de actuar confirma as ambicións sen medida de David  Castro, que de repente recorda que foi concelleiro do PP, aínda que non recorda tanto que foi un dos que traizoaron a Nene Barral respaldando a súa expulsión do PP, nin que foi o xefe de campaña de Salomé Peña no 2003 , enfrontándose precisamente a IR, nunhas eleccións onde o PP estivo a piques de perder o goberno polo fracaso da súa campaña electoral, e tampouco recorda que el quedou fóra daquel goberno do PP porque era o sexto dunha lista onde só entraron cinco, porque Rafael Louzán, a diferencia de Luís López, non o consideraba válido para ser candidato de peso, moito menos alcalde. Confírmanse as ambicións sen medida de David Castro, así  como as súas ansias de vinganza, pero tamén se confirma que David Castro carece de moral, de escrúpulos e de respecto cara a veciñanza, saltando dun partido a outro e de volta en función dos seus intereses propios, usando os altofalantes que ten polo grao de alcalde por IR para facer campaña polo PP e tendo unhas actitudes totalmente faltas de respecto  coas persoas que votaron a un e outro partido.

    Esta maneira de actuar parécenos totalmente indigna nun cargo público. David Castro presentouse cos Independientes por Ribadumia, e non é ético, nin moralmente aceptable que agora estea facendo campaña, anunciando obras e investimentos para a próxima lexislatura e perdido votos e vendendo favores dende o seu altar de alcalde conseguido cun partido cando se vai presentar por outro. “Sabemos que non vai dimitir porque sabemos que David Castro é un completo cobarde no que á práctica política se refire e carece de dignidade, pero neste sentido queremos dicirlle á nosa veciñanza que nin unha mosca fai verán nin en Ribadumia somos todos falsos como ese señor. Moitos máis somos as e os que estamos aquí por mellorar o noso Concello e a vida da veciñanza e non por buscar unha cadeira con nómina alta ou  cumprir vinganzas en plan culebrón venezolano. En Somos Ribadumia, e agora vese con total claridade, somos xente moi seria”.

As concelleiras de Schrödinger

  A “práctica totalidade dos Independientes” resultou ser bastante menos. Máis aló do enfado evidente de unha boa parte da xente de Independientes, palpable e contrastable na rúa e de que o propio David Castro declarou que varias persoas non o van acompañar na lista que pretende levar as siglas do PP sen xente do PP, onte tivemos coñecemento de que Pilar Martínez e Mar Moimenta, as dúas persoas de máis peso dentro do goberno de David Castro, decidiron non acompañalo nesa aventura, e dimitiron dos seus cargos no Concello , concellarías, representacións en órganos varios e as liberacións que cobraban por eses cargos. “Visto o titular parece unha actitude coherente, e un comportamento ético correcto: non aceptan que David pase ao PP e dimiten. O que pasa é que son dimisións en diferido, fora de tempo, e bastante falsas”.

   Porque o que non fan estas dúas concelleiras é deixar as actas de concelleiras de IR, nin pasarse ao grupo de non adscritas. Polo tanto, dimiten das responsabilidades pero manteñense no partido apoiando a David Castro ata o final da lexislatura. “Ao actuar así, están apoiando a campaña de David Castro no PP, así que non veñan dicindo que elas do PP non queren saber nada, porque o delas na práctica é unha cuestión de imaxe pública persoal, non ideolóxica, e actuando así por suposto que están apoiando ao PP e a carreira dentro del de David Castro“.

  Se estas dúas concelleiras estiveran realmente en contra desta operación e non quixeran formar parte, xa terían dimitido fai moito tempo  pois o anuncio realizouse o pasado venres, pero fai meses que elas estaban informadas. Pero non só non dimitiron dos seus cargos antes, senón que agora asegúranlle a David  Castro estabilidade para que remate o mandato sen altibaixos. “ As concelleiras de Schrödinger, non están e ao mesmo tempo están. E tampouco gratis, pois ao renunciar as liberacións cobraran asistencia a plenos e comisións, así que aínda rascaran uns euros ata final de lexislatura”.

As declaracións feitas polas propias concelleiras reafírmannos na nosa postura, e ademais son unhas declaracións con moito fondo. Chama a atención que fagan referencia a Nene Barral, cando o cerebro e alma de IR nesta segunda etapa (dende o 2015), e tamén a persoa que máis defendeu a integración no PP xunto a David Castro, é Feliciano Barral, que ata o pasado outono figurou como presidente do Partido.

