Category: Sen clasificar
Dende Somos Ribadumia lamentamos que as actitudes políticas estean bloqueando o funcionamento da mesa mancomunada contra a violencia de xénero.
No mediodía de onte, o concelleiro de Servizos Sociais comunicábanos que viña de recibir aviso a través do CIM de que a xuntanza prevista para este martes da mesa mancomunada contra violencia de xénero foi suspendida debido a que varias das partes convocadas finalmente no ían estar presentes. Logo de comprobar que detrás destas ausencias hai un movemento político, queremos facer as seguintes declaracións:

xuntanza anterior da mesa mancomunada de coordinación contra a violencia de xénero
- Dende Somos Ribadumia non solo mostramos publicamente a nosa repulsa ante a actitude de Gonzalo Durán e as súas lamentables declaracións, que van máis alo do comentado sobre a presidenta da Deputación, se non que xa no seu momento, concretamente nun comunicado emitido o 8 de outubro, pedimos que tanto o seo da mancomunidade do Salnés como o propio PP , tomaran medidas para que esa persoa fora apartada do seu cargo de presidente da mancomunidade, e pedimos a súa dimisión como alcalde. Neste sentido entendemos e compartimos o malestar do Psoe por ter que compartir espazos con determinadas persoas, como Gonzalo Durán, que representan o oposto á loita contra a violencia de xénero.
- O que non podemos compartir é que ese malestar leve a bloquear dende o ámbito político o funcionamento das ferramentas chamadas precisamente a mellorar os mecanismos contra a violencia machista e o apoio ás vítimas.
- Cabe recordar que a mesa mancomunada de coordinación contra a violencia de xénero é unha mesa de carácter técnico, non político, inda que as institucións ,por motivos obvios, deben estar representadas. Por outra banda, hai que destacar a súa función, pois ademais de ser unha iniciativa pioneira no estado, supón un importante punto de encontro entre moitas entidades e administracións, que vai permitir a toma de medidas coordinadas e o establecemento de mecanismos de axuda moi necesarios para as vítimas de violencia.
- Dende Somos Ribadumia somos conscientes do esforzo necesario para poder conseguir unha mesa deste tipo, debido a dificultade de coordinar a tantas institucións e representantes. Pola nosa banda lamentamos esta situación e pedimos desculpas ó persoal do CIM, que están a facer un traballo encomiable, e a todos os colectivos convocados por este problema, que non deixa de ser unha cuestión puntual, e en especial ás entidades de apoio ás vítimas como ESMAR, que confiaban en que esta mesa conseguira melloras nos mecanismos de actuación e que nos consta que contaban ademais con conseguir o apoio de todas as partes na súa loita para conseguir un punto de encontro familiar, aproveitando neste caso a presenza da consellería de igualdade da Xunta de Galicia.
- Dende Somos Ribadumia, pola parte que nos toca, imos a seguir traballando para que a mesa se convoque canto antes, pois ten unha importante labor por diante, e que nela estean presentes todas as partes, pois entendemos como vital que esta loita se desenvolva dende todas as frontes, e dun xeito coordinado.
711.000 euros para a lograr un aforro de ata o 80% na factura dos alumeados públicos.
- O actual equipo de goberno logra unha importante axuda do IDAE , gracias á cal o alumeado público de Ribadumia será un 60% máis eficiente.

