Category: Sen clasificar
Ribadumia e Cambados presentan o proxecto de Dotación de Infraestruturas no Polígono Industrial do Salnés
- O orzamento do proxecto ascende a 100.743,55€, correspondendo un 42,02% a Cambados e un 57,98% ao Concello de Ribadumia.
- O Concello de Ribadumia vai ser o encargado da licitación que xa foi remitido ao portal de contratación da Xunta de Galicia para a súa publicación.

O Concello de Ribadumia e o de Cambados veñen de presentar o proxecto de Dotación de Infraestruturas no Polígono Industrial do Salnés. Ao Proxecto foille concedido unha axuda por concorrencia competitiva estando subvencionadas ao 95% con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2018.
Os concellos de Ribadumia e Cambados, de maneira coordinada e conxunta, decidiron aproveitar os recursos procedentes da convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para levar a cabo a dotación de determinadas infraestruturas dentro da área industrial de O Salnés, co obxecto de mellorar o entorno industrial, favorecendo o desenvolvemento do traballo e a implantación das empresas. A razón pola que os dous concellos deciden acollerse aos beneficios desta convocatoria fundaméntanse en que as zonas industriais dos dous concellos forman na realidade unha area industrial conxunta e que as obras que se proxectan manteñen unha continuidade entre as zonas que pertencen aos dous concellos. O importe do custe do proxecto é de 100.743,55 € e o prazo previsto de execución das mesmas é de 6 semanas, unha vez que remate o proceso de licitación.
Mellora do entorno industrial.
O obxecto do presente proxecto é o de definir as obras a realizar para a mellora das infraestruturas do conxunto do Polígono Industrial do Salnés. Nas rúas principais dos polígonos hai un elevado deterioro da capa de rodadura, polo que se pretende a aplicación dunha capa de microaglomerado en frío para a súa conservación, mellorando as características de textura superficial e resistencia ao deslizamento. Posteriormente ao pavimentado procederase ao novo pintado das vías.
Por outra parte, na zona do entorno industrial correspondente ao Concello de Ribadumia, é preciso A construción de varios tramos de novas beirarrúas, así como a pavimentación de dúas zonas para aparcamentos na rúa da horta e construción dunha cuneta e unha bionda de protección, para evitar o risco de caídas de vehículos nunha zona do polígono. Ademais da pintura, colocarase un cartel tipo TOTEM de información en cada polígono.
Con estas obras mellorase sensiblemente o entorno industrial, mellorando a información e sinalización do parque empresarial de O Salnés, favorecendo o desenvolvemento industrial da zona.
Tendo en conta que os traballos efectuaranse nos viais do Polígono, veranse afectados os accesos as naves industriais. A organización do traballo farase de maneira parcial, afectando soamente a un marxe do vial e mantendo a posibilidade de circulación polo resto do vial, coa sinalización adecuada. En ningún caso se producirá o corte total do acceso a os viais do polígono. Non se afecta ningún tipo de liña de telefonía nin de electricidade.
O equipo de goberno entrega as reclamacións presentadas polos veciños e veciñas do municipio para protestar fronte á situación do Centro de Saúde
Membros do Equipo de Goberno, achegaron onte ao Centro de Saúde case 200 novas reclamacións, que se suman ás máis de 100 entregadas os pasados días.
Estas reclamacións veñen a denunciar a situación que, dende o pasado 16 de xullo, está a vivir o Centro de Saúde. E é que só unha facultativa pasaba consulta debido á falta de contratación de persoal substituto que cubrira aos médicos que desfrutan das súas correspondentes vacacións. Onte mesmo, as citas continuaban a presentar unha importante demora, que se corrixía hoxe de xeito temporal coa contratación dun médico durante os días 13,17,21 e 29 deste mes, tras a presión exercida polas reclamacións dos veciños e veciñas.
