Presentamos unha batería de 30 medidas de cara ao orzamento do próximo ano 2022.

- Pedimos a David Castro diálogo e busca de consensos na elaboración do orzamento do próximo ano.
- Presentamos unha batería de 30 propostas de cara aos orzamentos do 2022, centradas na recuperación económica e social e o apoio aos diversos colectivos.
Vai rematando 2021 e un ano máis o goberno local non da sinais de estar traballando co orzamento do ano próximo, nin moito menos parece que teña previsto ter en conta ás forzas da oposición para a súa elaboración.
Dende Somos Ribadumia, tal como explica Oubiña, “a pesar das actitudes de confrontación de David Castro e do seu equipo de goberno, seguimos insistindo na necesidade de dialogar e buscar consensos, que enriquezan e permitan acordar un documento da importancia dun orzamento”.
Con ese espírito de dialogo e consenso, e seguindo a dinámica de anos anteriores, esta pasada semana presentamos por rexistro un documento coas nosas propostas de partida de cara ao orzamento. (consulta solicitude completa aquí).
Do mesmo xeito que en anos anteriores as nosas propostas, que teñen moi en conta a situación económica do concello e son todas e cada unha delas viables e sen comprometer o orzamento no económico, recollen o noso modelo de Concello, atendendo as urxencias derivadas da situación de pandemia, como o moi necesario apoio ao comercio e hostalería locais, ou o reforzo das políticas sociais, pero tamén mira ao medio e longo prazo, insistindo en medidas de revitalización do rural e de melloras no núcleo de Barrantes.
Indo máis ao concreto, a batería de propostas está organizada en catro bloques nos que cremos o concello debe realizar avances: a política de conciliación familiar e política social, o apoio aos colectivos e desenvolvemento cultural, a promoción económica local, apoio ao comercio, turismo e á creación de emprego, e o desenvolvemento urbanístico e de medio ambiente, primordiais para cumprir cos obxectivos do Pacto de Alcaldes asinado no 2019.
En total 30 medidas, varias das cales vímolas poñendo enriba da mesa anos, como a de reforzo dos plans de conciliación e a súa extensión ao CRA, ou outras por exemplo para a creación dun programa potente de axudas ao comercio e hostalería, plans de promoción turística, a supresión dos semáforos en Barrantes acompañada dun cambio do modelo urbanístico, ou a necesaria mellora do convenio coa escola de música ou o aumento das axudas a entidades culturais e sociais e clubs deportivos.
Pero tamén propoñemos que se recupere o convenio con BATA, “que David Castro quixo liquidar este ano aínda que finalmente ante a presión política e social tivo que conformarse con recortalo, ou a dotación dunha partida para que protección civil deixe de estar nun local sen auga e cunha instalación en xeral precaria. Por certo que isto último é un compromiso do goberno anterior, cando sendo Oubiña tenente de alcalde chegouse a deseñar unhas instalacións, que se realizarían con cargo aos plans do GDR no local de servizos sociais, ata o punto de que a ampliación feita nese edifico xa prevé unha altura máis; un compromiso que como outros moitos, David Castro tirou ao lixo no momento en que se empoleirou na maioría absoluta”.
Dende Somos Ribadumia expuxemos así, por escrito e con entrada de rexistro as nosas propostas, claras, concisas e abertas ao diálogo e ao debate, motivo polo cal a maioría non inclúe cifras económicas, e queremos facer un chamamento ao goberno local para que abandone a postura de confrontación que mantén contra a oposición, e tal e como lle solicitamos no propio escrito, que abra un espazo e período de negociación do goberno con todas as forzas con representación municipal, no obxectivo de lograr a elaboración dun orzamento que poña de relevancia as posturas e obxectivos comúns, e permita alcanzar acordos que favorezan ao noso concello e ao conxunto da nosa veciñanza.