O equipo de goberno leva dende principio de lexislatura traballando por mellorar a eficiencia enerxética e reducir a factura da luz. Primeiro revisando e actualizando todos os contratos eléctricos, logo legalizando o 60% do alumeado público. A concesión desta axuda é un novo paso neste camiño.
O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Tecnolóxica, aprobou a concesión dunha axuda por valor do 80% do orzamento presentado polo actual equipo de goberno para o Proxecto de Renovación, Mellora e Adaptación ao Réxime de Eficiencia Enerxética. Este programa, no marco do Programa Operativo FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), resolveu conceder a subvención máxima de 569.381,12 euros dos 711.726,40 euros orzados polo Concello para a renovación das instalacións de iluminación e sinalización exterior. Unha cifra que supón un dos maiores investimentos de toda a provincia de Pontevedra neste tipo de obras. Calcúlase que unha redución do 60% na iluminación pública pode traducirse nun aforro superior ao 80% na factura da luz, así como unha importantísima redución das emisións de CO2 á atmosfera.
Lograr unha reducción da factura eléctrica, que actualmente conta cunha partida do 221.000€, o 5% do orzamento, pero que en anos anteriores ten arrastrado entre o 8% e o 10% do orzamento municipal, era un dos principais obxectivos de Somos Ribadumia cando nos presentamos as eleccións. E lograr esta liña de axuda económica vai permitir que o equipo de goberno consiga, ademais do obxectivo de rebaixar os custes en enerxia, cun aforro importante para as arcas municipais que permitira afrontar outras inversións en beneficio da veciñanza, ter un sistema de alumeado máis respectuoso co medio ambiente e cunha maior eficiencia.
Para Enrique Oubiña este “é un paso importante. Algúns estivemos anos pedíndolle a Salomé Peña que tomara medidas serias para frear a escalada na partida para consumo eléctrico, e conseguimos, a base de presionar, algunhas medidas puntuais, pero que tiveron un efecto máis ben discreto na factura eléctrica, debido a que os gobernos do PP se empeñaron en subir o custe da luz dunha maneira exponencial nos últimos anos. Agora, con este paso imos poder minimizar o golpe que unha nova escalada de prezos podería ter sobre os orzamentos, se o goberno do Psoe non actua de xeito distinto ó PP”.
30 meses para converter a Ribadumia no único concello galego co 100% do alumeado público de baixo consumo.
Desde o momento da aprobación da subvención do IDAE, ábrese un prazo de seis meses para a contratación das subministracións, obras e servizos; seis meses máis ata un total dun ano para a formalización dos contratacións precisas para a execución; e un límite máximo de trinta meses para a finalización das mesmas.
Cando o proxecto estea executado, a iluminación pública de todos os núcleos urbanos e parroquias de Ribadumia contará con tecnoloxía LED, moito máis eficiente que a actual. O proceso pasa por substituír as luminarias xa existentes, lámpadas e equipos por tecnoloxías máis eficientes; que permitan as diminución do fluxo emitido ata un 60%; a substitución de interruptores ou programadores tradicionais; a eliminación de puntos de luz innecesarios e a adecuación dos contratos de subministro.
Un logro conseguido gracias a inestimable axuda e profesionalidade dos persoal municipal.
A formula que o estado usou para a concesión destas axudas, denominada “Concorrencia non competitiva”, ou sexa, que se conceden por orde de entrada, obrigou a realizar un importante esforzo por parte do persoal do concello, que debemos agradecer. Para Enrique Oubiña “conseguir esta axuda foi posible gracias o esforzo de varias persoas, por un lado a empresa que nos leva a xestión eléctrica, e por outro lado as traballadoras do concello, neste caso Vanessa Jorge e Dolores Franco, que se deixaron os dedos e os ollos diante do ordenaor nunha maratón de máis de 36 horas continuadas, que foi o tempo que lles levou conseguir que o proxecto entrara na plataforma dixital, un tempo que dedicaron de xeito voluntario, e un esforzo que eu agradezo enormemente.”
Dende Somos Ribadumia queremos sumarnos a este agradecemento e poñer en valor a boa vontade e capacidade do persoal municipal, que no seu conxunto xa leva demostrado en varias ocasións, que son un equipo moi profesional, e sempre disposto a facer máis do que lle corresponde polo seu cargo. Unha sorte que no teñen todos os concellos.
Pero tamén queremos poñer o foco nun procedemento de reparto de subvencións que pretende usar mecanismos que non están preparados, que se bloquean continuamente e que deixan fora a miudo bos proxectos solo porque os concellos non dispoñen do persoal necesario, ou dos mecanismos informáticos adecuados, cando directamente non hai trato de favor. Dende Somos Ribadumia xa puxemos as nosas queixas, que son as de moitos concellos, en coñecemento de En Marea, para que use os seus mecanismos a nivel autonómico e estatal para conseguir que o reparto de subvencións se faga dun xeito xusto e equitativo.
Enrique Oubiña será o candidato de Somos Ribadumia á alcaldía.
- Foi a única persoa que presentou candidatura ao proceso de elección de candidato, sendo ratificado pola Comisión Executiva de Somos Ribadumia do día de 31 de Outubro de 2018.
- Enrique Oubiña leva 7 anos de Concelleiro na corporación municipal de Ribadumia, os últimos 4 formando parte do goberno municipal, asumindo responsabilidades nas áreas de Servizos Sociais, Sanidade, 3ª Idade, Obras e Urbanismo.
A Comisión Executiva de SOMOS RIBADUMIA celebrou unha xuntanza o pasado 31 de Outubro para, entre outros puntos, avaliar o proceso aberto para a designación de cabeza de lista de Somos Ribadumia para as eleccións municipais do próximo ano 2019.
Na Asemblea Xeral celebrada o 13 de Setembro, aprobábanse as bases e calendario do proceso, establecéndose un prazo de mes e medio para que todos aqueles colaboradores de SOMOS RIBADUMIA que quixesen postularse para encabezar a candidatura electoral o fixeran, baixo as únicas condicións de asinar o cumprimento dos estatutos e código ético. Tamén se estableceu que no caso de existir unha única candidatura quedaría automaticamente esta proclamada. Rematado o prazo, os secretarios de garantías informaron que só se presentara a candidatura de JOSE ENRIQUE OUBIÑA LAGO, polo que quedou proclamado candidato e cabeza de lista de SOMOS RIBADUMIA.