O resto do texto resúmese en que marchan sen marchar, moita bágoa de cocodrilo pero cabe recordarlles que se o seu obxectivo era que o PP non gobernara non están traballando para iso, máis ben ao contrario, e se o seu obxectivo era cambiar as formas de goberno do PP, tamén fracasaron. Se pretendían cambiar o uso partidista das institucións aí esta David Castro usando a alcaldía para promocionarse noutro partido, se querian acabar coa crispación mal lles foi e mal o fixeron, pois aí están as declaracións en plenos de Pilar Martínez atacando á vida privada de Enrique Oubiña e outros ataques de xente do seu partido que publicamente esas dúas concelleiras defenderon en pleno municipal, as ameazas a veciños e persoal laboral do Concello, e a tensión xerada cos ataques da xente de IR ao PP. Se querian rematar co obscurantismo resulta que temos o goberno funcionando ao 100% en modo “prácticas oscurantistas” , ocultando información de todo tipo, unhas formas das que as concelleiras foron e seguen sendo cómplices e mesmo artífices nalgún caso. En política os feitos falan por nós, e os feitos de Pilar e Mar contradín moito do que agora expoñen.

Non minten de todo. Ribadumia si cambiou moito con respecto aos gobernos do PP, dos que por certo Nene Barral foi o máis destacado alcalde, pero mudou entre 2015 e 2019, anos nos que dende Somos Ribadumia e do PSOE lle tivemos a corda agarrada en corto a esta xente Ribadumia funcionou como Concello dunha maneira moi distinta da actual”.


E ademais non marchan, siguen apoiando a David.

O resumo de todo isto, con dimisións e sen dimisións, “é que dende o pasado venres os Independientes por Ribadumia son o Partido Popular de Ribadumia. E a efectos de voto no pleno tamén, non no legal, pero si no moral, que é o que buscan David Castro e o PP de Galicia. Do PP ”real” ou “antigo” de Ribadumia – non sei como definilos – xa non o teño tan claro, pois é evidente que na casa azul as decisións de Luís López non caíron nada ben, pero en todo caso falan os feitos, así que verase no pleno do xoves”.

   Dende Somos Ribadumia só podemos lamentar este espectáculo circense carente de  toda ética e respecto pola cidadanía, con individuos como David Castro usando a política como trampolín persoal e para atender a cuestións persoais, vinganzas  e problemas de ego varios e con concelleiras que se comportan como personaxes da prensa rosa, tentando ocultar con maquillaxe e xestos de pura aparencia a súa realidade. Ribadumia merece un goberno moito máis serio, e dende logo non merece un alcalde de tan baixa catadura moral. .

David Castro oculta os contratos e facturas das empresas de servizos.

  • David Castro négase a que Enrique Oubiña teña acceso aos expedientes de contratación de empresas de xardinaría e limpeza.
  • Que oculta? Contrata David Castro empresas amigas sen pasar un proceso regrado de concesión dos contratos? Está pagando prezos xustos por eses traballos?
  • Quen se está beneficiando da súa incapacidade para xestionar o Concello?

David Castro mudou de partido, pero non de xeitos. Fai unhas semanas fixemos público que, incapaz de xestionar o Concello, levaba meses acudindo a empresas privadas para poder realizar diversas labores de xardinería e de limpeza dos espazos públicos municipais . Unha  situación inaudita en Ribadumia ante a cal o noso voceiro Enrique Oubiña presentou escrito solicitando acceder na súa calidade de concelleiro aos procesos de contratación, os contratos e as facturas desas empresas.

  Pero en contra do que aconteceu en decembro, cando David Castro respostou ao escrito pedindo información sobre o alumeado de Nadal en 24 horas, desta volta “ David optou pola súa habitual negativa a que a oposición teña acceso ás cousas máis básicas, e volveu tirar das vellas prácticas, respondendo no límite legal con escusas e impedíndome ver esa documentación”.

    Cabe recordar que os contratos que realice un concello son de carácter público e que os concelleiros teñen dereito de acceso a eles. Obstruír sen a correcta xustificación, e dicir que o persoal do concello ten moito traballo tal e como aclarou no seu momento o Defensor del Pueblo non é xustificación, supón todo un ataque aos funcionamento democráticos, pero tamén pode ter consecuencias legais, coa sombra da prevaricación de fondo.

