Xa está en marcha a obra de humanización da rúa A Torre
- Esta obra vai permitir unha importante mellora na seguridade viaria, e a creación de novas prazas de aparcadoiro no entorno da ruta da pedra e da auga.
- O orzamento para toda a obra será de case 300.000€.
Fai uns días iniciáronse as obras que van permitir unha importante mellora na seguridade viaria no principal acceso ó núcleo urbano de Barrantes, a rúa A Torre. O proxecto vai ter un custe final de 291.000€, dos cales o concello solo terá que poñer en torno a 60.000€, correndo a deputación co resto do importe.
A primeira fase das obras conleva o retranqueo dos muros dende a rotonda dos Castaños ata a entrada do casco urbano, incluíndo o muro do Pazo de Barrantes, e consisten na demolición dos existentes e na súa reconstrución mantendo as características orixinais dos mesmos. Para poder realizar esta parte e compoñer así un proxecto viable, foi preciso chegar a un consenso cos veciños implicados, aos que o concelleiro de obras, Enrique Oubiña quere “agradecerlle particularmente a súa comprensión e colaboración, que nos permitiu saír da trampa na que estabamos metidos, cun proxecto mal redactado e sen cesións de terreos.”
Unha vez concluída esta primeira fase darán comezo as obras correspondentes ó proxecto da Deputación de Pontevedra, que inclúe a creación de beirarrúas e franxa de estacionamento de vehículos, así como pasos de peóns elevados. Para Enrique Oubiña, que aproveitou a súa presenza no encontro das cidades das nenas e dos nenos para comentar co deputado provincial de movilidade Uxio Benitez o estado das obras e o seu correcto avance, “esta obra supón adecentar a entrada ó núcleo de Barrantes, e favorecer a través dunhas beirarúas suficientemente anchas tanto a circulación da nosa veciñanza como das persoas que visitan as nosas sendas fluviais, o cal pode favorecer que esas visitas se animen a dar un paseo por Barrantes e a súa contorna, algo que sen dúbida irá en beneficio do comercio e hostaleria local.”