Acta de proclamación.
Dende a Comisión Executiva valoramos esta candidatura e o feito de que non se presentaran outras, como un refrendo dos colaboradores e colaboradoras de SOMOS RIBADUMIA á persoa de Enrique, sendo considerado como o candidato ideal para encabezar a lista tanto pola súa traxectoria, como pola valoración positiva do traballo realizado nestes últimos anos no equipo de goberno do Concello de Ribadumia.
Con está designación de candidato, e coa recente sinatura do acordo de colaboración con EN MAREA, para que Somos Ribadumia forme parte da estrutura das mareas municipalistas que se están a organizar ao longo de toda Galicia para optar as alcaldías, a Comisión Executiva tamén inicia os traballos de cara a conformación da candidatura e elaboración dun Programa Electoral. Para esta última cuestión está previsto un proceso participativo, para o que se prevé contar coas aportacións das asociacións e entidades do Concello, así como de todos aqueles veciños e veciñas que desexen participar para deseñar un proxecto político para mellorar Ribadumia. A idea final é establecer un programa de goberno, unificado e cohesionado, que non se limite a unha suma de propostas, se non que sexa a guía do goberno para próxima lexislatura municipal, onde estamos seguros de que Somos Ribadumia vai ter un papel relevante.
JOSÉ ENRIQUE OUBIÑA LAGO.

José Enrique Oubiña Lago é natural de Ribadumia e residente en Barrantes. Leva 8 anos de Concelleiro, dende o 2011, data na que entrou na corporación encabezando unha candidatura e converténdose no líder da oposición fronte ao goberno popular de Salomé Peña, cunha maneira de traballar que destacou polo alto grao de propostas e pola busca de acordos nas cuestións municipais máis importantes. Logo das eleccións de 2015, nas que encabezou a candidatura de Somos Ribadumia, forma parte do goberno municipal, como Tenente alcalde e asumindo responsabilidades en áreas como Servizos Sociais, Sanidade, 3ª Idade, Obras ou Urbanismo. En todas estas áreas son de destacar no político o seu carácter resolutivo, a súa implicación e traballo, e a súa lealdade tanto os principios de Somos Ribadumia e as decisións da súa asemblea como ao pacto asinado coas outras forzas coas que Somos Ribadumia comparte o goberno. Tamén participou na fundación e é membro activo de EN MAREA.
No ámbito social destaca pola súa implicación e colaboración con diversas asociacións e actividades que se organizan en Ribadumia. Na actualidade é membro da directiva da Asociación Herminio Barreiro. Esta implicación e traballo valeulle tamén o recoñecemento da Asociación ESMAR contra a violencia de xénero, que o nomeou Presidente de Honra.
Por todo isto, dende a executiva de Somos Ribadumia compartimos a idea das nosas bases de que é o candidato ideal a alcaldía de Ribadumia e que verá recoñecida a súa labor cun considerable aumento do apoio cidadá.
Villares interésase polo plan “Conta Comigo Ribadumia” e compromete o seu apoio á loita de ESMAR por conseguir un punto de encontro familiar no Salnés.

Ademais de participar no acto de sinatura, Luís Villares pasou a tarde do venres en Ribadumia, acompañado do Concelleiro de Servizos Sociais, Enrique Oubiña, coñecendo o plan Conta Comigo Ribadumia, pioneiro na loita contra o maltrato de xénero. Ao longo da tarde, ademais de coñecer o plan de man do concelleiro e da psicologa responsable da formación do voluntariado e comerciantes, Villares visitou a varios dos comercios participantes e conversou coas súas responsables, que lle transmitiron o positivo e necesario da experiencia. Tamén coñeceu a algunha das persoas que forman parte do voluntariado e tomou nota da ausencia de axudas públicas para actividades de prevención neste eido, así como das trabas existentes para poder acceder as poucas liñas de axuda que hai para igualdade.

Por outra banda, logo do acto de sinatura, Luis Villares tivo a amabilidade de reunirse con representantes de ESMAR, que lle transmitiron a súa loita por conseguir un punto de encontro familiar. Logo de escoitar as explicacións e os motivos polos cales están inmersas nesta pelexa, Villares comprometeuse a propoñer nas enmendas ó orzamento do próximo 2019 unha partida especifica para a creación dese punto de encontro tan necesario na nosa comarca, así como a falar co resto de forzas parlamentarias para conseguir que neste caso as diferencias políticas non sexan un impedimento.
Dende Somos Ribadumia queremos agradecer a En Marea o seu apoio nas demandas da xente do noso concello, xa antes da sinatura do convenio de colaboración, pero que estamos seguros que agora será máis firme, e a Luís Villares, que non debemos esquecer que é o lider da oposición e único voceiro político que ata o de agora visitou o noso concello, a súa humanidade, humildade e boa vontade para tratar con todo o mundo e atender as demandas dos colectivos do noso concello.
