Category: Sen clasificar
Somos Ribadumia e En Marea asinamos un “pacto entre iguais”.
Onte á tarde, Somos Ribadumia asinou, no Centro Social de Barrantes, o acordo de colaboración con En Marea que dará cobertura e apoio ao espazo do Salnés para as municipais de 2019, respectando sempre a súa independencia.
O acto foi aberto por Ramón Mouriño, membro da Comisión Executiva de Somos Ribadumia, que incideu en que “Somos Ribadumia no 2015 fomos determinantes para sacar ó Partido Popular do goberno e, en contra do que algunhas persoas auguraban, no pasou nada malo, nin se acabou o mundo nin o concello foi a pique. Ao contrario, agora as cousas, con acertos e con erros como é normal cando se goberna, fanse doutra maneira, e con independencia das ideas de cada quen, esta claro que a xestión do concello é outra cousa, e mellorou enormemente”.
“Este acordo favorece o traballo conxunto co obxectivo de poñer fin ás políticas de recortes do PP nos concellos e mudalas por políticas para as maiorías sociais. Hoxe sumamos unha nova pinga e, pinga a pinga lograremos botar ao PP das institucións”, dixo Elena Cores, concelleira de Somos Vilanova e integrante da Coordinadora de EM nun acto no que mareantes de todo o país e da comarca felicitaron a Somos Ribadumia por dar este importante paso, e que no seu día xa deron Marea Veciñal de Culleredo, Marea Pontevedra, Somos En Marea Sanxenxo, Somos Cambados, Marea Ponte Caldelas, Lugonovo, Asamblea Cidadá de Bueu, Somos Cabanas, Xente de Rois, Son de Trives e Son de Manzaneda.
“Somos Ribadumia conseguimos ser aquelo que desexabamos, unha forza local, transversal e centrada nos problemas da nosa veciñanza, co ollo posto na visión política da esquerda e cun funcionamento horizontal e transparente, e conseguimos que a nosa maneira de entender a política se notara nas medidas e decisións tomadas neste tempo no goberno local” afondou Enrique Oubiña, voceiro de Somos Ribadumia. Tamén incidiu en que “ gracias a ese traballo, somos o referente da esquerda neste concello. Pero o ser unha forza local necesitamos apoios noutras institucións onde non estamos representados, e nese senso En Marea é a nosa voz no parlamento, a nosa voz e a única forza que se preocupou polos problemas da nosa veciñanza, como cando tivemos que sufrir os recorte de persoal no centro de saúde ou cando denunciamos que veciños e veciñas nosas tardaban tres anos en conseguir un grao de discapacidade que lle permitira acceder as axudas do estado. E este acordo faranos aínda máis visibles, e reforzará a nosa posición no 2019, xa non só no concello senón tamén na mancomunidade, nas Deputacións e no Parlamento”. Pola súa banda, e tralos parabéns dos representantes das mareas de todo o país, a voceira do espazo do cambio, Ana Seijas, destacou a importancia de que “hoxe, Somos Ribadumia se sume ao mar, a un mar de persoas, a un mar de ilusións para facer das nosas vilas, dos nosos pobos e das nosas cidades lugares máis habitables con políticas feitas con e para a xente, porque Hai Marea! e Hai Mareas!”, dixo antes de oficializar a sinatura do acordo.

Luís Villares, voceiro de En Marea pechou o acto apelando ao proxecto republicano de En Marea, baseado nos principios de igualdade, fraternidade e liberdade. “Un proxecto transformador que nos fai distintos ao resto das formacións. Porque o que importa é o que temos en común e xuntarnos para rematar coas inxustizas que sofren a maioría das persoas deste país”, concluiu.

Este venres asinaremos o convenio de colaboración con En Marea.