Non obstante, dende o goberno consideran que esta medida non solucionará o problema, sobre todo tendo en conta a ponte da vindeira semana, que podería incrementar substancialmente as necesidades asistenciais no municipio. Por iso, faise un novo chamamento para que os/afectados/as continúen presentando as súas queixas mediante as follas de reclamación que poden atopar tanto no centro como nas farmacias e na Casa Consistorial. Seguirase a ofrecer tamén a información e asesoramento legal a quen puidese atoparse nunha situación de desatención médica.
Dobre vara de medir do xerente do EOXI.
O pasado 26 de xullo, ademais, o Concello enviou un escrito ao xerente da EOXI de Pontevedra-Salnés, José Ramón Gómez Fernández, para esixir que se busque unha solución rápida e efectiva á situación de desatención, así como para pedir a información pertinente sobre o que está a acontecer, escrito que non foi respondido aínda. A pesar de non contestar as demandas do Concello, o responsable destas áreas sanitarias si se reunía coa portavoz do Partido Popular de Ribadumia, Salomé Peña. Para Enrique Oubiña, concelleiro de sanidade “obviamente Salome Peña pode reunirse con quen considere, pero resulta extraño o movemento con evidente caracter político por parte do xerente, ao non dignarse contestar os nosos requerimentos e si os do partido da oposición”
Logo desa xuntanza , tanto Salomé Peña como o Sergas informaban da imposibilidade de cubrir as baixas médicas debido á falta de persoal, declaracións desmentidas no mesmo día coa contratación temporal dun facultativo para cubrir eses catro días arriba referidos. Por outra banda, ambas partes desviaron o foco de atención cara unha posible reforma do centro de saúde e a falta de mantemento das súas instalacións, competencia exclusiva do Sergas e non do Concello como apuntou Salomé Peña, en lugar de tratar de resolver o asunto que neste momento é máis urxente e que afecta directamente á saúde e ao día a día das veciñas e veciños de Ribadumia.
Para Enrique Oubiña “é evidente que o PP de Ribadumia defende os argumentos do Sergas: falta de persoal e medios, situación puntual…. Pero esquece a señora Peña que a sanidade é un dereito, non un capricho, e se non hai medios é por que o goberno da Xunta de Galicia en mans do señor Feijoo o quere así. O PP esta xogando coa saúde das persoas, e iso é inadmisible. A señora Peña ten que decidir se está do lado dos seus veciños ou do lado do seu partido, inda que polo que parece xa tomou esa decisión.”

Enrique Oubiña e Luis Villares, voceiro de En Marea, nunha das marchas en defensa da sanidade pública e en contra da reforma da Lei de Sanidade.
O Concello de Ribadumia denuncia a falta de persoal médico no Centro de Saúde
O Concello de Ribadumia quere por de relevancia a situación de desatención que está a sufrir o Centro de Saúde do municipio, por mor da falta de substitutos para o persoal ausente.
Continuando coa política de recortes sanitarios que o Partido Popular está a levar a cabo e que afectan xa a toda a comarca, o Sergas acomete agora o desmantelamento do Centro de Saúde de Ribadumia. E é que dende o pasado 16 de xullo, só unha facultativa está a pasar consulta neste centro, o que supón unha importante demora na atención aos pacientes. Este feito prodúcese pola falta de contratación de persoal para substituír aos médicos que desfrutan das súas correspondentes vacacións, situación que, segundo a información facilitada a este Concello, continuará durante todo o mes de agosto.
As actuais circunstancias están a supoñer xa graves consecuencias, como a total sobrecarga na axenda dos facultativos cos que, a día de hoxe, non é posible concertar cita ata o 3 de agosto nun caso e ata o mes de setembro no outro. Así mesmo, a doutora que se atope traballando en cada período debe atender cada día as súas propias consultas e as derivadas da axenda da súa compañeira, así como as visitas domiciliarias e urxencias dun total de máis de 3000 pacientes. Unha taxa, por certo, moi superior ao desexable (aínda entre as dúas facultativas que normalmente atenden este servizo), e que supera a razón existente noutros centros da comarca, situada entre 1.000 e 1.200 usuarios por doutor.
