Category: Sen clasificar

Aprobado o fraccionamento de tributos e un plan personalizado de pagos dos impostos municipais

  •  a nova ordenanza xeral de recadación, así como o calendario fiscal de 2019, presentan importantes novidades que buscan facilitar aos veciños e veciñas o pagamento dos tributos municipais.

   O Equipo de Goberno presentaba durante a última Sesión Ordinaria do Pleno Municipal unha proposta que permitirá o fraccionamento de tributos e un plan personalizado de pagos dos impostos municipais, ampliando así as posibilidades de veciños e veciñas para realizar os correspondentes abonos máis alá da norma xeral en vigor.

Pleno Ribadumia

   No primeiro caso, todo aquel que o desexe terá a posibilidade de fraccionar calquera dos impostos recadados polo Concello en dous prazos, sempre que se cumpran as seguintes condicións: o importe do recibo debe ser igual ou superior a 120€; os pagamentos teñen que ser domiciliados e o servizo solicitado polo titular da conta; non poden estar incluídos nun plan de pago personalizado, ter sancións pendentes co Consistorio ou estar en período executivo. Así mesmo, desempregados sen prestación, beneficiarios de pensións non contributivas ou contributivas ou de viuvez por baixo do salario mínimo interprofesional e perceptores de axudas de emerxencia social como o RISGA ou semellantes, poderán realizar o ingreso ata en catro prazos. En calquera dos casos, non se cargarán intereses.

   En canto ao plan personalizado de pago, recollerá todos os tributos municipais a excepción do de auga e poderá ser solicitado por calquera veciño ou veciña que non se adhira ao fraccionamento, que non teña débedas co Concello e que teña o pagamento domiciliado. Neste caso, realizarase una suma de tódalas taxas do exercicio fiscal anterior, que poderá ser dividida en de dous a seis prazos, pagando sempre o primeiro recibo o 1 de marzo e o último o 1 de outubro. Ademais, poderá solicitarse e suspenderse en calquera momento, sempre que se atope en período de pago voluntario. Non obstante, a súa entrada en vigor terá lugar no exercicio fiscal seguinte ao do momento de pedilo se esta solicitude se realiza con posterioridade ao 31 de xaneiro.

   Con estas propostas, tal como explicaba Oubiña á saída do pleno, “damoslle unha importante volta ó servizo de recadación, mellorando e moito as restriccións que os nosos veciños  veciñas tiñan cando a xestión a levaba o ORAL. Ademais modificamos o calendario para adecualo á realidade da nosa veciñanza, evitando que os prazos de pagamento coincidan coas epocas de máis carga económica, como o inicio do colexio ou o nadal.”

Éxito de participación na XXV Xuntanza dos Nosos Maiores.

O Concello de Ribadumia informa de que a Xuntanza dos Nosos Maiores, celebrada o pasado sábado , e que este ano contaba a súa viseximoquinta edición, foi todo un éxito en canto a participación e disfrute dos participantes.

O tempo acompañou nunha xornada cuxo eixe central era o xantar de confraternidade que comezou pasadas as 14:00 horas –logo da misa de campaña- e que congregou a preto de dous centenares de persoas, unha cifra que subiu con respecto ó ano pasado, o cal é indicativo da boa saúde que goza esta xuntanza anual.

Xa de tarde, ademais dos habituais xogos de mesa -que repartiron varios premios entre o público-, e doutros agasallos entregados ás persoas máis maiores presentes, houbo baile e troula ata ben caída a tarde, acompañado por un trío musical, cun photocall, animación…

Tamén puideron os asistentes divertirse durante toda a xornada coa presencia do famoso actor e humorista televisivo “Isi”, un todoterreo que o mesmo guiaba o bingo, que daba un monologo ou se paseaba por entre o público amenizando a tarde coas súas dotes humorísticas, e asinando autógrafos, a maioría deles nos abanicos ou sombreiros que para combater o sol e a calor, se repartiron dende a organización, que como sempre correu a cargo do departamento de servizos sociais e da concellería de terceira idade.

A boa aceptación deste evento, tal como explica Enrique Oubiña, concelleiro de terceira idade, tivo tamén unha repercusión moi positiva no Club Senior municipal, que segue aumentando o número de socios e socias con cada actividade”. Esta xornada de confraternidade ademais serviu para darlle un impulso a este club creado a raíz da modificación da norma do fogar dos maiores, pois ofreceu un desconto dun 50% as persoas que tiveran o carnét ou aproveitaran a ocasión para realizalo. Deste xeito, grazas a esta campaña o Club Senior subiu ata case o centenar de usuarios, un dato moi importante para Oubiña por que “canto maior sexa o numero de persoas que integran este club, mais posiblidade teremos de organizar máis actividades e de maior calidade. E de feito, os próximos obxectivos serán a organización dunha axenda de actividades de cara o outono e inverno, que axuden a dinamizar a vida dese importante sector da poboación.”