Este próximo venres 19 de outubro, nun acto público que terá lugar a partir das 20:30 horas no centro social de Barrantes, e que contará coa presenza do voceiro de En Marea Luís Villares, da vicevoceira Ana Seijas, da coordinadora Elena Cores e do noso voceiro Enrique Oubiña así como da Comisión Executiva de Somos Ribadumia, ambas forzas asinaremos o convenio de colaboración de cara ás eleccións municipais do 2019.
Deste xeito, durante o acto, Somos Ribadumia unirémonos, tal como acordamos na última xuntanza, a outras moitas forzas municipalistas similares a nos, a través do matafión de En Marea, co obxectivo de sumarnos a unha rede de tamaño autonómico, que nos vai permitir afrontar a campaña electoral de mellor xeito, e tamén afianzar a nosa posición á hora de defender no parlamento e noutras institucións os intereses da nosa veciñanza.
Este acordo, permitiranos manter a nosa independencia como forza municipal, unha condición indispensable para a nosa base, dada a nosa transversalidade e o noso compromiso co ámbito local.
O acto, como todos, será de caracter público e aberto á cidadanía, e nel, aproveitaremos para facer un repaso da situación política local e dos nosos próximos retos.
Gonzalo Durán debe ser expulsado da presidencia da Mancomunidade do Salnés
Logo de seguir atentamente todo o acontecido nos últimos días, a raíz de que Gonzalo Durán usara unhas formas claramente misóxinas, machistas inadmisibles e totalmente inxustificables nun cargo público, para atacar á presidenta da Deputación de Pontevedra nunha rolda de prensa, declaracións nas que posteriormente se ratificou, queremos facer unha serie de consideracións.
A primeira é a nosa repulsa ante os continuados excesos verbais de Gonzalo Durán. Anque cruzou varias liñas vermellas nas súas declaracións da semana pasada, a realidade é que o alcalde de Vilanova leva anos usando unhas formas carentes de todo respecto cara o resto de cargos públicos, elixidos polos mesmos mecanismos democráticos que o manteñen a el na cadeira da alcaldía vilanovesa. Estas malas formas son permitidas polo partido ó que representa, un Partido Popular que non solo non tomou o longo destes anos ningunha medida disciplinaria contra el , se non que ademais non ten problema en alentar esa falta de respecto e educación cando lle resulta de interese.
Por ese motivo consideramos que o Partido Popular ten que dunha vez dar a cara, explicar a súa posición e tomar decisións ante unha situación que xa é totalmente insostible. Debe explicar se as declaracións de Gonzalo Duran onde literalmente afirmou “Yo soy partido y el partido piensa como yo” foron correctas e efectivamente recollen o sentir dese partido político. Se, como queremos pensar, non é así, reclamamos do partido Popular que tome medidas exemplares para cortar de raíz este tipo de comportamentos. Medidas exemplares e contundentes que pasan por apartar a Gonzalo Durán dos seus cargos políticos.
Por outra banda, dende Somos Ribadumia entendemos que unha persoa con ese corte moral non pode ostentar cargos de representación pública, polo que debe dimitir de inmediato, tanto como alcalde de Vilanova de Arousa, como do seu cargo como Presidente da Mancomunidade, cargo que ostenta actualmente en funcións. Neste senso, e ante a resistencia de Gonzalo Duran a deixar os seus cargos, consideramos que o Pleno da Mancomunidade debe tomar cartas no asunto, expulsando da presidencia ó señor Durán e aprobando unha nova presidencia para un órgano que non debemos esquecer que representa ante moitas outras institucións de moitos ámbitos aos concellos da comarca.
Onde está agora a señora Peña?