  Máis aló das actitudes infantís de David Castro,  que non son novas, está o que ocultan. Porque, tal como explica Oubiña “vendo a documentación seguramente quedaría todo claro. Pero ao bloquearnos o acceso á mesma, xorden as preguntas: contratou David Castro a dedo empresas amigas, sen pedir orzamentos e sen informes de intervención? Son certos os rumores que din que contrata empresas relacionadas directamente con membros do seu goberno? Esas empresas traballan cun contrato e unhas condicións ou teñen libre albedrío para facer o que consideren e cobrar o que queiran?  Que nos oculta David Castro? “

  No ano 2015 David Castro defendía que había que realizar unha auditoría da situación económica do Concello. Nós non estivemos de acordo porque tiñamos información suficiente para asegurar que o goberno de Salomé Peña fixo moitas cousas mal, pero nese aspecto o Concello estaba saneado. Hoxe “temos que pensar que a situación xa non é así. Hai empresas contratadas directamente sen ningún informe técnico que sustente esa contratación nin sequera a necesidade de realizar por fóra cousas que se poden xestionar con persoal propio, non se piden orzamentos para moitos servizos que se contratan,  como pasa co alumeado de nadal, nin se seguen procesos de contratación públicos e transparentes. E non sabemos quen se está beneficiando desta maneira de actuar. David Castro goberna o Concello como un potentado, gastando sen mirar a conta do banco e favorecendo a xente próxima, o malo é que os cartos que está regalando son os cartos da veciñanza”.

David Castro vende a alcaldía de Ribadumia ao PP de Galicia.

  • O medo a perder a alcaldía nas próximas eleccións lévao a dar de maneira definitiva o paso.
  • O acordo tomouse a costas da agrupación local do PP e do electorado de ambas formacións.
  • Queda demostrado que dende Somos Ribadumia estivemos sempre acertados nas nosas afirmacións e que David Castro enganou á veciñanza.

      O anuncio de que David Castro se vendeu ao PP non nos sorprendeu, pois dende  Somos Ribadumia coñeciamos o que se estaba cocendo dende fai anos, e de feito fixemos público que David Castro estaba negociando a súa integración no PP en abril do ano pasado, pero, como explica o noso voceiro Enrique Oubiña “xa na lexislatura anterior David Castro amagou co cambio, e a ninguén lle escapa a súa proximidade a Gonzalo Durán, sen o cal David  Castro non é capaz de moverse.

   Dende Somos Ribadumia non valoramos  as decisión persoais; se David Castro está máis cómodo dentro do PP, nada temos que obxectar. A cuestión está nas formas e no fondo e no momento e situación política. Porque David Castro non é unha persoa que por afinidade política entre dende a rúa nun partido ou outro, como a maioría de nós, senón que o que fixo foi vender a alcaldía  de Ribadumia ao PP de Galicia, sen aclarar que vai recibir á cambio, despois de estar anos enganando a cidadanía vendéndose como un alcalde independente que non estaba nin co PP nin con ningunha outra forza. Ademais, no caso de IR, os ataques contra as persoas do PP local dende a súa fundación logo da expulsión de Nené Barral, foron dunha crueldade exacerbada.

  Dende o noso punto de vista Luís López comprou a prezo de ganga un alcalde perdedor, que se entregou sen rechistar porque sabía que se o PP presentaba lista propia a maioría absoluta esfumaríase tal como chegou. “En todo caso, como coñezo a David dende fai anos, teño claro que o que negociou co PP non o vai notar Ribadumia, senón que o vai notar el. Que carguiño de traballar menos que agora cobrando máis lle ofreceron? Saberase nos próximos meses, pero que David Castro, cunha maioría absoluta cómoda, se vendeu para intentar asegurarse o seu futuro vivindo da política, hoxe é un feito”.

  Ademais  a cousa xa empezou mal , pois o señor López tivo a desfachatez de vir a Ribadumia a presumir de ignorancia e a rirse de David castro na súa cara. “David Castro chegou á alcaldía precisamente gracias a un pacto en forma dos tripartitos que Luís Lopez  mesmo criticou ante ante os medios na presentación que fixo de David Castro –  exposto por certo como un trofeo – e o feito de que agora o PP lle compre o cargo so   demostra que nese partido ser unha persoa falsa e sen escrúpulos nin ética da puntos, e que os intereses da veciñanza para partidos como o PP non contan en absoluto, e so interesan os votos para agarrar o poder ”. Porque o que tamén é obvio é que detrás deste pacto está a loita por lograr dous dos tres deputados provinciais que se disputan na nosa comarca, unha loita onde o PP está en clara desvantaxe ao ter so dúas alcaldías. Máis aló disto, falar de que un alcalde que en menos de tres anos leva perdidos mais de un millón de euros en liñas económicas é “un alcalde que sabe xestionar consigue recursos” directamente parécenos unha tomadura de pelo cara a veciñanza.

