David Castro falsea datos ante o Defensor do Pobo.

- A resposta ante unha queixa posta por Somos Ribadumia polo bloqueo ao acceso documentación municipal, pon de manifesto as falsidades de David Castro.
- Declarou ter emitido un edicto de alcaldía dirixido a Enrique Oubiña, pero ese edicto non foi entregado, nin aparece por ningún lado.
- David castro segue bloqueándonos o acceso á documentación municipal.
- Misterioso bloqueo e recuperación – previo video denuncia nas redes – do acceso de Oubiña á sede electrónica.
Esta semana recibimos a sexta comunicación do Defensor do Pobo relativa a unha queixa posta o 1 de novembro do 2020, logo de que David Castro nos bloqueara o acceso ao rexistro municipal. As cinco respostas anteriores viñeron todas motivadas por practicas dilatorias, como non responder aos requirimentos desa institución, ou responder con documentación parcial, coas que o goberno de David Castro tentaba atrasar o máximo posible unha resolución dese órgano, algo que conseguiu en parte ao alongar o proceso máis de un ano.
O que nos chamou a atención deste último escrito remitido polo Defensor do Pobo, a través do cal en principio poñía fin á reclamación, foi que nel ese ente expresa no seu primeiro parrafo “con relación a la queja arriba indicada, se ha recibido escrito del Ayuntamiento de Ribadumia, por el que traslada la notificación del decreto de 25 de octubre de 2021emitido en respuesta a su solicitud de obtención de información, cuyo contenido ya debe conocer al haberle sido notificada”.
Tal como explica Oubiña, “desta declaración pódese concluír que o goberno local díxolle ao Defensor do Pobo que nos había respondido a nosa solicitude vía decreto , por certo un ano despois de facela, pero é que, e quero remarcarlo, isto non é certo. Nin eu que fun quen en calidade de concelleiro solicitei o acceso ao rexistro, nin o meu partido recibimos ningún edicto de alcaldía por este asunto”.
Non so iso. Logo de leer o escrito enviado polo Defensor do Pobo, Oubiña persoalmente tentou acceder á sede electrónica para ver se por algunha casualidade había chegado por ese mecanismo “ que á vista dos problemas que o goberno ten para xestionar o programa informático, perfectamente puidera ser que o meteran na sede electrónica pero se lles “pasara por alto” comunicarmo. Pero topeime coa sorpresa de que tiña bloqueado o acceso á sede electrónica e non puiden nin entrar nin comprobar nada”. Este intento infrutuoso de acceder ao seu espazo na sede electrónica, Oubiña gravouno e subiuno despois as redes, para que quedara constancia da situación. https://fb.watch/9mvDkbBCh7/
Isto todo aconteceu o mércores. Onte xoves, pola contra, Oubiña – logo de facer público o vídeo do día anterior – logrou entrar na sede electrónica á primeira e comprobou que ese suposto edicto non aparece por ningún lado, cuestión que tamén gravou e subiu ás redes para por de relevancia tanto a ausencia dese edicto como a opacidade do goberno, que mantén baleirado de contido o portal de transparencia. https://fb.watch/9mvImmnRyF/
En resumo, “David Castro, noutro intento de manternos lonxe da documentación municipal non tivo reparos en mentirlle nin máis nin menos que ao Defensor do Pobo, algo totalmente inadmisible, e outro síntoma da súa pobreza política e democrática”
Pola nosa banda, á vista destes feitos dirixímonos novamente ao Defensor do Pobo para expoñer a realidade da situación, e por suposto solicitámoslle por escrito ao alcalde unha copia dese suposto edicto, a ver se así conseguimos que nos chegue. Na solicitude tamén lle pedimos a David Castro que deixe de poñer trabas ao noso traballo.
Por último, o Defensor do Pobo aclarou no mesmo comunicado cal era a maneira na que os concelleiros deben proceder para solicitar o acceso ao rexistro municipal, deixando claro que non se nos pode negar ver as entradas e saídas do mesmo, que era o que nos solicitabamos dende o principio, polo que non imos ceder na defensa dos nosos dereitos, que son os que nos garanten que poidamos traballar dun xeito competente, e será David Castro quen deba explicarlle aos nosos veciños e veciñas que é iso que con tanto afán nos intenta ocultar.