Con todos estes datos, queda clara a desatención á que se está vendo sometida a poboación de Ribadumia, que se atopa incluso en perigo de quedar sen atención médica no caso de que se produza unha urxencia e o persoal sanitario se atope, por exemplo, nun traslado en ambulancia ou nunha visita domiciliaria, ao que se sumaria o feito de que non poderían acudir ao Servizo de Urxencias de Cambados ata as 15:00 horas, cando este entra en funcionamento.
Entendendo que a atención sanitaria á que todos os veciños e veciñas de Ribadumia teñen dereito se está a ver comprometida, e partindo de que a administración local non posúe competencias neste eido, o Concello tomará as medidas que estean na súa man para rematar con esta situación: en primeiro lugar, será remitido un escrito esixindo a inmediata substitución do facultativo ausente -independentemente do motivo da ausencia- ao xerente da EOXI de Pontevedra-Salnés; así mesmo, solicitarase aos responsables destas áreas sanitarias que remitan ao Concello o protocolo que os pacientes deben seguir en caso de non ser atendidos, xa sexa por sobrecarga asistencial en cada momento ou por ausencia do persoal facultativo no centro. Finalmente, informarase aos usuarios e usuarias do Centro de Saúde das medidas que poden tomar no caso de atoparse nunha situación de desatención médica, facilitándolles ademais o asesoramento legal que precisen, a través dos medios municipais dispoñibles.
Enrique Oubiña explicaba esta mañá que “está non será a primeira vez que nos teñamos que dirixir ó Sergas por estas cuestións. E non será a última, por que o PP ten uns intereses que nada teñen que ver con manter un bo servizo sanitario, como xa advertimos no seu momento cando nos manifestamos contra a reforma da lei sanitaria. Agora pagamos as consecuencias desa decisión de Feijoo e compañia, e a cousa vaise poñer peor, como xa estamos vendo con exemplos como a retirada do pediatra do noso centro de saúde.”
Pero, onde está Salome Peña?
Dende Somos Ribadumia sumamonos as criticas verquidas polo equipo de goberno cara o Partido Popular de Ribadumia polo seu abandono ós veciños de Ribadumia. Resalta Oubiña “esta completa irresponsabilidade por parte do PP local. Para calquera cuestión que teña como referente á Deputación, por ridícula que sexa, Salomé e Luís montan un espectáculo. Pero agora que temos unha situación que supón un prexuicio importante para os nosos veciños, e un recorte dos seus dereitos, permanecen desaparecidos do mapa.”
Enrique Oubiña a Salomé Peña sobre as políticas municipais de emerxencia social: “Nos ainda non tivemos que pedirlle mantas ós veciños como vostede”.
Como Concelleiro de Servizos Sociais, e ante o despropósito de comunicado de prensa do Partido Popular que saiu publicado nalgún medio de prensa o pasado sábado, gustaríame facer algunhas aclaracións:
- A primeira é que como concelleiro estou moi orgulloso de que a partida destinada a emerxencia social non se gaste na súa totalidade. Ogalla non gastaramos un solo euro desa partida. Hai un motivo para iso, un bo e positivo motivo.
- Gustarianos non gastar nada en custión de emerxencia social, pero como si nos vemos na obriga de gastar, compre aclarar que eses fondos teñen uns fins moi concretos. Non parece, a vista o comunicado do PP, que Salomé descoñeza eses fins concretos, pero vese que cando falamos da xestión da política social a señora Peña esta noutro país, ou quizais noutro momento político, eu diría que preconstitucional. Ou quizais durante o seu mandato os cartos se gastaban por gastar. Os fins concretos da partida económica “emerxencia social”, xa o di o seu nome, solo poden estar destinados a cuestións de máxima urxencia, como pode ser unha axuda para alimentos nun momento determinado, ou aboar un recibo de alugueiro ou hipoteca para evitar un deshaucio. Para outras cuestión menos urxentes existen outras liñas de axuda, bonificacións,becas, etc, que a señora Peña parece esquecer.
