David Castro supérase a si mesmo.

  • Ante as falsidades de David Castro, nós aportamos documentos.
  • David Castro emitiu un comunicado onde volve agocharse na mentira para xustificar as súas formas antidemocráticas.
  • A última solicitude de acceso ao rexistro municipal de Somos Ribadumia  foi copiada verba por verba das indicacións do Defensor del Pueblo.
  • Pedimos copia dun decreto de alcaldía anunciado por David Castro e dirixido a Enrique Oubiña, pero resulta que segue sen aparecer.

   Cando pensabamos que a situación municipal con respecto ao acceso á documentación municipal xa había quedado meridianamente clara, vemos como David Castro riza o rizo e sácase da manga un novo absurdo, que non ten xeito nin dereito e só busca seguir aprazando o inevitable.

  O pasado venres dende Somos Ribadumia faciamos público un comunicado onde explicabamos  que David Castro viña de cometer unha falta moi grave ao mentirlle ao Defensor del Pueblo declarando ter comunicado unha resposta a Somos Ribadumia cando tal resposta, que debía aclarar a cuestión do acceso ao rexistro municipal, non saíu das dependencias municipais.

   Ademais disto, tal como explica Oubiña “o venres, e así o declaramos publicamente, presentamos dous escritos. E tal como expuxemos, o primeiro solicitaba unha copia do decreto de alcaldía que David asegurou terme mandado pero que nunca chegou, e o segundo solicitaba acceso ao libro de entradas e saídas do rexistro, e remarco isto, tal como o Defensor del Pueblo dixo que se debe pedir para que se nos dea dentro dos nosos dereitos e sen discusión posible”.

   Cal é a nosa sorpresa ao ler nos medios de prensa este domingo que o goberno local declara que  un informe da Axencia de Protección de Datos nos nega o dereito de acceso ao rexistro, e  critica a presentación dos nosos escritos do venres argumentando que , citamos literalmente da prensa “todos os organismos que poden ter competencias na materia se pronunciaron e non recoñeceron expresamente ese dereito de acceso”.

  Á vista de tal despropósito,  e como “onde hai papeis calan barbas”, achegamos con este comunicado a documentación citada (podedes acceder clicando nos titulos dos mesmos): informe da Axencia de protección de Datos, ditame do Defensor del Pueblo, e os dous escritos (3201 e 3202 ) presentados este venres por Somos Ribadumia no Concello. Achegamos tamén tres informes solicitados dende a secretaría municipal noutra maniobra de dilación de David Castro: da Deputación, do Ministerio de Politica Territorial e un terceiro da Xunta de Galicia. Destes tres últimos informes o Defensor del Pueblo ditaminou que eran innecesarios pois a propia Secretaría municipal en calidade de representante do estado ten capacidade para resolver calquera dubida ao respecto da cuestión. Curiosamente, o único informe que non podemos incluir é o da Secretaría Municipal, pois non se nos fixo chegar copia, para o caso de que tal informe exista, e iso que o pedimos en dúas ocasións, unha en pleno e outra por escrito.

Cos papeis na man, o primeiro que debemos dicir é que nós non falamos por falar. Todos os informes aos que fan referencia os Independientes foron solicitados por Somos Ribadumia ou pola secretaría do Concello, non polo goberno local, que se oculta detrás da secretaría, e en todos eles, en absolutamente todos os informes se recoñece o noso dereito a ter acceso a toda a información municipal necesaria para o desenvolvemento do noso traballo, sempre garantindo a protección dos datos persoais de terceiras persoas.

   O segundo que debemos dicir é que nós este venres presentamos un escrito solicitando copia dun decreto de alcaldía dirixido a Enrique Oubiña. “É moi  lamentable e provoca vergoña allea que David, no canto de entregarme a copia dese decreto, para o caso de que exista, que se supón foi redactado dirixido á miña persoa, vaia á prensa a dicir cousas que son absurdas e ademais falsas, só para seguir enredando”.

   En terceiro lugar debemos dicir que o segundo escrito presentado o venres no Concello pedía  acceso ao rexistro nos termos, copiados verba por verba, que se nos indicaron dende o Defensor del Pueblo. E para que fique claro, na copia do ditame do Defensor del Pueblo claramente dísenos que, citamos literalmente,  “solicite periódicamente el acceso al libro de registro de entradas y salidas de acuerdo con el artículo 14 del Real Decreto 2568/1986”. Hai que dicir que nese ditame aclárase que os concelleiros teñen acceso, non aos datos particulares de terceiros, senón ás entradas e saídas do rexistro  – o que nós levamos pedindo máis de un ano –  cos datos básicos que non se nos pode negar, por moito que David Castro se encirre. E tamén se di que a partir deses datos básicos, os concelleiros podemos pedir máis información de entradas ou saídas concretas, que despois alcaldía podería denegar xustificando correctamente os motivos. E todo o anterior repítese en cada un dos informes emitidos ao respecto, nos mesmos termos ou noutros similares.

   En cuarto lugar,  “recalcarlle a David Castro que non está no patio de ningún colexio, e que non pode solventar está situación , creada por el mesmo, nin con mentiras nin con argumentos tan lamentables como os aportados esta fin de semana. Os concelleiros temos dereito a saber o que pasa no concello, e iso é algo indiscutible.  Non imos renunciar a ese dereito, e el poderá poñer paus nas rodas e alongar o asunto, pero antes ou despois saberemos que anda a facer cos nosos recursos e como está  xestionando o que é de todos e todas as ribadumienses”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s