  Así pois, temos que o que aconteceu en Ribadumia foi un matrimonio de conveniencia, realizado por puros intereses partidistas e personalistas,  sen ter en conta en ningún momento os intereses da  veciñanza de Ribadumia, e en concreto ríndose desas 1700 persoas que no ano 2019 votaron a un alcalde “independiente”, e que agora se encontran con que o seu voto foi para o PP, e das outras 800 que nas pasadas eleccións votaron contra David Castro e a favor do Partido Popular e agora se encontran con que llo poñen de candidato.

  Pola nosa banda, temos claro que en calquera caso o problema do goberno de Ribadumia hoxe non é de siglas, senón de persoas. David Castro é un mal alcalde, sen un proxecto de nada para o noso concello, que non se preocupa o máis mínimo pola veciñanza, que so fai accións a favor dos seus amigos e de quen poida darlle un puñado de votos, e que ataca furibundamente a quen lle leva a contraria, e nada diso vai mudar porque mude de partido.

  Dende Somos Ribadumia seguiremos traballando pola nosa veciñanza, coa tranquilidade de que o que nos define son os nosos feitos e o noso sentido da ética e da honradez políticas, e co obxectivo,  de cara as próximas eleccións, de presentar un proxecto de futuro para a nosa veciñanza, respaldado por unha lista de persoas comprometidas con Ribadumia.

Ribadumia podería quedar sen pediatra a partir de maio.

  • Foi anunciada a praza de pediatra para Ribadumia/A Illa, pero podería ficar deserta dadas as condicións desfavorables do posto.
  • Se a pediatra actual accedera a outra das prazas convocadas na comarca ou no Hospital do Salnés, Ribadumia volvería quedar sen pediatra.
  • O SERGAS segue con parches electoralistas, co silencio cómplice de David Castro, que está desaparecido.

      O anuncio realizado polo Conselleiro de Sanidade fai uns días da convocatoria de varias prazas de pediatría na comarca trae letra pequena, moi en particular no caso da praza de pediatría que Ribadumia mantén compartida con A Illa que actualmente conta cunha profesional en situación de interinidade, ademais por tempo limitado.

  A realidade é que a convocatoria non supón nin a estabilidade da praza, só a garantiza – supostamente – durante dous anos, nin unha mellora nas condicións de traballo dos e das pediatras. Ademais, o feito de sacar unha convocatoria deste tipo non implica que necesariamente as prazas se vaian a cubrir, ao contrario, algunhas desas prazas poderían perfectamente quedar desertas, se non hai interese nelas. E se temos en conta que esta convocatoria non resolve o problema que condena a Ribadumia e a Illa , que é que ninguén quere traballar en dous centros de saúde tan alonxados entre si é dando unha calidade de servizo precaria, é moi probable que ninguén opte a coller esta praza.

  Por outra banda, a pediatra actual, que está dando servizo de xeito interino – nun contrato incluído dentro dun plan da Xunta que remata logo do verán – podería perfectamente optar a calquera das outras prazas ofertadas, buscando un destino mellor. Se isto pasara Ribadumia volvería ficar sen pediatra,  e antes do que pensabamos.

  Dende Somos Ribadumia estamos moi preocupados, como xa dixemos en decembro pola falta de solucións estables no tempo e con garantías no servizo. Insistimos na nosa proposta, que pasa por reestructirar o servizo e, ou ben contar cun pediatra a tempo completo e praza unicamente en Ribadumia, ou por modificar o reparto e que o servizo sexa compartido con outro centro de saúde máis próximo, como pode ser o de Meis, unha proposta que a anterior dirección da área sanitaria vía plausible, pero que a actual dirección parece non querer contemplar. Mentres isto non aconteza en Ribadumia o SERGAS tennos vendidos, cos nosos fillos e fillas condenados a só poder enfermar dous días na semana, e iso mentres dure o parche que será ata despois das  eleccións, logo teremos só nos quedara perder a maña en ir a outro concello ou acudir a urxencias.

   Outra cuestión que nos ten preocupados e a completa falta de compromiso e de acción política de David Castro, que en catro anos só apareceu para facerse dúas fotos e entorpecer o traballo realizado por Somos Ribadumia que permitiu entre outras cousas lograr o terceiro médico, e que garda un silencio traidor mentres a Consellería de Sanidade se rie da nosa veciñanza. A loita por ter unha atención primaria de calidade, por ter o persoal necesario no centro de saúde e por ter un servizo de pediatría  en condicións, complícase moito se o alcalde en vez de defender á veciñanza defende  os seus intereses persoais e os do Partido Popular.