- En Ribadumia aténdense todos os casos de emerxencia social que pasan polo concello, e incluso aqueles dos que temos coñecemento, pero por pudor ou outra circunstancia non se achegan os servizos sociocomunitarios, son atendidos igualmente, dun xeito moito máis discreto. Polo tanto, pouco importa se a partida se gasta na súa totalidade ou non, mentres todo o mundo sexa atendido. O grave sería que non houbera partida suficiente, pero iso nin pasou nin vai pasar con nos no goberno. De feito, a boa xestion que estamos facendo dende os servizos sociocomunitarios favorece a redución de familias en situación límite, algo que debería alegrar ó PP, pero xa vemos que non.
- Hai que por de relevancia que a xestión das partidas de emerxencia social, non a fan os políticos, se non os responsables técnicos da área de servizos sociais do Concello. Sobre eles, que xa estaban no concello co goberno anterior, anque cos medios moito máis limitados, hai que dicir que temos o departamento de Servizos Sociais que mellor funciona de toda a comarca do Salnés. Acusarnos de xestionar mal os fondos de emerxencia social significa acusar ós técnicos de non facer un traballo correcto. E isto é inadmisible, polo que pídolle a Salomé Peña unha rectificación.
- Estou tan seguro da calidade dos nosos servizos sociocomunitarios que me atrevo a retar á Señora Peña a nomearme unha soa persoa de Ribadumia que tendo necesidade, e acudindo os servizos sociais do Concello, non fora atendida ou non percibira axuda, tendo dereito a ela.
- Convén recordar que a Señora Peña, durante o seu mandato, nun momento de crise moito maior que o actual, en lugar de destinar máis fondos a combater a pobreza enerxética, montou unha campaña de “recollida de mantas”. Supoño que eso é o que o PP entende por política social, e por xestión dos recursos.
- No seu día dixen de Salomé Peña quería os veciños de rodillas na porta do concello pedindo por piedade, para poder venderlle o favor de darlle algo que lles corresponde por dereito. Co paso do tempo non me queda máis remedio que reafirmarme nesa postura. Existen por desgracia, moitos políticos dese estilo, que aman as vellas formas caciquís. Non é o meu caso, por eso me esforzo en poñer ó servizo dos profesionais que temos no concello todos os medios que sexan posibles. Gracias a iso, e o seu dilixente traballo, conseguimos reducir nos dous últimos anos o numero de familias en situación límite nun 35%. E gracias a ese traballo, conseguimos reducir os cartos destinados a solventar situación de emerxencia social.
- Salomé Peña mantiña o departamento de servizos Sociais asfixiado nas dependencias municipais, para poder controlar quen pasaba polo Concello. Da nosa man o departamento dispuxo dun espazo propio, amplo, cómodo e discreto, e iso si é xestionar correctamente unha área municipal.
- Recórdolle á señora Peña, que a situación límite que viven demasiadas familias, asi como o recorte en dereitos sociais que sufrimos todos, especialmente as familias de clases medias e baixas, débese ás políticas do Partido Popular, que están levando este país á miseria.
- Queda moito camiño por andar en cuestión de política social. Pero este goberno municipal esta camiñando no sentido correcto.
Para rematar, gustaríame expresar o meu desexo de que a señora Peña deixara de facer campaña dun xeito tan demagóxico. Que alguén que durante tantos anos gobernou non teña máis recursos políticos, non presente propostas concretas, nin se centre nos problemas reais da nosa veciñanza, e se dedique unicamente a enlodar o panorama, mostra unha incapacidade e incompetencia fora de todas as marcas , e eu como político sinto vergoña allea.
Enrique Oubiña. Voceiro de Somos Ribadumia, e Concelleiro de Servizos Sociais no Concello de Ribadumia.