Dende Somos Ribadumia botamos en falta a posición pública de Salomé Peña, voceira do seu partido neste concello, e representante do Partido Popular de Ribadumia na Mancomunidade do Salnés, ademais de muller. O longo desta lexislatura a señora Peña tentou en varias ocasións de acusar de machismo o noso voceiro Enrique Oubiña, intentos que foron superados pola realidade dun concelleiro que ten sobradamente demostrado o seu apoio a loita do feminismo en todos os ámbitos, incluído por suposto o político, onde as medidas tomadas dende as súas áreas fan que Ribadumia sexa o referente da loita pola igualdade no Salnés. Por ese motivo pedimos á señora Peña, que tanto leva presumido de feminista, mostre a súa repulsa pública ás declaracións do seu compañeiro Gonzalo Durán. Tamén nos gustaría coñecer cal vai ser a súa postura ante unha posible moción de censura no pleno da mancomunidade.
Salomé Peña minte ó responsabilizar ó equipo de goberno dos axustes do IBI.
A semana pasada a prensa faciase eco dunhas afirmacións do Partido Popular onde se culpaba ó goberno actual de subir o IBI. Con estas afirmacións o Partido Popular de Ribadumia pretende novamente atacar e desacreditar a labor do equipo e do persoal municipal. Esta táctica, baseada en sair na prensa falando de subas de taxas unha vez rematado o período de recadación, que xa usarón cos recibos da auga, pretende culpar ó goberno de algo que, ou ben non acontece, ou ben, como no caso do IBI, non é responsabilidade do goberno.
Neste caso concreto sorprende que sexa a Sra. Peña precisamente a que inste ó goberno municipal a “explicar” cal é a causa desa suba, cando foi precisamente ela quen asinou a autorización o 3 de marzo de 2014 para que se levase a cabo o procedemento de regulazación catastral que rematou este ano, procedemento que, hai que lembrar, promoveu en todos os concellos españois o Partido Popular a través do Ministerio de Facenda.
Polo tanto, quen promocionou a suba destes recibos do IBI e a inclusión nos mesmos dos galpóns e instalacións agrarias foi o Partido Popular, tanto a nivel nacional coma a nivel municipal, sen que en ningún momento houbese ningún escrito de oposición asinado por Salomé Peña. É máis, non só gravan agora os recibos que sufriron a regularización, senón que, previamente, os mesmos contribuíntes tiveron que “pagar” os traballos da mesma regularización, ó imporlles unha taxa expecial de 60€ que tiveron que pagar por cada un dos bens investigados por Catastro.
De feito, foi o equipo de goberno actual quen presentou unha moción no Pleno do 3 de marzo de 2016 dirixíndose ós órganos competentes para tentar minorar a repercusión desta revisión catastral e que non se tivese en conta o incremento do valor das edificacións agrarias á hora de concesión de bolsas educativas.
Tamén minte a Sra. Peña ó afirmar que este equipo de goberno aumentou a presión fiscal ós veciños de Ribadumia: en ningún caso se aumentou ningunha taxa ou imposto municipal. De feito, agardamos que diga publicamente exactamente cales foron os que se subiron.
Contras as mentiras, feitos contrastados. O Partido Popular de Ribadumia aumentou e consentiu a presión fiscal sobre os veciños na súa última lexislatura, e deixamos aquí dous exemplos:
- Ata o ano 2011, a taxa anual por recollida de lixo era de 32,02€. A Sra. Peña e o seu equipo aprobaron unha suba que supuxo un aumento de case o 100% da mesma, xa que os veciños pasaron a pagar 63€/ano.
- Ademais, estivo a favor da aplicación de 2 novos impostos por parte de Xunta de Galicia, o canon da auga e o coeficiente de vertedura. O Partido Popular de Ribadumia opúxose a varias iniciativas presentadas en Pleno para solicitarlle á Xunta que retirase estes impostos que gravaron de forma moi importante os recibos do saneamento. Hai que lembrar que significou que se duplicasen, e non só para os usuarios con servizo de auga municipal, senón tamén para aqueles que teñen pozos, ós que se lles incrementou un 100% o recibo do alcantarillado por esa nova taxa da Xunta, o coeficiente de vertedura: de 38,36€/ano en 2011 a 95,20€ en 2012.