Enrique Oubiña quixo “unha vez máis agradecer o traballo dos profesionais do departamento de servizos sociais, Santi e Elena, pola súa gran labor organizando este evento e esforzándose por que todo saíra ben e sen percances, así como á dinamizadora do fogar dos maiores e as voluntarias que axudaron a que a xornada transcorrera con moito dinamismo. “

O Concello de Ribadumia ultima a posta en funcionamento da nova rede wifi pública para Barrantes.

   O Concello de Ribadumia informa de que está a piques de rematar a última fase do proxecto de instalación dunha nova conexión á internet pública no núcleo urbano de Barrantes. Os traballos sobre o terreo, que daban comezo os pasados días, esperan rematarse en breve -se non xurde ningún imprevisto-, polo que a nova conexión podería estar en funcionamento para inicios de setembro.

   Na última fase do proxecto, que ten un custe de algo máis de 20.000€, foi preciso que unha empresa do sector se fixera  cargo dos traballos, recollendo a testemuña dos alumnos e alumnas do Obradoiro Tecnolóxico do Salnés. A compañía  atópase xa instalando radioenlaces entre a zona de Treviscoso e o campo de fútbol de A Bouza, onde está situado o punto de partida do sinal principal que permitirá a conexión sen fíos á Internet. Despois, será a Mancomunidade do Salnés a encargada de subministrar os megas precisos para poñer a rede en funcionamento, cun programa en conxunto que, polo momento, reúne aos concellos de Vilanova, Meis e Ribadumia.

   Con este proxecto, que se iniciaba o pasado ano, o Concello pretende solucionar os problemas da rede instalada en 2007 -que fallaba debido ao deterioro dos repetidores, cuxa reposición era inviable-, e ofrecer aos veciños e veciñas un acceso á Internet moito máis rápido e con menos problemas de conectividade.

   Para Enrique Oubiña, concelleiro de urbanismo, ” hoxe en día xa hai moitas xestións administrativas que se realizan a través de internet, algo que vai ir a máis en pouco tempo. Ademais, a busca activa de emprego actualmente  xa  se realiza case exclusivamente a través de redes como pode ser linkedin, e outros portais de emprego tipo infojobs, etc,  polo que o acceso a internet é un servizo case imprescindible, e polo tanto compre que se dispoñan  redes de acceso público, sobre todo tendo en conta os sectores da sociedade máis desfavorecidos. Medidas como as que estamos tomando en Ribadumia van permitir democratizar o acceso a internet.”

Somos Ribadumia e outras plataformas municipalistas do Salnés piden a dimisión do Conselleiro de Sanidade

39207007_2205827946098861_1801526458963722240_n   Esta mañá os representantes de Somos Ribadumia, Somos Cambados, Somos En Marea Sanxenxo, Gañemos Vilanova e Somos Maioría Vilagarcía presentaron unha moción conxunta para esixir responsabilidades pola dramática situación que atravesa o servizo de Atención Primaria e os PACs do Salnés.

  Durante o acto os diferentes representantes deron un repaso a situación que se vive en cada concello, e mostraron a súa preocupación por todos eses problemas que se deben, tal como explicaba o concelleiro de Sanidade de Cambados Tino Cordal, “non a falta de recursos, se non á mala previsión e xestión das áreas sanitarias, que ten a súa orixe na política sanitaria do Partido Popular, orientada ó desmantelamento do servizo público de sanidade, para favorecer a súa privatización”.

446627799_251862  Por ese motivo, a moción presentada polas cinco forzas pide a dimisión do conselleiro de Sanidade, do xerente do Sergas e do xerente do EOXI Pontevedra-Salnés, o consideralos, en palabras do voceiro de Somos Ribadumia Enrique Oubiña,  “os máximos responsables desta nefasta xestión, que están xogando coas vidas das nosas veciñas e veciños.” 

 

  A importancia de reclamar por escrito.

  Enrique Oubiña aproveitou para insistir na importancia de realizar reclamacións por escrito nos centros de saúde, PACs e hospitais, “pois se  non hai reclamacións formais o Partido Popular negará a existencia do problema. E non podemos permitir que  Feijoo mire para outro lado mentres a súa política de recortes provoca todo tipo de problemas e por desgracia, como no caso do acontecido en A Estrada, mortes”.