Bo funcionamento do Punto Morado durante as festas.
- O Punto Morado, impulsado por Enrique Oubiña a través da concellería de Servizos Sociais, foi valorado moi positivamente polo público asistente á festa.
- Ademais de proporcionar información e facer campaña preventiva contra a violencia, serviu como mecanismo disuasorio.
Na pasada fin de semana, durante a XLVII Festa do Viño Tinto do Salnés e Exaltación das Variedades Autóctonas funcionou en Barrantes un Punto Morado, de información e apoio contra a violencia de xénero.
Este Punto Morado, que ademais de cun espazo físico específico con persoal cualificado, contou coa axuda dunha decena de voluntarios e voluntarias que durante a festa distribuíron información entre o público e os locais e postos da festa, logrou os seus obxectivos, axudando a que as persoas asistentes á festa tomaran conciencia da importancia de rexeitar os comportamentos violentos.
Esta iniciativa do noso aínda concelleiro de Servizos Sociais Enrique Oubiña, súmase a outras anteriores, como as campañas do 25N “En Negro contra as violencias”, os programa de intervención con filllxs de vítimas de violencia ou o programa de apoio a vítimas de violencia de xénero “Conta Comigo Ribadumia”, que en conxunto, e sumadas a outras actividades levadas a cabo ao longo destes catro anos de lexislatura, como charlas, obradoiros, programas escolares, etc, fan do noso concello un referente na loita contra a violencia de xénero.
Oubiña valoraba esta mañá todo o traballo feito neste eido, “demos pasos importantes nestes catro anos, dando visibilidade a esta lacra, pero sobre todo poñendo en marcha iniciativas que serviran de concienciación e de loita contra unha cuestión que ten un enorme transfondo social, e que require da axuda de toda a sociedade para poder facerlle fronte e mudar comportamentos. Estou orgulloso do que dende Somos Ribadumia aportamos nestas cuestións, das iniciativas postas en marcha en todos os eidos, pero sobre todo do apoio recibido das persoas do noso concello, que entenderon o que queriamos conseguir e se sumaron a esta loita.
A miña preocupación agora é que quen tome as rendas do concello o 15 de xuño, sexa quen de manter este nivel de acción política, nestes aspectos e noutros da política social e de igualdade, onde o traballo feito debe servir de base para seguir adiante, con investimentos e con accións que funcionen porque, con todo, inda queda moito por avanzar.”
One comment